Pasar al contenido principal

Ditame 1/21

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:06
Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a persoas traballadoras do sector do espectáculo, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2021.
  1. ANTECEDENTES

 

O día 5 de febreiro de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a persoas traballadoras do sector do espectáculo, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2021. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e convocar as axudas para compensar a perda de poder adquisitivo das persoas traballadoras do sector do espectáculo con motivo da paralización da súa actividade a causa das medidas adoptadas ocasionadas polo COVID-19, así como a fixación dos criterios e requisitos para a súa concesión para o ano 2021.

 

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Do seu contido destácanse os seguintes aspectos:

O artigo 3 recolle os requisitos que deben reunir as persoas beneficiarias.

Segundo o artigo 4, a contía da subvención consistirá nunha axuda de 500 euros mensuais,   durante os meses nos que non se tivera recoñecida ningunha  prestación pública dentro do período comprendido entre o 14 de marzo de 2020 e o 13 de outubro de 2020.

Estas axudas tramitaranse nun procedemento de concorrencia non competitiva (artigo 6).

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes desde a publicación da orde (artigo 9).

Finalmente, o artigo 19 fixa en 500.000€ o importe do crédito para estas axudas.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

  1. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a persoas traballadoras do sector do espectáculo, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2021” consta de: Exposición de motivos, dezanove artigos, dúas disposicións  adicionais e dúas finais.

O día 8 de febreiro de 2021 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e cinco consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

 

 

 

DITAME 1/2021

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a persoas traballadoras do sector do espectáculo, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2021, da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de febreiro de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 8 de febreiro de 2021, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

No texto emprégase o masculino xenérico ( por exemplo “traballadores” en varias ocasións ao longo da exposición de motivos) que non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva.

Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.-Artigo 3. Requisitos das persoas beneficiarias.

Segundo o apartado 1.a) deste artigo, as persoas traballadoras deben acreditar durante o ano 2019 un mínimo de 50 días nas empresas cos códigos CNAE sinalados e que este tempo, ademais , constitúa o 75% das xornadas totais traballadas nese ano.

Este Comité considera que se debe especificar que a dita porcentaxe do 75% é o mínimo requirido, de xeito que eses 50 días nas empresas constitúan como mínimo o 75% das xornadas totais traballadas neses ano.

 

Segunda.-Artio 3. Requisitos das persoas beneficiarias.

Respecto do apartado 1.b), este Comité propón que a súa redacción sexa substituída pola que segue: “b) Acreditar que durante o período comprendido entre o 14 de marzo de 2020 e o 30 de setembro de 2020, non estivera contratado por conta allea máis de 7 días”.

 

Terceira.-Artigo 12. Tramitación e resolución das axudas.

O apartado 3 fixa un prazo máximo para resolver e notificar de tres meses a contar dende a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Este Comité considera que, tratándose dunha axuda urxente, o prazo máximo debería ser dun mes, como acontece no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa I HOSTALERÍA de apoio ao sector da hostalería, e se procede á súa convocatoria para 2021 e do Programa II de outras actividades pechadas, así como no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do  II Plan de Rescate das persoas traballadoras autónomas e ás microempresas afectadas pola crise da COVID-19 mediante o Programa I de persoas traballadoras autónomas e do Programa II de microempresas e se procede á súa convocatoria para o ano 2021.

 

Cuarta.-Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias

O apartado 1 deste artigo obriga ás persoas beneficiarias a acreditar que se atopan ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á entidade solicitante subsanar a situación de ter pendente de pagamento algunha outra débeda, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

 

Quinta.-Disposición adicional segunda.

Esta disposición prevé o carácter permanente das presentes bases reguladoras engadindo que, no caso de ser preciso, procederase a súa modificación nos termos regulamentariamente establecidos.

Este Comité observa que no corpo da orde obxecto de ditame non se diferencia entre as bases reguladoras e a convocatoria. Polo tanto, propón que en futuras convocatorias se separen de xeito explícito ambos contidos.

Número ditame
1