Pasar al contenido principal

Ditame 2/21

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:06
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa I HOSTALERÍA de apoio ao sector da hostalería, e se procede á súa convocatoria para 2021 e do Programa II de outras actividades pechadas

I. ANTECEDENTES

O día 5 de febreiro de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa I HOSTALERÍA de apoio ao sector da hostalería, e se procede á súa convocatoria para 2021 e do Programa II de outras actividades pechadas. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, “esta orde regula dous programas de axudas. Por unha banda, as axudas do Programa I teñen por obxecto apoiar ao sector da hostalería cuxos negocios quedaron afectado polos peches regulados na normativa ditada polas autoridades sanitarias. Por outra banda, as axudas do Programa II teñen por obxecto o apoio a outras actividades pechadas pola normativa sanitaria.

A realidade socioeconómica pon de relevo que non só é importante dinamizar e tratar de que se cree o maior número de empresas posible senón tamén deseñar os mecanismos necesarios para que as empresas creadas poidan sobrevivir. Estas empresas son vitais para unha recuperación do emprego e esta debe ser unha prioridade fundamental”.

Esta orde recolle dous programas: o primeiro (hostalería) correspóndese co programa incluído na orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa I microempresas, de mantemento do emprego e a actividade económica das microempresas de Galicia máis afectadas pola COVID-19, e do Programa II hostalaría, de apoio ao sector da hostalaría , e se procede á súa convocatoria para 2020.

O segundo (actividades pechadas) é un novo programa.

A orde anteriormente referenciada contiña un programa dirixido a microempresas que, para este exercicio, figura nun proxecto de orde distinto (proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do  II Plan de Rescate das persoas traballadoras autónomas e ás microempresas afectadas pola crise da COVID-19 mediante o Programa I de persoas traballadoras autónomas e do Programa II de microempresas, susceptible de ser cofinanciada parcialmente con Fondo Social Europeo (FSE),  e se procede á súa convocatoria para o ano 2021)

Vistos o borrador agora remitido, o texto da  Orde publicada no DOG o día 27 de novembro de 2020 e o ditame emitido polo Consello con data 23 de novembro de 2020 (ditame 24/2020), obsérvase que se non tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

En canto ás modificacións observadas respecto  á mesma orde para o ano anterior, cómpre destacar o seguinte:

Respecto do programa I ( Hostalería), a orde anterior outorgábanse axudas de 1.500 ou, no seu caso, 2.000€ por mes de paralización de actividade, mentres que este proxecto prevé un pagamento único de 2.700 ou 1.900€, segundo a data de peche, que podería verse incrementado en 1.000€ máis (artigo 19).

Segundo o artigo 20, o orzamento total para estas axudas do programa I será de 12.000.000€, 5 millóns menos que as previstas na orde anterior.

En canto ao programa II (Outras actividades pechadas), é un programa novo do cal destacamos o seguinte:

Para poder beneficiarse das axudas aquí recollidas, o artigo 31 require ter o domicilio fiscal en Galicia e verse afectado polos supostos de peche do establecemento ditados pola autoridade sanitaria da Xunta de Galicia nas ordes que se relacionan neste mesmo artigo.

As contías das axudas son as mesmas que para o programa I : un pagamento único de 2.700 ou 1.900 €, incrementables en 1.000€ máis (artigo 32).

Segundo o artigo 33, o orzamento total para estas axudas do programa II será de 3.000.000€.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

  1. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa I HOSTALERÍA de apoio ao sector da hostalería, e se procede á súa convocatoria para 2021 e do Programa II de outras actividades pechadas” consta de: Exposición de motivos, corenta e dous artigos, unha disposición adicional e  dúas finais.

O día 8 de febreiro de 2021 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e unha consideración específica de carácter unánime sobre a valoración da norma.

 

 

 

DITAME 2/2021

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa I HOSTALERÍA de apoio ao sector da hostalería, e se procede á súa convocatoria para 2021 e do Programa II de outras actividades pechadas, da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de febreiro de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 8 de febreiro de 2021, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

No texto emprégase o masculino xenérico ( por exemplo “beneficiarios” nos títulos dos artigos 18 e 31, así como no contido dos artigos 7 ou 23 cando, ademais, se fala a noutros puntos do texto das persoas ou entidades beneficiarias) que non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva.

No proxecto figura unha disposición adicional que debería denominarse “Disposición adicional única”.

Por outra banda, obsérvase que as dúas disposicións finais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Artigo 13. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.

O apartado 1.  deste precepto obriga, no seu apartado a), a que as persoas ou entidades beneficiarias estean ao corrente nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “calquera débeda pendente”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

O mesmo se formula respecto do artigo 16.

Número ditame
2