- ANTECEDENTES
O día 5 de febreiro de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do II Plan de Rescate das persoas traballadoras autónomas e ás microempresas afectadas pola crise da COVID-19 mediante o Programa I de persoas traballadoras autónomas (TR400A) e do Programa II de microempresas (TR400B), susceptible de ser cofinanciada parcialmente con Fondo Social Europeo (FSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2021. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos “Esta orde regula dous programas de axudas. Por unha banda, as axudas do Programa I teñen por obxecto contribuír ao mantemento das persoas traballadoras autónomas e os seus negocios como parte esencial do tecido produtivo e da economía de Galicia, contribuíndo desde xeito a reconstrución da nosa sociedade na era postcovid. Por outra banda, as axudas no Programa II teñen por obxecto apoiar o mantemento do emprego e a actividade económica das microempresas de Galicia que desenvolven a súa actividade económica nos sectores mais afectados pola COVID 19 que teñen traballadores ao seu cargo, como elementos esenciais do tecido produtivo e da economía de Galicia, contribuíndo igualmente a reconstrución da nosa sociedade na era postcovid.”.
No ano 2020, o programa I foi obxecto dunha orde independente mentres que o programa II recollíase na orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa I microempresas, de mantemento do emprego e a actividade económica das microempresas de Galicia máis afectadas pola COVID-19, e do Programa II hostalaría, de apoio ao sector da hostalaría , e se procede á súa convocatoria para 2020.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da Orde publicada no DOG o día 18 de novembro de 2020 (respecto ao actual programa I) e a orde publicada no DOG o día 27 de novembro de 2020 (respecto do programa II, así como o ditame emitido polo Consello o 9 de novembro e, no que ao programa II se refire, o ditame emitido con data 23 de novembro de 2020 (ditame 24/2020), obsérvase que se non tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial, se ben a maioría das ditas consideracións non proceden pola modificación do proxecto ditaminado no seu momento antes da súa publicación no DOG.
As modificacións a destacar son as seguintes:
En canto ao programa I:
Engádense como persoas beneficiarias persoas autónomas societarias e as persoas traballadoras autónomas de tempada (artigo 19). Este mesmo artigo recolle que se entenderá como actividade especialmente paralizada aquela que tivese unha baixada de facturación de máis dun 70 %, sin relacionar actividades concretas como facía a orde anterior.
Segundo o artigo 20, a contía das axudas fixarase en función da baixada na facturación:
- a) 1.200 € para as persoas que acrediten unha baixada de facturación entre o 45% e o 60%
- b) 2.000 € para as persoas que acrediten unha baixada de facturación de máis dun 60% e de menos do 70%
- c) 3.000 € para as persoas que acrediten unha baixada de facturación igual ou superior ao 70%
Este artigo tamén recolle, con carácter excepcional, outros parámetros para fixar a contía en certos supostos.
En canto ao programa II:
Diríxese a microempresas e persoas traballadoras autónomas que teñan persoal contratado por conta allea, sempre que tivesen unha baixada de facturación de alo menos o 45% (artigo 30)
Engádese a posibilidade de que sexan beneficiarias as empresas que teñan ata 25 persoas traballadoras e o volume de facturación non sexa superior a dous millón de euros no ultimo ano no que se presentasen contas e acrediten un descenso de facturación superior ao 60% (artigo 30).
Tamén neste caso a contía das axudas fixarase en función da baixada na facturación (artigo 32):
- a) 4.000 € para as persoas ou entidades que acrediten unha baixada de facturación entre o 45% e o 60%
- b) 5.000 € para as persoas ou entidades que acrediten unha baixada de facturación de máis dun 60% e de menos do 70%
- c) 6.000 € para as persoas ou entidades que acrediten unha baixada de facturación igual ou superior ao 70%
Engádese a previsión dun incremento de ata 3.000 € en función do número de persoas traballadoras por conta allea que teñan no momento da publicación da orde, segundo a seguinte escala:
- a) 1.000 € se teñen de 4 a 9 persoas traballadoras
- b) 2.000 € se teñen de 10 a 20 persoas traballadoras
- c) 3.000 € se teñen de 21 a 25 persoas traballadoras.
En canto ao orzamento, a contía permanece invariable respecto do programa I pero, respecto do programa II obsérvase unha minoración de 7 millóns, quedando finalmente en 30.000.000€ (artigo 6).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do II Plan de Rescate das persoas traballadoras autónomas e ás microempresas afectadas pola crise da COVID-19 mediante o Programa I de persoas traballadoras autónomas (TR400A) e do Programa II de microempresas (TR400B), susceptible de ser cofinanciada parcialmente con Fondo Social Europeo (FSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2021” consta de: Exposición de motivos, corenta e un artigos, unha disposición adicional e dúas finais.
O día 8 de febreiro de 2021 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e unha específica sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén, así mesmo, unha consideración específica manifestada pola CEG (Anexo).
|
DITAME 3/2021
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do II Plan de Rescate das persoas traballadoras autónomas e ás microempresas afectadas pola crise da COVID-19 mediante o Programa I de persoas traballadoras autónomas (TR400A) e do Programa II de microempresas (TR400B), susceptible de ser cofinanciada parcialmente con Fondo Social Europeo (FSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 8 de febreiro de 2021, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
No texto obsérvase o emprego do masculino xenérico ( por exemplo: “beneficiario” nos artigos 7, 20, 22 ou 26) que non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva.
No proxecto figura unha disposición adicional que debería denominarse “Disposición adicional única”.
Por outra banda, obsérvase que as dúas disposicións finais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.
Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
2021
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Artigo 14. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
Segundo o disposto no apartado 1.a) deste artigo, as entidades solicitantes deben estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención o que acreditarase coa declaración responsable.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á entidade solicitante subsanar a situación de ter pendente de pagamento algunha outra débeda, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.
Formúlase o mesmo respecto do artigo 17.
ANEXO
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CEG:
Artigo 17. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.
A Confederación de Empresarios de Galicia considera que, respecto á esixencia do mantemento do emprego, sería axeitado ter en conta os parágrafos 3 e 4 que incorpora a Disposición Adicional sexta do Real Decreto-lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-19, en relación a que o dito compromiso se valore tendo en conta determinadas cuestións, recollidas nesa disposición:
-Por unha banda, as características específicas dos distintos sectores e a normativa laboral aplicable tendo en conta en particular, as especificidades daquelas empresas que presenten unha alta variabilidade ou estacionalidade do emprego.
-Pola outra, sen que se aplique o compromiso de mantemento do emprego naquelas empresas nas que concorra un risco de concurso de acredores nos termos do artigo 52. Da lei 22/2003, de 9 de xullo, concursal.