Pasar al contenido principal

Ditame 5/21

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:06
Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para o fomento e consolidación do emprego a través do Programa I, para as pequenas empresas de nova creación e o Programa II, de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, se procede á súa convocatoria para o ano 2021.
  1. ANTECEDENTES

 

O día 4 de febreiro de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección  Xeral de Emprego da Consellería de  Emprego e Igualdade que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para o fomento e consolidación do emprego a través do Programa I, para as pequenas empresas de nova creación e o Programa II, de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, se procede á súa convocatoria para o ano 2021. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, “a competencia en materia de políticas activas de emprego correspóndelle á Consellería de Emprego e Igualdade segundo o disposto no Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 130/2020, do 1 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das Vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia e no Decreto 215/2020, do 15 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade”.

“Esta consellería, no marco das políticas activas de emprego, xestiona os programas de apoio ás persoas emprendedoras e á economía social, xa que o autoemprego estase a amosar unha fórmula eficaz para a incorporación ou a reincorporación ao mercado de traballo das persoas desempregadas”.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2020 (publicado no DOG o día 3 de febreiro de 2020) e o ditame emitido polo Consello con data 7 de novembro de 2019 (Ditame 35/2019), obsérvase que se tivo en conta, parcialmente, unha das consideracións de carácter formal manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

A única modificación destacable respecto á orde anterior é a minoración de 100.000 euros no crédito asignado ao programa II (artigo 4).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

  1. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para o fomento e consolidación do emprego a través do Programa I, para as pequenas empresas de nova creación e o Programa II, de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021” consta de: Exposición de motivos, corenta e sete artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 10 de febreiro de 2021 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e nove específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexos, dúas consideracións xerais e catro específicas de carácter non unánime manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia e SN de CCOO de Galicia e a CIG (Anexo I) e unha consideración xeral e catro específicas de carácter non unánime manifestadas pola CEG (Anexo II).

 

 

 

DITAME 5/2021

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para o fomento e consolidación do emprego a través do Programa I, para as pequenas empresas de nova creación e o Programa II, de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021, con data de rexistro de entrada neste Consello o 4 de febreiro de 2020, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 10 de febreiro de 2021, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Este Comité considera que esta orde debería prever a posibilidade de que os postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade poidan requirir medidas de adaptación, polo que podería establecerse algún tipo de axuda para estes casos.

Segunda.

Obsérvase que no texto do proxecto normativo aínda persisten algunhas incorreccións en materia de xénero, como o uso do masculino xenérico, por exemplo, “cidadáns” no artigo 26 ou “emigrante retornado” no artigo 27 ou o uso ocasional das barras (vinculado/a ou empadroado/a no artigo 5) polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe inclusiva. Hai que ter en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Obsérvase que no artigo 5 empréganse as letras j e k na clasificación.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

O mesmo se observa respecto dos artigos 28 e 46, nos que se fai uso da letra j).

Pola súa banda, as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 23. Subvención para o inicio da actividade.

Segundo o apartado 7 deste artigo, a través da axuda para o inicio da actividade serán subvencionables os gastos realizados desde un mes antes ao inicio da actividade empresarial.

Este Comité considera que ese prazo dun mes debería ampliarse, xa que os prazos de tramitación do inicio dunha actividade adoitan ser más amplos dun mes

Segunda.- Artigo 26. Solicitudes e prazo de presentación.

Segundo o artigo 34, o período das axudas do programa II está aberto durante todo o ano.

Este Comité propón que o mesmo período debería manterse para o programa I.

Terceira.- Artigo 31. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.    

No apartado 1 e) deste artigo establécese como obriga das persoas ou entidades beneficiarias “estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda.”

Este Comité propón que se que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “outra débeda”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 43.

Cuarta.- Artigo 31. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.

No apartado 1 g) deste artigo establécese obriga das persoas ou entidades beneficiarias “conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.”

Este Comité considera que, a pesar do recollido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se debería concretar o prazo que abrangue esta obriga para garantir a seguridade das persoas e entidades  beneficiarias.

 

Quinta.- Artigo 33. Exclusións.

Este Comité considera que os prazos de 3 meses que recollen os apartados 1.a) e 1.b) son excesivos para a finalidade que persegue a norma, polo que se propón que se eliminen e garantir, así, a continuidade da nova empresa e do posto de traballo, sobre todo tendo en conta que, en moitos casos, se recorre a estas axudas para a creación de empresas a partir doutros proxectos empresariais.

Sexta.- Artigo 38.- Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.

Segundo o apartado 3 deste precepto, “esta subvención terá como límite máximo, por todas as contratacións, a contía de 18.000 euros, e estará condicionada á xustificación pola empresa de que, coas contratacións obxecto de subvención, se suplan carencias ben identificadas para o desenvolvemento da actividade empresarial e o bo fin dela”.

Este Comité propón que se substitúa: “se suplan carencias ben identificadas” polo seguinte, en coherencia coa resposta remitida pola Consellería respecto desta mesma consideración no ditame para  o exercicio anterior: “se cubran as necesidades recollidas na memoria descritiva do proxecto que esixe o artigo 27.2.d)”.

Sétima.- Artigo 39. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

Este Comité propón que se considere a posibilidade de incluír os gastos de investimento en activo fixo entre os gastos subvencionables, independentemente do capítulo de gastos ao que se deba acudir aos efectos de técnica orzamentaria.

Oitava.- Artigo 43. Xustificación e pagamento.

Segundo o apartado 3 deste precepto, as persoas beneficiarias deben presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo sinalado na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata o 20 de decembro de 2021.

Este Comité propón que o período de execución desta orde permaneza aberto todo o ano para evitar períodos de lagoa.

Subsidiariamente, proponse que se permita solicitar, xustificadamente, unha prórroga de carácter extraordinario, para o caso en que non sexa posible para a persoa beneficiaria a presentación da documentación no prazo anteriormente establecido.

Novena.- Artigo 46. Obrigas da persoas ou entidades beneficiarias.

Segundo o apartado 3, parágrafo segundo, deste artigo: “o órgano concedente resolverá e notificará ao interesado sobre a validez desta substitución nun prazo non superior a 3 meses dende a recepción da comunicación”.

Este Comité propón que se reduza o dito prazo, para dar unha maior axilidade á contratación.

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA.

Consideracións Xerais:

Primeira.

As organizacións sindicais que integramos o Consello Galego de Relacións Laborais, na medida en que as axudas previstas nos artigos 20.a) e 36.a) deste proxecto normativo poden ser utilizadas para a contratación estable de terceiras persoas, reiteramos a necesidade de redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas, mediante subvencións directas e bonificacións das cotas da Seguridade Social, ten producido escasos resultados en cantidade e, sobre todo, en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais, ademais de mermar os recursos orzamentarios e os ingresos do sistema público da Seguridade Social.

Xa que logo, esas políticas deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:

1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.

            2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.

            3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.

Segunda.

O proxecto normativo establece, nos seus artigos 36.a) e 37, unha subvención á creación directa de emprego estable en IEBT.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia, manifestan que hai que ter en conta o obxectivo do programa de apoio ás iniciativas de base tecnolóxica, que non é outro que promover a cultura emprendedora relacionando a investigación e a tecnoloxía coa creación de emprego, favorecendo e impulsando a creación de empresas de carácter innovador na Comunidade Autónoma de Galicia xeradoras de empregos cualificados.

Dito isto, consideran que non se debería subvencionar a creación de postos de traballo estables ao abeiro deste programa, ao que sí poden vincularse o resto das axudas establecidas no artigo 36 do proxecto normativo (subvención para contratación de persoal técnico de alta cualificación e axuda para o inicio e posta en marcha da actividade).

 

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 21. Subvención á xeración de emprego estable

En relación co establecido nos artigos 21 e 27, e sen prexuízo do sinalado na anterior consideración xeral, enténdese que o custo máximo subvencionable por todos os conceptos debería ser o da Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.

Segunda.- Artigo 37. Subvención á creación directa de emprego estable.

O apartado 10 deste artigo establece que estas subvencións serán compatibles coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 70%  (ampliable ao 80%) do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato que se subvenciona.

A organizacións que integran este Comité consideran que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que o conxunto dos incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.

Terceira.- Artigo 38. Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.

O apartado 1 deste artigo establece que a contía da subvención será equivalente ao 40% dos custos salariais totais, incluídas as cotizacións á seguridade social por todos os conceptos, cun máximo de 12 mensualidades.

As organizacións sindicais que fan parte do Comité consideran que debe constar que a contía da subvención non poderá superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.

Igual consideración maniféstase respecto do establecido no apartado 3 deste artigo e debería indicarse que as axudas concedidas non poderán, en ningún caso, superar o custo de Seguridade Social orixinado pola totalidade das persoas contratadas.

Cuarta.- Artigo 46. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.

Este artigo establece no seu apartado 1.a) a obriga de realizar a actividade que fundamente a concesión de axuda ou subvención durante un tempo mínimo de dous anos.

Igualmente, no seu apartado 2 obrígase ás empresas a manter os postos de traballo creados e que serviron de cálculo para as distintas modalidades de axuda pola creación de empregos estables durante un período mínimo de dous anos.

As organizacións sindicais, sen prexuízo do manifestado na consideración xeral primeira, consideran que o tempo mínimo debe ser de cinco anos.

 

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Consideración xeral.

No novo proxecto obsérvase unha mingua de 100.000 euros máis na contía asignada ao Programa II, que xa na orde para o ano 2020 sufrira unha minoración de 200.000€.

A CEG considera que tales mermas orzamentarias afectan aos resultados da orde e, polo tanto, non deberían producirse.

Consideracións específicas:

Primeira. - Artigo 26. Solicitudes e prazo de presentación.

No primeiro apartado deste artigo establécese que o prazo xeral para a presentación de solicitudes das axudas deste programa finalizará o 31 de xullo de 2021. Pola súa banda, o apartado 1 do artigo 40 establece que o prazo de presentación das solicitudes, respecto do programa II, rematará o 30 de setembro de 2021.

A CEG considera que estes prazos poden resultar insuficientes, e que sería máis apropiado estendelo ao longo dunha anualidade completa.

Segunda. - Artigo 36. Tipos de axuda.

Nas distintas modalidades de axuda, a CEG propón que debería incluírse unha axuda específica destinada á transformación de contratos temporais en indefinidos, no período do ano establecido desde o inicio da actividade, incentivando deste xeito o mantemento do emprego.

Terceira. - Artigo 39. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

A CEG considera que , entre os gastos subvencionables,  deberían incluírse os gastos financeiros, xa que a financiación externa é un mecanismo de apoio básico para os proxectos desta natureza.

Cuarta. - Artigo 46. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.

Segundo os apartados 2 e 3 deste artigo, en caso de que se produza o cesamento dunha persoa traballadora, a empresa beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante no prazo de dous meses.

O órgano concedente resolverá e notificará ao interesado sobre a validez desta substitución nun prazo non superior a 3 meses dende a recepción da comunicación.

A CEG considera que debería limitarse ambos prazos a un mes. En  atención a especial urxencia e necesidade que as funcións deste persoal pode desempeñar os prazos  de dous e tres meses no seu caso  para ter aceptada a proposta de substitución por parte da administración son excesivos.

Número ditame
5