I. ANTECEDENTES
O día 25 de febreiro de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras polas que se regulan as axudas destinadas ás persoas traballadoras afectadas, con 55 ou máis anos de idade, pola extinción dos seus contratos de traballo por proceder de empresas en crise e se procede á súa convocatoria para o ano 2021. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, este programa buscaría “paliar as consecuencias que teñen os expedientes de regulación de emprego derivados de empresa en crise sobre o mercado laboral e as persoas traballadoras”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2020 (publicado no DOG o día 23 de xuño de 2020) e o ditame emitido polo Consello con data 11 de marzo de 2020 (Ditame 5/2020), obsérvase que non se presentaron consideracións unánimes por parte das organizacións que fan parte deste Comité.
Do novo proxecto normativo soamente se destaca a minoración do crédito orzamentario total en 700.000€. A contía asignada a cada un dos dous programas aquí regulados redúcese de 500.000€ a 150.000 (artigo 31).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO.
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras polas que se regulan as axudas destinadas ás persoas traballadoras afectadas, con 55 ou máis anos de idade, pola extinción dos seus contratos de traballo por proceder de empresas en crise e se procede á súa convocatoria para o ano 2021” consta de: Exposición de motivos, trinta e dous artigos, tres disposicións adicionais e unha disposición final.
O día 15 de marzo de 2021 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e catro consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén, así mesmo, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma seguintes: unha específica manifestada pola CIG (Anexo I) e unha específica manifestada por UGT (Anexo II).
|
DITAME 12/2021
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras polas que se regulan as axudas destinadas ás persoas traballadoras afectadas, con 55 ou máis anos de idade, pola extinción dos seus contratos de traballo por proceder de empresas en crise e se procede á súa convocatoria para o ano 2021, con data de rexistro de entrada neste Consello o 25 de febreiro de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 15 de marzo de 2021, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira
Este Comité considera que publicar cada ano unhas bases reguladoras destas axudas non é a mellor solución técnica, dado que non se observan variacións na normativa básica de referencia tendo en conta, ademais, que o artigo 13 da orde alude ao carácter permanente das bases reguladoras.
Segunda
Este Comité considera que se debería someter a revisión as referencias normativas dispostas ao longo do texto deste proxecto normativo xa que se observan varios erros, por exemplo, polo que respecta á Lei Concursal.
Terceira
Obsérvase que no texto hai unha disposición adicional que debería figurar como disposición adicional única.
A disposición derradeira debería denominarse disposición final para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega. Ademáis, debería figurar como disposición final única.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.- Artigo 3. Requisitos das persoas beneficiarias.
O apartado 2.a) deste artigo esixe que o derradeiro contrato de traballo da persoa solicitante sexa algún dos sinalados no artigo 3.1.
Pero obsérvase que o artigo referido recolle supostos de extinción de contratos, polo que sería necesario adaptar a redacción de ambos apartados.
Segunda.- Artigo 9. Obrigas das persoas beneficiarias.
O apartado 1 deste precepto fixa a obriga de que a persoa beneficiaria acredite que se atopa ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “calquera débeda pendente”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a persoa beneficiaria.
Terceira.- Artigo 13. Procedemento de concesión.
Respecto do apartado 5, este Comité propón que en caso de caso de coincidencia na data de presentación entre dous ou máis solicitudes presentadas, a orde de prioridade veña determinada polo momento de presentación, en vez de pola hora, por entender que se trata dun concepto máis específico.
Cuarta.- Artigo 23. Resolución e recursos.
Este precepto fixa en 5 meses o prazo máximo para resolver.
Este Comité considera que estamos ante un prazo excesivo e que debería reducirse sensiblemente.
ANEXO I
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CIG.
A CIG considera que este proxecto ven encamiñado a dar cobertura a unha serie de medidas no marco do chamado diálogo social, como claramente se manifesta nas memorias explicativa e económica.
Na mesma liña de dar contido aos acordos, subscribiuse tamén un convenio de colaboración que concede unha subvención directa ás entidades asinantes para financiar gabinetes técnicos como se describe na cláusula segunda.
O devandito convenio adxudicouse por concesión directa, sen a preceptiva definición do obxecto das subvencións nin acreditación do seu interese público, social, económico, humanitario ou que xustifiquen a dificultade da súa convocatoria pública.
Baixo o criterio da CIG, predetermínase a identidade dos beneficiarios, con claro prexuízo doutros posíbeis interesados que se terían presentado no caso de que a convocatoria fose pública, como é o caso da propia CIG.
Polo exposto, a CIG decide non facer ningún tipo de achega ou aportación a este proxecto normativo ao entender que o convenio subscrito entre as organizacións asinantes exclúe deliberadamente a CIG, o que supón un trato discriminatorio e unha represalia por unha decisión sindical lexítima e soberana.
ANEXO II
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA MANIFESTADA POR UGT-GALICIA.
Artigo 3. Requisitos das persoas beneficiarias.
O apartado 1 deste artigo recolle os supostos no que debe atoparse unha persoa traballadora para dar lugar a axuda regulada nesta orde.
Esta organización sindical considera que pode haber entidades que estean en situación de crise pero nas que non concorran as circunstancias descritas neste apartado e que deberían poder ser beneficiarias das axudas ao acreditar graves dificultades económicas, aínda sen atoparse nos supostos previstos no artigo que nos ocupa e que son moi restritivos (concurso de debedores, morte ou xubilación do empresario, entre outros).