Pasar al contenido principal

Ditame 13/21

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:06
Proxecto de decreto polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción en Galicia e o seu rexistro administrativo
  1. ANTECEDENTES

O día 15 de marzo de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Economía social da Consellería de emprego e igualdade, que achega o Proxecto de decreto polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción en Galicia e o seu rexistro administrativo. Solicítase o ditame preceptivo sobre o proxecto normativo para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

A exposición de motivos define as empresas de inserción como “aquela sociedade mercantil ou sociedade cooperativa legalmente constituída que, debidamente, cualificada polos organismos autonómicos competentes na materia, realice calquera actividade económica de produción de bens e servizos, e cuxo obxecto social teña como fin a integración e formación sociolaboral de persoas en situación de exclusión social como tránsito ao emprego ordinario”.

Segundo explica, coa regulación desta modalidade de empresa social preténdese contribuír ao cumprimento do mandato recollido no artigo 9.2 da Constitución Española que ordena os poderes públicos facilitar a participación de todos so cidadáns na vida política, económica, cultural e social do noso país, así como constituír unha ferramenta para acadar o pleno exercicio do dereito e deber de traballar consagrado no artigo 35 do citado texto.

 

Por outra banda, este proxecto recoñece como tarefa de interese xeral a promoción, o estímulo e desenvolvemento das entidades que conforman a economía social e sinala os obxectivos que os poderes públicos deben ter presentes á hora de abordaren a súa política de promoción.

Do contido do novo proxecto de decreto poden destacarse os seguintes aspectos:

No artigo 1.1 establécese como obxecto da norma regular o procedemento de cualificación das empresas de inserción, establecer a organización e funcionamento do Rexistro Administrativo das citadas empresas e determinar o procedemento para incorporar as persoas afectadas polas situacións de exclusión social ás empresas de inserción.

No apartado 2 do mesmo artigo indica que o decreto será de aplicación ás empresas que teñan centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, con independencia da súa sede social.

O artigo 2.1 determina como persoas beneficiarias a aquelas que se atopan en situación ou en risco de exclusión social con especiais dificultades para a súa integración no mercado de traballo, desempregadas e inscritas nos Servizos Públicos de Emprego.

No mesmo artigo, no apartado 2, establece que unha persoa se atopa en situación de risco de exclusión social cando se aprecie que concorre nela algunha das situacións contempladas no artigo 3.1 da lei 10/2013 de inclusión social de Galicia.

Ademais, a norma considera que a todos os efectos, que quen reciba a renda de inclusión social ou forma parte da unidade de convivencia dunha persoa receptora, atópase en todo caso en situación de risco.

No capítulo II regúlase o procedemento de cualificación provisional e descualificación das empresas de inserción. Na sección 2, artigo 9, apartado d), se determina que os estatutos deberán recoller como finalidade primordial da empresa a integración e a formación sociolaboral  das persoas en situación de risco de exclusión social, actuando como espazo de tránsito ao emprego ordinario.

O artigo 11.1, explica a necesidade de cumprir co artigo 5, apartados a), b), d) e g) da lei 44/2007, do 13 de decembro, para conseguir esta cualificación provisional.

No mesmo capítulo, na sección 3, onde se regula a cualificación definitiva das empresas de inserción, cabería destacar o artigo 16, que fai referencia a necesidade de cumprimento dos requisito sinalados nas letras c), e) e f do artigo 5 da lei 44/2007, do 13 de decembro.

No apartado c) do citado artigo, determínase a obriga de manter en cómputo anual, desde a súa cualificación unha porcentaxe de traballadores en proceso de inserción, calquera que sexa a modalidade de contratación, de ao menos o trinta por cento durante os primeiros tres anos de actividade e de ao menos o cincuenta por cento do total dos traballadores a partir do cuarto ano, non podendo ser o número de aqueles inferior a dous.

No capítulo IV, artigo 24.1 establécense as circunstancias que deben concorrer para a incorporación dunha persoa a unha empresa de inserción.

No artigo 27 do mesmo capítulo, relaciónanse as obrigas derivadas do contrato de traballo tanto para a empresa como para a persoa en proceso de inserción sociolaboral.

En data 19 de xullo de 2007 publicouse o decreto 156/2007 sobre a mesma materia.

Obsérvase que non se emitiu ditame dende o Consello Galego de Relacións laborais.

En data 9 de xaneiro de 2009, publicouse a orde de 29 de decembro de 2008 pola que se  regula o procedemento de cualificación das empresas de inserción laboral e a organización e funcionamento do seu rexistro administrativo. Dada a antigüidade da norma e as diferencias co actual proxecto de decreto, decídese tratalo como novo aos efectos de ditame.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador do proxecto a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

  1. CONTIDO.

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de decreto polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción en Galicia e o seu rexistro administrativo”, consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e oito artigos, tres disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria, dúas disposicións finais e cinco anexos.

O día 7 de abril de 2021 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e cinco consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

 

 

 

 

DITAME 13/2021

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de decreto polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción en Galicia e o seu rexistro administrativo, da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 15 de marzo de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 7 de abril de 2021, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

  

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

Primeira

No texto emprégase o masculino xenérico ( por exemplo “traballadores” no  artigo 13 e anexo I ou “traballador” no artigo 26) que non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva.

Obsérvase que no artigo 21 empréganse as letras j e k na clasificación. Así mesmo, o artigo 9 emprega a letra j.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

Proponse unha revisión do texto para corrixir algúns erros ortográficos (por exemplo, o artigo 12 fala do “prazo máximo de un ano” en lugar do “prazo máximo dun ano”.

Pola súa banda, as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Segunda

Ao final da exposición de motivos debería facerse referencia aos informes solicitados na tramitación deste decreto e, concretamente, a consulta realizada ao efecto ao Consello Galego de Relacións Laborais.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.-Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

O apartado 1.c) deste precepto fai referencia ás persoas afectadas polas situacións de exclusión social.

Este Comité considera que a referencia debería facerse, como acontece noutros puntos do texto, ás persoas en situación ou risco de exclusión social, por entender que se trata dun termo máis axeitado.

Segunda.-Artigo 6. Resolución.

Segundo o apartado 1, é competente para resolver os procedementos regulados neste decreto a persoa titular do centro directivo con atribucións en materia de economía social. Obsérvase que noutros puntos do texto, como  o artigo 7 ou o artigo 19, fálase do órgano da Xunta de Galicia con competencias en materia de economía social.

Así, este Comité considera que se debería harmonizar a referencia e aludir, en todo caso, ao órgano da Xunta de Galicia con competencias en materia de economía social.

Terceira.-Artigo 24. Inicio do proceso para  incorporación a unha empresa de inserción.

No apartado 5.b) deste artigo, establécese que os servizos sociais poderán informar favorablemente cando estimen que se produciu unha recaída en novas situacións de exclusión.

Este Comité propón que se suprima o termo “novas” e que o dito informe poida ser favorable ao estimar que se produciu unha recaída en calquera situación de exclusión, sexa ou non nova.

Cuarta.-Artigo 24. Inicio do proceso para  incorporación a unha empresa de inserción.

Respecto do último parágrafo do apartado 5, este Comité considera que a redacción non aclara se estamos ante un informe de carácter vinculante ou non. O mesmo se observa respecto do artigo 28.

En consecuencia, proponse que se aclare o carácter dos referidos informes no que atangue ao seu carácter vinculante.

Quinta.-Disposición adicional segunda.

Do disposto nesta disposición dedúcese que as empresas que empreguen a denominación de empresas de inserción van a convivir con aquelas que empreguen a denominación de empresas de inserción laboral.

Este Comité suxire que, a medio prazo, se unifique a denominación para todas as empresas da mesma natureza e que pasen a denominarse, en todo caso, empresas de inserción.

Número ditame
13