- ANTECEDENTES
O día 5 de abril de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego, que achega o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, e se convocan para o ano 2021. Solicítase o ditame preceptivo sobre o proxecto normativo para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, “o traballo autónomo ten unha importancia fundamental na creación de emprego e riqueza, no cal descansa boa parte da estabilidade do sistema económico de Galicia. Por iso, o fomento do asociacionismo no sector do autoemprego contribúe á consolidación do colectivo das persoas traballadoras autónomas”.
Este proxecto normativo establece, en réxime de concorrencia competitiva, axudas para o financiamento dos gastos xerais de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas para que poidan desenvolver de forma eficaz o cumprimento da súa finalidade e fortalecer a súa estrutura.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2020, publicada no DOG o día 3 de febreiro de 2020 e o ditame emitido polo Consello con data 28 de outubro de 2020 (ditame 32/2019), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
No artigo 1 obsérvase que a referencia faise ás entidades asociativas máis representativas de Galicia, cando na orde anterior non se incluía esa precisión relativa á representatividade.
En canto aos requisitos que deben reunir as entidades solicitantes das axudas, tanto no artigo 1 como no artigo 6, este novo proxecto esixe á entidade ter un mínimo de 5.000 persoas socias.
A contía máxima da subvención, segundo o artigo 9, non poderá exceder a cantidade de 65.000€, o que supón un incremento de 10.000€ respecto ao previsto na orde para o exercicio anterior.
Polo que respecta aos criterios de valoración das solicitudes presentadas, o artigo 19 fixa a puntuación mínima que deben obter as entidades solicitantes en 55 puntos, 10 máis dos esixidos na convocatoria anterior.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO.
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, e se convocan para o ano 2021” consta de: vinte e oito artigos e tres disposicións adicionais.
O día 12 de abril de 2021 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e sete específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.
Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral e dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia, e S.N. de CCOO de Galicia (Anexo I) e dúas xerais e unha específica manifestadas pola organización empresarial CEG (Anexo II).
|
DITAME 14/2021
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, e se convocan para o ano 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de abril de 2021, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL
Obsérvanse o emprego das letras j e k na clasificación do artigo 7, impropias do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.
Pola súa banda, figuran tres disposicións adicionais que non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.
O artigo 1 do novo proxecto establece que as entidades asociativas máis representativas de Galicia son as destinatarias das axudas aquí recollidas engadindo, respecto da orde anterior, a referencia á representatividade.
Os elementos que permiten determinar a representatividade das entidades asociativas en Galicia están fixados no Decreto 147/2011, polo que se crea o Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia e se determinan os criterios para acreditar e declarar a súa representatividade. Os requisitos aí recollidos non concordan cos que relaciona o artigo 6 deste proxecto de orde, polo que este Comité considera que se debería aclarar esta aparente contradición.
Segunda.- Artigo 7. Gastos subvencionables.
Segundo o apartado 2.k) deste artigo, son subvencionables os gastos de renting.
Este Comité considera que se debería substituír ese termo anglosaxón polo galego “arrendamento financeiro sen opción de compra”, segundo se recolle na Memoria explicativa da Secretaría Xeral de Emprego relativa ao ditame 32/2019, emitido sobre o mesmo proxecto para o exercicio 2020, respecto da súa consideración terceira.
Terceira.- Artigo 19. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas.
No artigo 12.1.b) do proxecto normativo esíxese que a entidade presente unha memoria dos servizos prestados as súas persoas asociadas.
Este Comité propón que se engada como criterio de valoración, no artigo 18 as actividades realizadas no exercicio anterior e servizos que prestan as súas persoas asociadas e se lle outorguen ata 15 puntos.
Cuarta.- Artigo 19. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas.
O apartado 1.f) valora con ata 7 puntos o orzamento de ingresos e gastos do exercicio 2021.
Este Comité considera que non se debería valorar un orzamento futurible, xa que é soamente unha previsión de gastos e ingresos de carácter subxectiva. Polo tanto, propón que se substitúa polas últimas contas anuais executadas como indicador da actividade real, xa que son un indicador obxectivo da actividade da entidade, en coherencia co recollido na Memoria explicativa da Secretaría Xeral de Emprego relativa ao ditame 32/2019, emitido sobre o mesmo proxecto para o exercicio 2020, respecto da súa consideración sexta.
Quinta.- Artigo 19. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas.
No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.
Este Comité Delegado entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. E tamén, respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego. Igualmente, este cambio de criterio non é consonte coa función normalizadora da lingua que a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de Normalización Lingüística, lle impón a Administración Autonómica.
Polo tanto, propón que o emprego da lingua galega se valore no neste artigo 19.
Sexta.- Artigo 24. Obrigas das entidades beneficiarias.
Segundo o apartado g) obriga á entidade beneficiaria a conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
Este comité considera que o precepto debería ser máis concreto para aportar seguridade xurídica. Neste sentido, sería preciso especificar o tempo durante o cal se deben conservar os documentos e completar e aclarar o recollido no artigo 11.h) da lei 9/2007 de subvencións de Galicia.
Sétima.- Artigo 24. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado h) deste artigo establece a obriga de adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego e Igualdade.
Este Comité considera que deberían figurar expresamente no texto do artigo as medidas que deben adoptar as entidades beneficiarias adecuándose ao obxecto subvencionado, conforme ao recollido no artigo 20 do RD 11/2009, que aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e no que se desenvolve o artigo 15 da dita Lei en relación coas medidas de publicidade.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA, E S.N. DE CCOO DE GALICIA:
Consideración xeral:
As organizacións sindicais que integran o Consello consideran que as actividades que se subvencionan mediante este proxecto normativo son dunha excesiva flexibilidade conceptual e mesmo se prevé subvencionar con fondos públicos actividades ordinarias relativas á estrutura de asociacións privadas, polo que propoñen que se acouten as actividades obxecto de axudas a aquelas que teñan interese público, do mesmo xeito que se fai coas asociacións de cooperativas.
As organizacións sindicais seguen a considerar esaxerado o importe do orzamento destinado a este programa, á vista dos resultados da folla estatística achegada pola Subdirección Xeral de Emprego.
Consideración específica.-
Primeira.- Artigo 7. Gastos subvencionables.
O apartado 2 deste precepto inclúe, na letra h) entre os gastos subvencionables, as cotas pola pertenza a organizacións autonómicas ou estatais.
Este Comité considera que non se debería subvencionar con medios autonómicos a pertenza a organizacións estatais, polo que propón suprimir esa posibilidade.
Segunda.- Artigo 19. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas.
En relación coa consideración específica unánime quinta, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar a maiores, o seguinte:
A Administración explica a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego no A Administración ten explicado a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.
É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Consideracións xerais
Primeira.
Deberían contemplarse no texto da Orde como beneficiarias das subvencións destinadas a traballadores autónomos ás asociacións empresariais polos seguintes motivos:
- Para ter en consideración na súa redacción a e modificación da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do Traballo Autónomo pola disposición final terceira do Real Decreto Lei 4/2015, do 22 de marzo que incorpora ás organizacións empresariais entre aquelas con capacidade xurídica para actuar en representación dos traballadores autónomos.
- Por outra parte, como se sinala na exposición de motivos o traballo autónomo ten unha importancia fundamental na creación de emprego e riqueza, no que descansa boa parte da estabilidade do sistema económico de Galicia. As asociacións empresariais cumpren unha función de fomento e promoción do emprego autónomo e contan entre os seus asociados con empresarios autónomos. Por iso, o fomento do asociacionismo empresarial no sector do autoemprego contribúe tamén á consolidación do colectivo das persoas autónomas e debería contemplarse no ámbito das subvencións obxecto de ditame.
Segunda.
Independentemente do establecido no artigo 22 onde se regulan os pagamentos a conta,
a CEG propón que se habilite neste proxecto de orde a posibilidade de anticipar fondos previos a incorrer en gasto algún.
Consideración específica:
Artigo 7. Gastos subvencionables.
No apartado 2, letra i), establécese que a contía da subvención polos gastos de desprazamento e manutención, por participar nas actividades relacionadas nos citados apartados, non poderá superar o 50% do seu custo.
A CEG considera que debería manterse a porcentaxe do 70% que figuraba en convocatorias anteriores a fin de cubrir os custos que no marco do programa se realizan.