Pasar al contenido principal

Ditame 15/21

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:06
Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2021
  1. ANTECEDENTES

O día 15 de abril de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2021. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, esta orde “establece as axudas para o ano 2021 referentes a creación e/ou funcionamento de gabinetes técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial, en cumprimento do disposto na Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, e co fin de facilitar ás asociacións empresariais e ás organizacións sindicais intersectoriais o exercicio das funcións e facultades a que se refire a referida lei, en concreto a promoción do funcionamento dos seus gabinetes técnicos”.

 

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Do seu contido destácanse os seguintes aspectos:

 

Segundo o artigo 2, a actividade subvencionable será a creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial que desenvolvan accións directas de apoio a empresas e persoas traballadoras en procura da igualdade laboral e de oportunidades e da redución da fenda salarial de xénero. Este artigo tamén relaciona algunhas das actividades a desenvolver polo persoal destes Gabinetes.

As entidades beneficiarias serán as asociacións empresariais intersectoriais e as organizacións sindicais intersectoriais (artigo 3). O mesmo artigo fixa a contía do orzamento para estas axudas en 400.000€.

O artigo 6 esixe que estes gabinetes técnicos estean integrados, como mínimo, por unha persoa experta en igualdade laboral, acreditando unha experiencia en igualdade de polo menos dous anos, cunha titulación de grado ou equivalente e contratados nos grupos de cotización 1 ou 2.

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, a contar dende o día seguinte á publicación desta orde no DOG (artigo 11) e o prazo máximo para resolver as solicitudes fíxase en tres meses (artigo 19).

Pola súa banda, o artigo 17 relaciona os criterios de valoración das solicitudes, que serían os seguintes:

  1. Representatividade da entidade
  2. Taxa de estabilidade do persoal da entidade
  3. Paridade entre a porcentaxe de homes e mulleres no cadro de persoal
  4. Compromiso de emprego efectivo da lingua galega
  5. Contribución á integración laboral de mulleres pertencentes a determinado colectivos.

O artigo 19 prevé a posibilidade de solicitar anticipos do 80% ou do 90% da subvención concedida, segundo o importe concedido.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

  1. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2021” consta de: Exposición de motivos, trinta artigos, dúas disposicións  adicionais e tres finais.

O día 23 de abril de 2021 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexo, tres consideracións xerais e cinco específicas manifestadas pola Confederación Intersindical Galega.

 

 

DITAME 15/2021

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de abril de 2021, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.- Artigo 2. Actividades subvencionables.

Entre as actividades que relaciona o artigo 2, atópase no seu apartado 1 a de apoiar tecnicamente e asesorar ás empresas e aos representantes sindicais no fomento da igualdade laboral en determinados ámbitos.

Este Comité propón que a referencia feita aos representantes sindicais se faga á representación sindical, por consideralo máis correcto.

Segunda.- Artigo 24. Obrigas das entidades beneficiarias.

No apartado 2 alúdese ás “modificaciónsdas condicións”, polo que se propón a corrección ortógrafica do erro que se resalta en cursiva.

Terceira.- Anexo VI. Modelo de xustificación técnica ou informe final da actividade subvencionada.

Este Comité considera que a ficha de seguimento de actuacións dos gabinetes técnicos (apartado H), debería ser reformulada xa que está orientada á xustificación das accións de asesoramento cando debería dar cabida á xustificación de calquera das accións que recolle o artigo 2 do texto normativo.

 

ANEXO

 

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL CIG:

 Consideracións xerais:

Primeira.

Consideramos que se o obxecto da convocatoria abrangue o exercizo 2021 non pode recollerse no artigo 7.2. o período desde o 1 de novembro de 2020 ata o 31 de decembro de 2021 para poder imputar os custes. Esta mención pretende ocultar que o 22 de novembro de 2019, a Consellaría de Economía, Emprego e Industria asinou un convenio de colaboración coas organizacións sindicais e empresarial participantes no diálogo social, froito do cal sufragaron gabinetes técnicos para este mesmo fin, que actualmente están a desenvolver esta actividade, e por tanto, van poder sufragar os actuais custes a cargo dunha acción subvencionábel á que outras entidades non puidemos acceder.

Polo tanto, pretenden maquillar a iniciativa, dándolle un formato de concorrencia competitiva cando realmente, non todas as organizacións reunimos as mesmas condicións para poder acceder de xeito igualitario. Neste sentido, sorprende que entre os requisitos se pida unha experiencia de dous anos en igualdade mais logo figure unha puntuación de até 6 puntos por cada traballadora indefinida a tempo completo contratada para o gabinete  (con diversidade funcional, por ser vítima ou desempregadas menor de 30 anos ou maior de 45, desempregada de longa duración, etc.) e ao tempo se vincule a axuda cunha contratación que tería que terse realizado o ano anterior. Isto imposibilita que poidamos concorrer en condicións de igualdade con outras organizacións que xa fixeron o proceso selectivo en convocatorias anteriores, ou que carecendo de experiencia, mais si da formación requirida, poidan acceder ao gabinete.

Segunda.

Nas actividades subvencionábeis menciónase que poderase adscribir persoal propio ou ben contratar persoal con formación e experiencia, mais logo no artigo 8 figura que non se poderán imputar gastos do persoal directivo ou dos cargos electos executivos das entidades solicitantes, sen facer distinción, xa que logo, a se como acontece no caso da CIG, hai persoal técnico propio que realiza esas funcións, que ten a experiencia e a formación requirida, mais compatibiliza o posto de traballo co seu cargo na dirección da organización á que pertence. Mais ben parece un criterio creado para xustificar a exclusión dunha das técnicas da CIG.

Terceira.

En definitiva, consideramos que o proxecto de orde non persegue a finalidade de creación e mantemento de gabinetes de igualdade, sostidos no tempo, senón a sufragar e beneficiar ás entidades que xa viñan desenvolvendo estas actividades no marco do diálogo social, marxinando e excluíndo, unha vez máis á nosa organización sindical, por manter unha postura crítica co goberno, cando o  sindicato que fai un traballo real no ámbito de igualdade e que conta con persoal especializado no ámbito das RRLL non vai poder optar as axudas para a creación e mantenemento dos gabinetes.

 

Consideracións específicas.

 

Primeira.- Artigo 2. Actividades subvencionables.

Neste artigo figura a necesidade de que o persoal propio ou contratado sexan expertas en igualdade laboral, e conten con formación e/ou experiencia acreditada en materia de igualdade de xénero e oportunidades, sen esixir nin concretar nada máis, cando debera esixirse un mínimo de 200 horas de formación ou 60 horas en cursos especializados.

 Segunda.- Artigo 2. Actividades subvencionables.

No apartado 3.b) deste precepto figura como actividade subvencionábel a identificación de boas prácticas en plans de igualdade laboral en empresas galegas. Consideramos que non debe ser un dos cometidos dos gabinetes darlle publicidade ás empresas polo cumprimento da lexislación, polo tanto solicitamos a súa retirada.

Terceira.- Artigo 9. Subcontratación.

Este artigo recolle a posibilidade da subcontratación, cuestión que nos parece completamente fóra de lugar, e que solicitamos que se retire da orde. A subcontratación das accións destinadas a acadar a igualdade contribúen á precarización das condicións de traballo do persoal, non garante a  súa continuidade, e ao tempo supón desvalorizar un servizo que debería dotarse de estabilidade tanto para o seu persoal como para poder dar resposta ao fin que persegue.

 Cuarta.- Artigo 13. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do  procedemento.

Solicitamos aclaración, xa que descoñecemos a que se refire como “vida laboral das entidades beneficiarias, dos 30 últimos días inmediatamente anteriores á data da solicitude”.

Quinta.- Artigo 24. Obrigas das entidades beneficiarias.

Segundo o apartado 12, “as actividades subvencionables e os seus entregables poderán ser realizados en idioma galego e castelán, pero en todo caso, deberán realizarse en galego”. Consideramos que supón alentar desde a administración galega á elaboración e emprego do castelán como lingua vehicular.  De feito, aínda que logo no artigo 27f), figure como requisito que sexa elaborado en galego, o certo é que no punto 17.4 figura cun punto de valoración o emprego da lingua galega, logo non parece que haxa un interese real por parte da Xunta de promocionar o uso do galego, xa que se permite claramente o uso de ambas linguas nunha actividade subvencionada pola administración pública galega para accións dentro do noso ámbito xeográfico (e non destinadas, xa que logo, ao exterior).

 

Número ditame
15