- ANTECEDENTES
O día 11 de maio de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Colocación da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia e se convocan para o ano 2021. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, “a presente regulación desenvolve unha adaptación do programa estatal de programas experimentais en materia de emprego ao introducir unha serie de modificacións tendentes a reducir os custos dos proxectos, posibilitar o acceso dun maior número de persoas desempregadas beneficiarias, establecer colectivos de actuación específicos e garantir a prestación ás persoas participantes de medidas de mellora da empregabilidade. Desta maneira, configúrase un programa autonómico nesta materia, que a Xunta de Galicia incluirá no Plan Anual de Política de Emprego (PAPE) para 2021”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2020 (publicado no DOG o día 30 de xaneiro de 2020) e o ditame emitido polo Consello con data 11 de decembro de 2019 (Ditame 54/2019), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Deste proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
No artigo 1 amplíase a regulación da formación como contido dos programas integrados de emprego (antes prevíase unicamente formación transversal en novas tecnoloxías e idiomas) e, por outra banda, elimínase a formación para o emprego dirixida á obtención de certificados de profesionalidade.
Increméntase o orzamento total asignado a estas axudas en 1.680.000 euros (artigo 2).
No artigo 16 modifícase a previsión dos anticipos: na orde anterior prevíase un anticipo máximo dun 30% sobre o importe total da subvención. Neste novo proxecto, esa contía pasa a ser do 25% e engade a posibilidade dun segundo anticipo do 15% con cargo á segundo anualidade.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia e se convocan para o ano 2021” consta de: Exposición de motivos, dezanove artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 24 de maio de 2021 reúnese este Comité e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais e vinte e unha consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.
Contén así mesmo, como anexos, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma: dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, o SN de CC.OO. de Galicia e UGT-Galicia (anexo I), e dez específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).
|
DITAME 19/2021
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia e se convocan para o ano 2021”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de maio de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 24 de maio de 2020, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS
Primeira.
En ningunha parte da Orde se especifícan as posibles modalidades de impartición da formación. A única referencia a este aspecto está no Artigo 1. Obxecto no que se indica que “o custo subvencionado deberá axustarse ás condicións normais de mercado e nunca poderá exceder o tope máximo de 8 euros por alumno/a por hora de formación presencial ou aula virtual, e 5 euros por alumno/a por hora de formación a distancia ou teleformación)”. Este Comité considera que a modalidade de impartición a distancia debería aclararse e que se debería recoller un artigo no que se establezan as distintas modalidades de impartición de formación: presencial ou aula virtual, distancia (coa aclaración indicada), teleformación e mixta.
Segunda.
No artigo 1 obsérvase o emprego das barras (alumno/a) que non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva. Hai que ter en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios, polo que se propón a súa corrección.
Por outra banda obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
O mesmo se observa respecto das disposicións derradeiras (sic).
Ademais, no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
Tamén se observa que no artigo 5 se empregan as letras j e k na clasificación.
Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.
O mesmo se observa respecto do artigo 19, no que se fai uso da letra j).
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.- Exposición de motivos.
Segundo o parágrafo oitavo da exposición de motivos: “valorarase que os concellos se acollan á iniciativa “Doing Business Galicia”.
Este Comité entende que está totalmente fóra de lugar que sexa considerado criterio de valoración a “adhesión ao convenio Doing Business” xa que non ten relación material ningunha cos obxectivos desta orde.
Ademais, o artigo 12 outórgalle a este criterio 20 puntos, o que pode resultar discriminatorio con respecto ás entidades beneficiarias que non sexan entidades locais.
Segunda.- Artigo 1. Obxecto.
O apartado 2.f deste artigo fai referencia a prospección empresarial, aínda que este Comité considera que é máis procedente referirse a prospección de emprego, polo que propón que se aclare a dita referencia.
Terceira.- Artigo 1. Obxecto.
A mellora da ocupabilidade e a inserción laboral é o fin último dos programas integrados, para o que a formación constitúe unha ferramenta obrigatoria e necesaria.
Este Comité considera que a obriga de realizar prácticas non laborais para quince persoas implica unha dificultade engadida e xera inseguridade xurídica ás entidades e ás empresas, polo que debería eliminarse e preverse como unha opción.
Cuarta.- Artigo 1. Obxecto.
Este artigo establece que o custo subvencionado por formación subcontratada non poderá exceder do tope máximo de 8 euros/alumno por hora de formación presencial ou 5 euros/alumno por hora de formación a distancia ou teleformación.
Este Comité considera estes importes insuficientes para atender na actualidade a prezo de mercado o custo de execución coa debida calidade as accións formativas obxecto dos programas, polo que se propón a súa actualización a prezos reais, que permitan o seu normal desenvolvemento cos estándares axeitados, que contribúan a acadar os obxectivos do Programa.
Quinta.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.
No apartado 1 deste artigo establécese que o obxectivo de inserción laboral para as persoas en situación de desemprego deberá ser, polo menos, do 35 por cento.
Este Comité segue a entender que o obxectivo de inserción laboral que se especifica neste artigo é excesivo debido á situación do mercado laboral e dos colectivos obxecto do programa, polo que se propón para unha porcentaxe de inserción do 25%.
Sexta.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.
O apartado 1 establece o número de persoas a atender en 100.
Este Comité considera que, atendendo á dispersión territorial de Galicia e á realidade do desemprego, procede acollerse á excepcionalidade prevista no artigo 9.4.c) da orde TAS/2643/2003 e establecer un número de persoas a atender que sexa inferior a 100 e superior a 60.
Sétima.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.
No apartado 2 indícase que, “con carácter xeral, as persoas participantes nos programas integrados de emprego non poderán simultanear a súa participación no programa con outras accións de formación financiadas con cargo a fondos públicos. Non entanto, si que poderán ser seleccionadas para participar naquelas medidas das políticas activas de emprego que supoñan unha contratación efectiva” non quedan suficientemente claras o tipo de medidas de políticas de emprego ás que se refiren estas e, de ser o caso, se esta participación só implica que non se tramitaría a baixa do/a participante no programa ou se, polo contrario, tamén suporía que a entidade beneficiaria podería incluílo nos seus cómputos de inserción.
Oitava.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.
O apartado 4 deste artigo establece que se entenderá por inserción laboral, aos efectos desta orde, o feito de que as persoas inicien durante un prazo dos 12 meses de execución do programa ou dentro dos tres meses seguintes unha actividade por conta propia ou formando parte dunha cooperativa ou sociedade laboral.
No caso da contratación por conta allea ese prazo limítase aos 12 meses de execución do programa, polo que este Comité propón que tamén se inclúan estes supostos cando acontezan nos tres meses inmediatamente posteriores, independentemente da natureza xurídica da actividade que vaian a realizar.
Novena.- Artigo 4. Entidades beneficiarias.
O apartado 2 deste precepto establece que unha mesma entidade non poderá presentar más dunha solicitude.
Este Comité propón que a devandita restrición non se aplique soamente ás entidades sen ánimo de lucro e se aplique o mesmo criterio que ás entidades locais .
Décima.- Artigo 4. Entidades beneficiarias.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de que varias entidades sen ánimo de lucro poidan colaborar entre si e presentar un plan integrado conxuntamente, igual que fan os concellos coas súas agrupacións.
Décima primeira.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1.c.2 valora con ata 4 puntos a calidade das instalacións, medios e sistemas propios da entidade para o desenvolvemento do programa, pero exclúe os recursos en réxime de aluguer.
Este Comité non comparte esta exclusión e propón que se suprima, xa que os recursos están a disposición da entidade independentemente de que sexan alugados ou non.
Décima segunda.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
En relación co criterio de valoración especificado no apartado 1.d) deste artigo, obsérvase que en exercicios anteriores reduciuse o peso deste criterio na puntuación total (dun máximo de 20 puntos sobre 70, pasouse a 15 sobre 150 en 2017, a 5 de 130 en 2018, mentres que no proxecto para o ano 2019 era 5 de 70, proporción que se mantén para 2020 e, novamente, para 2021).
Este Comité non está de acordo con esta redución, máxime se ten en conta que este proxecto normativo ten por obxecto o financiamento de programas dirixidos á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral e considera ademais que o cumprimento dos obxectivos comprometidos en materia de inserción laboral no mercado de traballo das persoas demandantes para atender, debería ter un maior peso na puntuación global.
Décima terceira.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
Dada a natureza dos programas e respecto do apartado 1.e) deste artigo, este Comité considera que non se debería valorar o cofinanciamento que fan as entidades solicitantes, xa que o que están a facer é unha colaboración co servizo público.
Décima cuarta.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1.f) establece que “a experiencia acreditada, nos últimos cinco anos, no desenvolvemento de programas integrados para o emprego ou Lanzadeiras de emprego de Galicia (Orde do 18 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de Lanzadeiras de emprego de Galicia durante os anos 2016-2017) subvencionados polo Servizo Público de Emprego de Galicia: ata un máximo de 5 puntos se a valoración é positiva e ata -5 se é negativa”.
Este Comité considera que a inclusión dun criterio negativo pode inducir a distorsións na puntuación total. Por outra parte, non se fan explícitos os criterios obxectivos que definirían unha posible “valoración negativa”. Xa que logo, este Comité entende que se debería suprimir a valoración negativa prevista no punto 1.f) deste artigo.
Décima quinta.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
Entre os criterios de valoración non se inclúe o emprego da lingua galega na realización das actividades.
Este Comité Delegado entende que debería incluírse como criterio de valoración o emprego da lingua galega, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.
Décima sexta.- Artigo 14. Gastos imputables.
Este Comité propón que se engada un apartado que recolla o concepto de “outros gastos”, nos que se inclúan gastos de apoio necesarios para o desenvolvemento das accións sempre que estean plenamente xustificados.
Décima sétima.- Artigo 14. Gastos imputables.
O apartado 1.b) limita o número de persoas que se poden imputar economicamente a 15.
Este Comité propón eliminar a limitación do número de persoas e recuperar a redacción de ordes anteriores.
Décima oitava.- Artigo 14. Gastos imputables.
O apartado 1.e) regula os gastos de subcontratación e fixa un 30% do custo total como límite da actividade formativa que poder ser obxecto de subcontratación.
Este Comité considera que este apartado debería acollerse ao disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o cal: “O beneficiario poderá subcontratar ata unha porcentaxe que non sobrepase o 50% do importe da actividade subvencionada”, xa que a limitación da subcontratación non mellora a calidade do programa integrado de emprego.
Décima novena.- Artigo 14. Gastos imputables.
Dentro dos gastos xerais considéranse imputables os gastos de arrendamento, pero exclúese o leasing.
Este Comité non comparte a dita exclusión e pide que se xustifique, xa que o leasing, como o seu propio nome indica, é un arrendamento e non unha adquisición que, ademais, permite a imputación do gasto efectivamente dedicado a cada acción.
Vixésima.- Artigo 16. Xustificación e pagamento.
O apartado 1 deste artigo establece que a entidade beneficiaria poderá solicitar, en concepto de anticipo, un pagamento do 25 por cento do importe total da subvención sempre que esa cantidade non supere o importe correspondente á anualidade do ano 2021.
Este Comité propón que se incremente a porcentaxe ao 30% previsto na orde anterior para o aboamento do anticipo, que debería aplicarse sobre o importe total da subvención concedida. Subsidiariamente e de non ser posible a aplicación sobre o importe total, a devandita porcentaxe do 30% tamén debera aplicarse sobre o importe da anualidade 2022, incrementando o previsto no proxecto.
Vixésima primeira.- Artigo 18. Seguimento das accións.
Este Comité considera que, no apartado 1 deste artigo, debería incluírse o que figuraba nas ordes de exercicios anteriores, que prevía a elaboración dun informe pola persoa responsable da visita que sería asinado por esta e pola persoa responsable da entidade, sen que isto implicase a conformidade desta última.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, SN DE CCOO DE GALICIA E UGT-GALICIA.
Primeira.- Exposición de motivos.
No parágrafo segundo da exposición de motivos deste proxecto normativo vencéllase esta orde co eido do “Diálogo Social”.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que debería rectificarse este aspecto pola súa carencia de relación material co contido dunha orde que, substancialmente, e agás cativos retoques, vén sendo reprodución doutras anteriores.
Segunda.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
En relación coa consideración específica unánime décima cuarta, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:
Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.
É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira.- Artigo 1. Obxecto.
Tal e como recolle o Artigo 1. Obxecto, no punto 2.b Formación, dedúcese que a formación subvencionada pola presente orde exclúe a toda aquela vinculada a Certificados de Profesionalidade (subapartados 2b1 e 2b2). Este aspecto tampouco está contemplado no Artigo 12. Criterios de valoración dos programas. Tendo en conta os colectivos aos que van dirixidos os programas, non parece unha medida positiva o feito de non poder recoñecerlle oficialmente unha titulación que lles posibilite a inserción laboral. E certo que no ditame 31/2020 se solicitaba eliminar o requisito da obriga de impartir certificados de profesionalidade completos, pero isto no era coa idea de non limitar as distintas posibilidades.
Segunda.- Artigo 3. Tipos e características dos programas de emprego de Galicia.
A CEG propón ampliar o contido do apartado 1.B) deste artigo para dar cabida as persoas pensionistas da Seguridade Social por incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez ou de pensionista de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade, de xeito que estas persoas poidan acollerse ás medidas de igualdade de oportunidades e non discriminación no acceso ao emprego, e para dar unha amplitude eficaz á definición de discapacidade, prevista no artigo 1 da Convención Internacional dos Dereitos das persoas con discapacidade.
A CEG considera que deberían incluírse, así mesmo, aquelas persoas que figuran inscritas en mellora de emprego cunha xornada inferior a un terzo, co obxectivo de mellorar as súas condicións de traballo accedendo a outras fórmulas de emprego, o que non desvirtúa a finalidade da axuda.
En consecuencia, debería modificarse tanto este artigo como os demais que correspondan para dar cabida a estes colectivos.
Teceira.- Artigo 3. Tipos e características dos programas de emprego de Galicia.
O apartado 5.b) establece que non computará como inserción laboral a contratación das persoas participantes nos programas da propia entidade beneficiaria da subvención.
Tendo en consideración os fins de inserción laboral perseguidos pola Orde, debería ser indiferente que a entidade contratante sexa unha distinta ou a mesma que teña levado a cabo o programa de emprego e que contrate laboralmente a unha das persoas atendidas.
Por este motivo, a CEG considera que debería eliminarse esta exclusión ou, subsidiariamente, establecer algún límite cuantitativo, ao ter en conta ademais que, de acordo co art. 4, as entidades beneficiarias deben reunir a condición de ser entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro.
Cuarta.- Artigo 3. Tipos e características dos programas de emprego de Galicia.
Segundo o apartado 5.c) non computarán como inserción laboral as bolsas ou prácticas non laborais, aínda que sexan remuneradas e dean lugar a unha alta na Seguridade Social.
A CEG considera que no suposto de prácticas efectivamente remuneradas e que dean lugar a unha alta na Seguridade Social si deberían asimilarse a unha contratación e, en consecuencia, computar como inserción laboral.
Quinta.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
Segundo o apartado c.1) deste precepto: “no suposto de imputación de gastos correspondentes a presidentes, directores xerais, xerentes ou similares non se poderá superar o 30% dos seus gastos salariais e de seguridade social”.
A CEG considera que o dito límite debería eliminarse, excepto para presidentes, sempre que a persoa que se impute acredite fehacientemente o traballo realizado no marco de actuación destes proxectos, tanto máis se atendemos á realidade da gran maioría das entidades sen ánimo de lucro, con persoal altamente cualificado e persoal xerente que realiza labores de apoio e captación de empresas con interese en contratar.
Sexta.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1.f) deste precepto regula como criterio de valoración a experiencia acreditada, nos últimos cinco anos, no desenvolvemento de programas integrados para o emprego ou lanzadeiras de emprego de Galicia subvencionados polo Servizo Público de Emprego de Galicia, valorando os resultados de inserción acadados pola entidade en relación coas porcentaxes previamente comprometidas, e o resultado das visitas de seguimento realizadas.
Na opinión da CEG, debería valorarse tamén a experiencia das entidades sen ánimo de lucro na execución de outros programas de fomento do emprego (entre outros: orientación laboral, xestión e colaboración na inserción laboral a través non só de programas integrados para o emprego) e que contribúen a acreditar a solvencia da entidade en materia de inserción laboral.
Sétima.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
O apartado h) valora, con ata 10 puntos, o carácter innovador do programa.
Segundo a CEG, a existencia de medidas de conciliación laboral e familiar ou a impartición de formación do catálogo de especialidades do Servizo Público de Empego Estatal, non son factores innovadores en si mesmos, polo que deberían estar noutro apartado.
Oitava.- Artigo 13. Contía das subvencións.
Este artigo fixa a contía máxima da subvención en 2.500 euros por cada persoa desempregada participante.
A CEG propón que se valore incrementar a dita contía cando o programa se destine ao colectivo referido no artigo 3.b.a) e 3.b.c).
Novena.- Artigo 14. Gastos imputables.
O apartado d) deste artigo establece o dereito das persoas que participen no programa integrado de emprego a percibir unha bolsa de 7 euros por día de asistencia as accións do programa.
A CEG considera que dita obriga debería substituírse pola previsión de que o dito importe sexa abonado directamente pola Consellería ou, no seu defecto, sexa abonado integramente como anticipo ás entidades executoras para non agravar as súas finanzas.
Décima.- Artigo 18. Seguimento das accións.
Segundo o apartado 2 deste precepto: “transcorridos nove meses desde a finalización do prazo previsto para a execución dos programas comprobarase a correspondencia da inserción laboral co acreditado na liquidación da subvención esixíndose, no caso contrario, a devolución proporcional da subvención indebidamente percibida de acordo co previsto no artigo seguinte”.
Esta obriga coloca a entidade executante do programa integrado de emprego nunha situación de total inseguridade ao non recoller ningún tipo de salvidade respecto a posibles terminacións da relación laboral por causas totalmente alleas á entidade, sobre todo cando a duración das insercións solicitadas se incrementan tanto como se pretende no artigo 3, mencionado xa na consideración específica primeira deste anexo.
Polo exposto, a CEG considera que se debería introducir algunha salvidade que recolla esa circunstancia.