- ANTECEDENTES
O día 28 de xuño de 2020 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2021-2022. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, “a Consellería de Emprego e Igualdade, en concordancia co desenvolvemento doutras medidas no ámbito social e na execución das políticas activas de emprego, no marco da Axenda 20 para o emprego, establece accións específicas para a inserción das persoas con discapacidade que teñen por obxecto a mellora da súa empregabilidade e, coordinadamente, o establecemento de medidas para a súa inserción normalizada no mercado de traballo, pois entende que o acceso ao emprego é un elemento decisivo para a integración deste colectivo na economía e na sociedade nun sentido amplo”.
Neste senso configúranse as axudas que recolle este proxecto de orde que terían como fin garantir a empregabilidade das persoas con discapacidade a través dos tres programas que se regulan.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio anterior, publicada no DOG o día 23 de xullo de 2020 e o ditame emitido polo Consello con data 15 de xuño de 2020 (ditame 8/2020), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións sobre o fondo manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
Respecto do programa I (subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional) cómpre destacar que as persoas profesionais técnicas, ás que se refire o artigo 31, deben ter unha titulación de grao medio ou superior relacionada co ámbito da discapacidade, especificación que non se recollía na orde anterior.
En canto ao programa II (axudas para a creación de postos de traballos estables, adaptación de postos e asistencia técnica para os CEE), o artigo 40 recolle como novidade unha axuda por asistencia técnica para a realización do informe de auditoría ao que alude o artigo 40.1.d), para CEE de ata 10 persoas contratadas de 1.000€.
Polo que respecta á obriga de destinar a subvención ao plan de investimento polo que se concedeu a axuda, recollida no artigo 43, o novo proxecto prevé a posibilidade de que o órgano xestor autorice que se dea un destino distinto ás axudas concedidas sempre que o novo destino siga mantendo as condicións de viabilidade e de relación directa co posto ou postos de traballo creados.
Este mesmo artigo incorpora unha nova obriga, pola cal se debe manter durante dous anos o incremento de emprego neto respecto ao cadro de persoal fixo de persoas con discapacidade que tiña o centro no último expediente concedido de axudas a proxectos de creación.
Obsérvase un incremento na contía total do orzamento destinado a estas axudas, que pasa de 17.180.000 a 20.000.200€ (artigo 50).
Segundo o artigo 51, o prazo para a presentación de solicitudes remata o 30 de setembro de 2021, mentres que a orde anterior fixaba un período de presentación dun mes desde a publicación da orde.
Cómpre destacar, tamén, que as bases reguladoras que recolle esta orde terán unha vixencia indefinida, tal e como indica a disposición adicional cuarta.
Finalmente, a disposición adicional quinta recolle unhas medidas excepcionais para o caso de que as entidades beneficiarias estean incursas nun ERTE.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO.
O texto do anteproxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2021-2022” consta de: Exposición de motivos, cincuenta e seis artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 7 de xullo de 2021 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se transcribe a continuación, que contén tres consideracións xerais e catro consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén así mesmo, como anexos, as consideracións non unánimes seguintes: dúas xerais e tres específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia (Anexo I), unha xeral manifestada polas organizacións sindicais CIG e UGT-Galicia e pola CEG (Anexo II), unha específica manifestada pola CIG (Anexo III) e unha xeral e oito específicas manifestadas pola CEG (Anexo IV).
|
DITAME 26/2021
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2021-2022”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 28 de xuño de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 7 de xullo de 2021 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.
Existen dous tipos de Centros Especiais de Emprego: as asociación e entidades sen fins de lucro e as formas xurídicas mercantís.
Este Comité considera que se debería intensificar a diferenciación real e normativa recollida nos tres programas entre ambos tipos en favor das asociación e entidades sen fins de lucro.
O impacto desta non diferenciación é moi significativo no artigo 50 á hora de asignar a dotación orzamentaria a cada un dos tipos de entidade, tendo en conta as circunstancias previstas nos artigos 36 e 37 da orde que farían necesario unha diferenciación entre as partidas económicas asignadas a centros especiais de emprego con e sen ánimo de lucro dun xeito que non só non vaia en detrimento destes últimos, senón que supoña un incremento na contía dos créditos que lles corresponden.
Segunda.
No proxecto de orde que se somete a ditame mantense a eliminación das subvencións para o saneamento financeiro e para o equilibrio orzamentario no artigo 19 e, en consecuencia, elimínanse as previsións que afectaban a estas axudas en ordes anteriores.
Este Comité considera que deberían recuperarse estas subvencións exclusivamente para os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro.
Terceira.
Nos artigos 11 e 19 utilízanse as letras j e k, impropias do alfabeto galego. A Secretaría Xeral de Emprego xustifica o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.
Obsérvase, tamén, que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic], respecto a que veñan encaixadas baixo un título común.
Finalmente, obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, polo que propón a súa corrección.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira. Artigo 17. Pagamento da subvención.
O apartado 5 deste precepto sinala os casos en que non se poderá realizar o pagamento da subvención, entre eles, o suposto en que o CEE beneficiario sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.
Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible; e que se recolla a posibilidade de permitir ao centro beneficiario subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, no caso de que non sexa coñecedor da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a beneficiaria.
Segunda. Artigo 19. Obrigas xerais dos Centros Especiais de Emprego
No apartado g) deste artigo establécese a obriga dos CEE beneficiarios de “conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.”
Este Comité considera que o precepto debería ser máis concreto para aportar seguridade xurídica. Neste sentido, sería preciso especificar o tempo durante o que se deben conservar os documentos.
Terceira. Artigo 30. Conceptos subvencionables e contía.
En coherencia coa consideración xeral primeira, este Comité considera que debería establecerse unha diferenciación sensible respecto da contía base recollida neste artigo en favor do CEE sen ánimo de lucro.
Cuarta. Artigo 53.Prazos de xustificación.
Respecto dos apartados 1 e 2 deste artigo, este Comité considera que se deberían ampliar significativamente os prazos de xustificación para os supostos recollidos en ambos apartados.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E UGT-GALICIA.
Consideracións xerais:
Primeira.
O actual marco normativo, que debera ter como finalidade a integración laboral das persoas con discapacidade, está a xerar un efecto perverso que provoca que o resultado sexa o contrario do perseguido.
Ao aplicar un tratamento idéntico aos CEE con ánimo de lucro e sen ánimo de lucro, especialmente polo que respecta ao programa III, estase a prexudicar a estes últimos que teñen un claro fin social e a favorecer aos que perseguen un fin económico.
O masivo incumprimento do convenio colectivo sectorial nos CEE con ánimo de lucro sitúa aos traballadores e traballadoras dos mesmos nunha situación de clara discriminación ou mesmo de explotación laboral nalgúns casos o que, unido ás desequilibradas axudas que reciben os CEE, motiva situacións de dumping social respecto doutras empresas que traballan nos mesmos sectores.
Por todo o exposto, as axudas recollidas neste proxecto de orde deberían limitarse aos CEE sen ánimo de lucro.
Segunda.
O encadramento normativo para acadar a integración laboral das persoas con discapacidade, do que deriva esta propia Orde que ditaminamos, vén constituído polo Texto Refundido da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e das Directrices da Unión Europea sobre a xestión das axudas ás empresas e ao emprego protexido.
Esta Orde ten como obxectivo complementar a merma que, teoricamente, sofre a empresa na súa produción e rendabilidade polo feito de contar con persoas traballadoras con discapacidade.
Existen dous tipos de Centros Especiais de Emprego, non só en Galicia senón tamén noutras Comunidades Autónomas: os centros sen ánimo de lucro e os que teñen ánimo de lucro por perseguir beneficio e rendabilidade. Esta diferenciación real non ten acollida no texto do proxecto normativo que se somete a ditame, posto que as dúas modalidades de centros reciben o mesmo tratamento.
A realidade amósanos a existencia de casos nos centros de emprego con ánimo de lucro nos que se conta con persoas traballadoras con discapacidades practicamente insignificantes que lles permitirían desenvolver o seu traballo nunha empresa ordinaria e, que non obstante, ese centro especial de emprego con ánimo de lucro está a percibir as axudas destinadas a paliar aquela merma da que falamos con anterioridade, coa existencia dun evidente fraude de lei.
Outro problema engadido é a non identificación do campo de traballo dos centros especiais de emprego, pois pode darse o caso, por exemplo, que, en supostos de subrogación nos servizos, non se poda producir a pertinente asunción de persoas traballadoras discapacitadas pola nova empresa concesionaria.
Entendemos, en todo caso, que ambas as dúas modalidades de centros requiren unha regulación diferente ou a adopción dalgún tipo de medida que erradique este enriquecemento ilícito. Noutras Comunidades Autónomas estanse a tomar medidas nese senso, como as de non subvencionar aos centros especiais de emprego con ánimo de lucro ou non cualificalos como tales, facendo partícipes das axudas soamente aos que carecen de ánimo de lucro.
Todas estas situacións demandan a necesidade de artellar un novo marco legal que lle dea cobertura e que inclúa unha serie de medidas, como poden ser, a título de exemplo: priorización dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro á hora de conceder as axudas; facer unha selección estrita de todos os centros respecto do cumprimento dos requirimentos legais para percibilas; manter a axuda dos centros especiais sen ánimo de lucro sempre que non incorran en xestión deficiente…e que na elaboración e xestión deste programa interveñan, ademais dos responsables das políticas activas de emprego autonómicos, as organizacións sindicais e empresariais galegas.
Consideracións específicas:
Primeira.- Artigo 17. Pagamento da subvención.
Respecto dos anticipos recollidos neste precepto, as organizacións sindicais consideran que deberían beneficiarse deles soamente os CEE sen ánimo de lucro, igual que acontece con outras axudas.
Segunda.- Artigo 19. Obrigas xerais dos Centros Especiais de Emprego
As organizacións sindicais propoñen que se engada, como unha das obrigas aquí recollidas, o cumprimento do convenio colectivo que sexa de aplicación que será sectorial no caso dos CEE que adopten formas xurídicas mercantís.
Terceira.-Artigo 45. Obxecto.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que soamente deberían ser obxecto de subvención ao abeiro deste programa III o custo salarial das persoas contratadas en CEE sen ánimo de lucro.
ANEXO II
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG E UGT – GALICIA E POLA CEG
A situación derivada da emerxencia sanitaria na que nos atopamos fai necesario que se recollan nesta orde medidas específicas de apoio para facer fronte aos esforzos complementarios que se requirirán para garantir o funcionamento dos CEE nas debidas condicións de seguridade.
Este Comité considera que as circunstancias excepcionais xustifican o establecemento das ditas medidas para cubrir os gastos derivados tendo en conta, ademais, as necesidades específicas dos CEE.
ANEXO III
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:
Artigo 30. Conceptos subvencionables e contía.
A CIG manifesta a súa desconformidade coa supresión na orde do exercicio 2014 do apartado que establecía que os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro, que tiveran no seu cadro de persoal 5 ou menos persoas traballadoras con discapacidade, cun contrato indefinido e a xornada completa, poderían percibir unha subvención de ata o 50% dos custos da unidade de apoio á actividade profesional, polo que propoñen que se reincorpore a este proxecto normativo.
ANEXO IV
CONSIDERACIÓN XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Consideración xeral:
A CEG considera necesario que na convocatoria destas axudas se estableza unha diferenciación nas contías atendendo ás diferentes finalidades dos centros, en concreto, atendendo ao seu beneficio social ou ao seu beneficio económico.
Consideracións específicas:
Primeira. Artigo 4. Persoas destinatarias finais.
A CEG considera que se debería valorar a posibilidade de que sexa subvencionable o acceso de persoas con discapacidade, incluídas as que se atopen inscritas como mellora do emprego no SEPE.
Segunda. Artigo 5. Definicións
O apartado 2 deste artigo define ás persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral incluíndo, no ítem c) ás persoas pertencentes a colectivos con especial vulnerabilidade, definidos como tales en cada convocatoria.
A CEG considera que sería necesario definir nesta convocatoria a quen se fai referencia no dito ítem c), xa que non está concretado, para coñecer realmente o seu alcance dado que hai persoas contratadas nos centros con diferentes grados de discapacidade que se atopan, todas elas, en situación de vulnerabilidade.
Así mesmo, a CEG entende que é necesario ampliar as previsións dos incentivos no resto de programas.
Terceira. Artigo 39. Adaptación de postos de traballo.
Segundo este precepto, establécese unha subvención para a adaptación de postos de traballo e para a eliminación de barreiras arquitectónicas, esixindo que a necesidade da adaptación conte cun informe favorable da Inspección de Traballo e Seguridade Social, solicitado de oficio polo órgano instrutor.
A CEG considera que se debe permitir flexibilizar esa esixencia de xeito que se poida subvencionar unha adaptación de posto de traballo aínda que o informe ao que se refire este artigo sexa desfavorable, sempre que estea xustificada a necesidade da dita adaptación.
Formúlase a mesa consideración respecto do previsto no artigo 44.3.
Cuarta. Artigo 39. Adaptación de postos de traballo.
O apartado 5 do artigo 38 establece que, no caso de vehículos, será subvencionable a adquisición dos vehículos comerciais ou industriais necesarios e de uso exclusivo para o desenvolvemento da actividade empresarial ou profesional, e os automóbiles de turismo que sexan empregados nos desprazamentos profesionais por persoas representantes ou axentes comerciais, os empregados na venda a domicilio, na prestación de servizos de transporte de persoas viaxeiras, de ensinanzas de condución e os empregados en servizos de vixilancia.
A CEG considera que debería subvencionarse a adaptación de todos os vehículos que o requiran, independientemente da relación pechada que recolle o artigo 38.
Quinta. Artigo 40. Asistencia técnica.
O apartado 1.a) deste precepto prevé unha subvención para a contratación de persoal de dirección sempre que o CEE teña, como mínimo, 10 persoas traballadoras. Ademais, esta axuda poderá concederse en dúas convocatorias.
A CEG considera necesario fixar o número mínimo de persoas traballadoras en 5, xa que isto permitiría que os centros con menor número de traballadores e con potencial de creación de emprego puidese adaptarse de forma áxil ás necesidades dun mercado laboral cambiante.
Sexta. Artigo 43. Obrigas e reintegros específicos do Programa II.
Como o obxecto e esixencia da subvención é manter o posto de traballo durante 2 anos, é necesario que en supostos de despedimento improcedente, se outorgue a posibilidade de substituír á persoa traballadora, pola realidade que en ocasións se dá no mercado laboral. Por tanto pódese establecer a esixencia de 24 meses de traballo efectivo.
A CEG solicita permitir a substitución en supostos de despedimento improcedente, antes de ter a obriga de reintegro do 100% ou en todo caso que o reintegro sexa proporcional ao tempo restante de contrato.
Sétima. Artigo 46. Conceptos subvencionables e contía.
Segundo o apartado 4 deste artigo: “nas situacións de incapacidade temporal, son subvencionables exclusivamente os días en que o pagamento lle corresponda integramente ao centro especial de emprego, de conformidade co que dispoña a normativa da Seguridade Social ou o convenio colectivo de aplicación”.
A CEG propón que se suprima o termo “integramente” sen prexuízo das dificultades de xestión que isto poida conlevar para a Administración.
Oitava. Artigo 55. Particularidades no programa III (custo salarial).
A previsión adicional do 10% afecta ás persoas con discapacidade incluídas no artigo 5.2.
Considérase que dita ampliación se ten que trasladar tamén a outros colectivos non recollidos inicialmente no artigo 5.2 pero que si presentan dificultades de inserción, que non dependen só de tipo e grao.
Polo tanto, en coherencia coa proposta realizada para o artigo 5.2 nestas consideracións, ampliaríanse os potenciais beneficiarios desta mellora.