Pasar al contenido principal

Ditame 27/21

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:06
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras, que rexerán as axudas para a conciliación por maternidade ou paternidade da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021.
  1. ANTECEDENTES

O día 23 de xuño de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras, que rexerán as axudas para a conciliación por maternidade ou paternidade da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021. Posteriormente, o 5 de xullo remitiuse un novo texto que introducía correccións sobre o proxecto xa envidado. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo se establece na exposición de motivos, “é preciso adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido produtivo galego”.

Ademais, na exposición de motivos afírmase que “o tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas, polo que a Xunta de Galicia aposta por impulsar o traballo autónomo, como xeito máis de incorporación ao mercado de traballo, motivo polo que se establecen estas axudas sen concorrencia entre as persoas solicitantes”.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior, publicado no DOG o día 3 de febreiro de 2020 e o ditame emitido polo Consello con data 11 de decembro de 2019 (Ditame 55/2019), obsérvase que tivo en conta algunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Segundo o artigo 1, que recolle o obxecto da norma, neste novo proxecto tamén será subvencionable a contratación de persoas traballadoras destinadas a apoiar o coidado de menores e/ou maiores dependentes.

O artigo 4 recolle as accións subvencionables así como os importes das axudas. Engádese una segunda modalidade de “Bono Concilia”  que subvenciona contratacións para o coidado de menores, maiores ou dependentes.

Pola súa banda, o Bono Gardería que se prevía na orde anterior substitúese por un “Bono autónomo coidado de menores”, que subvenciona o 75% do custo dos servizos de coidado de menores ata un  máximo de 3.000€.

Finalmente, engádese un “Bono autónomo coidado de persoas maiores ou depedentes” consistente na subvención do 75% do custo dos servizos de coidado de persoas maiores e/ou dependentes, ata un máximo de 3.000€.

Obsérvase, no artigo 5, a diminución do crédito asignado a estas axudas que se reduce de 800.000 a 500.000 euros.

 

  1. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras, que rexerán as axudas para a conciliación por maternidade ou paternidade da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021” consta de: Exposición de motivos, vinte e seis artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 12 de xullo de 2021 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e catro consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

 

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral non unánime manifestada polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia, e S.N. de CCOO de Galicia (Anexo I) e unha xeral non unánime manifestada pola CIG (Anexo II).

 

 

 

DITAME 27/2021

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras, que rexerán as axudas para a conciliación por maternidade ou paternidade da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021”, da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 23 de xuño de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de xullo de 2021 , acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

  

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira

Este Comité propón que se revise ao longo do texto do proxecto normativo a terminoloxía empregada ao referirse ás persoas destinatarias da subvención; fálase indistintamente de persoas ou entidades beneficiarias ou interesadas cando a referencia debe facerse, en todo caso, as persoas autónomas beneficiarias ou interesadas.

 Segunda

Este Comité propón unha revisión do texto sometido a ditame cara á unha axeitada utilización da linguaxe inclusiva, xa que se observa o emprego do masculino xenérico (por exemplo, “o beneficiario” nos artigos 4 e 24)

Pola súa banda, as disposicións adicionais deberían encaixarse baixo o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Obsérvase o mesmo respecto das disposicións finais.

Finalmente, as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

  CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 Primeira.- Artigo 10. Prazo de presentación de solicitudes.

Segundo o apartado 1 deste precepto o prazo para a presentación das solicitudes remata o 30 de setembro de 2021.

 Este Comité considera que se debe garantir a convocatoria destas axudas en tempo e forma para evitar así un posible período de lagoa.

 Segunda.- Artigo 13. Transparencia e bo goberno.

Segundo o apartado 1 deste precepto, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas e incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos.

Este Comité considera que se debería especificar que se trata de sancións firmes.

 Terceira.- Artigo 19. Resolución e recursos.

O apartado 2 fixa o prazo para resolver e notificar en tres meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Este Comité considera que, dado que o procedemento de tramitación das axudas é relativamente simple, o dito prazo é excesivo polo debería reducirse.

Cuarta.- Artigo 21. Xustificación e pagamento.

Segundo o disposto no último apartado deste artigo, non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a persoa beneficiaria teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa administración.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

 

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA, E S.N. DE CCOO DE GALICIA:

 As organizacións sindicais que integran este Comité non comparten a inclusión dun bono gardería neste proxecto normativo, xa que o consideran un elemento discriminatorio ao concederse sen esixir máis requisito que o de ser unha persoa autónoma, cando xa existe un bono coidado de menores para o conxunto da poboación cuns criterios e requisitos que non se aplican neste caso. Proponse, polo tanto, que se suprima do texto da orde.

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:

En coherencia co manifestado na Exposición de motivos deste proxecto de orde, a CIG considera que debería contemplarse a posibilidade de engadir unha cláusula de acción positiva dirixida a favorecer que as persoas contratadas ao abeiro desta orde sexan, preferiblemente, mulleres.

 

Número ditame
27