- ANTECEDENTES
O día 13 de xullo de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega proxecto de orde pola que se realiza a segunda convocatoria de axudas para o ano 2021 do programa I de axudas ao custo salarial de persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social nas empresas de inserción laboral. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
En data 12 de febreiro de 2021 publicábase no DOG a Orde do 31 de decembro de 2020 establecía as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, realizaba a convocatoria destas axudas para o ano 2021.
Segundo a exposición de motivos “Coa finalidade de que calquera empresa de inserción laboral que estea cualificada ou teña solicitada a cualificación como tal poida solicitar as axudas do Programa I (axudas ao mantemento do custo salarial das persoas traballadoras en risco ou situación de exclusión social), dando así igualdade de trato a todas as posibles empresas de inserción laboral, e dado que existe crédito axeitado e suficiente parece convinte realizar unha nova convocatoria de axudas na que o prazo de solicitudes se estenda como mínimo ata o remate do período subvencionable.”
Este proxecto normativo, polo tanto, recolle unha segunda convocatoria destas axudas e, do seu contido, destaca o seguinte:
A dotación orzamentaria fíxase en 100.000,00 €, segundo o artigo 3.
O artigo 4 recorda que poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades previstas na Orde do 31.12.2021 xa citada, isto é: as empresas de inserción laboral inscritas como tales e as empresas que na data de presentación da solicitude da axuda teñan solicitado a súa cualificación como empresa de inserción laboral.
O período subvencionable comprenderá desde o 1.10.2020 ata o 30.09.2021 (artigo 5).
En canto ao prazo de presentación de solicitudes (artigo 7), abrangue ata o 30.09.2021 ou, se o dito período resultara ser inferior a un mes desde a publicación deste proxecto de orde, prevese que o prazo sexa dun mes desde a publicación.
Polo que respecta á resolución e notificación, o prazo que establece o artigo 12 é de tres meses.
Finalmente, cómpre destacar tamén a disposición adicional primeira que recolle as medidas excepcionais no caso de expedientes de regulación temporal de emprego derivados da pandemia pola COVID-19.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se realiza a segunda convocatoria de axudas para o ano 2021 do programa I de axudas ao custo salarial de persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social nas empresas de inserción laboral” consta de: Exposición de motivos, doce artigos, tres disposicións adicionais e dúas finais.
O día 15 de xullo de 2021 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e catro consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.
Así mesmo contén, como anexo, unha consideración xeral non unánime manifestada polas organizacións sindicais CIG, SN de CCOO de Galicia e UGT- Galicia.
|
DITAME 33/2021
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se realiza a segunda convocatoria de axudas para o ano 2021 do programa I de axudas ao custo salarial de persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social nas empresas de inserción laboral, da Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 13 de xullo de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 15 de xullo de 2021, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.
Este Comité considera que se debería aclarar o motivo de acudir a unha segunda convocatoria destas axudas en vez de empregar outra fórmula, como a ampliación de crédito para a convocatoria publicada no DOG en data 12.02.2021.
En todo caso, enténdese que sería máis axeitado que esta nova orde se limitara unicamente a recoller a convocatoria e remitira, para todo os demais aspectos, ás bases xa publicadas xa que se observan reproducións parciais dalgúns contidos xerando a correspondente confusión.
Segunda
Na exposición de motivos bótase en falta a fórmula empregada en todos os proxectos normativos sometidos a ditame na cal se indica que no procedemento de tramitación do devandito texto se consultou ao Consello Galego de Relacións Laborais.
Terceira.
Obsérvase o emprego da letra j na clasificación do artigo 16, impropia do alfabeto galego. Nas respostas remitidas pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto desta mesma consideración en outras ordes, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.
Pola súa banda, as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.
Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.-Artigo 6. Competencia.
O contido deste artigo coincide co recollido na disposición adicional segunda, polo que este Comité propón que a delegación da competencia para coñecer e resolver as solicitudes figure nun so punto do texto normativo.
Segunda.- Artigo 7. Solicitudes.
Este precepto establece que o prazo para presentar as solicitudes abrangue ata o 30.09.2021 ou, se o dito período resultara ser inferior a un mes desde a publicación deste proxecto de orde, prevese que o prazo sexa dun mes desde a publicación.
Porén, o artigo 58 da orde publicado en data 12.02.2021, fixaba un prazo de 2 meses.
Este Comité considera que a previsión no novo proxecto normativo xera unhas circunstancias de desigualdade, polo que propón que se respecte na nova convocatoria o prazo recollido na anterior.
Terceira.- Artigo 8. Documentación complementaria.
Este Comité considera que se debería aclarar as referencias á excepcionalidade que se fan no parágrafo segundo do apartado 3 e no parágrafo segundo do apartado segundo e evitar, así, que se poidan dar actuacións de tipo discrecional.
Cuarta.- Artigo 16. Xustificación e pagamento.
Segundo este precepto, a data final para presentar a documentación xustificativa que relaciona este mesmo artigo é o 8.11.2021.
Chama a atención que nin nas bases ni na convocatoria anterior se recollera prazo de xustificación algún, polo que se pide unha aclaración ao respecto.
ANEXO
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, SN de CCOO de Galicia e UGT-Galicia.
As empresas de inserción laboral poden recibir, ao abeiro desta orde, axudas ao mantemento do custo salarial, axudas para a asistencia técnica ou para a posta en marcha de actividades e, entre outras, axudas para as labores de intermediación que xa supoñen funcións propias do persoal técnico.
As organizacións sindicais consideran que que hai un exceso de liñas de axuda nesta orde que acaban recaendo sobre os mesmos conceptos, tendo en conta que se dirixen a empresas de inserción laboral cunhas finalidades moi específicas e á vista, tamén, do baixo volume de beneficiarias, o que obriga a repensar o contido da norma