Pasar al contenido principal

Ditame 42/21

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:06
Ditame sobre o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás organizacións sindicais e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 tramitada por anticipado de gasto.
  1. ANTECEDENTES

O día 22 de outubro de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás organizacións sindicais e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 tramitada por anticipado de gasto. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, “este proxecto de orde ten como finalidade facilitar a realización das funcións propias das organizacións sindicais e a promoción do funcionamento dos seus gabinetes técnicos, así como o apoio aos plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais”.

As subvencións reguladas na referida orde son de dous tipos:

  • Programa I: Axuda para o desenvolvemento das actividades ordinarias das organizacións sindicais durante o ano 2022.
  • Programa II: Axudas para a creación e/ou funcionamento de gabinetes técnicos das organizacións sindicais e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2021 (publicado no DOG o día 18 de marzo de 2021) e o ditame emitido polo Consello con data 12 de decembro de 2020 (Ditame 29/2020), obsérvase que se tivo en conta, parcialmente, unha consideración de carácter formal manifestada polas organizacións sindicais.

A única novidade do novo proxecto normativo é que engade, no artigo 21, un apartado no que relaciona as axudas coas que serán incompatibles as subvencións do Programa II Desta orde.

 De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

  1. CONTIDO.

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás organizacións sindicais e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 tramitada por anticipado de gasto” consta de: Exposición de motivos, vinte e sete artigos, unha disposición adicional e tres disposicións finais.

O día 27 de outubro de 2021 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dous anexos coas consideracións xerais e específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma:

  • Anexo I, que contén seis consideracións xerais e oito específicas de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais CIG, S.N. de CC.OO. de Galicia e UGT-Galicia.

 

  • Anexo II, que contén unha consideración xeral de carácter non unánime manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia.

 

DITAME 41/2021

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás organizacións sindicais e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 tramitada por anticipado de gasto, remitido pola Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 22 de outubro de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza que tivo lugar o día 27 de outubro de 2021, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

   

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, S.N. de CC.OO. DE GALICIA E UGT-GALICIA.

 Consideracións xerais:

Primeira.Obsérvase que o orzamento previsto para estas axudas mantense conxelado en 1.099.800 de euros desde hai cinco exercicios e, ademais, trátase dun importe inferior ao orzamentado no ano 2011.

Segunda.

En relación coa consideración xeral que expresa a CEG no Anexo II deste ditame, as organizacións  sindicais consideran que a súa base argumental está certamente desenfocada e, ademais, lembran a existencia de múltiples partidas orzamentarias que se entregan en exclusiva ás organizacións  empresariais, que suman un montante moi superior ao previsto nesta orde para as organizacións sindicais.

Terceira.

As organizacións sindicais solicitan que as expresións “organizacións sindicais con representación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia” e “organizacións sindicais intersectoriais” que aparecen recollidas no texto do proxecto normativo, sexan substituídas por “organizacións sindicais intersectoriais máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia”.

Cuarta.

Sería recomendable introducir, debido a posibilidade de realizar cursos e xornadas na modalidade de teleformación ou aula virtual, os requisitos de asistencia a dita formación, a posibilidade de subvencionar os custos necesarios para a impartición en liña do curso ou xornada e a documentación a aportar nas citadas modalidades; ao igual que se fixo no proxecto de ORDE pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais nos seus artigos 10, 11 e 18.

Quinta.

Obsérvanse algúns erros que deben corrixirse:

. No título do proxecto normativo figura que se trata da Orde do 1 de marzo de 2021.

. No artigo 19.1 fixa que o prazo de xustificación das axudas rematará o 31 de outubro de 2020, cando o correcto sería o 31 de outubro de 2021.

Sexta.

No artigo 20 utilízase na clasificación a letra j) que se considera impropia do alfabeto galego.

A Consellería xustifica o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, as organizacións sindicais que integran o CGRL consideran que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

Por outra banda obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións finais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas, mentres que a disposición adicional debería denominarse disposición adicional única.

Ademais, no texto sometido a ditame figuran tres disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

 

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 9. Entidades beneficiarias e actividades subvencionables.

As organizacións sindicais consideran que no primeiro parágrafo  deste artigo debería figurar unha referencia á Lei orgánica 11/1985 de liberdade sindical.

Segunda.- Artigo 20. Xustificación da subvención.

Considérase que se debería habilitar a posibilidade de xustificar gastos ata o 31 de decembro ou, en todo caso, por períodos anuais completos xa que a actividade ordinaria desenvólvese ao longo de todo o ano.

Terceira.- Artigo 20. Xustificación da subvención.

Na letra i) do apartado 5 deste artigo, recóllese no seu último  punto que “deberán constar datas e lugares de realización así coma o contido das ditas actividades”.

Considérase que esta redacción adoece de indefinición, é imprecisa, confusa e mesmo podería resultar redundante, polo que se propón a súa supresión.

Cuarta.- Artigo 20. Xustificación da subvención.

Na última frase do item 3º da letra j do apartado 5 deste artigo establécese que “no caso de plans de formación deberán achegarse os controis de asistencia de cada alumna ou alumno ás actividades fomativas”.

Proponse a supresión da dita frase posto que pode colisionar co dereito fundamental de liberdade sindical, protexido constitucionalmente, por canto ningunha persoa pode ser obrigada a expresar a súa afiliación a un sindicato determinado.

Quinta.- Artigo 20. Xustificación da subvención.

Segundo o apartado 9, non poderá realizarse o pagamento da subvención se a central sindical beneficiaria non está ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintrego ou teña calquera débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma.

As organizacións sindicais que integran Comité propoñen que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “calquera débeda pendente”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

Por outro lado, a resolución de procedencia de reintegro debería ter carácter firme, do mesmo xeito que figura noutras ordes.

Sexta.- Artigo 21. Compatibilidade e prohibicións.

Neste proxecto engádese un apartado 2 neste artigo, que sinala as axudas coas que serán incompatibles as subvencións do Programa II desta orde.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que esta previsión debería eliminarse xa que os gabinetes técnicos non se limitan ás actividades que menciona este apartado, de xeito que se impide subvencionar coas axudas asignadas ao programa II actividades propias dos ditos gabinetes (como asesoramento en materia de economía social).

Subsidiariamente, solicítase que se incorpore o orzamento destinado a este punto  ao programa I desta orde de xeito que se poida incluír as actividades que antes se desempeñaban con cargo ao programa II.

Sétima.- Artigo 22. Obrigas das entidades beneficiarias.

No apartado 2 deste artigo disponse que cando se trate de axudas destinadas ao funcionamento de gabinetes técnicos das organizacións sindicais, achegaranse antes do 10 de febreiro de 2023 os xustificantes correspondentes ás cotizacións da Seguridade Social (RLC e RNT, Sistema de liquidación directa Proxecto Creta) onde figuren os traballadores e traballadoras con adscrición ao gabinete durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro do 2022 ou desde a data da súa creación, se esta fose posterior, ata o 31 de decembro do 2022.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran excesiva esta esixencia de achega documental, cando xa no artigo 11 se require, especificamente para este suposto, a achega de copia dos contratos de traballo do persoal adscrito ao gabinete de que se trate (ademais da documentación que recolle o artigo 19).

Oitava.- Artigo 22. Obrigas das entidades beneficiarias.

No apartado 4 deste artigo establécese a obriga de conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos “en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control”.

Considérase que debería fixarse un prazo para o cumprimento da citada obriga.

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

A Confederación de Empresarios de Galicia continúa a reiterar o seu total desacordo coa falta de equilibrio e ponderación de intereses que representa o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2022, tal e como viñamos poñendo de manifesto en convocatorias anteriores.

O proxecto normativo que se somete a ditame proporciona unha cobertura xurídica para o outorgamento de subvencións ás centrais sindicais  con representación na Comunidade Autónoma de Galicia, para o desenvolvemento das súas actividades ordinarias durante o ano 2012, para a creación e/ou funcionamento dos seus gabinetes técnicos e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

Ao non ofrecer, no marco desta regulación ou noutra “ad hoc”, a posibilidade de concorrer á convocatoria por parte das asociacións empresariais en equilibrio coas organizacións sindicais, estanse a conculcar os principios de igualdade e paridade que deben observarse na sempre delicada composición de intereses que representan as relacións laborais.

A Confederación de Empresarios de Galicia, como asociacións empresarial máis representativa en Galicia, representa os intereses económicos e sociais dos seus asociados, de conformidade co establecido no artigo 7 da Constitución Española: “Os sindicatos de traballadores e as asociacións empresariais contribúen á defensa e promoción dos intereses económicos e sociais que lles son propios”.

As asociacións empresariais desenvolven actividades nas que o interese público está claramente presente (diálogo social e institucional, prevención de riscos laborais, fomento da creación de empresas, por poñer algúns exemplos sen carácter exhaustivo) e que deben ser apoiadas e fomentadas igualmente pola Administración Laboral.

Neste sentido, tanto o carácter como a función que ás asociacións empresariais lles encomenda o artigo 7 da Constitución, leva a consideralas como asociacións de relevancia constitucional que cumpren unha función de importancia de acordo coa propia Constitución e como importantes pilares dentro do Estado social e democrático de Dereito.

Que no texto da Constitución se incluíra o dereito de asociación empresarial ao lado do dereito dos sindicatos de traballadores á defensa dos seus respectivos intereses, é un correlato lóxico de trasladar ao noso ordenamento os Convenios 87 e 98 da OIT, que se refiren indistintamente a ambos tipos de organizacións sindicais e empresariais. Así mesmo a Carta Social Europea do Consejo de Europa de 1961, no seu art. 5, define o Dereito Sindical como a liberdade dos traballadores e empregadores para constituír organizacións locais, nacionais ou internacionais para a protección dos seus intereses económicos e sociais, establecendo o compromiso de que a lexislación nacional non menoscabe esa liberdade nin se aplique de maneira que poda menoscabala.

É incuestionable o papel fundamental que cumpren as organizacións sindicais, pero exactamente no mesmo nivel é necesario situar ás organizacións empresariais. Deste modo, se as organizacións sindicais e empresariais cumpren unha función fundamental no noso sistema ata o punto de estar recollida a súa existencia no Título Preliminar da Constitución Española como garantes da defensa e promoción dos intereses económicos e sociais de persoas traballadoras e empresas, resulta totalmente inxustificado que existan subvencións específicas unicamente para unha das dúas partes.

 

Número ditame
42