- ANTECEDENTES
O día 2 de novembro de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa do bono das persoas autónomas no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, “o emprendemento é un factor estratéxico para o crecemento e o desenvolvemento económico dunha sociedade, sobre todo se é participativo, sostible e asume a responsabilidade empresarial na súa estratexia.
O emprego autónomo supón unha fórmula de relevancia para a integración no mercado laboral das persoas profesionais, emprendedoras e empresarias que opten polo desempeño da súa actividade laboral por conta propia, contribuíndo de xeito esencial á xeración de riqueza e emprego.
A opción de calquera persoa que desexe poñer en marcha unha idea de empresa e traballar por conta propia debe ser apoiada e fomentada pola Administración Pública, non só nos seus inicios senón tamén nos primeiros anos da súa andaina, e máis nestes tempos de crise provocada polo COVID-19”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2021 (publicado no DOG o día 12 de xullo de 2021) e o ditame emitido polo Consello con data 10 de febreiro de 2021 (Ditame 4/2021), obsérvase que se tivo en conta, parcialmente, unha das consideracións formais manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo texto cómpre destacar as seguintes novidades:
En canto aos orzamentos, aínda que o crédito asignado á Liña 1 destas axudas se mantén invariable, si se observa un incremento de 2.500.000€ respecto da Liña II (artigo 5).
Pola súa banda, increméntanse os servizos que cabe subvencionar con cada unha das liñas de axudas, segundo o artigo 7 da orde: plan de eficacia enerxética e plan de biodiversidade (na liña I) e a compra e/ou instalación para a mellora da eficiencia enerxética ou inversións para a substitución de combustibles fósiles ou materiais críticos ou escasos, entre outros (na liña II).
Este mesmo artigo engade un novo parágrafo, segundo o cal as administración laborais competentes nos seus respectivos ámbitos de xestión garantirán o pleno cumprimento do principio de “non causar dano significativo” (principio “do not significant harm – DNSH”) e a etiquetaxe climática e dixital, de acordo co previsto no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, aprobado polo Consello de Ministros o 27 de abril de 2021 e no Regulamento (UE) número 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, en todas as fases do deseño e execución dos proxectos.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa do bono das persoas autónomas no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022” consta de: Exposición de motivos, vinte e seis artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 11 de novembro de 2021 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e cinco específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
| DITAME 47/2021 |
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2022”, da Consellería de Emprego e Igualdade con data de rexistro de entrada neste Consello o 27 de outubro de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de novembro de 2021, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Este Comité observa que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.
Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira. – Artigo 6. Persoas beneficiarias.
O apartado 1 deste artigo exixe ás persoas traballadoras autónomas unha serie de requisitos para poder ser beneficiarias das axudas desta orde, entre eles, o de ter unha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional.
Este Comité segue a considerar que o dito prazo é excesivo, especialmente tendo en conta o contexto socio económico actual, polo que propón que se reduza en atención á tipoloxía da axuda que se regula e ás persoas destinatarias dela, co obxecto de dotar de maior alcance esta medida e que con independencia de que, administrativamente, se adscriba á Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade de Galicia.
Segunda. – Artigo 9. Solicitudes e prazo de presentación.
Este artigo fixa o prazo de presentación de solicitudes nun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde.
Este Comité entende que, ao non tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva e tendo en conta o incremento no orzamento para este exercicio e os resultados no ano anterior, o prazo debería permanecer aberto ata dar cobertura a todas as solicitudes.
Terceira. – Artigo 16. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste precepto fixa en tres meses o prazo para resolver as solicitudes e notificar a resolución.
Este Comité considera que este prazo é excesivo pola natureza destas axudas e ao tratarse dun procedemento sen concorrencia competitiva, polo que propón que se reduza sensiblemente.
Cuarta.-Artigo 18. Xustificación e pagamento.
Segundo o apartado 7 deste precepto non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á entidade solicitante subsanar a situación de ter algunha débeda pendente de pagamento, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.
O mesmo se observa respecto do previsto nos artigos 20.e) e 22.2.
Quinta.- Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias.
O apartado g) deste artigo establece a obriga de conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
Este Comité considera que, a pesar do recollido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se debería concretar o prazo que abrangue esta obriga para garantir a seguridade das persoas e entidades beneficiarias.