I. ANTECEDENTES
O día 4 de novembro de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección xeral de Formación e Colocación da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se realiza a convocatoria pública para o ano 2022 do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
A lei Orgánica 5/2002 do 19 de xuño, das Cualificacións e da Formación Profesional, ten como finalidade a creación dun Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional. Un dos fins deste Sistema Nacional é avaliar e acreditar oficialmente a cualificación profesional calquera que fose a forma da súa adquisición.
O Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral, establece o procedemento e os requisitos para a avaliación e acreditación das competencias profesionais. En Galicia, asígnase a xestión do procedemento ao Instituto Galego das Cualificacións
Vistos o borrador agora remitido, o texto da orde para o exercicio de 2021 publicada no DOG do día 14 de xaneiro de 2021 e o ditame emitido polo Consello con data 11 de decembro de 2020 (Ditame 30/2020), obsérvase que tívose en conta a consideración xeral manifestada polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
O artigo 1, da nova orde dispón que está dirixida preferentemente a persoal militar con relación de servizos de carácter temporal con Ministerio de Defensa ou persoal en situación legal de desemprego durante os dous anos posteriores a súa data de baixa nas Forzas Armadas.
Obsérvase unha diminución das prazas nas unidades de competencia que se indica no anexo I, pasando de 1209 a 460 prazas, cun total de 1600 unidades de competencia nas cualificacións profesionais (4140 unidades na anterior orde).
Consérvase una parte da cualificación profesional de vixilancia e seguridade privada, cun aumento de prazas de 162 a 240, incorporándose una nova unidade de competencia, introducindo as cualificacións profesionais de atención sanitaria a múltiples vítimas e catástrofes e a de amarre de porto e monoboias, e desaparecendo as demais contidas na orde anterior.
Suprímese o artigo 4 da orde anterior, cambiando a numeración dos seguintes artigos da nova.
Cambian algúns dos requisitos para participar no procedemento. Na letra b) do artigo 6 (artigo 7 da anterior orde), exixe ter 18 anos cumpridos no caso de solicitar unidades de competencia nivel 1. Manténse os 20 anos para niveis 2 e 3.
No caso de experiencia laboral:
O apartado 1 da letra c) do artigo 6, di que se xustificaran polo menos 3 anos de experiencia laboral, cun mínimo de 2000 horas traballadas, nos últimos 15 anos antes da convocatoria para unidades de competencia dos nivéis 2 e 3. Na orde anterior eran 10 anos.
En canto ao nivel 1 se xustificaran polo menos 2 anos de experiencia laboral, cun mínimo de 1200 horas traballadas, nos últimos 15 anos antes da convocatoria.
No caso de formación non formal:
O apartado 2 da letra c) do artigo 6, exixe xustificar polo menos 200 horas nos últimos 10 anos antes da convocatoria para o nivel 1.
No artigo 12, cambian os criterios de prioridade, tendo preferencia o persoal militar sobre o persoal civil.
No artigo 13, lista provisional de persoas admitidas, apartado 2, cambian o prazo de subsanación das solicitudes de 10 días naturais a 10 días hábiles.
No artigo 17, fases do procedemento, apartado oito, introducen indicadores de produtividade
No artigo 28, cofinanciamiento comunitario do procedemento, aparecen os diversos regulamentos comunitarios aplicables e as obrigas que conleva o cofinanciamento comunitario.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se realiza a convocatoria pública para o ano 2022 do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais cofinanciado nun 80% polo FSE con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020” consta de: Exposición de motivos, vinte e oito artigos, unha disposición adicional e tres disposicións finais.
O día 22 de novembro de 2021 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
| DITAME 50/2021 |
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se realiza a convocatoria pública para o ano 2022 do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais cofinanciado nun 80% polo FSE con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, con data de rexistro de entrada neste Consello o 4 de novembro de 2021, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de novembro de 2021, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.- Artigo 6. Requisitos de participación no procedemento.
Este Comité considera que deberían reducirse os requisitos de experiencia exixidos no artigo.
Segunda.- Artigo 11. Prazo de inscrición no procedemento.
No precepto fixa un prazo de inscrición de 20 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Este Comité considera que o devandito prazo debería aumentarse a 30 días hábiles, debido á complexidade do procedemento e co fin de darlle máis difusión e facelo accesible a todas as persoas interesadas.
Terceira.- Artigo 19. Fase de avaliación.
Este Comité considera que os métodos de avaliación están pouco especificados e deberían concretarse máis para que non se dean situacións diferenciadas.