Pasar al contenido principal

Ditame 55/21

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:06
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2022.
  1. ANTECEDENTES

O día 10 de novembro de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2022. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 29, epígrafe 1, que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a execución da lexislación do Estado en materia laboral.

Corresponden á Consellería de Emprego e Igualdade as competencias e funcións nesta materia e, entre outras, as relativas á seguridade e saúde laboral, de acordo co Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

Segundo a Exposición de motivos: “con esta orde estase a levar a cabo a promoción da prevención dos riscos laborais coa finalidade de promover melloras nas condicións de traballo, dirixidas a elevar o nivel de protección e da seguridade e saúde laboral”.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2020 (publicado no DOG o día 16 de xaneiro de 2020) e o ditame emitido polo Consello con data 28 de novembro de 2019 (Ditame 46/19), obsérvase que se tiveron en conta dúas das consideracións de fondo manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

No artigo 3, obsérvase que a liña 1 aumenta en 200.000 euros pasando de un orzamento de 800.000 a 1.000.000 euros. Por outra banda, a liña 2 sufre unha diminución do orzamentaria de 200.000 euros, pasando de 690.000 a 490.000 euros.

Tanto para a liña 1 como para a 2, sinálase que os fondos distribuiranse do seguinte xeito: o 50% para as asociacións empresariais e  o 50% restante para as organizacións sindicais.

No artigo 5, engádese a letra c) ao apartado 2 que di o seguinte: Na liña 2 o importe máximo subvencionable por cada xornada de sensibilización será de 15.000 euros.

Cambia o contido do artigo 6, dando a posibilidade de que, unha vez presentadas as solicitudes, o remanente de crédito poda acumularse á outra subliña e de persistir o citado remanente, poda acumularse á outra liña.

Obsérvase un erro de numeración no artigo 27 apartado 3, que numeran como apartado 2. Tamén se observa un erro de clasificación no artigo 29, no apartado 6, que contén dous apartados a).

A composición dos anexos é a mesma que na anterior orde, sen cambios salientables, non obstante, obsérvase que no Anexo IV refírese a o exercicio 2021 e non ao 2022, e que no Anexo VI hai erros na clasificación dos seus apartados.

 

  1. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2022” consta de: Exposición de motivos, trinta e nove artigos, dúas disposicións adicionais e tres finais.

O día 25 de novembro de 2021 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e vinte e unha consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, as seguintes consideracións de carácter non unánime: unha específica manifestada polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia e o SN. de CC.OO. de Galicia (anexo I), e dúas específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).

 

 

 

DITAME 55/2021

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2022, con data de rexistro de entrada neste Consello o 10 de novembro de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 25 de novembro de 2021, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 Primeira.

As organizacións que integran este Comité botan en falta un artigo específico que recolla unha regulación en materia de protección de datos, como si sucede noutras ordes achegadas para ditame.

Segunda.

Este Comité observa o emprego do masculino xenérico no artigo 9, onde refírese ós “alumnos” ou no artigo 14, onde refírese a “membros asociados”, polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe inclusiva.

Así mesmo, é necesario corrixir ao longo do texto erros de carácter formal como os erros na clasificación no artigo, 17.3, onde hai dous letras b), no artigo 27, onde hai dous apartados co número 2, e  no artigo 29, que pasa directamente do apartado 2 ao apartado 4.

 Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enuncialas.  Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións últimas.

Finalmente, as disposicións últimas deberían denominarse “Disposicións finais”.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira. Artigo 2. Liñas e actividades subvencionables.

Este Comité propón que se engadan, como accións subvencionables, as accións que permitan a elaboración de ferramentas e materiais innovadores relacionados co fomento da prevención de riscos laborais.

 Segunda. Artigo 3. Beneficiarias e o seu financiamento.

Este Comité propón que, tanto para a Liña 1 como para a 2, soamente poidan ser beneficiarias das axudas as organizacións empresariais e sindicais máis representativas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Tamén se propón que se substitúa, no apartado 2.b) deste artigo, a referencia ás organizacións sindicais con representatividade pola de organizacións sindicais máis representativas.

Finalmente, debería substituírse a referencia ás asociacións empresariais galegas do apartado  2.a) pola de asociacións máis representativas.

Terceira. Artigo 5. Importe máximo subvencionable.

O Comité considera que o importe máximo por entidade fixado no artigo 5.1 a), debería aumentarse en 10.000 euros chegando a 460.000.

 Cuarta. Artigo 5. Importe máximo subvencionable.

O apartado 2.a) fixa a contía por actividade en 160 euros por cada hora impartida ou, excepcionalmente, en 200 euros por hora.

Este Comité propón que se revisen as ditas contías á alza, en función dos prezos de mercado e da especificidade dos cursos que se realicen.

Quinta. Artigo 5.- Importe máximo subvencionable.

Este Comité considera que se debería aclarar se o apartado 3 do artigo 5, refírese aos apartados 2a), 2b), 2c) ou a todos eles.

Sexta. Artigo 5.- Importe máximo subvencionable.

Segundo o apartado 1.b) desde precepto, na liña 2 ningunha entidade poderá percibir unha contía que supere os 30.000 euros pola totalidade de accións solicitadas.

Este comité considera que:

Nas solicitudes realizadas á bolsa empresarial da liña 2, ningunha entidade poderá percibir unha contía que supere os 30.000 euros pola totalidade de accións solicitadas.

Nas solicitudes realizadas á bolsa sindical, as entidades sindicais intersectoriais con representación sectorial mais representativas de Galicia, poderán realizar ata un máximo de tres solicitudes de planes sectoriais por unha contía máxima de 30.000 euros por cada plan.

 Sétima. Artigo 5.- Importe máximo subvencionable.

O apartado 2 fixa o importe máximo subvencionable por actividade e relaciona unha serie  de cursos que recibirán un maior importe, entre os que están as técnicas de rescate industrial.

Este Comité considera que se debería incluír expresamente dentro da acepción “rescate industrial” as accións relativas ao sector marítimo pesqueiro, entre outras.

 Oitava. Artigo 10. Requisitos de asistencia aos cursos.

Segundo o apartado 2 deste artigo: “En casos excepcionais, debidamente motivados poderá autorizarse pola Dirección Xeral de Relacións Laborais a realizacións de estas accións cun menor número de asistentes, en todo caso, non menor a oito.

 Este Comité entende que en vez de unha autorización debería ser suficiente unha comunicación trasladada á Dirección Xeral de Relacións Laborais pola entidade beneficiaria.

Tamén entende que o apartado 3 do artigo 10, debería ser eliminado.

 Novena. Artigo 11.- Gastos subvencionables e período de imputación.

Con respecto ao apartado 3 deste artigo, este Comité considera que debería incluír os gastos financeiros directamente relacionados coa actividade que se subvenciona, xa que segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estes gastos poden ser subvencionables.

 Décima. Artigo 11.- Gastos subvencionables e período de imputación.

A letra f) do apartado 3 recolle os gastos indirectos que son subvencionables, como consumo eléctrico ou teléfono, entre outros, sempre que se correspondan cos locais en que se realizan as accións.

Este Comité considera que debería especificarse que se trata dos locais nos que se realizan as accións en calquera das súas fases, para permitir a imputación de gastos tamén nos locais en que se leve cabo, por exemplo, a planificación das accións, polo que se propón engadir “en calquera das súas fases” á expresión “locais nos que se realizan as accións”.

 Décima primeira. Artigo 11. Gastos subvencionables e período de imputación.

En relación co importe máximo subvencionable dos gastos recollidos na letra f) do apartado 3 deste artigo, este Comité propón que a porcentaxe do 10% sexa aumentada ata un 15%.

Décima segunda. Artigo 17. Documentación complementaria para a tramitación do procedemento.

O Comité considera que no caso das agrupacións as que se refire o artigo 14 a) só debería exixirse documentación das letras c), d) e e) contidas no artigo 17.3. Así mesmo considera que no caso das agrupacións as que se refire o artigo 14 b), debería exixirse toda a documentación contida no artigo 17.3.

Décima terceira. Artigo 24. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das liñas 1 e 2.

Respecto do apartado 5, este Comité propón que se mellore a redacción especificando a porcentaxe de representación feminina que se require para obter a puntuación.

No ditame deste comité 33/2020 sobre o proxecto da mesma orde para o ano 2021, fíxose a mesma suxestión e aceptouse, polo que solicitamos que neste caso se actúe do mesmo xeito.

Décima cuarta. Artigo 24. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das liñas 1 e 2.

Este Comité non comparte que se puntúe a capacidade de cofinanciamento por parte da entidade fronte á súa representatividade social, número de persoas destinatarias da acción, achega innovadora, transferibilidade da acción e calquera outro dos restantes criterios que se sinalan neste artigo.

Polo tanto, proponse a eliminación como criterio de valoración do apartado 7 deste artigo.

Décima quinta. Artigo 26. Resolución e recursos.

O apartado 3 deste artigo prevé a posibilidade de pagamentos anticipados que poderán ser ata do 80% cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros e dun 10% adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros en caso contrario.

Este Comité propón que o anticipo sexa, en todo caso, do 80% independentemente da contía da subvención concedida.

Décima sexta. Artigo 26. Resolución e recursos.

No seu apartado 4, este artigo fixa un prazo máximo para resolver e notificar a resolución de cinco meses.

Este Comité entende que se trata dun prazo moi amplo polo que debería fixarse nun máximo de 3 meses.

Décima sétima. Artigo 28. Prazo de finalización e de xustificación das accións.

Este Comité considera que se debería incrementar o prazo de xustificación polo menos ata o 15 novembro.

Décima oitava. Artigo 31. Memoria técnica das actividades das liñas 1 e 2.

Segundo o apartado 3 deste artigo “Permítese a sinatura electrónica das persoas responsables de formación, persoas formadoras e alumnado mediante captura de firma dixitalizada ou calquera dos documentos que precisen da súa firma, que terá que estar asociada ao correspondente NIF ou DNI”.

O comité considera que se debe aclarar se isto é unha previsión xeral para todos os casos ou exceptúa os supostos nos que a entidade empregue unha plataforma na que a información se recolla de xeito veraz para acreditar a asistencia.

Decima novena. Artigo 32.- Corrección de defectos da xustificación e pagamento.

O apartado 1 deste precepto establece que se a documentación recibida se considera insuficiente ou nela se observen erros ou a falta dalgún dos requisitos esixidos, se requirirá á entidade beneficiaria para que presente dita documentación no prazo máximo de 10 días. A non presentación de dita documentación dentro deste prazo suporá de forma automática a perda do dereito á percepción da axuda concedida.

Este Comité considera que isto debería modificarse de xeito que a non presentación dalgún tipo de documentación dentro do referido prazo de 10 días non supoña de forma automática a perda do dereito á percepción da totalidade da axuda, senón que se limite á parte da axuda non xustificada.

Vixésima. Artigo 33. Obrigas das entidades beneficiarias.

No apartado 5 deste artigo esíxese ás entidades beneficiarias dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

Este Comité propón que se elimine a expresión “así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios”, por considerar suficiente a obriga de dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados.

Vixésima primeira. Artigo 33. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado 10 deste precepto esixe á entidade beneficiaria estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e sociais e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter algunha débeda pendente, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA.

 

Artigo 24. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das Liñas 1 e 2.

O criterio 10 deste artigo introduce, como criterio, o compromiso do emprego efectivo da lingua galega e outorga un punto polo mesmo.

As organizacións sindicais insisten en que esa puntuación ten que incrementarse.

 

ANEXO II

 

 CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 Primeira. – Artigo 3. Beneficiarias e o seu financiamento, apartado 2: liña 2. Artigo 5. Importe máximo subvencionable.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que nestes artigos debería terse en conta ás organizacións de empresarios galegas intersectoriais.

 Segunda.- Artigo 24. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das liñas 1 e 2.

No punto noveno establécese o cumprimento das obrigas derivadas das subvencións concedidas no período dos tres exercicios anteriores nas subvencións obxeto da presente orde e barémase con 5 puntos unha porcentaxe de execución que superase o 90%.

A CEG considera que deberían ser catro puntos xa que este último tramo comprende una execución entre o 90%  e o 100%, isto é do 10%. Polo tanto, proponse un cambio nos tramos de tal xeito que os dous últimos tramos sexan: o que vai do 70% ao 85% e o que supere o 85%.

Proponse tamén que se incremente un punto respecto ó tramo anterior po lo que pasaría de 3 a 4 puntos.

Con este motivo propoñemos dar coherencia ao baremo aplicando criterios homoxéneos nos incrementos das porcentaxes de execución.

Número ditame
55