- ANTECEDENTES
O día 20 de xaneiro de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da subdirección xeral de Emprego da Consellería de Emprego e Igualade, que achega proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de APOIO AO PECHE DO LECER NOCTURNO, financiado con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (Código de procedemento TR750A) e se procede á súa convocatoria para 2022.. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos: “A situación xerada pola evolución da COVID-19 obrigou ás autoridades públicas a xestionar a crise sanitaria establecendo medidas para protexer a saúde e a seguridade; medidas, cuxo alcance, duración temporal e necesidade de axuste constante, ocasionaron un forte impacto económico. A nova situación do COVID 19, agravada en decembro de 2021, pola alta taxa de contaxios e a velocidade da súa propagación segundo o sinalado polas autoridades sanitarias, require da adopción de medidas extraordinarias para minimizar o impacto económico e apoiar o mantemento do emprego nunha das actividades máis afectadas, como son os establecementos de lecer nocturno.
Esta orde regula un programa de apoio extraordinario para os negocios de lecer nocturno[1]no que acollesen ao réxime optativo de peche, desde as 0.00 horas do día 31 de decembro de 2021 ata as 3.00 horas do día 3 de xaneiro de 2022 e non adiantasen ou atrasa[1]sen a outras datas as festas e eventos previstos conforme aos establecido na Orde da Consellería de Sanidade do 29 de decembro de 2021.”.
Ao tratarse dun novo proxecto normativo, non hai novidades con respecto a outros anteriores.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO.
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de apoio ao peche do lecer nocturno, financiado con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (Código de procedemento TR750A) e se procede á súa convocatoria para 2022” consta de: Exposición de motivos, vinte e seis artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións finais.
O día 27 de xaneiro de 2022 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e catro consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Así mesmo contén como anexo, unha consideración xeral de carácter non unánime manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo I).
|
DITAME 01/2022
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de apoio ao peche do lecer nocturno, financiado con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (Código de procedemento TR750A) e se procede á súa convocatoria para 2022, con data de rexistro de entrada neste Consello o 20 de xaneiro de 2022, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 27 de xaneiro de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións.
CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.
Obsérvase que no artigo 11 empréganse as letras j e k na clasificación.
Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego. Nas respostas remitidas pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración noutros ditames, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.
Segunda.
Obsérvase que hai unha soa disposición adicional.
O comité considera que debería denominarse disposición adicional única.
Pola súa banda, as dúas disposicións finais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira. Artigo 2.- Persoas beneficiarias.
O parágrafo primeiro refírese a persoas físicas e xurídicas. Sen embargo, ao longo de articulado faise referencia é a persoas e entidades.
Este comité considera que debería unificarse a terminoloxía de tal xeito que aparezan sempre os termos “persoas e entidades”.
Por outra banda, o comité considera que os parágrafos segundo e terceiro deste artigo non deberían de estar separados por un punto e aparte senón que debería de haber un punto e seguido.
Por último, o comité considera que nos parágrafos quinto e sexto debería de substituírse o verbo “estaría” polo verbo “entenderanse”.
Segunda. Artigo 3.- Exclusións.
O comité de ditames considera que deberían engadirse a final do parágrafo segundo as palabras “...salvo que se constate que non se levou a cabo a actividade”.
Terceira. Artigo 8.- Solicitudes.
Neste artigo o apartado primeiro na clasificación non aparece numerado.
O comité entende que habería que corrixir este erro.
Cuarta. Artigo 19.- Obrigas das persoas beneficiarias.
No apartado a) deste artigo , faise referencia a que as persoas estean ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, así como non ter pendente de pago ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade á proposta de pago da subvención.
Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible; propón, así mesmo, que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.
Con respecto ao apartado d) deste artigo, as organizacións empresarial e sindicais consideran que deberían concretarse cales son as medidas adecuadas de difusión a adoptar polas persoas e entidades beneficiarias.
ANEXO I
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira. Artigo 19.- Obrigas das persoas beneficiarias.
A letra i) deste artigo e outros artigos concordantes (art. 23.5), refírense a necesidade de manter o emprego por conta propia e/ou allea ate o 30 de xuño de 2022, sen contemplar ningunha excepción a esta regra.
A CEG considera que non debería considerarse incumprido o compromiso de mantemento do emprego cando:
- O contrato de traballo se extinga por despedimento disciplinario declarado como procedente.
- Dimisión do/a traballador/a.
- Xubilación ou incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez de/a traballador/a.
- O fin do chamamento das persoas con contrato fixo-discontinuo, cando este non supoña un despedimento senón unha interrupción do mesmo.
- En contratos temporais, cando o contrato se extinga por expiración do tempo convido ou a realización da obra ou servizo que constitúe o seu obxecto ou cando non poida realizarse de forma inmediata a actividade obxecto de contratación.