Pasar al contenido principal

Ditame 2/22

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:06
Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2022.
  1. ANTECEDENTES

O día 3 de febreiro de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito do Servizo de Relacións Laborais, Seguridade e Saúde Laboral da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2022.

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, esta orde “establece as axudas para o ano 2022 referentes a creación e/ou funcionamento de gabinetes técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial, en cumprimento do disposto na Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, e co fin de facilitar ás asociacións empresariais e ás organizacións sindicais intersectoriais o exercicio das funcións e facultades a que se refire a referida lei, en concreto a promoción do funcionamento dos seus gabinetes técnicos”

Do contido deste proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Segundo o artigo 2, a actividade subvencionable será a creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial que desenvolvan accións directas de apoio a empresas e persoas traballadoras en procura da igualdade laboral e de oportunidades e da redución da fenda salarial de xénero. Este artigo tamén relaciona algunhas das actividades a desenvolver polo persoal destes Gabinetes.

As entidades beneficiarias serán as asociacións empresariais intersectoriais e as organizacións sindicais intersectoriais (artigo 3). O mesmo artigo fixa a contía do orzamento para estas axudas en 400.000€.

O artigo 6 esixe que estes gabinetes técnicos estean integrados, como mínimo, por unha persoa experta en igualdade laboral cunha titulación de grado ou equivalente e contratada nos grupos de cotización 1 ou 2 a tempo completo, que acredite unha experiencia nesta materia de, polo menos, 2 anos, e/ou unha formación mínima de 200 horas en materia de igualdade de xénero e de oportunidades entre mulleres e homes. Ou unha persoa con titulación de “Técnico superior en promoción da igualdade de xénero”, contratado a tempo completo no grupo de cotización que lle corresponda como técnico superior.

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, a contar dende o día seguinte á publicación desta orde no DOG (artigo 10) e o prazo máximo para resolver as solicitudes fíxase en tres meses (artigo 19).

Pola súa banda, o artigo 17 relaciona os criterios de valoración das solicitudes, que serían os seguintes:

  1. Representatividade da entidade
  2. Taxa de estabilidade do persoal da entidade
  3. Paridade entre a porcentaxe de homes e mulleres no cadro de persoal
  4. Compromiso de emprego efectivo da lingua galega
  5. Contribución á integración laboral de mulleres pertencentes a determinado colectivos.

O artigo 19 prevé a posibilidade de solicitar anticipos da subvención concedida segundo o importe concedido.

Con respecto ao texto da orde anterior, cabe destacar o seguinte:

Ao longo do proxecto aparecen varias datas que non están actualizadas. En concreto nos artigos 7, 17 e 21.

O artigo 12.1 aparece enumerado de xeito erróneo. Fáltalle o apartado 7.

Ao artigo 17 engádeselle un novo apartado co seguinte texto:  “Unha vez instruídas todas as solicitudes, no caso de que o importe das axudas que se concedan sexa inferior ou igual ao orzamento previsto nesta orde, non se procederá a aplicar os criterios de valoración”.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2021 (publicado no DOG o día 2 de xullo de 2021) e o ditame emitido polo Consello con data 23 de abril de 2021 (Ditame 15/2021), obsérvase que tivéronse en conta dúas das consideracións específicas de carácter unánime manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial, e tres consideracións específicas manifestadas no anexo I pola CIG.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

  1. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2022” consta de: Exposición de motivos, trinta artigos, dúas disposicións adicionais e tres finais.

O día 14 de febreiro de 2022  reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén  unha consideración xeral e oito específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexo, unha consideración específica  de carácter non unánime manifestada polas organizacións sindicais CCOO e UGT e pola Confederación de Empresarios de Galicia, e dúas consideracións específicas de carácter non unánime manifestada pola CIG.

 

 

DITAME 02/2022

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2022, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 15 de febreiro de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS

Primeira.

As datas que aparecen nos artigos 7, 17, 21 e a data final do proxecto requiren corrección por non estar actualizadas

O comité suxire que se actualicen conforme ao ano que corresponden.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 9. Agrupacións das entidades beneficiarias.

Este comité entende que a redacción deste artigo debería adecuarse de maneira máis clara á Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia, e concretamente ao seu artigo 8, por canto este último distingue entre membros asociados e agrupacións.

Segunda.- Artigo 12. Documentación complementaria.

O artigo 12.1 aparece numerado de xeito erróneo: fáltalle o apartado 7.

Terceira.- Artigo 19. Resolución e recursos.

O comité solicita que en vindeiras convocatorias da orde sexan  incrementados os anticipos previstos neste artigo.

Cuarta.- Artigo 22. Documentación requirida para a xustificación do pagamento.

O artigo 22 no seu apartado 6, expoñe que “Terá que presentarse contrato de traballo do persoal adscrito á actividade do Gabinete. Neste, indicarase a data de inicio e fin da contratación e do servizo determinado...”.

O comité considera que a redacción deste artigo debería de adaptarse a nova normativa laboral vixente, que afectaría á segunda frase do apartado.

Quinta.-  Artigo 24. Obrigas das entidades beneficiarias.

Este comité considera que debería corrixirse a redacción do artigo 24 no apartado 7, del tal xeito que non resultara repetitivo en relación co artigo 11.

Sexta.- Artigo 27. Gradación dos incumprimentos.

O artigo 27.1  determina o reintegro da totalidade da axuda concedida nos casos que relaciona.

O comité considera excesiva esta penalización para os casos descritos.

Por outra banda, considera que a letra b) do apartado 1 do mesmo artigo, debería ter unha redacción máis clara por existir unha sucesión de remisións a varios artigos. A citada letra b) remite ao artigo 24 que a súa vez remite aos artigos 11 e 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Sétima.- Disposición derradeira primeira.

O texto da disposición establece que a Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, aplícase con carácter supletorio.

O comité considera que a aplicación da citada Lei non debería de ser supletoria por ser normativa básica e propoñe, por tanto, que se cambie a redacción neste sentido.

Oitava.- Anexo VI. Modelo de xustificación técnica ou informe final da actividade subvencionada.

Este Comité considera que a ficha de seguimento de actuacións dos gabinetes técnicos (apartado H), debería ser reformulada xa que está orientada á xustificación das accións de asesoramento cando debería dar cabida á xustificación de calquera das accións que recolle o artigo 2 do texto normativo.

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS COO.OO, UGT E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 22. Documentación requirida para a xustificación do pagamento.

No apartado 2, letra i), III, gastos de persoal, o comité solicita que se especifiquen de xeito diferenciado os documentos a presentar para os diferentes supostos: formación específica ou acreditación de experiencia.

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL CIG

Primeira.- Artigo 2. Actividades subvencionables.

Neste artigo figura a necesidade de que o persoal propio ou contratado sexan expertas en igualdade laboral, e conten con formación e/ou experiencia acreditada en materia de igualdade de xénero e oportunidades.

En relación co citado artigo 2, a CIG  considera que a redacción do artigo 6 debería de quedar do seguinte xeito “...que acredite unha experiencia mínima nesta materia de, polo menos, 2 anos, e/ou unha formación mínima de 200 horas en materia de igualdade de xénero entre homes e mulleres ou de 60 horas en cursos especializados.”

Segunda.- Artigo 24. Obrigas das entidades beneficiarias.

Segundo o apartado 12, “as actividades subvencionables e os seus entregables elaborados pola entidade beneficiaria, así como a súa difusión, poderán ser realizados en idioma galego e castelán, pero en todo caso, deberán realizarse en galego”.

Consideramos que supón alentar desde a administración galega á elaboración e emprego do castelán como lingua vehicular.  De feito, aínda que logo no artigo 27f), figure como requisito que sexa elaborado en galego, o certo é que no punto 17.4 figura cun punto de valoración o emprego da lingua galega, logo non parece que haxa un interese real por parte da Xunta de promocionar o uso do galego, xa que se permite claramente o uso de ambas linguas nunha actividade subvencionada pola administración pública galega para accións dentro do noso ámbito xeográfico (e non destinadas, xa que logo, ao exterior).

Número ditame
2