I. ANTECEDENTES
O día 23 de febreiro de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da dirección xeral de Formación e Colocación da Consellería de Emprego e Igualade, que achega proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao financiamento do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2022.
Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos:
“O Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano implica un itinerario persoal e integrado de orientación, asesoramento e accións de formación axustado ao perfil de empregabilidade das mulleres participantes. A formación impartida estará relacionada con postos de traballo con boas perspectivas territoriais, derivados das necesidades do mercado laboral rural e urbano no que se desenvolve o Programa, e ten por obxecto a adquisición dunha cualificación que aumente a empregabilidade das participantes e as súas posibilidades de acceso a un traballo digno, e que ao mesmo tempo reforce o desenvolvemento produtivo das zonas rurais, loite contra a brecha de xénero e mellore a permanencia das mulleres no territorio, estando cando menos o 35% do programa orientado a competencias relacionadas co clima e o 35% do programa orientado a competencias dixitais.
O Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano diríxese á mellora da capacitación das mulleres das áreas rurais e urbanas, supoñendo así un apoio operativo ao obxectivo estratéxico do investimento 2, Emprego Muller e transversalidade de xénero nas políticas públicas de apoio á activación para o emprego, incluída no compoñente 23 Novas políticas públicas para un mercado de traballo dinámico, resiliente e inclusivo, encadrado na política panca VIII Nova economía dos coidados e políticas de emprego do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
Deste programa beneficiaranse as mulleres de áreas rurais e urbanas participantes en itinerarios individualizados que combinen accións de diferente natureza, tales como orientación laboral, asesoramento, información, formación, adquisición de competencias e habilidades transversais, facilitación da inserción laboral e acompañamento no emprego, e teñan por obxecto a súa capacitación e inserción laboral, nos ámbitos que se establecen nos artigos 4 e 5, fortalecendo ao tempo a igualdade efectiva e a non discriminación no acceso ao emprego.”
Segundo o artigo 1, o obxecto das subvencións é a atención personalizada ás mulleres de áreas rurais e urbanas participantes en itinerarios individualizados que combinen accións de diferente natureza, tales como orientación laboral, asesoramento, información, formación, adquisición de competencias e habilidades transversais, facilitación da inserción laboral e acompañamento no emprego, e teñan por obxecto a súa capacitación e inserción laboral, nos ámbitos que se establecen nos artigos 4 e 5, fortalecendo ao tempo a igualdade efectiva e a non discriminación no acceso ao emprego.
O artigo 2 do proxecto establece que poderán ser beneficiarios da subvención os concellos de menos de 5.000 habitantes ou as entidades públicas dependentes ou vinculadas cuxa titularidade corresponda integramente a estes que presenten a súa solicitude de forma individualizada. No suposto de solicitudes presentadas por unha agrupación de concellos ou por unha mancomunidade de concellos alomenos un 35% dos concellos que a conformen deben ser concellos de menos de 5.000 habitantes.
O artigo 3 do proxecto establece que o financiamento deste programa efectuarase con cargo ao crédito consignado no orzamento de gastos da Consellería de Emprego e Igualdade na aplicación 11.05.322A.460.0 (código de proxecto 2022 00098) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia polo importe de 2.814.688 para 2022.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO.
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao financiamento do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2022” consta de: exposición de motivos, vinte e sete artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 7 de marzo de 2022 reúnese este comité delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e tres consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.
Así mesmo contén, como anexo, unha consideración específica non unánime manifestada pola organizacións sindicais CIG, SN de CCOO de Galicia e UGT- Galicia.
| DITAME 04/2022 |
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao financiamento do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2022, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 7 de marzo de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.
Obsérvase que no artigo 5 emprégase a letra j na clasificación.
Este comité considera que esta letra é impropia do alfabeto galego. Nas respostas remitidas pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración noutros ditames, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.
Así mesmo, obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.
Por outra banda, o comité quere sinalar que as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
Finalmente, o comité observa que no anexo B se utiliza como masculino xenérico a palabra “cidadáns” e suxire que se substitúa por outra que respecte a linguaxe inclusiva.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira. Artigo 2. Entidades beneficiarias da subvención.
O artigo 2.1 establece que poderán ser beneficiarios da subvención os concellos de menos de 5.000 habitantes ou as entidades públicas dependentes ou vinculadas cuxa titularidade corresponda integramente a estes que presenten a súa solicitude de forma individualizada.
O comité de ditames suxire que tamén podan ser beneficiarias da subvención as entidades sen ánimo de lucro, como permite a “Orde TES/1121/2021, de 11 de outubro, pola que se establecen as bases reguladoras para concesión de subvencións públicas, destinadas á financiación do "Programa de Apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano", no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia”.
Segunda. Artigo 2. Entidades beneficiarias da subvención
O artigo 2 establece que poderán ser beneficiarios da subvención os concellos de menos de 5.000 habitantes. Sen embargo, no artigo 5 b) establécese que as mulleres participantes no programa deben residir preferentemente en municipios de menos de 5.000 habitantes.
O comité de ditames opina que a redacción de ambos artigos leva a certa confusión sobre si é posible, en determinados casos, que os municipios de máis de 5.000 habitantes tamén podan ser beneficiarios da subvención, e suxire unha redacción máis clara ao respecto.
Terceira. Artigo 4. Actuacións subvencionables.
No apartado c) do artigo 4 establécense as accións formativas de cualificación e recualificación profesional como actuacións subvencionables.
O comité opina que neste apartado debería de engadirse unha delimitación no número de participantes nas citadas accións formativas como xa se fai noutros textos normativos.
ANEXO
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, SN DE CCOO DE GALICIA E UGT-GALICIA.
Primeira. Artigo 7. Consideración da participante como inserida.
No punto 1 deste artigo, establécese como un dos requisitos para a consideración de “participante inserida” que acredite a cotización no correspondente réxime da Seguridade Social alomenos durante 90 días non necesariamente continuados durante a duración do programa e ata os tres meses posteriores á data de finalización deste.
As organizacións sindicais que forma parte do comité de ditames consideran que debería de propoñen que a Xunta de Galicia, dentro das capacidades que lle outorga a Orde TES/1121/2021 (como autoridade competente no ámbito para determinar o período mínimo de días) incrementearse o límite de 90 días a 180 días.