Pasar al contenido principal

Ditame 6/22

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:06
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia e se convocan para o ano 2022.
I. ANTECEDENTES

O día 2 de marzo de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia e se convocan para o ano 2022. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, “O número 3 do artigo 36 do texto refundido da Lei de emprego, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2015, do 23 de outubro, establece que as comunidades autónomas poderán desenvolver os servizos e programas que consideren necesarios tendo en conta os aspectos contemplados no apartado 1 do mesmo artigo do que resulta que as comunidades autónomas están habilitadas para deseño e execución de novos programas e servizos de políticas activas de emprego adaptadas ás peculiaridades e características dos seus mercados de traballo locais que, en todo caso, deberán preverse no respectivo Plan anual de política e emprego (PAPE) e integrarse nalgún dos eixos establecidos no artigo 10.4. Estes requisitos e condicións cúmprense no presente caso.

No mesmo senso, o Real decreto 818/2021, de 21 de setembro, que regula os programas comúns, recolle no seu artigo 2.3 os servizos públicos de emprego poderán exercer as súas competencias en políticas activas ben a través dos programas comúns, ben a través de programas propios.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade opta por desenvolver un programa propio de carácter integral que, poñendo no centro a formación profesional para o emprego, inclúe medidas de activación, orientación, prácticas e inserción laboral entre outras.

Dáse tamén cumprimento con esta orde ao programa “Emprega en feminino” do Goberno galego elevado ao Consello da Xunta de Galicia do 8 de xuño de 2017, e que ten como obxectivo básico incrementar a taxa de emprego feminino e a mellora da empregabilidade das mulleres. Así, resérvanse especificamente 2.000.000,00 euros do total do importe convocado para o financiamento de programas integrados dirixidos exclusivamente a mulleres desempregadas co obxecto de que reciban atención específica para súa incorporación ao mercado laboral.”

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2021 (publicado no DOG o día 21 de xullo de 2021) e o ditame emitido polo Consello con data 11 de maio de 2021 (ditame 19/2021), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 Deste proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

No artigo 1.2, b.1 redúcense as horas de formación dos demandantes que forman parte do programa de 300 a 200 con respecto a orde anterior.

O artigo 2.1  establece o orzamento das axudas en 2.567.000 euros para anualidade 2022 (47.000 euros de incremento con respecto á orde para o ano 2021), e 7.701.000 euros para anualidade 2023 (141.000 euros de incremento con respecto á orde para o ano 2021).

As puntuacións previstas no artigo 12 para a valoración dos programas cambian con respecto á orde anterior.

 

CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia e se convocan para o ano 2022” consta de: exposición de motivos, dezanove artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 18 de marzo de 2022 reúnese este Comité e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais e vinte e sete consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma: dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, o SN de CC.OO. de Galicia e UGT-Galicia (anexo I), e once específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).

 

 

DITAME 6/2022

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia e se convocan para o ano 2022”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 28 de febreiro de 2022, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 18 de marzo de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 CONSIDERACIÓNS XERAIS

 Primeira.

O comité considera que debería adecuarse ó contido da norma ao Real Decreto-lei 32/2021, de 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo. En concreto, o prazo de tres meses que aparece no artigo 3.4 debería ser de noventa días en concordancia coa citado texto legal, por outra parte no artigo 3.5 d) menciónase o contrato para a formación e o aprendizaxe (de acordo coa disposición transitoria do  primeira Real Decreto-lei 32/202 os vixentes na entrada en vigor só resultarán aplicables ata a súa duración máxima) pero non o novo contrato de formación en alternancia.

 Segunda.

No artigo 1 obsérvase o emprego das barras (alumno/a) que non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva. Hai que ter en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios, polo que se propón a súa corrección.

Por outra banda obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

O mesmo se observa respecto das disposicións derradeiras (sic).

Ademais, no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Tamén se observa que o longo do texto empréganse as letras j e k na clasificación.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 1. Obxecto.

O apartado 2.f deste artigo fai referencia a prospección empresarial

O comité propón engadir: "e de emprego" para que se inclúa tanto a prospección do tecido empresarial como o emparellamento de ofertas de traballo con persoas demandantes de emprego.

Segunda.- Artigo 1. Obxecto.

A mellora da ocupabilidade e a inserción laboral é o fin último dos programas integrados, para o que a formación constitúe unha ferramenta obrigatoria e necesaria.

Este Comité considera que a obriga de realizar prácticas non laborais para quince persoas implica unha dificultade engadida e xera inseguridade xurídica ás entidades e ás empresas, polo que debería eliminarse e preverse como unha opción.

Terceira.- Artigo 1. Obxecto.

Este artigo establece que o custo subvencionado por formación, naquelas especialidades ou actividades formativas que carezan de módulos económicos específicos, non poderá exceder do tope máximo de 8 euros/alumno por hora de formación presencial ou 5 euros/alumno por hora de formación a distancia ou teleformación.

Este Comité considera estes importes insuficientes para atender na actualidade a prezo de mercado o custo de execución coa debida calidade as accións formativas obxecto dos programas, polo que se propón a súa actualización a prezos reais, que permitan o seu normal desenvolvemento cos estándares axeitados, que contribúan a acadar os obxectivos do Programa.

 Cuarta.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.

No apartado 1 deste artigo establécese que o obxectivo de inserción laboral para as persoas en situación de desemprego deberá ser, polo menos, do 35 por cento.

Este Comité segue a entender que o obxectivo de inserción laboral que se especifica neste artigo é excesivo debido á situación do mercado laboral e dos colectivos obxecto do programa, polo que se propón para unha porcentaxe de inserción do 25%.

Quinta.- Artigo 3 -Tipos e características dos programas integrados de Galicia.

O apartado 5.e) deste artigo, establece que non computará como inserción laboral “a contratación en calquera empresa mediante a modalidade de contrato fixo-descontinuo con data de inicio anterior ao comezo do programa, así como os sucesivos chamamentos que se derivasen del”.

Na actual reforma laboral esta é unha modalidade de contratación máis, polo que segundo o criterio deste comité, debería de entenderse como inserción laboral a contratación indefinida fixa-descontinua. Deste xeito, propoñemos que, aos efectos desta orde, conten como inserción laboral os sucesivos chamamentos que deriven dun contrato fixo-descontinuo, en todas as circunstancias.

 Sexta.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.

O apartado 1 establece o número de persoas a atender en 100.

Este Comité considera que, atendendo á dispersión territorial de Galicia e á realidade do desemprego, procede acollerse á excepcionalidade previstas en normativas de anos anteriores e establecer un número de persoas a atender que sexa inferior a 100 e superior a 60.

 Sétima.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.

O comité entende que neste artigo non quedan suficientemente clara se a participación nas políticas activas de emprego implica que non se tramitaría a baixa do/a participante no programa ou, polo contrario, tamén suporía que a entidade beneficiaria podería incluílo nos seus cómputos de inserción.

Oitava.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.

O apartado 4 deste artigo establece que se entenderá por inserción laboral, aos efectos desta orde, o feito de que as persoas inicien durante un prazo dos 12 meses de execución do programa ou dentro dos tres meses seguintes unha actividade por conta propia ou formando parte dunha cooperativa ou sociedade laboral.

No caso da contratación por conta allea ese prazo limítase aos 12 meses de execución do programa, polo que este Comité propón que tamén se inclúan estes supostos cando acontezan nos tres meses inmediatamente posteriores, independentemente da natureza xurídica da actividade que vaian a realizar.

Novena.- Artigo 4. Entidades beneficiarias.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de que varias entidades sen ánimo de lucro poidan colaborar entre si e presentar un plan integrado conxuntamente, igual que fan os concellos coas súas agrupacións.

Décima.-12. Criterios de valoración dos programas.

En referencia ó apartado 1 do artigo 12, o comité observa que se produce un aumento do diferencial da puntuación entre colectivos, especialmente no grupo A con respecto ao B (3 puntos de diferencial cando na anterior regulación eran 2).

Entendendo que todos os colectivos teñen dificultades de inserción laboral, propoñemos que se manteña o mesmo diferencial que en anos precedentes en relación á puntuación, no suposto de que todas as persoas usuarias do programas pertenzan a colectivos salientados nun mesmo grupo.

Décima primeira.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.

O apartado 1.c.2 valora con ata 4 puntos a calidade das instalacións, medios e sistemas propios da entidade para o desenvolvemento do programa, pero exclúe os recursos en réxime de aluguer.

Este Comité non comparte esta exclusión e propón que se suprima, xa que os recursos están a disposición da entidade independentemente de que sexan alugados ou non.

 Décima segunda.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.

O comité considera que no punto  1, A. a, no apartado que se refire ao grupo A, debería introducirse as persoas maiores de 52 anos.

 Décima terceira.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.

En relación co criterio de valoración especificado no apartado 1.d) deste artigo, obsérvase que en exercicios anteriores reduciuse o peso deste criterio na puntuación total (dun máximo de 20 puntos sobre 70, pasouse a 15 sobre 150 en 2017 e a 5 de 130 en 2018. No proxecto para o ano 2019, 2020 e 2021 era 5 de 70, e de 7 para o 2022)

Este Comité non está de acordo con esta redución, máxime se ten en conta que este proxecto normativo ten por obxecto o financiamento de programas dirixidos á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral e considera ademais que o cumprimento dos obxectivos comprometidos en materia de inserción laboral no mercado de traballo das persoas demandantes para atender, debería ter un maior peso na puntuación global.

Décima cuarta.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.

Dada a natureza dos programas e respecto do apartado 1.e) deste artigo, este Comité considera que non se debería valorar o cofinanciamento  que fan as entidades solicitantes, xa que o que están a facer é unha colaboración co servizo público.

Décima quinta.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.

O comité considera que no compromiso de inserción incluído na letra d) deste artigo, debería incorporarse unha puntuación que valore a inserción de mulleres en profesións con infrarrepresentación feminina e outra que valore a inserción a través do emprendimento feminino.

 Décima sexta.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.

O apartado 1.f) establece que “A experiencia acreditada, nos últimos cinco anos, no desenvolvemento de programas integrados para o emprego subvencionados polo Servizo Público de Emprego de Galicia: ata un máximo de 7 puntos se a valoración é positiva e ata -7 se é negativa.”.

Este Comité considera que a inclusión dun criterio negativo pode inducir a distorsións na puntuación total. Por outra parte, non se fan explícitos os criterios obxectivos que definirían unha posible “valoración negativa”. Xa que logo, este Comité entende que se debería suprimir a valoración negativa prevista no punto 1.f) deste artigo.

 

Décima sétima.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.

Entre os criterios de valoración non se inclúe o emprego da lingua galega na realización das actividades.

Este comité delegado entende que debería incluírse como criterio de valoración o emprego da lingua galega, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciación do emprego do galego.

Décima oitava.- Artigo 14. Gastos imputables.

O artigo 14. b), parágrafo 3, establece que a contía máxima da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será, para efectos salariais, a equivalente á necesaria para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, sen superar os 35.000 euros por persoa traballadora para unha dedicación laboral do 100% ao programa a xornada completa e correspondente a 14 pagas.

O comité considera insuficiente o importe da contía máxima subvencionable  e solicita que sexa revisada adecuándose, como mínimo, ó IPC. De non ser o caso deberíase permitir que todo custo salarial recoñecido por convenio ou pacto por grupo profesional da entidade beneficiaria puidese formar parte do cofinanciamento esixido á entidade  beneficiaria.

Décima novena.- Artigo 14. Gastos imputables.

Este Comité propón que se engada un apartado que recolla o concepto de “outros gastos”, nos que se inclúan gastos de apoio necesarios para o desenvolvemento das accións sempre que estean plenamente xustificados.

Vixésima.- Artigo 14. Gastos imputables.

O apartado 1.b) limita o número de persoas que se poden imputar economicamente a 15.

Este Comité propón eliminar a limitación do número de persoas e recuperar a redacción de ordes anteriores, porque o menor número de persoas non implica unha maior calidade na formación impartida nin na execución do conxunto do programa

Vixésima primeira.- Artigo 14. Gastos imputables.

O apartado 1.e) regula os gastos de subcontratación e fixa un 30% do custo total como límite da actividade formativa que poder ser obxecto de subcontratación.

Este Comité considera que este apartado debería acollerse ao disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o cal: “O beneficiario poderá subcontratar ata unha porcentaxe que non sobrepase o 50% do importe da actividade subvencionada”, xa que a limitación da subcontratación non mellora a calidade do programa integrado de emprego.

Vixésima segunda.- Artigo 14. Gastos imputables.

Dentro dos gastos xerais considéranse imputables os gastos de arrendamento, pero exclúese o leasing.

Este Comité non comparte a dita exclusión e pide que se xustifique, xa que o leasing, como o seu propio nome indica, é un arrendamento e non unha adquisición que, ademais, permite a imputación do gasto efectivamente dedicado a cada acción.

Vixésima terceira.- Artigo 15. Inicio e período de execución.

O comité considera que no parágrafo segundo do punto 1 deste artigo, ao prazo de 15 días que aparece na última frase debe de engadírselle a palabra “naturais” para estar en concordancia co artigo 3 da orde.

 Vixésima cuarta.- Artigo 15. Inicio e período de execución.

Neste artigo se establece entre outras cuestións que: “o anticipo abonado deberá ser xustificado con gastos realizados no primeiro exercicio do programa. Se o importe xustificado fose inferior ao anticipo percibido esa diferenza restarase do importe para abonar con cargo á segunda anualidade”.

O comité entende que o anticipo non debe estar condicionado á xustificación dos gastos realizados no primeiro exercicio do programa, tal e como sucedía en convocatorias do exercicio 2020 e anteriores, xa que este primeiro exercicio do programa adoita ter unha duración moi curta onde practicamente a única actividade que se realiza é a selección de participantes e por tanto é dificultoso xustificar máis gasto que o derivado da devandita actividade. De non ser así, producirase unha perda da maior parte da axuda prevista para o primeiro exercicio, que repercutirá en prexuízo directo das persoas desempregadas participantes no programa xa que as accións e actuacións a realizar no programa veranse reducidas na devandita perda.

 Vixésima quinta.- Artigo 16. Xustificación e pagamento.

Os apartados 3 e 4 deste artigo establecen que a entidade beneficiaria poderá solicitar, en concepto de anticipo, un pagamento do 25 % do importe total da subvención sempre que esa cantidade non supere o importe correspondente á anualidade do ano 2022; e un segundo anticipo do 15 % do importe total da subvención con cargo á segunda anualidade da subvención concedida.

Este Comité propón que se incremente a porcentaxe do primeiro anticipo ao 30% do importe total da subvención concedida e a porcentaxe do segundo anticipo ao 20% do importe total da subvención concedida.

Vixésima sexta.-Artigo 16. Xustificación e pagamento.

O comité solicita que de non poder executar o 25% (30% de estimarse a consideración anterior) do importe do total da subvención na primeira anualidade, que a parte non executada dese 25% sexa trasladada a recursos para a vindeira anualidade.

Esta petición xustifícase en que a primeira anualidade soe dedicarse á preparación da execución polo que non sempre é posible executar o 25% (30% de estimarse a consideración anterior) do importe da subvención.

Vixésima sétima.- Artigo 18. Seguimento das accións.

Este Comité considera que, no apartado 1 deste artigo, debería incluírse o que figuraba nas ordes de exercicios anteriores, que prevía a elaboración dun informe pola persoa responsable da visita que sería asinado por esta e pola persoa responsable da entidade, sen que isto implicase a conformidade desta última.

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, SN DE CCOO DE GALICIA E UGT-GALICIA.

Primeira.- Exposición de motivos.

No parágrafo segundo da exposición de motivos deste proxecto normativo vencéllase esta orde co eido do “Diálogo Social”.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que debería rectificarse este aspecto pola súa carencia de relación material co contido dunha orde que, substancialmente, e agás cativos retoques, vén sendo reprodución doutras anteriores.

Segunda.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.

En relación coa consideración específica unánime décima cuarta, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde  non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea.

 

ANEXO II

 

 CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3. Tipos e características dos programas de emprego de Galicia.

A CEG propón ampliar o contido do apartado 1.B) deste artigo para dar cabida as persoas pensionistas da Seguridade Social por incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez ou de pensionista de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade, de xeito que estas persoas poidan acollerse ás medidas de igualdade de oportunidades e non discriminación no acceso ao emprego, e para dar unha amplitude eficaz á definición de discapacidade, prevista no artigo 1 da Convención Internacional dos Dereitos das persoas con discapacidade.

A CEG considera que deberían incluírse, así mesmo, aquelas persoas que figuran inscritas en mellora de emprego cunha xornada inferior a un terzo, co obxectivo de mellorar as súas condicións de traballo accedendo a outras fórmulas de emprego, o que non desvirtúa a finalidade da axuda.

En consecuencia, debería modificarse tanto este artigo como os demais que correspondan para dar cabida a estes colectivos.

Segunda.- Artigo 3. Tipos e características dos programas de emprego de Galicia.

O apartado 5.b) establece que non computará como inserción laboral a contratación das persoas participantes nos programas da propia entidade beneficiaria da subvención.

Tendo en consideración os fins de inserción laboral perseguidos pola Orde, debería ser indiferente que a entidade contratante sexa unha distinta ou a mesma que teña levado a cabo o programa de emprego e que contrate laboralmente a unha das persoas atendidas.

Por este motivo, a CEG considera que debería eliminarse esta exclusión ou, subsidiariamente, establecer algún límite cuantitativo, ao ter en conta ademais que, de acordo co art. 4, as entidades beneficiarias deben reunir a condición de ser entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro.

Terceira.- Artigo 3. Tipos e características dos programas de emprego de Galicia.

Segundo o apartado 5.c) non computarán como inserción laboral as bolsas ou prácticas non laborais, aínda que sexan remuneradas e dean lugar a unha alta na Seguridade Social.

A CEG considera que no suposto de prácticas efectivamente remuneradas e que dean lugar a unha alta na Seguridade Social si deberían asimilarse a unha contratación e, en consecuencia, computar como inserción laboral, sendo un dos colectivos prioritarios os menores de 30 anos. Débense computar este tipo de “bolsas” cando son  cotizables, xa que están a dar lugar a unha forma moi habitual de inserción laboral no mercado das persoas mozas.

 Cuarta.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.

Segundo o apartado c.1) deste precepto: “no suposto de imputación de gastos correspondentes a presidentes, directores xerais,  xerentes ou similares non se poderá superar o 30% dos seus gastos salariais e de seguridade social”.

A CEG considera que o dito límite debería eliminarse, excepto para presidentes,  sempre que a persoa que se impute acredite fehacientemente o traballo realizado no marco de actuación destes proxectos, tanto máis se atendemos á realidade da gran maioría das entidades sen ánimo de lucro, con persoal altamente cualificado e persoal xerente que realiza labores de apoio e captación de empresas con interese en contratar.

 Quinta.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.

O apartado h) valora, con ata 10 puntos, o carácter innovador do programa.

Segundo a CEG, a existencia de medidas de conciliación laboral e familiar ou a impartición de formación do catálogo de especialidades do Servizo Público de Emprego Estatal, non son factores innovadores en si mesmos, polo que deberían estar noutro apartado.

Sexta.-  Artigo 12 Criterios de Valoración dos programas.

A realización de prácticas profesionais non laborais, vinculadas ás formacións, viuse complicada pola situación da pandemia, polo que incrementalas a máis de 30 persoas, para ter a puntuación máxima (4 puntos), consideramos que é dificultoso. Debería establecerse un número inferior.

 Sétima.- Artigo 13. Contía das subvencións.

Este artigo fixa a contía máxima da subvención en 2.500 euros por cada persoa desempregada participante.

A CEG propón que se valore incrementar a dita contía cando o programa se destine ao colectivo referido no artigo 3.b.a) e 3.b.c).

Oitava.- Artigo 14. Gastos imputables.

O apartado d) deste artigo establece o dereito das persoas que participen no programa integrado de emprego a percibir unha bolsa de 7 euros por día de asistencia as accións do programa.

A CEG considera que dita obriga debería substituírse pola previsión de que o dito importe sexa abonado directamente pola Consellería ou, no seu defecto,  sexa abonado integramente como anticipo ás entidades executoras para non agravar as súas finanzas.

Novena.- Artigo 18. Seguimento das accións.

Segundo o apartado 2 deste precepto: “transcorridos nove meses desde a finalización do prazo previsto para a execución dos programas comprobarase a correspondencia da inserción laboral co acreditado na liquidación da subvención esixíndose, no caso contrario, a devolución proporcional da subvención indebidamente percibida de acordo co previsto no artigo seguinte”.

Esta obriga coloca a entidade executante do programa integrado de emprego nunha situación de total inseguridade ao non recoller ningún tipo de salvidade respecto a posibles terminacións da relación laboral por causas totalmente alleas á entidade, sobre todo cando a duración das insercións solicitadas se incrementan tanto como se pretende no artigo 3, mencionado xa na consideración específica primeira deste anexo.

Polo exposto, a CEG considera que se debería introducir algunha salvidade que recolla esa circunstancia.

 

Número ditame
6