I. ANTECEDENTES
O día 21 de marzo de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación e Colocación, da Consellería de Emprego e Igualdade que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2022-2024 e se procede á primeira convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en Unidades Formativas das Empresas, para os exercicios 2022-2023.
Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, a presente orde, pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento TR301P para o período 2022-2024, ten por obxecto concretar os principios xerais contidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no relativo aos criterios que rexerán a concesión de axudas para impartir accións formativas de formación para o emprego que impliquen compromiso de contratación para as empresas e entidades beneficiarias destas.
A presente norma vencella de xeito directo formación e emprego, asociando a necesidade da empresa de contar con persoas traballadoras cualificadas e adaptadas ás súas formas de produción, coa procura activa de emprego por parte das persoas traballadoras desempregadas. Deste xeito a empresa dá resposta as súas necesidades máis inmediatas de demanda de persoal formando persoas traballadoras especializadas para a cobertura dos postos de traballos.
No relativo ao compromiso de contratación a asumir polas empresas, na exposición de motivos sinálase que se aplicaron as modificacións do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, incluídas no Real Decreto-lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía de estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo
A orde incorpora e prioriza unha nova liña formativa de actuación, para a que dispón unha reserva de crédito que se concretará en cada convocatoria, dirixida a incorporar ás mulleres ao mercado laboral naqueles sectores e ocupacións profesionais nos que a súa presenza estea infrarrepresentada.
Así mesmo, o novo texto legal simplifica o procedemento respectos a textos anteriores e inclúe como novidade a opción de uso de aula virtual como medio complementario de impartición da formación.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o período 2019-2021, publicado no DOG o día 6 de setembro de 2019 e o ditame emitido polo Consello con data 27 de maio de 2019 (Ditame 17/2019), obsérvase que se tivo en conta parcialmente unha das consideracións xerais de carácter unánime e dúas consideracións específicas de carácter unánime manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial. Así mesmo, tense en conta unha consideración específica manifestada polas organizacións sindicais e unha consideración específica manifestada pola CEG.
Aínda que non é un proxecto normativo que se ditame por primeira vez, compre sinalar que o novo proxecto é en moitos aspectos diferente ao anterior
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
Segundo o artigo 2, a finalidade do proxecto é o financiamento de programas de formación con compromiso de contratación destinados á cualificación profesional das persoas traballadoras desempregadas, que estarán dirixidos á adquisición e mellora das competencias profesionais necesarias para o desempeño dos postos de traballo obxectivo da contratación.
No artigo 5, establécese a obriga dun compromiso de contratación por cada acción formativa, nun centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, dun mínimo do 40 % do alumnado aprobado e/ou formado. Así mesmo, recolle que o contrato concertarase por tempo indefinido.
As entidades beneficiarias serán as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, e as agrupacións temporais de empresas que presenten solicitude conxunta, mediante un convenio que acredite a correspondente agrupación, como determina o artigo 6.
As persoas destinatarias, segundo o artigo 28, son as persoas traballadoras desempregadas. Para tal efecto, a consideración de persoa desempregada virá determinada pola súa inscrición como demandante no Servizo Público de Emprego de Galicia e a súa situación laboral como non ocupada, na data da súa incorporación á acción formativa. Se exceptuará a citada inscrición cando unha norma así o determine ou no suposto de persoas mozas inscritas no ficheiro do sistema nacional de garantía xuvenil.
Como establece o artigo 43, as liñas de formación subvencionables son dúas:
Liña formativa I, de carácter xeral: destinada a impartir accións formativas para o emprego con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas dirixidas a persoas traballadoras desempregadas.
Liña formativa II, de infrarrepresentación feminina: destinada a impartir accións formativas para o emprego con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas, dirixidas a mulleres traballadoras desempregadas, correspondentes a aquelas ocupacións laborais e profesionais nas que exista infrarrepresentación feminina.
En canto ao financiamento (art. 44), destínase a esta primeira convocatoria un crédito por importe total de 4.800.000 euros, distribuído en dúas anualidades, correspondendo 2.200.000 euros a cada unha das liñas formativas.
- CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2022-2024 e se procede á primeira convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en Unidades Formativas das Empresas, para os exercicios 2022-2023” consta de: Exposición de motivos, corenta e oito artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 6 de abril 2022 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén seis consideracións xerais de carácter unánime e tres consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de empresarios de Galicia.
Así mesmo contén, como anexos, tres consideración xerais de carácter non unánime manifestada polas organizacións sindicais e cinco específicas de carácter non unánime manifestadas polas organizacións sindicais(Anexo I).
|
DITAME 7/2022
|
En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2022-2024 e se procede á primeira convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en Unidades Formativas das Empresas, para os exercicios 2022-2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 6 de abril de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.
O comité de ditames solicita que se lle envíe xunto coa resposta a este ditame unha folla estatística da execución da anterior orde.
Segunda.
As bases reguladoras contidas nesta orde son aplicables para o período 2022-2024.
O comité de ditames entende que as bases reguladoras deben de ter vocación de continuidade no tempo e que debería evitarse a publicación de novas bases reguladoras por cada período temporal das novas convocatorias, polo tanto deberían ter vocación de permanencia para facilitar a aplicación das bases sen cambios e abarcar un espectro temporal maior.
Terceira.
O capítulo VI da presente orde titúlase “Primeira convocatoria”.
O comité de ditames considera que debería titularse “Primeira convocatoria para os exercicios 2022-2023”, para que quede especificado o período que comprende.
Cuarta.
O parágrafo décimo sexto da exposición de motivos refírese ao Real Decreto-lei 33/2021 , do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía de estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo.
O comité entende que a numeración está equivocada e debería referise ao Real Decreto-lei 32/2021.
Quinta.
Este Comité observa que neste proxecto normativo utilízanse as letras j e k nalgúns dos artigos, que son impropias do alfabeto galego.
Proponse, polo tanto, a corrección do texto do proxecto normativo neste sentido
Sexta.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
O mesmo se observa respecto das disposicións finais.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.- Artigo 5. Compromiso de contratación.
Neste artigo sinálase que o contrato de traballo concertarase por tempo indefinido. Por outra banda a duración temporal non pode ser inferior a 12 meses. Existen outras modalidades contractuais previstas na regulación vixente (contratos formativos., etc..) que poden empregarse, tendo en conta a duración mínima prevista, e non só o contrato por tempo indefinido.
Asemade, para maior clarificación e seguridade xurídica debería engadirse expresamente a mención ao fixo-descontinuo.
Segunda.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
O artigo 6.4 establece que non poderán obter a condición de entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde, aquelas nas cales concorran algunhas das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 6.7 da Orde TMS/368/2019, de 28 de marzo”.
O artigo 10.1 e) establece que non poderán obter a condición de beneficiario as entidades que non estean ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social o ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos que regulamentariamente se determinen.
Este comité propón que se recolla a posibilidade de subsanar a débeda no caso de que a entidade beneficiaria non sexa coñecedora da súa existencia.
Terceira.- Artigo 16. Criterios de avaliación.
O artigo 16.1 b) no seu primeiro punto, establece que por cada contrata a formalizar por tempo indefinido e a xornada completa, se concederá 1 punto.
O comité de ditames entende que debería incrementarse a valoración as contratacións a tempo completo. Neste senso o Comité considera que debería quedar máis clara a aposta pola contratación a tempo completo.
Por outra banda, como queira que o mínimo de porcentaxe da contratación a tempo parcial é do 50% (art. 5) debería de explicitarse o baremo de puntuación, para as contratación realizadas por riba dese 50% (na franxa entre o 50% e o tempo completo).
Cuarta.-Artigo 21. Medios de execución das accións formativas.
O apartado 8 do artigo 21 establece que “As empresas beneficiarias non poderán exceder os límites na imputación de custos relativos á subcontratación da docencia a través dun servizo externo. A estes efectos será de aplicación o disposto na normativa vixente en materia de contratación pública, no senso de fixar como límites máximos as porcentaxes recollidas no artigo 131.1, letras a) e b), gastos xerais de estrutura, do Real Decreto 1098/2001, do 12 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas”.
O comité suxire que se expliciten os límites máximos aos que se refire o parágrafo anterior na propia orde.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG,SN. DE CC.OO. DE GALICIA E UGT-GALICIA:
Consideracións xerais
Primeira.
As organizacións sindicais consideran que é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas ten producido escasos resultados en cantidade e en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais.
Xa que logo, eses recursos públicos deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:
1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.
Segunda.
Entendemos que o obxectivo último e real deste proxecto normativo é a transferencia de recursos económicos do Erario a determinadas empresas, simplemente porque estas cumpran coa súa obriga legal de formar ao persoal no desempeño laboral que elas precisen, polo que se deturpa claramente a función legal de adicar os recursos públicos e as cotizacións para Formación Profesional das persoas traballadoras e do conxunto das empresas, ás súas finalidades naturais.
Débese ter presente que as empresas privadas xa teñen acceso á formación para o emprego nas súas diferentes convocatorias e ao traveso da formación bonificada para persoas ocupadas.
Por outro lado, resulta sorprendente a alta flexibilización dos criterios e requisitos de impartición, execución e xustificación para esta e outras liñas subvencionais dirixidas en exclusiva á empresa privada, con respecto a rixidez que se manifesta nas normas que regulan as convocatorias de accións formativas de alcance máis xeral.
Finalmente, consideramos que a regulación do “novo modelo de formación” que prevé legalmente a participación determinante dos interlocutores sociais máis representativos no deseño e a planificación da formación, non se está a respectar na tramitación deste proxecto normativo.
Terceira.
As organizacións sindicais que integran o Consello lembra que o criterio unánime deste comité de ditames manifestado en diversos ditames anteriores é que "non atopa moito sentido nin xustificación á segregación desta Orde, cando podería quedar perfectamente regulada a través da orde xeral de Accións Formativas para persoas traballadoras desempregadas, como vía de programación específica".
Consideracións específicas:
Primeira.- Artigo 5. Compromiso de contratación.
O apartado 1 deste artigo establece que cada acción formativa incluirá o compromiso de contratación, nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, dun mínimo do 40 % do alumnado aprobado e/ou formado, atendendo á definición de ambos perfís recollida no artigo 38.4.II desta orde, redondeado ao enteiro superior.
As organizacións sindicais consideran que esa porcentaxe mínima debería volver a ser do 60% que se esixía en ordes anteriores.
Segunda.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
Na redacción deste artigo non se recolle o requisito, que aparecía en ordes anteriores, de que as empresas empreguen a cincuenta ou máis persoas traballadoras en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia para poder ser beneficiarias das axudas recollidas neste proxecto de orde.
Así mesmo, tampouco se recolle, como se facía en ordes anteriores, a previsiónde que “non poderán ser beneficiarias as empresas ou agrupacións que reducisen o número total de persoas traballadoras nin o número total de persoas traballadoras con contrato indefinido no período dos 12 meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude da subvención”, salvo nunha serie de casos exceptuados.
As organizacións sindicais propoñen que se recuperen ambas previsións.
Terceira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
O artigo 6.3, no seu parágrafo dous, establece que tampouco poderán ser beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde de bases as empresas e entidades que, nos seis meses anteriores á solicitude, reduciran o seu cadro de persoal nunha porcentaxe igual ou superior ao 15%. Para estes efectos só se terán en conta as persoas con contrato indefinido, non sendo computables as extincións de contrato por causas obxectivas ou despidos disciplinarios declarados ou recoñecidos como procedentes, nin as baixas producidas por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que non se teñan en conta para o cómputo do persoal fixo as baixas por propia vontade da persoa traballadora e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.
Cuarta.- Artigo 16. Criterios de avaliación.
Na orde para o exercicio de 2017 outorgábanse 5 puntos no caso de que as accións formativas estiveran dirixidas a colectivos de persoas traballadoras desempregadas con especiais dificultades de inserción, previsión que se elimina no actual proxecto normativo.
As organizacións sindicais consideran que se debería recuperar esa previsión.