Pasar al contenido principal

Ditame 12/22

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:06
Ditame proxecto de resolución da Secretaría Xeral da Igualdade pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación por parte de entidades sen ánimo de lucro de mulleres que sofren violencia de xénero, financiadas con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se convocan para o ano 2022
  1. ANTECEDENTES

O día 13 de abril de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito do Servizo de Planificación e Mellora da Secretaría Xeral da Igualdade, que achega o proxecto de resolución pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación por parte de entidades sen ánimo de lucro de mulleres que sofren violencia de xénero, financiadas con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se convocan para o ano 2022.

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, “A situación xerada pola crise sanitaria derivada da COVID-19 aumentou a situación de especial vulnerabilidade para as mulleres vítimas de violencia de xénero, o estado de perigo que viven agravouse, o illamento social e a falta de redes de apoio familiares ou sociais dificulta máis as súas posibilidades de acceder a servizos e recursos de apoio, emerxendo situacións de absoluta desprotección.

Considerando que a independencia económica é clave para garantir que as mulleres en situación de violencia de xénero consigan maior estabilidade persoal, social e laboral, a presente Resolución supón un paso máis na mellora da súa inserción laboral, articulando axudas económicas ás entidades sen ánimo de lucro para fomentar a contratación de mulleres que sofren violencia de xénero e que non poden acadar un posto de traballo no mercado laboral ordinario”.

Ao tratarse dun proxecto novo non hai orde nin ditame anterior.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

O artigo 1, determina o obxecto desta resolución é o de establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2022, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións destinadas a financiar a contratación por parte das entidades sen ánimo de lucro de mulleres que sofren violencia de xénero, ao abeiro do disposto na Lei 11/2007,de 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, ata un máximo de 12 mensualidades para mellorar e facilitar a súa inserción laboral coa finalidade de apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas cuxa situación se viu agravada como consecuencia da crise ocasionada pola pandemia da COVID-19.

Por medio desta convocatoria as entidades terán a posibilidade de obter axudas para a contratación por conta allea de mulleres que sofren violencia de xénero.

A súa finalidade é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu empoderamento, e reforzando ao mesmo tempo as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.

No artigo 2, establécese que  ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un crédito por un importe total de 550.000 que se imputarán á aplicación orzamentaria 11.02.313D.481.02 (código do proxecto 2021 00065) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2022.

O artigo 4, establece que poderán ser entidades beneficiarias das subvención :

  1. a) as entidades sen ánimo de lucro
  2. b) as cooperativas sen ánimo de lucro segundo o disposto na Disposición Adicional Cuarta da Lei 14/2011, de 16 de decembro pola que se modifica a Lei 5/1998 do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, que acrediten o cumprimento das previsións da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, respecto dos topes máximos de traballadores ou traballadoras por conta allea.

Así mesmo, establece que as entidades beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:

  1. a) Carecer de ánimo de lucro
  2. b) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.
  3. c) Cumprir os requisitos e condicións establecidos na normativa xeral de subvencións .

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

  1. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “resolución pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación por parte de entidades sen ánimo de lucro de mulleres que sofren violencia de xénero, financiadas con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se convocan para o ano 2022” consta de: exposición de motivos, trinta e un artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións finais.

O día 2 de maio de 2022 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e dez consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma. Así mesmo, contén tres consideracións específicas de carácter non unánime manifestadas polas organizacións sindicais e dúas consideracións específicas de carácter non unánime manifestada pola CEG.

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 Primeira.

Obsérvase que no texto do proxecto normativo hai algunhas incorreccións en materia de xénero, por exemplo nas páxinas 18 e 19 do borrador.

O comité considera que debería revisarse o texto neste sentido priorizando fórmulas neutras que sirvan para os dous xéneros.

 Segunda.

Segundo o comité de ditames, as disposición finais deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.

Así mesmo, o comité considera que as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Terceira.

Segundo o título, na resolución establécense as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2022.

En opinión deste comité na redacción do articulado confúndense unha e outra.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 Primeira.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.

O apartado 4 de este artigo establece que as subvencións recollidas na presente resolución concederanse cando a contratación se produza con posterioridade á súa publicación.

O comité suxire que a subvención teña carácter retroactivo para as contratacións feitas no período de tempo non cuberto pola RESOLUCIÓN do 22 de xullo de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación, por parte de entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento SI461B).

Segunda.- Artigo 2. Financiamento

O artigo 2.1 establece un crédito por un importe total de 550.000 euros.

O comité considera que a cantidade asignada é claramente insuficiente e que debería incrementarse para ter un maior alcance para beneficiar a un maior número de mulleres vítimas de violencia de xénero.

Terceira.- Artigo 3. Contía da subvención

Con respecto ao apartado 3 deste artigo, o comité quere sinalar que lle chama a atención que non se consideren custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista no artigo 49.1 do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e gratificacións extrasalariais que non formen parte da base de cotización. Poren, no segundo parágrafo do mesmo apartado, faise referencia a Orde ESS/1924/2016, na cal si se recollen como subvencionables os custos antes citados, resultando contraditorio

O comité propoñe que se estea ao establecido na Orde ESS/1924/2016 para determinar que custos son subvencionables en base a esta resolución.

Cuarta.- Artigo 3. Contía da subvención.

A redacción do parágrafo terceiro do apartado 3 do artigo resulta confusa, porque non queda claro se deben computarse situacións con dereito a retribución como as vacacións.

O comité suxire que se revise a redacción e se inclúan as situacións concretas que non deben computarse.

Quinta.- Artigo 10. Contratación das traballadoras.

O apartado 3 do artigo establece que a entidade beneficiaria asume a súa condición de empregadora respecto ás traballadoras contratadas e o compromiso de cumprir a normativa laboral en materia de contratación.

O comité considera que deberían de eliminarse as palabras “en materia de contratación”, pois o compromiso de cumprimento debería abarcar toda a normativa laboral.

Sexta.- Artigo 10. Contratación das traballadoras.

O apartado 5 deste artigo establece que a data límite para a realización dos contratos será o 1 de setembro de 2022.

O comité considera que debería ampliarse este límite ate o 30 de setembro de 2022.

Sétima.- Artigo 12. Prazo de presentación das solicitudes.

Este artigo establece que o prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

Segundo a opinión do comité, este prazo debería aumentarse tendo en conta o prazo máis amplio previsto para a realización das actuacións subvencionables.

Oitava.- Artigo 19. Resolución.

O apartado 3 do artigo refírese a “persoa beneficiaria”.

O comité suxire que se cambie por “entidade beneficiaria” consonte ao que di o artigo 4 da resolución.

Novena.- Artigo 24. Obrigas das entidades beneficiarias.

O comité de ditames opina que no apartado 4 deste artigo, despois da la palabra “titulación”, debería engadirse a frase “...segundo o convenio colectivo de aplicación”.

Décima.- Artigo 25. Seguimento.

A letra a) do apartado 1 do artigo establece que as entidades beneficiarias deberán remitir á Secretaría Xeral de Igualdade a memoria final, asinada pola persoa responsable competente da entidade, que recolla o perfil das traballadoras contratadas ao abeiro desta subvención así como a práctica profesional adquirida e a perspectiva de inserción laboral, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

O comité quere advertir que a “práctica profesional adquirida” non aparece como obxecto da subvención, e que debería suprimirse e substituírse por “as actividades desenvolvidas”.

 

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG,SN. DE CC.OO. DE GALICIA E UGT-GALICIA:

 Primeira.- Artigo 7. Requisitos da contratación.

A letra b) do apartado 1 establece que a duración dos contratos sexa como mínimo de 4 meses.

O comité considera que debería de incrementarse a duración dos contratos para facilitar a integración laboral.

 Segunda.-Artigo 9. Selección das candidatas.

O apartado 1 deste artigo establece que “para a selección das candidatas, as entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta resolución poderán contactar coa oficina de emprego asignada para a presentación da correspondente oferta...”

As organizacións sindicais que forman parte do comité entenden que a redacción debería cambiarse substituíndo a forma verbal “poderán contactar” pola forma “contactarán”.

 Terceira.- Artigo 9. Selección das candidatas. No apartado 1 do artigo establécese a posibilidade de que se presenten ofertas nominativas sempre que se cumpran os requisitos fixados na resolución.

As organizacións sindicais que forman parte do comité consideran que tendo en conta o perfil das persoas destinatarias finais da subvención, non procede establecer ofertas nominativas.

ANEXO II

 CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 Primeira.- Artigo 7. Requisitos da contratación.

A letra b) do apartado 1 establece que a duración dos contratos sexa como mínimo de 4 meses.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que a duración dos contratos dos contratos debería adaptarse tendo en conta que na regulación vixente os contratos formativos en alternancia teñen unha duración mínima de 3 meses.

Segunda.- Artigo 7. Requisitos da contratación.

O artigo 7.2 establece que con independencia da duración do contrato, ou no seu caso do contrato para a substitución da traballadora que causara baixa, o período subvencionable non poderá exceder de doce meses nin poderá prolongarse máis alá do 1 de setembro de 2023.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que se o período subvencionable non pode exceder de doce meses, a data correcta ate onde poderá prolongarse sería o 31 de agosto de 2023 e non o 1 de setembro de 2023.

Número ditame
12