Pasar al contenido principal

Ditame 13/22

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:06
Ditame proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do “Programa Muller 2022”, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022
  1. ANTECEDENTES

O día 19 de abril de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito do subdirección xeral de Emprego da consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do “Programa Muller 2022”, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia,  financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022.

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, “Os datos de incorporación das mulleres ao mundo laboral en España e en Galicia seguen estando por detrás da media europea, por causas social-demográficas estruturais que dificultan o seu acceso a este mercado ou  as alonxan do tecido produtivo. Ademais os contextos de crise económica como a xerada pola recente pandemia de Covid19, poñen en risco a estabilidade e a calidade no emprego tanto de homes como de mulleres, sendo estas as máis prexudicadas, dados os obstáculos que xa de por so enfrontan e sendo tamén as que maiores taxas de expulsión presentan, converténdose nun dos colectivos máis afectados, polo que se fai preciso articular medidas específicas  que melloren o seu acceso ao mercado.

A orde TES/1121/2021, de 11 de outubro, establece as bases reguladoras para a concesión de subvenciones públicas, destinadas ao financiamento do "Programa de Apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano", no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

As bases do programa regulado nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto deste réxime, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

Ao tratarse dun proxecto novo non hai orde nin ditame anterior.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

 O artigo 1, establece que a orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, á convocatoria para o ano 2022 dos incentivos á contratación indefinida inicial de mulleres desempregadas que presentan desvantaxes e dificultades particulares para acceder ou permanecer no mercado de traballo.

Así mesmo, establece que os incentivos previstos nesta orde serán de aplicación ás contratacións indefinidas iniciais a tempo completo que se celebren desde o 1 de xaneiro de 2022 e ata o 30 de setembro de 2022 con mulleres desempregadas.

O artigo 2, establece que o financiamento efectuarase con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dos créditos consignados na aplicación:  11.04.322C.472.0 (código do proxecto  2022 00099) por  importe de 5.500.000 euros e na aplicación  11.04.322C.481.8, código de proxecto 2022 00099, cun crédito de 500.000 euros, que figuran na  Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

O crédito total da convocatoria é de 6.000.000 euros.

O artigo 3, establece que poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as cooperativas e as sociedades laborais, que contraten por conta allea mulleres desempregadas para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde. Tamén poderán ser beneficiarios dos incentivos os centros especias de emprego e as empresas de inserción laboral excepto para facer contratos con persoas con discapacidade.

O artigo 6, establece que as contratacións indefinidas iniciais incentivaranse cunha axuda de 6.000 euros por cada muller desempregada contratada.

No caso de contratacións indefinidas iniciais na modalidade de fixos-descontinuos a contía do incentivo será proporcional ao tempo de traballo.

 

  1. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do “Programa Muller 2022”, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia,  financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022” consta de: exposición de motivos, vinte e seis artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 2 de maio de 2022 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e cinco consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma. Así mesmo, contén unha consideración específica de carácter non unánime manifestada polas organizacións sindicais e unha consideración específica de carácter non unánime manifestada pola CEG.

 

 

 

DITAME 13/2022

 

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 Primeira.

Obsérvanse  o emprego das letras j e k na clasificación dos artigos 13 e 20, impropias do alfabeto galego.

Este comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán

 Segunda.

O comité entende que as disposición adicionais deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

A mesma consideración é aplicable ás disposicións finais.

Así mesmo, o comité considera que as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Terceira.

Obsérvanse erros de redacción ao longo do texto.

O comité suxire que se realice unha nova corrección lingüística do proxecto de orde.

Cuarta.

O comité considera que debería aclararse mellor a condición de entidade beneficiaria ao longo do texto.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 Primeira.- Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión.

O apartado 1 do artigo establece que “Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, á convocatoria para o ano 2022 dos incentivos á contratación indefinida inicial de mulleres desempregadas que presentan desvantaxes e dificultades particulares para acceder ou permanecer no mercado de traballo”.

O comité estima que debería eliminarse a parte que se refire as “desvantaxes e dificultades particulares para acceder ou permanecer no mercado de traballo”, ou explicar no texto a que está a referir exactamente.

Segunda.- Artigo 3. Entidades beneficiarias.

O comité considera que no apartado 1 deste artigo debería especificarse que as mulleres desempregadas que contraten as entidades beneficiarias teñen que estar inscritas no servizo público de emprego.

Terceira.- Artigo 15. Resolución e recursos.

Obsérvase que ó final do apartado 4 deste artigo hai unha referencia ao apartado 5, cando a referencia debería de ser ao apartado 3 do mesmo artigo.

O comité suxire que se corrixa este erro.

Cuarta.- Artigo 23. Subvencións concedidas baixo o marco nacional temporal.

O apartado 3 deste artigo, ó final do parágrafo, establece que non se poderán conceder as axudas cando as entidades se atopen inmersas nun procedemento concursal.

O comité suxire que podan ser beneficiaras da subvención cando haxa un convenio cos acredores e este teña adquirido eficacia.

Quinta.- Disposición adicional terceira.

O parágrafo segundo desta disposición adicional establece que “a administración poderá acceder ao Rexistro de Titularidades e outras bases de datos análogas...”

O comité suxire que se complete o nome do rexistro referido.

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG,SN. DE CC.OO. DE GALICIA E UGT-GALICIA:

 Primeira.- Artigo 20. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado a) deste artigo establece como obriga das entidades beneficiarias “manter no seu cadro de persoal á persoa traballadora contratada durante un período mínimo de 2 anos contado desde a data de realización da contratación”.

As organizacións sindicais que forman parte do comité entenden que o período de contratación de 2 anos debería contarse desde a finalización do período subvencionable e non desde a data de realización da contratación.

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 Primeira.- Artigo 19. Exclusións

A CEG considera que debería de eliminarse a exclusión contida no apartado 3 deste artigo, con respecto á contratación de traballadoras para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta a disposición. A estes efectos deben terse en conta as modificacións realizadas polo RDL 32/2021 no contratos de duración determinada (art. 15 ET) e fixo-discontinuo (art. 16 ET).

Número ditame
13