DITAME 17/2022
Proxecto de orde pola que se modifica a ORDE do 21 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia – financiado pola Unión Europea – Next Generation EU e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2022
I. ANTECEDENTES
O día 29 de xuño de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Colocación, que achega o proxecto de orde pola que se modifica a ORDE do 21 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia – financiado pola Unión Europea – Next Generation EU e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2022. Solicítase o ditame preceptivo sobre o proxecto normativo para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, “unha vez publicada a orde da convocatoria e durante o seu proceso de instrución, detectouse a necesidade de engadir un punto 5 ao artigo 4 (actuacións subvencionables) relativo á posibilidade de que as entidades beneficiarias da subvención poidan subcontratar as actividades de formación incluídas no artigo 4.c) e 4.d) e ata o límite do 40% do custo final da actividade subvencionada dada a importancia da formación nestes programas”.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se modifica a ORDE do 21 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia – financiado pola Unión Europea – Next Generation EU e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2022” consta de: Exposición de motivos, un artigo único e unha disposición final.
O día 1 de xullo de 2022 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén, como anexos, as consideracións non unánimes seguintes: unha específica manifestada polas organizacións sindicais CIG, SN de CCOO de Galicia e UGT- Galicia (Anexo I) e unha específica manifestada pola CEG (Anexo II).
DITAME 17/2022
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se modifica a ORDE do 21 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia – financiado pola Unión Europea – Next Generation EU e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2022, con data de rexistro de entrada neste Consello o 29 de xuño de 2022, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 1 de xullo de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Este Comité considera que se debería esixir que a subcontratación se faga con entidades que cumpran os requisitos esixidos ás entidades que imparten formación profesional para o emprego no ámbito laboral da Comunidade Autónoma de Galicia.
ANEXO I
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, SN DE CCOO DE GALICIA E UGT-GALICIA.
Artigo único. Modificación do artigo 4. Actuacións subvencionables.
A memoria explicativa que acompaña este proxecto de orde salienta que as entidades beneficiarias desta orde son principalmente concellos de menos de 5.000 habitantes, mancomunidades de concellos e agrupacións de concellos.
Á vista disto, as organizacións sindicais que integran este Comité consideran que debería especificarse que se permite a subcontratación unicamente para esos concellos con menos de 5.000 habitantes.
Ademais, entenden que o límite da subcontratación que a orde fixa nun 40% do custo final da actividade subevbcionada é excesivo e debería reducirse.
ANEXO II
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA
Artigo único. Modificación do artigo 4. Actuacións subvencionables.
A CEG considera que se debería motivar, na exposición de motivos deste proxecto normativo, a razón de fixar a porcentaxe máxima da subcontratación no 40% do custo final da actividade subvencionada, tendo que en conta que tanto a Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións como a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia prevén que, nos supostos en que as bases reguladoras non dispoñan outra cousa, poderá ser obxecto de subcontratación ata unha porcentaxe que non sobrepase o 50% do importe da actividade subvencionada.