I. ANTECEDENTES
O día 6 de xullo de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Relacións Laborais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2022 (Premios RSE Galicia 2022). Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Estes Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia regúlanse mediante o Decreto 135/2018, do 4 de outubro.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2019 (publicado no DOG o día 16 de abril de 2019) e o ditame emitido polo Consello con data 4 de marzo de 2019 (Ditame 3/2019) obsérvase que se tiveron en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial, tanto de carácter formal como de fondo.
Do contido do novo proxecto poden destacarse as seguintes novidades:
O novo proxecto normativo non presenta modificacións relevantes respecto da orde anterior.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2022 (Premios RSE Galicia 2022)” consta de: Exposición de motivos, catorce artigos e unha disposición final.
O día 18 de xullo de 2022 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén seis consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
DITAME 18/2022
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2022 (Premios RSE Galicia 2022) da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 6 de xullo de 2022, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 18 de xullo de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS.
Primeira.- Artigo 3. Tipoloxía de premios.
Este precepto establece que o Premio á Responsabilidade Social Empresarial contará con tres categorías: pequena, mediana e grande empresa, sen especificar o número de persoas traballadoras que debe ter unha empresa para ser considerada nunha ou noutra categoría.
Este Comité considera que se debería trasladar ao texto da orde o previsto no artigo 5 do Decreto 135/2018 polo que se regulan os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia, no que se especifica o número de persoas traballadoras que corresponde a cada categoría.
Segunda.- Artigo 4. Valoración da empresa segundo tipoloxía.
O apartado 1.1.e) deste precepto establece que se terá en conta o feito de que se dispoña dun plan de igualdade ou medidas positivas en materia de igualdade que vaian máis alá dos requerimentos legais convencionais.
Este Comité considera que a referencia debe facerse aos requerimentos legais ou convencionais.
Así mesmo, segundo o apartado 1.1.g), terase en conta o feito de aplicar unha igualdade retributiva, cando o correcto sería “aplicar a igualdade retributiva”.
Polo tanto, proponse a corrección dos contidos sinalados.
Terceira.- Artigo 4. Valoración da empresa segundo tipoloxía.
No apartado 1.1.n), así como nos apartados 1.2.f) e 1.3.e), recóllese como criterio de valoración a inexistencia de multas significativas e de sancións por incumprimento da normativa laboral, ambiental ou social, respectivamente.
Este Comité considera que se trata dunha previsión moi xenérica e que debería substituírse pola seguinte: “Inexistencia de sancións firmes de carácter grave ou moi grave nos últimos tres anos”.
Cuarta.- Artigo 4. Valoración da empresa segundo tipoloxía.
O apartado 1.1.r) establece que serán obxecto de valoración outros criterios alegados pola empresa e que veñan fixados polo Global Reporting Initiative (GRI) ou polos obxectivos de desenvolvemento sostible.
Este Comité considera que se debería engadir, a continuación, a opción de ter en conta outros criterios recollidos por outros esquemas ou estándares recoñecidos a nivel estatal ou internacional en materia de RSE.
O mesmo se observa respecta dos apartados 1.2.g), 1.3.f) e 2.h) deste mesmo artigo.
Quinta.- Artigo 4. Valoración da empresa segundo tipoloxía.
Neste artigo empréganse as letras j e k na clasificación, impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas que correspondan.
Sexta.- Artigo 11. Criterios de valoración.
O artigo 4 relaciona unha serie de aspectos que o xurado debe en ter en conta á hora de valorar as candidaturas. Pola súa banda, o artigo 10 recolle uns criterios de valoración que semellan acaparar toda a puntuación.
Este Comité considera que os apartados 1 e 3 deste artigo deberían trasladarse ao artigo 4 como apartados 3 e 4 deste, respectivamente e que o apartado 2 do artigo 10 debería suprimirse.
Deste xeito, todos os criterios obxecto de valoración figurarían no mesmo artigo.