Pasar al contenido principal

Ditame 21/22

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:06
Proxecto de decreto polo que se regula a concesión, utilización e renovación da “Certificación Galega de Excelencia en Igualdade” e créase o seu Rexistro administrativo

I. ANTECEDENTES

O día 11 de xullo de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Relacións Laborais, que achega o proxecto de decreto polo que se regula a concesión, utilización e renovación da “Certificación Galega de Excelencia en Igualdade” e créase o seu Rexistro administrativo. Solicítase o ditame preceptivo sobre o proxecto normativo para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, “co fin de recoñecer e estimular o labor das empresas comprometidas coa igualdade e co obxecto de establecer un novo sistema de recoñecemento ás empresas que destaquen neste ámbito, o Decreto Lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade contempla os elementos básicos do novo distintivo a “Certificación Galega de Excelencia en Igualdade”, co que a Comunidade Autónoma de Galicia distinguirá a aquelas empresas comprometidas coa igualdade entre mulleres e homes e que destaquen na aplicación de políticas igualitarias, coa finalidade de recoñecer publicamente o labor desenvolto polas empresas a favor da igualdade de oportunidades”.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame e do seu contido cómpre destacar os seguintes aspectos:

Segundo o artigo 1, o decreto ten por obxecto regular o procedemento e as condicións para a obtención da “Certificación Galega de Excelencia en Igualdade”, así como a creación e regulación do Rexistro das empresas con ese distintivo.

Para optar á cualificación desta Certificación o artigo 3 esixe ás empresas, entre outros requisitos:
-Ter contratadas un mínimo de 6 persoas traballadoras de media nos 6 meses anteriores á solicitude.
-Contar cun plan de igualdade negociado e ter implantadas, polo menos, o 25% das medidas previstas nel, esixíndose este requisito independentemente de se a empresa ten obriga legal ou convencional a contar cun plan de igualdade.
-Ter subscrito un compromiso en materia de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nas condicións de traballo, organización e funcionamento interno da entidade e responsabilidade social.
Tamén se prevén requisitos específicos que, a maiores, deben cumprir as empresas con consellos de administración.

Pola súa banda, o artigo 5 establece unhas condicións esixibles a todas as empresas que soliciten o distintivo e relaciona os criterios ou parámetros de igualdade que serán obxecto de valoración. Entre outros aspectos, valorarase:
-O establecemento de procesos de selección e contratación baixo a perspectiva de xénero.
-O establecemento dun plan de carreiro na empresa que permita que as mulleres poidan acceder a postos masculinizados e viceversa.
-O establecemento de medidas de organización do tempo de traballo que melloren as previsións legais e convencionais cando contribúan á conciliación da vida persoal, familiar e laboral.
-As accións formativas en materia de igualdade de oportunidades dirixidas ás persoas traballadoras.
-A existencia dunha adecuada representación de mulleres e homes en todos os grupos e categorías profesionais, incluíndo o persoal de alta dirección.

O capítulo III do Decreto regula o procedemento para a obtención e renovación da Certificación.

A concesión da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade terá unha vixencia de 4 anos (artigo 12), podendo solicitar a súa renovación no prazo de 30 días naturais anteriores á data de terminación do período de vixencia e tendo cada renovación unha duración de 4 anos (artigo 13).

O artigo 14 relaciona os dereitos e facultades dos que permitirá beneficiarse a obtención da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, mentres que o artigo 15 recolle as obrigas que leva aparelladas.

Finalmente, cómpre destacar as causas de revogación da concesión, establecidas no artigo 16, como as sancións por infraccións en materia de igualdade e non discriminación ou en materia social así como a perda dalgún requisito necesario para solicitar a concesión, entre outras.

O capítulo VI do Decreto regula o Rexistro das empresas con distintivo Certificación Galega de Excelencia en Igualdade.

Segundo o artigo 18, é un rexistro de natureza administrativa e único para a toda Galicia, quedando adscrito á dirección xeral do ámbito funcional de relacións laborais.

A inscrición practicarase de oficio e o artigo 19 establece o contido que se debe facer constar.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de decreto polo que se regula a concesión, utilización e renovación da “Certificación Galega de Excelencia en Igualdade” e créase o seu Rexistro administrativo” consta de: Exposición de motivos, vinte artigos, unha disposición adicional, unha disposición transitoria, unha derrogatoria e tres finais.

O día 18 de xullo de 2022 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén, así memso, as consideracións non unánimes seguintes: unha específica manifestada polas organizacións sindicais CIG, SN de CCOO de Galicia e UGT-Galicia (ANEXO I) e unha xeral e tres específicas manifestadas pola CIG (Anexo II)

DITAME 21/2022

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Decreto polo que se regula a concesión, utilización e renovación da “Certificación Galega de Excelencia en Igualdade” e créase o seu Rexistro administrativo, da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de xullo de 2022, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 18 de xullo de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Este Comité considera que se debe proceder a unha revisión ortógrafica do texto deste decreto; así, o Artigo 3.2.b), cando establece a obriga de adquirir o compromiso de incrementar a presenza feminina no consello de administración, engade que “devandito compromiso deberá constar por escrito” cando o correcto sería “O devandito compromiso”.

Obsérvase tamén que, no artigo 3, empréganse as letras j e k na clasificación, impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas que correspondan. En respostas remitidas pola Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, respecto desta mesma consideración en outros ditames, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

En canto ás tres disposicións finais, chama a atención que non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, SN DE CCOO DE GALICIA E UGT – GALICIA.

Artigo 5. Condicións e criterios de valoración.
O apartado 3.d) deste precepto inclúe, como criterio ou parámetro de igualdade obxecto de valoración o ter contratada a unha persoa experta para desenvolver actuacións en materia de igualdade, que deberá contar cun mínimo de 150 horas de formación en igualdade e dous anos de experiencia.

As organizacións sindicais que fan parte deste Comité consideran que a obtención dunha Certificación Galega de Excelencia en Igualdade debería esixir uns requisitos máis estritos aos mínimos esixidos pola lexislación aplicable. A formación mínima requirida a unha persoa experta en igualdade son 150 horas, polo que se entende que neste punto o decreto debería máis esixente e valorar unha formación superior.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CIG

Consideración xeral

A CIG manifesta a súa oposición, como xa ten formulado respecto da Marca Galega de Excelencia en Igualdade, á creación dun distintintivo que, tal e como está formulado neste decreto, vén premiar ás empresas polo feito de cumprir os mandatos legais no eido da igualdade o que conlevaría un emprego demagóxico do cumprimento da igualdade entre sexos.

Ademais, esta organización entende que sería necesario contextualizar a fenda salarial existente en Galicia e, en todo caso, cuantificala en vez de referirse á fenda salarial media existente no estado español.

Consideracións específicas

Primeira.- Artigo 3. Requisitos xerais.
O apartado e) deste precepto esixe contar cun plan de igualdade e ter implantadas, polo menos, o 25% das medidas previstas nel ou, no caso de supoñer unha porcentaxe superior, as que previron realizar no período comprendido entre a aprobación do plan e a presentación da solicitude do distintivo.

A CIG considera que esa esixencia é insuficiente e mesmo podería ser obxecto dunha sanción por incumprimento. Debe exisirse, en todo caso, o cumprimento do 100% das medidas programas no plan, segundo o calendario de aplicación, no momento da presentación da solicitude deste distintivo.

Segunda.- Artigo 7. Documentación complementaria.
O apartado 1.5 deste precepto obriga a presentar, xunto coa solicitude, un informe de seguimento e avaliación do plan de igualdade. A CIG considera que debería preverse a obriga de que o devandito informe sexa elaborado, necesariamente, pola Comisión de Seguimento e Avaliación e recolla, como contido mínimo:
.Medidas programadas nese período
.Medidas cumpridas en prazo
.Medidas incumpridas
.Incidencias na implantación

Terceira.- Artigo Artigo 7. Documentación complementaria.
Respecto do previsto na consideración anterior, a CIG tamén considera necesario incluír o abriga de solicitar un informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social, así como un informe da representación legal das persoas traballadoras no que figure o seu parecer respecto do grao de cumprimento das medidas recollidas no plan de igualdade.

Número ditame
21