Pasar al contenido principal

Ditame 23/22

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:06
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2022-2023

I. ANTECEDENTES

O día 10 de agosto de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito do Servizo de Fomento de Emprego e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2022-2023. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, “a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, en concordancia co desenvolvemento doutras medidas no ámbito social e na execución das políticas activas de emprego, no marco da Axenda 20 para o emprego, establece accións específicas para a inserción das persoas con discapacidade que teñen por obxecto a mellora da súa empregabilidade e, coordinadamente, o establecemento de medidas para a súa inserción normalizada no mercado de traballo, pois entende que o acceso ao emprego é un elemento decisivo para a integración deste colectivo na economía e na sociedade nun sentido amplo”.

Neste senso configúranse as axudas que recolle este proxecto de orde que terían como fin garantir a empregabilidade das persoas con discapacidade a través dos tres programas que se regulan.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio anterior, publicada no DOG o día 20 de agosto de 2021 e o ditame emitido polo Consello con data 7 de xullo de 2021 (ditame 26/2021), obsérvase que non se tiveron en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

O artigo 38 regula as axudas á creación de postos de traballo de carácter estable, dentro do Programa II. O apartado 6 do dito precepto fixa unha contía base de 10.000 euros por cada posto de traballo creado con carácter indefinido e a xornada completa, mentres que a orde para o exercicio anterior prevía unha contía base de 12.000 euros.

En canto ao orzamento total para financiar as axudas dos tres programas recollidos neste proxecto normativo, o artigo 50 fíxao en 24.178.000€. A contía asignada na anterior convocatoria, tras introducir dúas ampliacións de créditos, foi de 22.307.887€.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do anteproxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2022-2023” consta de: Exposición de motivos, cincuenta e seis artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 2 de setembro de 2022 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se transcribe a continuación, que contén dúas consideracións xerais e nove consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións non unánimes seguintes: dúas xerais e dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia (Anexo I), unha específica manifestada pola CIG (Anexo III) e unha xeral e sete específicas manifestadas pola CEG (Anexo III).

DITAME 23/2022

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2022-2023”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 10 de agosto de 2022, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 2 de setembro de 2022 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.
Existen dous tipos de Centros Especiais de Emprego: as asociación e entidades sen fins de lucro e as formas xurídicas mercantís.

Este Comité considera que se debería intensificar a diferenciación real e normativa recollida nos tres programas entre ambos tipos en favor das asociación e entidades sen fins de lucro.

O impacto desta non diferenciación é moi significativo no artigo 50 á hora de asignar a dotación orzamentaria a cada un dos tipos de entidade, tendo en conta as circunstancias previstas nos artigos 36 e 37 da orde que farían necesario unha diferenciación entre as partidas económicas asignadas a centros especiais de emprego con e sen ánimo de lucro dun xeito que non só non vaia en detrimento destes últimos, senón que supoña un incremento na contía dos créditos que lles corresponden.

Segunda.
Nos artigos 11 e 19 utilízanse as letras j e k, impropias do alfabeto galego. A Secretaría Xeral de Emprego xustifica o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

Por outra banda, debería revisarse a redacción do artigo 19.n), xa que presentar diversos erros.
Así mesmo, no artigo 30.3 faise referencia ao “contrato por indefinido” en vez de “contrato por tempo indefinido”
Obsérvase, tamén, que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic], respecto a que veñan encaixadas baixo un título común.

Finalmente, obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, polo que propón a súa corrección.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira. Artigo 17. Pagamento da subvención.
O apartado 5 deste precepto sinala os casos en que non se poderá realizar o pagamento da subvención, entre eles, o suposto en que o CEE beneficiario sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible; e que se recolla a posibilidade de permitir ao centro beneficiario subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, no caso de que non sexa coñecedor da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a beneficiaria.

Segunda. Artigo 19. Obrigas xerais dos Centros Especiais de Emprego
No apartado g) deste artigo establécese a obriga dos CEE beneficiarios de “conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.”

Este Comité considera que o precepto debería ser máis concreto para aportar seguridade xurídica. Neste sentido, sería preciso especificar o tempo durante o que se deben conservar os documentos.

Terceira. Artigo 20. Modificación da resolución de concesión
O apartado 2 deste precepto prevé que, no programa III, poderá modificarse á alza ou á baixa a resolución inicial cando a contía xustificada fose superior ou inferior á concedida por existir variacións respecto da estimación realizada na resolución inicial.

Este Comité considera que debería preverse a mesma posibilidade respecto dos demais programas recollidos nesta orde, tendo en conta o feito de que, na orde anterior, xa se prevía tamén respecto do Programa I.

Cuarta. Artigo 21. Revogación e reintegro
O artigo 21.2.f) fai referencia aos contratos aos contratos para a formación e a aprendizaxe. Este Comité considera que se debería adaptar a nomenclatura empregada á prevista actualmente no artigo 11 do Estatuto dos Traballadores, tras a reforma introducida polo Real Decreto Lei 32/2021.

Quinta. Artigo 30. Conceptos subvencionables e contía.
En coherencia coa consideración xeral primeira, este Comité considera que debería establecerse unha diferenciación maior da existente na actualidade respecto da contía base recollida neste artigo en favor do CEE sen ánimo de lucro.

Sexta. Artigo 38. Creación de postos de traballo de carácter estable
Segundo o apartado 3 deste precepto, en cada convocatoria poderá limitarse o número de postos a subvencionar por cada CEE.
Este Comité considera que as bases reguladoras deberían relacionar os criterios a ter en conta para limitar eses postos, que serían concretados, de xeito motivado, en cada convocatoria á hora de fixar a antedita limitación.

Sétima. Artigo 38. Creación de postos de traballo de carácter estable
O apartado 6 fixa unha contía base de 10.000 euros por cada posto de traballo creado con carácter indefinido e a xornada completa, mentres que a orde para o exercicio anterior prevía unha contía base de 12.000 euros.

Este Comité propón, tendo en conta o recollido na consideración xeral primeira, que se manteña a contía base de 12.000€ para os centros sen ánimo de lucro, como unha vía de compensación para estas entidades tendo en conta, ademais, o incremento producido no orzamento global asignado a estas axudas.

Oitava. Artigo 38. Creación de postos de traballo de carácter estable
Este Comité considera, respecto ao previsto no último parágrafo do apartado, que para valorar o incremento do cadro de persoal fixo deben excluírse do cálculo determinadas situacións como a xubilación ou falecemento da persoa traballadora, tal e como xa acontece noutras ordes do mesmo eido.

Novena. Artigo 53.Prazos de xustificación.
Respecto dos apartados 1 e 2 deste artigo, este Comité considera que se deberían ampliar significativamente os prazos de xustificación para os supostos recollidos en ambos apartados, tal como acontece noutras ordes da Consellería, que establecen prazos superiores que permiten a execución dos pagamentos dentro do exercicio orzamentario.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E UGT-GALICIA.

Consideracións xerais:

Primeira.
O actual marco normativo, que debera ter como finalidade a integración laboral das persoas con discapacidade, está a xerar un efecto perverso que provoca que o resultado sexa o contrario do perseguido.

Ao aplicar un tratamento idéntico aos CEE con ánimo de lucro e sen ánimo de lucro, especialmente polo que respecta ao programa III, estase a prexudicar a estes últimos que teñen un claro fin social e a favorecer aos que perseguen un fin económico.

O masivo incumprimento do convenio colectivo sectorial nos CEE con ánimo de lucro sitúa aos traballadores e traballadoras dos mesmos nunha situación de clara discriminación ou mesmo de explotación laboral nalgúns casos o que, unido ás desequilibradas axudas que reciben os CEE, motiva situacións de dumping social respecto doutras empresas que traballan nos mesmos sectores.

Por todo o exposto, as axudas recollidas neste proxecto de orde deberían limitarse aos CEE sen ánimo de lucro.

Segunda.
O encadramento normativo para acadar a integración laboral das persoas con discapacidade, do que deriva esta propia Orde que ditaminamos, vén constituído polo Texto Refundido da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e das Directrices da Unión Europea sobre a xestión das axudas ás empresas e ao emprego protexido.

Esta Orde ten como obxectivo complementar a merma que, teoricamente, sofre a empresa na súa produción e rendabilidade polo feito de contar con persoas traballadoras con discapacidade.

Existen dous tipos de Centros Especiais de Emprego, non só en Galicia senón tamén noutras Comunidades Autónomas: os centros sen ánimo de lucro e os que teñen ánimo de lucro por perseguir beneficio e rendabilidade. Esta diferenciación real non ten acollida no texto do proxecto normativo que se somete a ditame, posto que as dúas modalidades de centros reciben o mesmo tratamento.

A realidade amósanos a existencia de casos nos centros de emprego con ánimo de lucro nos que se conta con persoas traballadoras con discapacidades moderadas que lles permitirían desenvolver o seu traballo nunha empresa ordinaria e, que non obstante, ese centro especial de emprego con ánimo de lucro está a percibir as axudas destinadas a paliar aquela merma da que falamos con anterioridade, coa existencia dun evidente fraude de lei.

Outro problema engadido é a non identificación do campo de traballo dos centros especiais de emprego, pois pode darse o caso, por exemplo, que, en supostos de subrogación nos servizos, non se poda producir a pertinente asunción de persoas traballadoras discapacitadas pola nova empresa concesionaria.

Entendemos, en todo caso, que ambas as dúas modalidades de centros requiren unha regulación diferente ou a adopción dalgún tipo de medida que erradique este enriquecemento ilícito. Noutras Comunidades Autónomas estanse a tomar medidas nese senso, como as de non subvencionar aos centros especiais de emprego con ánimo de lucro ou non cualificalos como tales, facendo partícipes das axudas soamente aos que carecen de ánimo de lucro.
Todas estas situacións demandan a necesidade de artellar un novo marco legal que lle dea cobertura e que inclúa unha serie de medidas, como poden ser, a título de exemplo: a discriminación positiva dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro á hora de conceder as axudas; facer unha selección estrita de todos os centros respecto do cumprimento dos requirimentos legais para percibilas; manter a axuda dos centros especiais sen ánimo de lucro sempre que non incorran en xestión deficiente…e que na elaboración e xestión deste programa interveñan, ademais dos responsables das políticas activas de emprego autonómicos, as organizacións sindicais e empresariais galegas.

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 17. Pagamento da subvención.
Respecto dos anticipos recollidos neste precepto, as organizacións sindicais consideran que deberían beneficiarse deles soamente os CEE sen ánimo de lucro, igual que acontece con outras axudas.

Segunda.- Artigo 45. Obxecto.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que soamente deberían ser obxecto de subvención ao abeiro deste programa III o custo salarial das persoas contratadas en CEE sen ánimo de lucro.

ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:

Artigo 30. Conceptos subvencionables e contía.
A CIG manifesta a súa desconformidade coa supresión na orde do exercicio 2014 do apartado que establecía que os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro, que tiveran no seu cadro de persoal 5 ou menos persoas traballadoras con discapacidade, cun contrato indefinido e a xornada completa, poderían percibir unha subvención de ata o 50% dos custos da unidade de apoio á actividade profesional, polo que propoñen que se reincorpore a este proxecto normativo.

ANEXO III

CONSIDERACIÓN XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Consideración xeral:

Aínda que este proxecto prevé un incremento do orzamento global asignado a estas actuacións, a CEG considera necesario que, na convocatoria destas axudas, se estableza unha diferenciación nas contías atendendo ás diferentes finalidades dos centros, en concreto, atendendo ao seu beneficio social ou ao seu beneficio económico.

Consideracións específicas:

Primeira. Artigo 4. Persoas destinatarias finais.
A CEG considera que se debería valorar a posibilidade de que sexa subvencionable o acceso de persoas con discapacidade, incluídas as que se atopen inscritas como mellora do emprego no SEPE.

Segunda. Artigo 5. Definicións
O apartado 2 deste artigo define ás persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral incluíndo, no ítem c) ás persoas pertencentes a colectivos con especial vulnerabilidade, definidos como tales en cada convocatoria.

A CEG considera que sería convinte detallar con maior claridade o que se entende por persoa con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral, xa que non está concretado, para coñecer realmente o seu alcance dado que hai persoas contratadas nos centros con diferentes grados de discapacidade que se atopan, todas elas, en situación de vulnerabilidade.

Así mesmo, a CEG entende que é necesario ampliar as previsións dos incentivos no resto de programas.

Terceira. Artigo 19. Obrigas xerais dos centros especiais de emprego
Este artigo engade, no seu apartado o), a obriga de cumprir co convenio de aplicación, de conformidade coas regras contidas no artigo 1 do Convenio colectivo galego de centros especiais de emprego.
A CEG considera que, para maior seguridade, este apartado debería limitarse a establecer a obriga de cumprir o convenio de aplicación, eliminando a redacción destacada en cursiva.

Cuarta. Artigo 40. Asistencia técnica.
O apartado 1.a) deste precepto prevé unha subvención para a contratación de persoal de dirección sempre que o CEE teña, como mínimo, 10 persoas traballadoras. Ademais, esta axuda poderá concederse en dúas convocatorias.
A CEG considera necesario fixar o número mínimo de persoas traballadoras en 5, xa que isto permitiría que os centros con menor número de traballadores e con potencial de creación de emprego puidese adaptarse de forma áxil ás necesidades dun mercado laboral cambiante.

Quinta. Artigo 43. Obrigas e reintegros específicos do Programa II.
Como o obxecto e esixencia da subvención é manter o posto de traballo durante 2 anos, é necesario que en supostos de despedimento improcedente, se outorgue a posibilidade de substituír á persoa traballadora, pola realidade que en ocasións se dá no mercado laboral. Por tanto pódese establecer a esixencia de 24 meses de traballo efectivo.
A CEG solicita permitir a substitución en supostos de despedimento improcedente, antes de ter a obriga de reintegro do 100% ou en todo caso que o reintegro sexa proporcional ao tempo restante de contrato.

Sexta. Artigo 46. Conceptos subvencionables e contía.
Segundo o apartado 4 deste artigo: “nas situacións de incapacidade temporal, son subvencionables exclusivamente os días en que o pagamento lle corresponda integramente ao centro especial de emprego, de conformidade co que dispoña a normativa da Seguridade Social ou o convenio colectivo de aplicación”.

A CEG propón que se suprima o termo “integramente” sen prexuízo das dificultades de xestión que isto poida conlevar para a Administración.

Sétima. Artigo 56. Particularidades no programa III (custo salarial).
A previsión adicional do 10% afecta ás persoas con discapacidade incluídas no artigo 5.2.

Considérase que dita ampliación se ten que trasladar tamén a outros colectivos non recollidos inicialmente no artigo 5.2 pero que si presentan dificultades de inserción, que non dependen só de tipo e grao.

Polo tanto, en coherencia coa proposta realizada para o artigo 5.2 nestas consideracións, ampliaríanse os potenciais beneficiarios desta mellora.

Número ditame
23