Pasar al contenido principal

Ditame 24/22

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:06
Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2022 e 2023.

I. ANTECEDENTES

O día 30 de agosto de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2022 e 2023. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

A exposición de motivos recorda que “a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de Formación Profesional para o emprego no ámbito laboral, contempla a planificación e o financiamento do sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, a programación e execución das accións formativas, o control, o seguimento e o réxime sancionador, así como o sistema de información, a avaliación, a calidade e a gobernanza do sistema. O seu artigo 6 establece que a concesión directa de subvencións aplicarase ás bolsas e axudas de transporte, manutención e aloxamento que se concedan ás persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas”.

Segundo o seu artigo 1, o obxecto desta orde é regular o réxime da concesión directa de subvencións por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade en concepto de bolsas e axudas para as persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas no marco da formación profesional para o emprego financiada pola dita consellería, coa excepción da formación incluída en programas integrados de emprego, obradoiros de emprego e accións formativas financiadas con fondos procedentes do mecanismo de recuperación e resiliencia.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior, publicado no DOG o día 29 de outubro de 2021 e o ditame emitido polo Consello con data 20 de setembro de 2021 (Ditame 37/2021), obsérvase que se tivo en conta, parcialmente, unha das consideracións de carácter formal manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial, así como unha consideración sobre o fondo.

O novo proxecto normativo non presenta modificacións de grande relevancia respecto da orde anterior, aínda que cómpre destacar o incremento experimentado no orzamento global asignado a estas axudas, que se fixa en 1.560.000€, segundo o artigo 2.

Así mesmo, e como recolle a Exposición de Motivos, adáptase a axuda a mulleres vítimas de violencia de xénero ás demandas da sociedade para abranguer un colectivo máis amplo de persoas destinatarias, baixo a denominación de vítimas de violencia de xénero, que inclúe como concepto de violencia, a violencia vicaria e a violencia dixital.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2022 e 2023” consta de: Exposición de motivos, vinte e seis artigos, dúas disposicións adicionais, dúas transitorias e dúas finais.

O día 12 de setembro de 2022 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e dez consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

DITAME 24/2022

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2022 e 2023, da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 30 de agosto de 2022 e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de setembro de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Tendo en conta a natureza das axudas e a situación das persoas beneficiarias, este Comité considera que o momento de percepción das axudas é fundamental para atender ao seu obxectivo, que entendemos que é posibilitar a participación das persoas desempregadas nas accións de formación e polo tanto mellorar a súa empregabilidade. En consecuencia, este Comité considera que a resolución e pago das axudas ás persoas beneficiarias debe facerse coa máxima celeridade.

Segunda.
No texto do proxecto de orde sometido a ditame figura no artigo 14 o establecemento dunha obriga de colaboración para as entidades, centros e empresas que reciban fondos públicos para o desenvolvemento das accións de formación.

Este Comité entende que se está a esixir a asunción dunha responsabilidade que excede das funcións das entidades e que, ademais, non se vería compensada. Por isto, propón que se elimine ese artigo 14 ou, subsidiariamente, se estableza esa colaboración como voluntaria e compensada e, en todo caso, se suprima o seu apartado 3, tal e como establece o artigo 23.1 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, onde se establece que “as entidades beneficiarias colaborarán na xestión destas bolsas e axudas nos termos que establezan as convocatorias”.

Terceira.
Este Comité insiste en que debe facilite a folla de datos estatísticos da execución provisional correspondente ao exercicio anterior, que debe acompañar ao proxecto de orde e non achegarse ao informe que se remite posteriormente en resposta ao ditame emitido, na que deben recollerse os seguintes datos:

- Número de solicitudes presentadas
- Número de persoas traballadoras afectadas por esas solicitudes
- Número de solicitudes resoltas favorablemente
- Número de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente

Cuarta.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha.
Proponse o mesmo respecto das disposicións transitorias e finais.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 4. Bolsas e axudas. Tipoloxía e réxime de concesión.
Segundo o apartado 2 deste artigo “o dereito do alumnado a percibir as bolsas e axudas reguladas nesta orde referirase a cada día de asistencia na correspondente acción formativa, debidamente acreditada e recopilada a través dos medios de control da asistencia aplicables”.

Este Comité considera que se debería eliminar o termo “recopilada”, por entender que sería suficiente coa acreditación da asistencia.

Segunda.- Artigo 6. Axudas de transporte.
O último parágrafo do apartado 1 deste precepto establece que para ter dereito á percepción da axuda de transporte, debe presentarse unha declaración responsable na que se explicite o medio de transporte utilizado e a liña ou as liñas de transporte público, urbano e/ou interurbano, que precisen utilizar para asistir á acción formativa.

Este Comité propón modificar a redacción no seguinte senso: “(..) debe presentarse unha declaración responsable na que se explicite o medio de transporte utilizado e, no seu caso, a liña ou as liñas de transporte público, urbano e/ou interurbano, que precisen utilizar para asistir á acción formativa”, xa que se pode empregar un transporte distinto do autobús.

Terceira.- Artigo 10. Cálculo das rendas.
En relación co disposto no apartado 1, no relativo ao cálculo das rendas, ao dispoñer que “Tomaranse os ingresos brutos do mes anterior ao inicio do curso ou do mes anterior a que se produza o feito causante que dea dereito á axuda, segundo o caso, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias”, este Comité considera necesario clarificar o alcance da expresión “os ingresos brutos do mes anterior”.

Cuarta.- Artigo 10. Cálculo das rendas.
No último parágrafo do apartado 2 establécese que a variación de rendas non se considerará circunstancia sobrevida para os efectos de xerar dereito á percepción destas axudas.
Este Comité considera que debería suprimirse o establecido neste parágrafo, por canto os cambios de situación económica deberían dar lugar ao dereito de percepción de axudas ou á súa perda.

Quinta.- Artigo 14. Obriga de colaboración.
Este Comité propón que, de acordo coa consideración xeral segunda, se suprima o apartado 3 da redacción desta orde.

Sexta.- Artigo 16. Declaración responsable que forma parte da solicitude.
Se se ten en conta a natureza e finalidade destas axudas, este Comité considera que non é axeitada a remisión recollida no apartado 1.f) deste proxecto normativo, tal e como establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 10.2, obriga a cumprir os requisitos establecidos “salvo que, pola propia natureza da subvención, se exceptúe pola súa normativa reguladora”.

Sétima.- Artigo 20. Prazo de presentación das solicitudes.
Este precepto fixa o prazo de presentación de solicitudes nun mes, prevendo que a presentación fóra de prazo conleve a súa inadmisión.

Este Comité considera que debería ampliarse o prazo establecido.

Oitava.- Artigo 22. Órganos competentes para a ordenación e instrución do procedemento de concesión. Prazo de resolución e de notificación.
No apartado 3 deste artigo disponse que o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de seis meses.

Este Comité considera excesivo fixar un prazo de seis meses, xa que non debería de ser superior a un mes para que esta convocatoria sexa de utilidade, dada a incapacidade de financiamento das persoas que están sen recursos.

Novena.- Artigo 22. Órganos competentes para a ordenación e instrución do procedemento de concesión. Prazo de resolución e de notificación.
No apartado 3 deste artigo disponse que unha vez transcorrido o antedito prazo (de seis meses) sen terse notificado resolución expresa, a solicitude poderá entenderse desestimada.

Este Comité considera que, para evitar inseguridade xurídica, debería preverse que “transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia”, tal e como se establece no artigo 18.6 do proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación vinculada aos programas de emprego regulados nas ordes do 27 de decembro de 2019 e do 31 de decembro de 2020 para persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantia Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado polo FSE, Programa Operativo de Emprego Xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022.

Décima.- Artigo 25. Pagamento das bolsas e axudas.
Este Comité considera que o primeiro pagamento debería ter lugar no mes seguinte ao da comunicación da resolución da concesión, en atención á especial natureza destas axudas.

Número ditame
24