Pasar al contenido principal

Ditame 26/22

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:06
Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para apoiar, impulsar e consolidar iniciativas de emprendemento iniciadas dende o ano 2020 a través do BONO XEMPRE EMPRENDEMENTO, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2022.

I. ANTECEDENTES

O día 15 de setembro de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para apoiar, impulsar e consolidar iniciativas de emprendemento iniciadas dende o ano 2020 a través do BONO XEMPRE EMPRENDEMENTO, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2022. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a Exposición de Motivos “apoiar as iniciativas de emprendemento de autónomos e pequenas e medianas empresas é crucial nestes tempos de crise en que existe unha grave perturbación na economía galega, motivo polo que se fai necesario fortalecer a actividade económica, mediante axudas que apoien a súa consolidación”, engadindo que “mediante esta orde, pretendese apoiar, impulsar e consolidar as novas iniciativas de emprendemento iniciadas dende o ano 2020 a través do BONO XEMPRE EMPRENDEMENTO co obxectivo de contribuír ao seu mantemento e á súa mellora competitiva”.

Esta orde sométese a ditame por primeira vez. Do seu contido destacan os seguintes aspectos:

O artigo 1 fixa que a finalidade estas axudas é facilitar as novas iniciativas de emprendemento, contribuíndo ao impulso da súa actividade económica, incrementando a súa competitividade e, en definitiva, mantendo empregos de calidade, a través do apoio á financiación da inversión realizada e pagada entre o 1 de xaneiro de 2022 ata á data da presentación da solicitude.

O orzamento asignado a estas axudas ascende a 2.825.000€, segundo establece o artigo 4.

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas traballadoras autónomas e pequenas e medianas empresas, incluíndo cooperativas e sociedades laborais, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia que reúnan os requisitos relacionados no artigo 5.

Pola súa banda, o artigo 6 establece os investimentos que se poderán subvencionar e que deben corresponder, de xeito indubidable, ao proxecto empresarial iniciado desde o ano 2020.
En función da contía da inversión realizada, o artigo 7 fixa a porcentaxe de intensidade da axuda. Así, para as inversións entre 5.000 e 10.000 euros, a contía da axuda será do 60% da inversión.
Entre 10.001 e 30.000€, a contía da axuda será do 50% da inversión.
Entre 30.001 e 50.000 €, a contía da axuda será do 40% da inversión.
E entre 50.001 e 100.000 €, a contía da axuda será do 30% da inversión.

Segundo o artigo 16, o procedemento de concesión será o de concorrencia non competitiva.

O prazo para resolver é dun mes desde a presentación da solicitude, sen que poida superar o 30 de decembro de 2022 (artigo 19).

Comprobado o cumprimento dos requisitos establecidos na presente orde e resolta a concesión da axuda, o artigo 22 sinala que se procederá ao pagamento, con carácter anticipado, do 100 % da axuda, especificando que o cumprimento dos requisitos acreditarase na solicitude mediante a declaración responsable da persoa beneficiaria.

O capítulo II desta orde recolle a convocatoria das axudas para este exercicio, fixando un prazo dun mes para presentar as solicitudes (artigo 30), que se contará desde a entrada en vigor da orde (dous días tras a súa publicación no DOG).

O período de execución das accións abranguerá desde o 1 de xaneiro de 2022 ata a data de presentación da solicitude (artigo 31).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para apoiar, impulsar e consolidar iniciativas de emprendemento iniciadas dende o ano 2020 a través do BONO XEMPRE EMPRENDEMENTO, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2022” consta de: Exposición de motivos, trinta e un artigos, tres disposicións adicionais e dúas finais.

O día 23 de setembro de 2022 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e cinco específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia. Contén, así mesmo, con Anexos as consideracións non unánimes seguintes: 1 específica manifestada pola CIG, SN de CCOO de Galicia e UGT-Galicia (Anexo I) e unha específica manifestada pola CEG (Anexo II).

DITAME 26/2022

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para apoiar, impulsar e consolidar iniciativas de emprendemento iniciadas dende o ano 2020 a través do BONO XEMPRE EMPRENDEMENTO, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2022, da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 15 de setembro de 2022 e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de setembro de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Este Comité entende que non é axeitada a denominación do bono que recolle o título do proxecto normativo, e que respondería á denominación empregada na publicidade e difusión deste bono (BONO XEMPRE EMPRENDEMENTO), considerando que o título dunha norma que será obxecto de publicación no DOG debe respectar unha certa técnica normativa.

Segunda.
Ao longo do texto da norma debería facerse referencia ás persoas ou entidades beneficiarias e non só a estas últimas, tendo en conta que as axudas recollidas nesta orde se dirixen tanto a persoas traballadoras autónomas como a determinadas entidades.

Terceira.
Obsérvanse algúns erros ao longo do texto normativo, por exemplo o emprego do masculino xenérico (“beneficiario” no artigo 6), polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe inclusiva.
No parágrafo terceiro da exposición de motivos debería engadirse o artigo “a” cando indica “aprobouse Lei 9/2013” e no parágrafo sétimo debe acentuarse “pretendese”.
No último inciso artigo 13 alúdese ás “comprobacións no artigo 14.1”, debendo especificarse que se trata das “comprobacións contidas no artigo 14.1”.
No artigo 5.1 hai un erro de numeración, xa que figuran dous apartados b).
Proponse, en consecuencia, levar a cabo unha revisión do texto.

No artigo 14 utilízanse as letras j e k, impropias do alfabeto galego. A Secretaría Xeral de Emprego vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

En canto ás dúas disposicións adicionais, chama a atención que non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

Finalmente, este Comité considera que as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 5. Beneficiarias e requisitos
Entre outros requisitos, este apartado esixe ás persoas ou entidades beneficiarias ter presentado as contas anuais do último ano no Rexistro Mercantil ou no Rexistro de Cooperativas, segundo corresponda á súa forma xurídica.

Este Comité considera que se debería ter en conta a aquelas entidades ou persoas beneficiarias que teñen a obriga de presentar as súas contas no rexistro e, en consecuencia, modificar a redacción do apartado como se indica a seguir: “Ter presentado, no seu caso, as contas anuais do último ano no Rexistro Mercantil ou no Rexistro de Cooperativas, segundo corresponda á súa forma xurídica”.

Segunda.- Artigo 8. Definicións.
O apartado c) deste precepto define as inversións en eficiencia enerxética como “toda aquela compra de produtos e instalacións que reduzan o consumo enerxético, o que vai desde o cambio de sistemas de iluminación a cambios de maquinaria e instalacións”.

Este Comité considera que se trata dunha redacción ineficiente que pode dar lugar a unha interpretación restritiva, polo que se propón que as inversións en eficiencia enerxética se defina como “toda aquela compra de produtos e instalacións que reduzan o consumo enerxético, entre outras, o cambio de sistemas de iluminación a cambios de maquinaria e instalacións”.

Terceira.- Artigo 8. Definicións.
O apartado e) define a reforma e habilitación das instalacións do local do negocio como obras de sinxela técnica e escasa entidade construtiva e económica que consisten normalmente en simples reparacións, decoracións ou ornatos que non modifican a estrutura construtiva do local.

Este Comité considera que debería haber concordancia entre o título do concepto e o contido da definición, xa que neste caso estase a falar de reformas e habilitación de instalacións mentres que na definición se fai referencia a obras de escasa entidade ou á decoración, polo que se propón que a definición recolla a posibilidade expresa de obras de máis calado propias dunha reforma.

Cuarta.- Artigo 11. Documentación complementaria para a solicitude da subvención.
O apartado 1.d deste artigo establece que “a persoa ou entidade solicitante deberá presentar unha declaración responsable de persoas e empresas vinculadas en que acredite que as ofertas presentadas non corresponden a empresas vinculadas á solicitante nin a persoas relacionadas coa mesma ata o 4º grao de consanguinidade ou afinidade”.

Este Comité considera que se debería engadir unha referencia expresa á excepción prevista no artigo 6.1.6, segundo o cal “cando a persoa emprendedora sexa membro da familia do/a propietario/a inicial ou un/ha empregado/a e se faga cargo da pequena empresa para continuar coa actividade, non se aplicará a condición de que os activos deban ser adquiridos a terceiros non relacionados co comprador”.

Quinta.- Artigo 30. Presentación de solicitudes.
En relación ao prazo que para a presentación das solicitudes fixa este precepto, e tendo en conta as datas nas que se está a informar este proxecto normativo, o Comité de ditames propón que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade axilice a publicación desta Orde para que poida sr efectiva e acadar os obxectivos que fixa. 
ANEXO I

CONSIDERACIÓN DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E UGT-GALICIA.

Artigo 24. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado h) deste precepto establece a obriga da persoa ou entidade beneficiaria de manter, polo menos durante un período de dous anos desde a data da resolución de concesión, unha forma xurídica de entre as elixibles para resultaren beneficiarias da subvención concedida, así como a actividade empresarial.

no seu cadro de persoal á persoa traballadora contratada durante un período mínimo de 6 meses.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, consideran que se debería esixir, durante o mesmo período, o mantemento do emprego existente na data de presentación da solicitude para dar así cumprimento ao obxectivo recollido tanto na exposición de motivos da orde como no seu artigo 1, que alude directamente á finalidade de manter empregos de calidade.

ANEXO II

CONSIDERACIÓN DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 1. Obxecto e finalidade.
Este artigo establece, como obxecto da orde, aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública das axudas para as persoas traballadoras autónomas e pequenas e medianas empresas, incluíndo cooperativas e sociedades laborais, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tendo en conta que o artigo 5 recoñece como beneficiarias ás sociedades cooperativas e laborais de entre as previstas no artigo 6 Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia, a CEG considera que se deberían recoller expresamente como destinatarias das subvencións as sociedades agrarias de transformación, xa que son entidades de mercado dedicadas á transformación e comercialización de produtos agrarios, e figuran recollidas no artigo 6 da antedita Lei de economía social.

Número ditame
26