Pasar al contenido principal

Ditame 30/22

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:06
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2023.

I. ANTECEDENTES

O día 19 de outubro de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Relacións Laborais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2023. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 29, epígrafe 1, que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a execución da lexislación do Estado en materia laboral.

Corresponden á Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade as competencias e funcións nesta materia e, entre outras, as relativas á seguridade e saúde laboral, de acordo co Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

Segundo a Exposición de motivos: “con esta orde estase a levar a cabo a promoción da prevención dos riscos laborais coa finalidade de promover melloras nas condicións de traballo, dirixidas a elevar o nivel de protección e da seguridade e saúde laboral”.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2022 (publicado no DOG o día 27 de xaneiro de 2022) e o ditame emitido polo Consello con data 25 de novembro de 2021 (Ditame 55/21), obsérvase que se tiveron en conta dúas das consideracións de fondo manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Os únicos cambios observados no novo proxecto normativo serían os seguintes:

En canto ao financiamento, obsérvase un incremento na liña II das axudas, ao pasar de 490.000€ a 655.103 (artigo 3). Pola súa banda, o importe máximo subvencionable por estudo na liña II redúcese de 15.000 a 10.000€.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2023” consta de: Exposición de motivos, corenta artigos, dúas disposicións adicionais e tres finais.

O día 28 de outubro de 2022 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e vinte e unha consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, as seguintes consideracións de carácter non unánime: dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, o SN. de CC.OO. de Galicia e UGT-Galicia (anexo I), e sete específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).

DITAME 30/2022

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2023, con data de rexistro de entrada neste Consello o 19 de outubro de 2022, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de outubro de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Aínda que as accións formativas e os gastos que delas se deriven poderanse realizar desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 30 de outubro de 2023, sería necesario que as Resolucións destas convocatorias saíran a máis tardar no mes de marzo, contando cun mínimo de tres meses antes do período estival e tres meses despois do período estival para a súa execución, posto que os meses de verán son moi complicados para a impartición de accións formativas de todo tipo, especialmente as de asistencia voluntaria.

Segunda.
Este Comité observa o emprego do masculino xenérico no artigo 15, onde se refire aos “alumnos”, polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe inclusiva.

Así mesmo, é necesario corrixir ao longo do texto erros de carácter formal como os erros na clasificación no artigo 17, en cuxa numeración faltan os apartados 3 e 4.

Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enuncialas. Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

Finalmente, as disposicións derradeiras deberían denominarse “Disposicións finais”.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira. Artigo 2. Liñas e actividades subvencionables.
Este Comité propón que se engadan, como accións subvencionables, as accións que permitan a elaboración de ferramentas e materiais innovadores relacionados co fomento da prevención de riscos laborais. Na contestación da Consellería a esta mesma consideración no ditame 55.2021 sinalábase que se valoraría para próximas convocatorias, pero a redacción segue sen variarse.

Segunda. Artigo 3. Beneficiarias e o seu financiamento.
Este Comité propón que, tanto para a Liña 1 como para a 2, soamente poidan ser beneficiarias das axudas as organizacións empresariais e sindicais máis representativas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Tamén se propón que se substitúa, no apartado 2.b) deste artigo, a referencia ás organizacións sindicais con representatividade pola de organizacións sindicais máis representativas.

Finalmente, debería substituírse a referencia ás asociacións empresariais galegas do apartado 2.a) pola de asociacións máis representativas.

Terceira. Artigo 5. Importe máximo subvencionable.
O apartado 1.b) fixa o importe máximo por solicitude, na liña 2, en 30.000€. Este Comité considera que, tras varios exercicios mantendo a mesma contía máxima, procede a súa actualización e propón que se incremente a 40.000€.

Cuarta. Artigo 5.- Importe máximo subvencionable.
Respecto do apartado 1.b), e sen prexuízo do indicado na consideración anterior, este Comité considera que, nas solicitudes realizadas á bolsa empresarial da liña 2, ningunha entidade poderá percibir unha contía que supere os 30.000 euros pola totalidade de accións solicitadas.

Quinta. Artigo 5. Importe máximo subvencionable.
O apartado 2.a) fixa a contía por actividade en 160 euros por cada hora impartida ou, excepcionalmente, en 200 euros por hora.

Este Comité propón que se revisen as ditas contías á alza, en función dos prezos de mercado e da especificidade dos cursos que se realicen.

Sexta. Artigo 5.- Importe máximo subvencionable.
Este Comité considera que se debería aclarar se o apartado 3 do artigo 5, refírese aos apartados 2a), 2b), 2c) ou a todos eles.

Sétima. Artigo 5.- Importe máximo subvencionable.
O apartado 2 fixa o importe máximo subvencionable por actividade e relaciona unha serie de cursos que recibirán un maior importe, entre os que están as técnicas de rescate industrial.

Este Comité considera que se debería incluír expresamente dentro da acepción “rescate industrial” as accións relativas ao sector marítimo pesqueiro, entre outras.

Oitava. Artigo 5.- Importe máximo subvencionable.
O apartado 2.c) deste precepto fixa o importe máximo subvencionable por estudo en 10.000€, cando a orde anterior fixaba o dito límite en 15.000€. Este Comité considera a nova contía escasa para desenvolver un estudo con todos os requisitos necesarios, polo que se propón que se recupere o máximo previsto para o anterior exercicio.

Novena. Artigo 10. Requisitos de asistencia aos cursos.
Segundo o apartado 2 deste artigo: “En casos excepcionais, debidamente motivados poderá autorizarse pola Dirección Xeral de Relacións Laborais a realizacións de estas accións cun menor número de asistentes, en todo caso, non menor a oito.

Este Comité entende que en vez de unha autorización debería ser suficiente unha comunicación trasladada á Dirección Xeral de Relacións Laborais pola entidade beneficiaria.

Tamén entende que o apartado 3 do artigo 10, debería ser eliminado.

Décima. Artigo 11.- Gastos subvencionables e período de imputación.
Con respecto ao apartado 3 deste artigo, este Comité considera que debería incluír os gastos financeiros directamente relacionados coa actividade que se subvenciona, xa que segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estes gastos poden ser subvencionables.

Décima primeira. Artigo 11.- Gastos subvencionables e período de imputación.
A letra f) do apartado 3 recolle os gastos indirectos que son subvencionables, como consumo eléctrico ou teléfono, entre outros, sempre que se correspondan cos locais en que se realizan as accións.

Este Comité considera que debería especificarse que se trata dos locais nos que se realizan as accións en calquera das súas fases, para permitir a imputación de gastos tamén nos locais en que se leve cabo, por exemplo, a planificación das accións, polo que se propón engadir “en calquera das súas fases” á expresión “locais nos que se realizan as accións”.

Décima segunda. Artigo 11. Gastos subvencionables e período de imputación.
En relación co importe máximo subvencionable dos gastos recollidos na letra f) do apartado 3 deste artigo, este Comité propón que a porcentaxe do 10% sexa aumentada ata un 15%.

Décima terceira. Artigo 17. Documentación complementaria.
O Comité considera que no caso das agrupacións as que se refire o artigo 14 a) só debería exixirse documentación das letras c), d) e e) contidas no artigo 17.3. Así mesmo considera que no caso das agrupacións as que se refire o artigo 14 b), debería exixirse toda a documentación contida no artigo 17.3.

Décima cuarta. Artigo 25. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das liñas 1 e 2.
O apartado 3 deste precepto establece a prioridade de determinadas materias nos cursos, xornadas ou estudos, ás que se lles outorgará unha maior puntuación.
Este Comité propón engadir ás materias relacionada neste apartado as seguintes, que serían valoradas tamén con 4 puntos:

1. Prevención de riscos laborais en poboación traballadora de máis de 45 anos con dereito a coeficiente redutor da idade de xubilación por razón da súa actividade.

2. Traballos que conlevan unha natureza en extremo penosa, tóxica, perigosa e insalubre, onde existe risco permanente de sinistros ou morbilidades.

Décima quinta. Artigo 25. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das liñas 1 e 2.
Respecto do apartado 5, este Comité considera que procede mellorar a redacción especificando a porcentaxe de representación feminina que se require para obter a puntuación.

Nesta mesma orde para o ano 2021 (DOG nº70 do 15 de abril de 2021) especifícanse as porcentaxes que corresponden a cada sexo, polo que se propón que se traslade esa redacción a este novo proxecto.

Décima sexta. Artigo 25. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das liñas 1 e 2.
Este Comité non comparte que se puntúe a capacidade de cofinanciamento por parte da entidade fronte á súa representatividade social, número de persoas destinatarias da acción, achega innovadora, transferibilidade da acción e calquera outro dos restantes criterios que se sinalan neste artigo.

Polo tanto, proponse a eliminación como criterio de valoración do apartado 7 deste artigo.

Décima oitava. Artigo 27. Resolución e recursos.
O apartado 3 deste artigo prevé a posibilidade de pagamentos anticipados que poderán ser ata do 80% cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros e dun 10% adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros en caso contrario.

Este Comité reitera a súa proposta de que o anticipo sexa, en todo caso, do 80% independentemente da contía da subvención concedida. Na resposta achegada pola Subdirección Xeral de Relacións Laborais indícase que a modificación proposta require autorización do Consello da Xunta, o que conlevaría atrasos nos prazos de tramitación previstos, pero afirmando que non se descarta adoptar o dito criterio en vindeiras convocatorias. Ante esta resposta, este Comité insiste na necesidade de valorar un incremento nas porcentaxes de anticipo e facelo coa antelación suficiente, non postergando durante outra anualidade a dita valoración.

Décima novena. Artigo 27. Resolución e recursos.
No seu apartado 4, este artigo fixa un prazo máximo para resolver e notificar a resolución de cinco meses.
Este Comité entende que se trata dun prazo moi amplo polo que debería fixarse nun máximo de 3 meses.

Vixésima. Artigo 29. Prazo de finalización e de xustificación das accións.
Este artigo incrementa o prazo de xustificación previsto na orde anterior ata o 11 de novembro . Porén, este Comité considera que ese incremento e insuficiente e reitera a súa proposta de estender o prazo de xustificación, polo menos, ata o 15 novembro.

Vixésima primeira. Artigo 34. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado 10 deste precepto esixe á entidade beneficiaria estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e sociais e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter algunha débeda pendente, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA.

Primeira. Artigo 5.- Importe máximo subvencionable.
Respecto do apartado 1.b), e sen prexuízo do indicado na consideración anterior, este Comité considera que, nas solicitudes realizadas á bolsa sindical, as entidades sindicais intersectoriais con representación sectorial mais representativas de Galicia, poderán realizar ata un máximo de tres solicitudes de planes sectoriais por unha contía máxima de 30.000 euros por cada plan.

Segunda. Artigo 25. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das Liñas 1 e 2.
O criterio 10 deste artigo introduce, como criterio, o compromiso do emprego efectivo da lingua galega e outorga un punto polo mesmo.
As organizacións sindicais insisten en que esa puntuación ten que incrementarse.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira. – Artigo 2. Liñas e actividades subvencionables.
A CEG considera que sería necesario incluír, entre as accións da liña 2 que se recollen no artigo 2, unha mesa técnica para algún risco ou temática específica de afectación sectorial, ou para algunha actividade con especial perigo dentro do sector, que combinaría tanto a parte de sensibilización, como a do informe, por supoñer avaliación e traballo sobre un aspecto concreto, onde se profunde dun modo innovador e colaborativo.

De admitirse esta proposta, sería igualmente necesario incluír no artigo 5 apartado 2, unha nova letra 2) recollendo os gastos imputables neste concepto, que entendemos deberían ser os gastos de desprazamento das empresas /entidades participantes neses encontros, e os dos expertos asesores, que, no seu caso, fosen necesarios.

Segunda. – Artigo 3. Beneficiarias e o seu financiamento, apartado 2: liña 2. Artigo 5. Importe máximo subvencionable.
A Confederación de Empresarios de Galicia considera que nestes artigos debería terse en conta ás organizacións de empresarios galegas intersectoriais.

Terceira. – Artigo 4. Entidades beneficiarias.
Entre as entidades que non poderán ser beneficiarias, recóllese na letra c) deste artigo que non poderán ser beneficiarias as organizacións que estean integradas nunha federación/confederación.

Sería conveniente deixar claro que esta mención é só para a liña 1, tendo en conta para isto os topes cuantitativos e a tipoloxía de actividades establecidos para a liña 2.

Cuarta. – Artigo 5. Importe máximo subvencionable.
O apartado 2.c) establece que se subvencionará un único estudo por entidade.
A CEG propón eliminar a limitación do número de estudos por entidade.

Quinta. Artigo 25. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das liñas 1 e 2.
O apartado 3 deste precepto establece a prioridade de determinadas materias nos cursos, xornadas ou estudos, ás que se lles outorgará unha maior puntuación.
A CEG considera que se recollen unha serie de temáticas preferentes que, limitan en exceso e contradín, no caso dos estudos, a mención que se recolle no artigo 8 apartado 5 respecto ao contido innovador. Sería necesario introducir unha mención a outras temáticas innovadoras con afectación en PRL, con 2 puntos, para incentivar a innovación neste ámbito.

Ademais, dentro das materias relacionadas no apartado, ás que se outorgan 4 puntos, a CEG propón engadir a prevención de accidentes marítimos.

Sexta.- Artigo 25. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das liñas 1 e 2.
No punto noveno establécese o cumprimento das obrigas derivadas das subvencións concedidas no período dos tres exercicios anteriores nas subvencións obxecto da presente orde e barémase con 5 puntos unha porcentaxe de execución que superase o 90%.

A CEG considera que deberían ser catro puntos xa que este último tramo comprende una execución entre o 90% e o 100%, isto é do 10%. Polo tanto, proponse un cambio nos tramos de tal xeito que os dous últimos tramos sexan: o que vai do 70% ao 85% e o que supere o 85%.

Proponse tamén que se incremente un punto respecto ó tramo anterior po lo que pasaría de 3 a 4 puntos.

Con este motivo propoñemos dar coherencia ao baremo aplicando criterios homoxéneos nos incrementos das porcentaxes de execución.

Sétima.- Artigo 25. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das Liñas 1 e 2.
O apartado 1 valora o ámbito territorial de alcance da entidade de 1 a 4 puntos, outorgando 3 puntos ás entidades con ámbito territorial interprovincial.

A CEG propón eliminar este criterio de valoración porque entende que é suficiente o autonómico, o provincial e o inferior ao provincial. De aceptarse esta proposta conlevaría a redistribución das puntuacións deste criterio.

Número ditame
30