Pasar al contenido principal

Ditame 32/22

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:06
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción e se convocan para o ano 2023.

I. ANTECEDENTES

O día 8 de novembro de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción e se convocan para o ano 2023. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos “as cooperativas (xunto con outras entidades entre as que se atopan as sociedades laborais, os centros especiais de emprego, as empresas de inserción ou as confrarías de pescadores), forman parte da denominada economía social nos termos en que a define a Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia: o conxunto das actividades económicas e empresariais que no ámbito privado levan a cabo aquelas entidades que perseguen ben o interese colectivo dos seus integrantes, ben o interese xeral económico ou social, ou ambos.

As axudas establecidas nesta orde forman parte da actividade de fomento da economía social despregada pola Xunta de Galicia e pretenden facer efectiva a promoción das organizacións representativas das entidades que forman parte da economía social, procurando un axeitado desenvolvemento destas estruturas”.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2022, publicado no DOG o día 24 de xaneiro de 2022 e o ditame emitido polo Consello con data 27 de outubro de 2021 (Ditame 40/2021), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O novo proxecto normativo presenta as seguintes modificacións respecto da orde do ano anterior:
O sistema de pagamento anticipado, recollido no artigo 17, presenta modificacións respecto do previsto na orde anterior. Así, no novo proxecto indícase que o pagamento se realizará de oficio (agás oposición expresa da entidade), mentres que na orde anterior requiríase solicitude por parte da beneficiaria.
Ademais, na nova orde prevese un anticipo de ata o 90%, superando nun 10% o establecido para o anterior exercicio.

Pola súa banda, o artigo 28 establece que a contía das axudas non poderá superar o 90% dos gastos necesarios para realizar as actividades, mentres que este límite na orde anterior era do 80%.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción e se convocan para o ano 2023” consta de: Exposición de motivos, corenta e catro artigos, dúas disposicións adicionais e dúas finais.

O día 23 de novembro de 2022 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideracións xeral e catro consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral e tres específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, S.N. de CC.OO. de Galicia e UGT-Galicia (Anexo I) e unha xeral e dúas específicas manifestadas pola organización empresarial CEG (Anexo II).

DITAME 32/2022

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción e se convocan para o ano 2023, da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 8 de novembro de 2022, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de novembro de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Obsérvase un erro no artigo 20.g), que fai referencia ao Decreto 11/209, do 8 de xaneiro, en lugar de referirse ao Decreto 11/2099, do 8 de xaneiro.

Ademais, nos artigos 20, 27, 34 e 36 utilízanse na clasificación as letras “j” e “k”.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego. Nas respostas remitidas pola Consellería vense facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

Por outra banda, obsérvase que as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 16. Xustificación e pagamento.
O apartado 10 deste precepto establece que “en ningún caso poderá realizarse o pagamento da subvención mentres as entidades beneficiarias non figuren ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, sexan debedoras en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teñan algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma”.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Por outro lado, a resolución de procedencia de reintegro debería ter carácter firme, do mesmo xeito que figura noutras ordes.

Segunda.- Artigo 30. Criterios de valoración.
Entre os criterios de valoración non se inclúe o emprego da lingua galega na elaboración e na realización do proxecto.

Este Comité Delegado entende que debería incluírse como criterio de valoración o emprego da lingua galega, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Igual consideración se aplica ao artigo 37 deste proxecto normativo.

Terceira.- Artigo 37. Criterios de valoración.
Respecto ao previsto no apartado a) deste artigo, este Comité propón que elimine a previsión de outorgar 3 puntos no caso de que a entidade asociada sexa resultado dun proceso de integración por consideralo desproporcionado, xa que os procesos de integración que aquí se bareman non se corresponden coa realidade das entidades asociativas.

Cuarta.- Artigo 37. Criterios de valoración.
Este Comité propón que se engada, como criterio de valoración das solicitudes, a experiencia das entidades solicitantes desde a data da súa creación.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICA NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E UGT-GALICIA:

Consideración xeral:
As organizacións sindicais que integran o Consello consideran que as actividades que se subvencionan mediante este proxecto normativo son dunha excesiva flexibilidade conceptual e mesmo se prevé subvencionar con fondos públicos actividades ordinarias relativas á estrutura de asociacións privadas, polo que propoñen que se acoten as actividades obxecto de axudas a aquelas que teñan interese público e, subsidiariamente, que se respete o recollido no artigo 7 da norma que subvenciona os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas autónomas.

Consideracións específicas:

Primeira.-Artigo 30.Criterios de valoración.
O apartado b) deste precepto recolle os criterios de valoración das solicitudes polo nivel de actividade da asociación entre os que inclúe a taxa de estabilidade do cadro de persoal e esixe unha porcentaxe mínima de persoas traballadoras fixas do 65%.

As organizacións sindicais consideran que a porcentaxe mínima requirida debería incrementarse ata o 70%, tal e como figura noutras ordes.

Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 37.b).

Segunda.-Artigo 30.Criterios de valoración.
En relación coa consideración específica unánime segunda, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

A Administración ten explicado a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.

Terceira.-Artigo 36. Documentación complementaria.
Este artigo relaciona a documentación que debe acompañar á solicitude e inclúe, no apartado c), copia dos estatutos sociais e as súas modificacións, se é o caso.

Este Comité considera que se debería suprimir esa referencia ás modificacións e limitarse a esixir a presentación da copia dos estatutos vixentes (estatutos e as súas modificacións).

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Consideración xeral:
A CEG propón engadir un novo artigo relativo á subcontratación que incorpore a previsión de que se poida autorizar a subcontratación con terceiros ata unha porcentaxe máxima do 80% do custe total de actividades, de acordo ás condicións previstas no artigo 27 da Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia e ao artigo 43 de Decreto 11/2009 de 8 de xaneiro.

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 33. Beneficiarias.
A CEG propón que se habilite unha liña adicional, con dotación orzamentaria adicional, ás xa recollidas e específica para que as entidades de segundo nivel teñan posibilidades de pedir esta axuda, xa que en moitos casos estas entidades serven de reforzo ás actuacións que desempeñan as entidades de primeiro nivel e sempre e cando non existan duplicidades na actividade nin no gasto.

Segunda.- Artigo 34. Actividades e gastos subvencionables.
A CEG considera que se debería incluír, entre os gastos de funcionamento subvencionables, o custo financeiro derivado da execución da subvención.

Número ditame
32