I. ANTECEDENTES
O día 9 de novembro de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (Aprol rural), e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2023. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
A exposición de motivos establece que “estes programas tratan de dar un enfoque global ás liñas de fomento do emprego público ou institucional desde a dobre perspectiva de servir de ferramenta para a mellora da empregabilidade, a través da adquisición de experiencia profesional das persoas traballadoras desempregadas que participen neles, e de dinamizar e xerar novas actividades no medio local e rural”.
O obxectivo fundamental desta convocatoria, segundo a exposición de motivos, é “facilitar a mellora da empregabilidade das persoas traballadoras desempregadas a través da adquisición de experiencia profesional naquelas áreas rurais con menos oportunidades laborais que perden veciños ano tras ano. A Axenda 20 para o emprego contén, entre as medidas en materia de emprego de calidade, as dirixidas á contratación de determinados colectivos a través do Programa APROL, entre eles, no medio rural co programa APROL RURAL”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior (publicado no DOG o día 1 de febreiro de 2022) e o ditame emitido polo Consello con data 4 de novembro de 2021 (Ditame 45/2021), obsérvase que se tivo en conta, parcialmente, unha das consideracións de carácter formal manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
As únicas novidades que se observan no novo proxecto, respecto da orde para o exercicio de 2021, sonas contidas o artigo 14. No apartado 5 deste precepto engade, entre os colectivos prioritarios, as persoas emigrantes retornadas ou persoas estranxeiras con permiso de residencia e autorización de traballo en España.
Así mesmo, engádense os apartados 8 (que encomenda á entidade promotora a resolución das incidencias e reclamacións derivadas dos procesos de selección) e 9 (que especifica a obriga de seguir, no proceso de selección, os criterios que para a cobertura de ofertas de emprego establece o SEPE).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (APROL rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2023” consta de: Exposición de motivos, vinte e un artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 23 de novembro de 2022 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e oito consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén así mesmo, como anexo, unha consideración xeral e unha específica de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais.
DITAME 33/2022
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (APROL rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2023”, da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 9 de novembro de 2022, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de novembro de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira.
Este Comité considera que esta orde debería prever a posibilidade de que os postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade poidan requirir medidas de adaptación, polo que podería establecerse algún tipo de axuda para estes casos.
Segunda.
Este Comité considera que se debería adecuar o título deste proxecto normativo ao seu obxecto, para que sexa facilmente indentificable.
Terceira.
Obsérvanse algúns erros de carácter lingüístico en materia de xénero no proxecto normativo como o uso do masculino xenérico no artigo 14.h) ( “emigrante retornado), o nome da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade no artigo 12 (que segue a figurar como Consellería de Emprego e Igualdade) ou unha falta de concordancia de xénero no artigo 14.2 (persoas contratados).
Igualmente, obsérvase o emprego da letra j na clasificación do artigo 21, que é impropia do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.
Pola súa banda, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.
Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 4. Requisitos das obras ou servizos.
Este artigo relaciona os requisitos das obras e servizos que se desenvolverán e esixe, no seu apartado b), que na súa execución ou prestación se favoreza a formación e prácticas profesionais das persoas desempregadas.
Este Comité considera que debería concretarse esta obriga, xa que non hai vinculación algunha entre os contratos subvencionados e algún proxecto formativo ao non facerse referencia, en ningún outro punto deste proxecto, a accións formativas ou contratos de tipo de formativo.
Segunda.- Artigo 4. Requisitos das obras ou servizos.
Este Comité propón que se engada un novo requisito neste artigo segundo o cal as contratacións que se realicen non poidan ter por obxecto cubrir postos de traballo vacantes na RPT da entidade beneficiaria.
Terceira.- Artigo 4.d Requisitos das obras ou servizos.
Este Comité propón a seguinte redación: “Que en concordancia co disposto no artigo 14.2, a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos sexa igual o superior a 9 meses”.
Cuarta.- Artigo 5. Subvención: Contía.
No apartado 2 deste precepto establécese que, para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1º c) do Estatuto dos Traballadores, así como os incentivos e gratificacións extrasalariais que non formen parte da base de cotización.
Este comité considera que , dado que hai una parte do programa financiado con FSE, procedería incluír como subvencionable o importe da indemnización por finalización de servizo prestado segundo o artigo 40.1 c) do ET, sempre e cando o servizo estea vinculado ó dito programa segundo o criterio recollido na Orde ESS/1924/2016, de 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020.
O mesmo criterio aplicaríase nos casos de complementos de distancia e transporte.
Quinta.- Artigo 14. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e das traballadoras.
O último parágrafo do apartado 5 deste precepto establece que se terá en conta o menor nivel de protección por desemprego das persoas posibles beneficiarias.
Este Comité considera que se debería engadir unha definición de “menor nivel de protección social”, tal e como se fai coas responsabilidades familiares.
Sexta.- Artigo 18. Xustificación e pagamento.
Segundo o disposto neste artigo, non podería realizarse o pagamento da subvención se a entidade beneficiaria non está ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social, ten calquera débeda pendente coa administración ou se é debedora por resolución de procedencia de reintegro.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.
Por outro lado, a resolución de procedencia de reintegro debería ter carácter firme, do mesmo xeito que figura noutras ordes.
Sétima.- Artigo 19. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado h) deste artigo obriga ás entidades beneficiarias a realizar un informe global no que se describan tanto os puntos fortes como as carencias dos mozos e mozas demandantes de emprego sen titulación que se incorporen ao mercado de traballo a través dos programas aquí regulados.
Este Comité considera que non debería esixirse o dito informe, xa que non é indicativo da situación global de mercado laboral e, ademais, o Servizo Público de Emprego de Galicia xa ten entre as súas funcións a de desenvolver medidas de mellora da empregabilidade das persoas demandantes de emprego.
Oitava.- Artigo 20. Seguimento.
No apartado 2.b) deste artigo establécese a obriga das entidades beneficiarias de “conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.”
Este Comité considera que o precepto debería ser máis concreto para aportar seguridade xurídica. Neste sentido, sería preciso especificar o tempo durante o cal se deben conservar os documentos.
ANEXO
CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA.
Consideración xeral:
A exposición de motivos deste proxecto prima aos concellos adheridos ao protocolo xeral de actuación entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias para fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia mediante a creación da iniciativa “Concellos Doing Business Galicia”.
As organizacións sindicais consideran este tratamento privilexiado fóra de lugar ao non gardar relación algunha coa finalidade deste proxecto de orde que, segundo o seu artigo 1, é a de financiar “accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades locais rurais a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas para a realización de tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, como son a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes, a xestión da biomasa, co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.”.
Consideración específica:
Exposición de motivos.
En relación co que figura no segundo parágrafo da exposición de motivos do proxecto normativo que se somete a ditame, que contén a referencia ao “eido da colaboración institucional e o diálogo social entre o goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia”, as organizacións sindicais consideran que non ten base material, polo que debería eliminarse.
Igualmente, proponse a eliminación da frase que figura na disposición adicional segunda, “as que poidan emanar do diálogo social e institucional en Galicia”, por entender que é superflua e está fora de lugar nunha norma xurídica.