I. ANTECEDENTES
O día 8 de novembro de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2023.
Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, esta orde “establece as axudas para o ano 2023 referentes a creación e/ou funcionamento de gabinetes técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial, en cumprimento do disposto na Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, e co fin de facilitar ás asociacións empresariais e ás organizacións sindicais intersectoriais o exercicio das funcións e facultades a que se refire a referida lei, en concreto a promoción do funcionamento dos seus gabinetes técnicos”.
Con respecto ao texto da orde anterior, caben destacar o seguinte:
No artigo 2 deste novo proxecto establécese, expresamente, que no serán subvencionables actividades de formación.
Á vista da orde anterior, obsérvase que xa non se prevé, entre as actuacións a través das cales desenvolver un traballo de diagnose permanente, as actividades informativas e divulgativas, así como outras consideracións, que contribúan á mellora e á redución da fenda salarial de xénero.
O artigo 3 engade un réxime de incompatibilidade das axudas recollidas nesta orde.
En canto aos requisitos esixidos aos gabinetes no artigo 8, obsérvase que se require experiencia na elaboración de plans de igualdade e na implantación e seguimento de medidas de igualdade nas empresas, cando na orde anterior a dita experiencia esixíase, cun carácter máis xenérico, en materia de igualdade.
Ademais este artigo establece, como novidade, que os gabinetes cuxa creación tivese lugar en convocatorias anteriores terán que manter a súa actividade durante todo o ano natural.
Polo que respecta á representatividade da entidade solicitante, como criterio de valoración, obsérvase que no artigo 19 se modifica o criterio para valorar a representatividade das asociacións empresariais.
Tamén se modifica o criterio que valora a paridade entre homes e mulleres, xa que na orde anterior valorábase a paridade no cadro de persoal da entidade solicitante e, o novo proxecto, ten en conta a paridade na conformación do gabinete.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2022 (publicado no DOG o día 10 de maio de 2022) e o ditame emitido polo Consello con data 14 de febreiro de 2022 (Ditame 2/2022), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2023” consta de: Exposición de motivos, trinta e dous artigos, dúas disposicións adicionais e tres finais.
O día 28 de novembro de 2022 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e nove específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.
Contén así mesmo, como anexos, as consideracións específicas de carácter non unánime seguintes: unha manifestada polas organizacións sindicais SN de CCOO de Galicia e UGT e pola Confederación de Empresarios de Galicia (ANEXO I), unha manifestada pola CEG (ANEXO II) e tres consideracións manifestadas pola CIG (ANEXO III).
DITAME 34/2022
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de novembro de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS
Obsérvase un erro na numeración dos artigos a partir do artigo 24, polo que se propón a súa corrección.
Pola súa banda, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.
Finalmente, as tres disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.- Artigo 2. Actividades subvencionables.
Neste novo proxecto xa non se prevén como subvencionables, entre as actuacións a través das cales desenvolver un traballo de diagnose permanente, as actividades informativas e divulgativas, así como outras consideracións, que contribúan á mellora e á redución da fenda salarial de xénero.
Este Comité considera un erro eliminar esas actuacións, xa que xeran grande interese e son demandadas.
Ademais, constitúe unha actividade previa, necesaria, para cambiar actitudes e a cultura nesta materia.
Segunda.- Artigo 3. Compatibilidade.
Neste artigo establécese que as axudas recibidas ao abeiro desta orde non serán compatibles coas axudas previstas nos seguintes procedementos:
a)TR807 A e B Axudas para a creación e/ou o funcionamento de gabinetes técnicos das organizacións sindicais e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais
b) TR807K Axudas destinadas ao financiamento de plans de formación compostos por actividades formativas dirixidas á capacitación para o desenvolvemento das función relacionadas co diálogo social no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e a negociación colectiva (Liña 1).
c) TR807L Axudas destinadas ao financiamento de plans de formación compostos por actividades formativas dirixidas á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas coa negociación colectiva (Liña 2).
d) TR852A Axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais
Neste proxecto de orde exclúese a formación, polo que este Comité considera que non é necesario establecer unha incompatibilidade coas convocatorias indicadas, pois a actividade subvencionable que se establece no artigo 2 non é coincidente coa actividade subvencionable polas outras convocatorias. En todo caso, este Comité entende que, tendo en conta e sen prexuízo da imposibilidade de facer formación ao abeiro desta Orde, debería admitirse a compatibilidade das axudas ata o 100% do custo (v.gr. podería haber persoal propio adscrito parcialmente ás actividades do gabinete que tamén podería desenvolver actividades ao abeiro da orde de capacitación das funcións relacionadas co diálogo social).
A redacción proposta pode levar á interpretación equivocada de recoller a incompatibilidade por convocatoria, tendo por tanto que "elixir" entre dispoñer de gabinete de asesoramento en PRL ou en igualdade, por exemplo, o que resulta totalmente incongruente.
Terceira.- Artigo 8. Requisitos dos gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral
Este artigo recolle no seu último parágrafo, como novidade, que os gabinetes cuxa creación tivese lugar en convocatorias anteriores terán que manter a súa actividade durante todo o ano natural.
Este Comité considera que este parágrafo debería eliminarse xa que impón unha obriga retroactiva.
Subsidiariamente, proponse que sexa esixible unicamente a partir dun prazo desde a publicación da nova convocatoria no DOGA e que sexa flexible a súa interpretación, pois hai que ter en conta que as entidades aplicaron outros requisitos.
Sen prexuízo do antes sinalado, tamén debería clarificarse que implica esta obriga nos supostos de baixas (voluntarias e outras situacións) das persoas contratadas.
Cuarta.- Artigo 14. Documentación complementaria.
Este comité entende que a redacción do apartado 1.6. doa artigo 14 debería adecuarse de maneira máis clara á Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia, e concretamente ao seu artigo 8, por canto este último distingue entre membros asociados e agrupacións, considerando este Comité que no caso de membros asociados á entidade beneficiaria que sexan executantes só habería que aportar a documentación requirida nos ítems c), d) e e) do antedito apartado 1.6.
Quinta.- Artigo 19. Criterios de valoración para as solicitudes.
O apartado 1 deste artigo inclúe, como criterio de valoración, a representatividade da entidade solicitante e prevé, no caso das asociacións empresariais, que se teña en conta a representatividade de acordo co disposto nos artigos 6.2.a) e 7.1 da Lei orgánica 11/1985, de 2 de agosto, de liberdade sindical, e na disposición adicional sexta do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, de 3 de outubro.
Este Comité propón recuperar a previsión contida na orde anterior do criterio da participación institucional que cada organización teña recoñecida no ámbito da Comunidade Autónoma, de acordo coa lei 17/2008, de 29 de decembro.
Sexta.- Artigo 21. Resolución e recursos.
O comité solicita que en vindeiras convocatorias da orde sexan incrementados os anticipos previstos neste artigo.
Sétima.- Artigo 24. Documentación requirida para a xustificación do pagamento.
O artigo 24 no seu apartado 6, expoñe que “Terá que presentarse contrato de traballo do persoal adscrito á actividade do Gabinete. Neste, indicarase a data de inicio e fin da contratación”.
O comité considera que a redacción deste artigo debería de adaptarse a nova normativa laboral vixente, que afectaría á segunda frase do apartado.
Oitava.- Artigo 27. Gradación dos incumprimentos.
O artigo 27.1 determina o reintegro da totalidade da axuda concedida nos casos que relaciona.
O comité considera excesiva esta penalización para os casos descritos.
Por outra banda, considera que a letra b) do apartado 1 do mesmo artigo, debería ter unha redacción máis clara por existir unha sucesión de remisións a varios artigos. A citada letra b) remite ao artigo 26 que a súa vez remite aos artigos 11 e 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Novena.- Anexo VI. Modelo de xustificación técnica ou informe final da actividade subvencionada.
Este Comité considera que a ficha de seguimento de actuacións dos gabinetes técnicos (apartado H), debería ser reformulada xa que hai unha serie de actividades previstas no artigo 2 que non se recollen no dito apartado H.
ANEXO I
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS SN de CCOO de Galicia, UGT-GALICIA E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Artigo 24. Documentación requirida para a xustificación do pagamento.
No apartado 2, letra i), III, gastos de persoal, o comité solicita que se especifiquen de xeito diferenciado os documentos a presentar para os diferentes supostos: formación específica ou acreditación de experiencia.
ANEXO II
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CEG
Artigo 8. Requisitos dos gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral
Para poderen ser obxecto de subvención, os gabinetes técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial deberán estar integrados como mínimo por:
a) 1 persoa cunha titulación de grado ou equivalente e contratada nos grupos de cotización 1 ou 2 a tempo completo, que acredite unha experiencia na elaboración de plans de igualdade e na implantación e seguimento de medidas de igualdade nas empresas de polo menos 2 anos, e unha formación mínima de 200 horas en materia de igualdade de xénero e de oportunidades entre mulleres e homes.
b) ou unha persoa con titulación de “Técnico superior en promoción da igualdade de xénero”, contratada a tempo completo no grupo de cotización que lle corresponda como personal técnico superior.
Respecto do previsto no apartado a), solicítase que se manteña a redacción da orde reguladora de 2022, e polo tanto que se permita que a persoa adscrita ao gabinete teña experiencia e/ou formación e que a experiencia se teña en conta tamén como se configuraba na Orde de 2022. Na nova redacción é un requirimento moi excluínte para procesos selectivos do persoal mínimo dos Gabinetes.
ANEXO III
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL CIG
Primeira.- Artigo 4. Entidades beneficiarias.
A CIG propón que se estableza, neste precepto, que para poder ser beneficiarias da presente subvención, as entidades terán que contar, na actualidade, cun plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes rexistrado e en vigor, segundo o establecido nos artigos 45 e 46 da L.O. 3/2007.
Segunda.- Artigo 8. Requisitos dos gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral.
Neste artigo figura a necesidade de que o persoal propio ou contratado sexan expertas en igualdade laboral, e conten con formación e/ou experiencia acreditada en materia de igualdade de xénero e oportunidades.
En relación co citado artigo 2, a CIG considera que a redacción do artigo 6 debería de quedar do seguinte xeito “...que acredite unha experiencia mínima nesta materia de, polo menos, 2 anos, e/ou unha formación mínima de 200 horas en materia de igualdade de xénero entre homes e mulleres ou de 60 horas en cursos especializados.”
Terceira.- Artigo 24. Obrigas das entidades beneficiarias.
Segundo o apartado 12, “as actividades subvencionables e os seus entregables elaborados pola entidade beneficiaria, así como a súa difusión, poderán ser realizados en idioma galego e castelán, pero en todo caso, deberán realizarse en galego”.
Consideramos que supón alentar desde a administración galega á elaboración e emprego do castelán como lingua vehicular. De feito, aínda que logo no artigo 29.f), figure como requisito que sexa elaborado en galego, o certo é que no punto 19.4 figura cun punto de valoración o emprego da lingua galega, logo non parece que haxa un interese real por parte da Xunta de promocionar o uso do galego, xa que se permite claramente o uso de ambas linguas nunha actividade subvencionada pola administración pública galega para accións dentro do noso ámbito xeográfico (e non destinadas, xa que logo, ao exterior).