Pasar al contenido principal

Ditame 39/22

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:06
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción (EI) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023.

I. ANTECEDENTES

O día 21 de novembro de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito do Servizo de Promoción do Emprego e Economía Social da Consellería de Promoción d Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción (EI) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos do proxecto normativo: “as empresas de inserción constitúen unha tipoloxía especial dentro das empresas de carácter social que teñen por finalidade a integración e formación socio-laboral de persoas en situación de exclusión social como tránsito ao emprego ordinario. En virtude do disposto na Lei 31/2015, do 9 de setembro, pola que se modifica e actualiza a normativa en materia de autoemprego e se adoptan medidas de fomento e promoción do traballo autónomo e da economía social, estas empresas teñen a consideración de entidades prestadoras de servizos de interese económico xeral”.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2022 (publicada no DOG o día 26 de xaneiro de 2022) e o ditame emitido polo Consello con data 22 de novembro de 2021 (Ditame 49/2022), obsérvase que se tiveron en conta dúas consideracións de carácter formal manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destacan as seguintes novidades:

Obsérvase que, no artigo 6, elimínase a posibilidade recollida na orde anterior que permitía solicitar as axudas ás empresas que, na data de presentación da solicitude, tiveran solicitado a súa cualificación como empresa de inserción laboral.

O orzamento total asignado a estas axudas increméntase en 240.000 euros (artigo 63).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción (EI) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023” consta de: Exposición de motivos, sesenta e catro artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 1 de decembro de 2022 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración xeral e cinco consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, en anexos, unha consideración xeral e tres específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, SN de CCOO de Galicia e UGT-Galicia (Anexo I), e unha consideración específica manifestada por UGT-Galicia (Anexo II).

DITAME 39/2022

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción (EI) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023, da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 21 de novembro de 2022, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 1 de decembro de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Nos artigos 12 e 20 empréganse as letras j e k na clasificación, que son impropias do alfabeto galego.

A Secretaría Xeral de Emprego, respecto desta consideración, vén manifestando que se fai referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].
Finalmente, as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira. – Artigo 5. Definicións.
Este comité considera que se deberían prever novamente, como colectivos beneficiarios das axudas recollidas nesta orde, as persoas trans, persoas con discapacidade e de persoas emigrantes retornadas.

Segunda. – Artigo 10. Documentación complementaria.
Este Comité considera que se debería aclarar as referencias á excepcionalidade que se fan no parágrafo terceiro do apartado primeiro e no parágrafo segundo do apartado segundo e evitar, así, que se poidan dar actuacións de tipo discrecional.

Terceira. – Artigo 20. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado e) deste artigo recolle, como unha das obrigas das entidades beneficiarias, estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

Cuarta.- Artigo 39. Obxecto e condicións para a obtención da axuda.
O apartado 3 deste artigo non considera subvencionable o arrendamento financeiro.

Este Comité non comparte a dita exclusión e pide que os contratos de leasing sexan admitidos xa que permite a imputación dun gasto efectivamente dedicado a cada acción.

Quinta. – Artigo 55. Obxecto e condicións para a obtención da axuda.
O apartado 3.a) deste artigo fixa un prazo dun mes entre a baixa dunha persoa na empresa de inserción laboral e a súa alta no mercado normalizado de traballo para que a dita incorporación resulte subvencionable.

Este Comité propón que se valore a posibilidade de flexibilizar e, no seu caso, ampliar este prazo ata os 2 meses.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, SN DE CCOO DE GALICIA E UGT-GALICIA.

Consideración xeral:
As empresas de inserción poden recibir, ao abeiro desta orde, axudas ao mantemento do custo salarial, axudas para a asistencia técnica ou para a posta en marcha de actividades e, entre outras, axudas para as labores de intermediación que xa supoñen funcións propias do persoal técnico.

As organizacións sindicais consideran que que hai un exceso de liñas de axuda nesta orde que acaban recaendo sobre os mesmos conceptos, tendo en conta que se dirixen a empresas de inserción laboral cunhas finalidades moi específicas e á vista, tamén, do baixo volume de beneficiarias, o que obriga a repensar o contido da norma.

Consideracións específicas:

Primeira.-Artigo 26. Obxecto e condicións para a obtención da axuda.
O apartado 3 deste artigo relaciona o requisitos que deben concorrernos contratos para ser subvencionables incluíndo, no ítem b), que a súa duración non sexa inferior a 6 meses nin superior a 3 anos.

As organizacións sindicais consideran que o límite mínimo se debería elevar, polo menos, aos 9 meses para favorecer a inserción laboral das persoas contratadas e garantirlles, en todo caso, a cobertura por desemprego.

Segunda.-Artigo 44. Contía da axuda.
O apartado 1 deste artigo establece que a contía desta axuda equivale ao 50% dos custos laborais totais, incluído o importe efectivamente cotizado á Seguridade Social.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o conxunto dos incentivos non deberían superar, en ningún caso, unha contía equivalente ao custo da Seguridade Social xerado pola persoa contratada.

Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 48.

Terceira.-Artigo 52. Contía da axuda.
Este artigo fixa a contía máxima da axuda para formación das persoas en proceso de inserción en 3.000 euros por empresa beneficiaria.

As organizacións sindicais consideran excesiva a dita contía e propoñen minorala, tal e como acontece en ditames relativos a outras ordes.
ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DO SINDICATO UGT-GALICIA:

Artigo 7. Persoas destinatarias finais.
O regulado neste artigo enténdese disposto na Lei 44/2007, polo que debería adecuarse ao seu contido, considerando que a inserción sociolaboral por medio destas empresas vai dirixida ás persoas en situación de exclusión social desempregadas e inscritas nos SPE, pertencentes a algún dos colectivos descritos no artigo 2 da Lei de referencia.

Número ditame
39