I. ANTECEDENTES
O día 23 de novembro de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Galicia Emprega de incentivos á contratación e á formacion na empresa ordinaria, e se procede a súa convocatoria para o ano 2023. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, “As circunstancias excepcionais resultantes da Pandemia provocada polo coronavirus COVID -19, agraváronse Polos importantes efectos económicos derivados da invasión de Ucraína por parte de Rusia, que está ocasionado graves consecuencias dende o punto de vista económico a nivel europeo, producíndose un gran incremento dos custos enerxéticos, xunto co encarecemento das materias primas agrícolas e minerais, o que leva a necesidade de adoptar medidas que contribuían a paliar os efectos desta crise tamén sobre o mercado do traballo na nosa Comunidade Autónoma. Neste senso a Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade, segue apostando polo mantemento do emprego e da actividade económica das empresas, impulsando á contratación indefinida dos colectivos máis vulnerables”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2022 (publicado no DOG o día 28 de xaneiro de 2022) e o ditame emitido polo Consello con data 29 de novembro de 2021 (Ditame 58/2021), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
En canto ao obxecto da orde, no artigo 1 obsérvase que o novo proxecto prevé dúas liñas de actuación.
A primeira delas, inclúe catro incentivos: á contratación indefinida, ao incremento da xornada de tempo parcial a tempo completo e, como novidades, engade incentivos ao incremento dos contratos fixos-descontinuos e axudas para a adaptación de postos de traballo de persoas con discapacidade. Respecto desta última axuda, cómpre destacar que a orde anterior si prevía un incremento da subvención concedida pola contratación dunha persoa con discapacidade se a entidade acreditaba a necesidade desa adaptación.
Elimínase o programa de emprego con apoio que subvencionaba ás entidades promotoras de proxectos de emprego con apoio para financiar os custos laborais e de Seguridade Social derivados da contratación dos preparadores e das preparadoras laborais que leven a cabo as accións de emprego con apoio, tanto nos casos de novas contratacións como nos casos de persoas preparadoras laborais que veñen prestando servizos na entidade.
En canto ao financiamento, obsérvase un incremento de 4.500.000€ na contía prevista para estas axudas (artigo 4).
Polo que respecta ás contías dos incentivos para a Liña I de axudas, recollidas no artigo 25, increméntase de 12.000 a 14.000€ a subvención pola contratación indefinida cando a persoa contratada é unha muller. Ademais, establécense dous novos colectivos cuxa contratación se incentivará con 10.000€: persoas de 55 ou máis anos e persoas estranxeiras, así como persoas emigrantes retornadas, aínda que respecto deste colectivo a orde anterior prevía un incremento do incentivo dun 25% sobre a contía base da axuda.
En canto á subvención polo incremento de xornada, pasando de parcial a completa, a contía increméntase en 1.000€, respecto da orde anterior, cando se a persoa traballadora é unha persoa con discapacidade.
Como novidade, fíxase en 4.000€ a contía do incentivo para incrementar a duración anual dos contratos fixos-descontinuos.
Entre as obrigas das entidades beneficiarias dos incentivos á contratación, o artigo 27 establece a de manter no seu cadro de persoal á persoa traballadora obxecto da subvención por un período mínimo. Ese período mínimo increméntase dos 18 meses previstos na orde anterior aos 24 meses que fixa o novo proxecto.
Dentro da liña II, de incentivos ás accións formativas no centro de traballo, destaca que o artigo 32 reduce o prazo máximo no que as beneficiarias deben presentar determinada documentación a 10 días desde o remate da acción formativa, cando na orde anterior o prazo concedido era de 2 meses.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Galicia Emprega de incentivos á contratación e a formación na empresa ordinaria, e se procede a súa convocatoria para o ano 2023” consta de: Exposición de motivos, trinta e tres artigos, dúas disposicións adicionais e dúas finais.
O día 1 de decembro de 2022 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e sete específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén, ademais, as consideracións non unánimes seguintes: unha xeral e dezasete específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, SN de CCOO de Galicia e UGT-Galicia (Anexo I) e once específicas manifestadas pola CEG.
DITAME 40/2022
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Galicia Emprega de incentivos á contratación e a formación na empresa ordinaria, e se procede a súa convocatoria para o ano 2023, con data de rexistro de entrada neste Consello o 23 de novembro de 2022, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 1 de decembro de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.
Obsérvanse o emprego do masculino xenérico (“os administradores” no artigo 6, “emigrante retornado no artigo 22) polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe inclusiva. Tamén se observan outros erros no texto, como a repetición do termo “tanto” no artigo 28.1, que cómpre corrixir.
Así mesmo, obsérvase o emprego das letras j e k na clasificación dos artigos 6 e 10.
Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.
Pola súa banda, as dúas disposicións adicionais deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Obsérvase o mesmo respecto das disposicións finais.
Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
Segunda.
Este Comité propón que, na “Liña de incentivos á contratación”, se recollan de xeito explícito axudas específicas para subvencionar os custos totais das persoas intérpretes da linguaxe de signos.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.
No parágrafo 1 deste artigo, establece como unha das finalidades desta orde seguir paliando os prexuízos derivados dos efectos da pandemia provocada pola COVID-19 sobre o mercado de traballo.
Na exposición de motivos, ademais de aos efectos da pandemia, faise referencia aos importantes efectos económicos derivados da invasión de Ucraína por parte de Rusia, que está ocasionado graves consecuencias dende o punto de vista económico a nivel europeo, producíndose un gran incremento dos custos enerxéticos, xunto co encarecemento das materias primas agrícolas e minerais.
Este Comité propón que tamén se recolla isto dentro do artigo 1.
Segunda.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
O apartado 3.e) deste precepto establece que non poderán obter a condición de beneficiaria as persoas ou entidades que teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “outra débeda”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.
O mesmo obsérvase respecto do previsto no artigo 20.a)
Terceira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
Ao longo do texto fálase indistintamente de “persoas interesadas”, “persoas beneficiarias”, “persoas ou entidades interesadas” ou “entidades beneficiarias”.
Este Comité propón que se homoxeneice a redacción e se empregue “persoas e entidades beneficiarias” como se fai no título do artigo 20.
Cuarta.- Artigo 7. Incompatibilidades e concorrencia.
Segundo o apartado 2, tanto as axudas establecidas á contratación como á formación previstas nesta orde de convocatoria son incompatibles cos contratos para a formación e a aprendizaxe.
Este Comité considera que se debería eliminar esa referencia aos contratos para a formación e a aprendizaxe, adaptando o texto da orde á nova previsión lexislativa ao respecto.
Quinta.- Artigo 15. Resolución e recursos
Este artigo fixa o prazo para resolver e notificar en 3 meses.
Este Comité considera excesivo ese prazo e propón que se reduza.
Sexta.- Artigo 26. Exclusións.
O apartado b) exclúe dos beneficios regulados neste proxecto aos contratos realizados con algúns familiares.
Este Comité considera que se debería revisar este apartado en relación ao previsto na Lei 20/2007 do Estatuto do traballo autónomo.
Sétima.- Artigo 29. Accións subvencionables e requisitos.
Respecto do apartado 1.b deste artigo, este Comité propón que se engada un parágrafo que estableza que “a acción formativa conformará un expediente no que se incorporará a documentación que informe dos seguintes aspectos:
- Denominación, obxectivos e descrición da acción programada.
- Programación do calendario previsto de execución
- Modalidades e ou lugar previsto no que se imparta a acción formativa”.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, SN DE CCOO DE GALICIA E UGT-GALICIA
CONSIDERACIÓN XERAL:
As organizacións sindicais consideran que é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas, mediante subvencións directas e bonificacións das cotas da Seguridade Social, ten producido escasos resultados en cantidade e, sobre todo, en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais, ademais de mermar os recursos orzamentarios e os ingresos do sistema público da Seguridade Social.
Xa que logo, esas políticas deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:
1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS:
Primeira.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.
Dentro da liña de incentivos á contratación, o apartado 1.c) deste artigo prevé os incentivos ao incremento de duración actual dos contratos fixos-descontinuos a un mínimo de 9 meses.
As organizacións sindicais consideran que debería ser obxecto de axuda o incremento da duración deses contratos ata os 9 meses, posto que unha vez acaden unha duración de 11 meses estaríase ante outra modalidade contractual.
En coherencia, formúlase a mesma consideración respecto do desenvolvemento que deste incentivo fai a orde nos artigo 24.2c) e 25.c).
Segunda.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.
As organizacións sindicais cuestionan a utilización do incentivo ás accións formativas no centro de traballo, recollido no apartado 2, como instrumento para mellorar a formación das persoas traballadoras contratadas ao abeiro desta orde, xa que non garante a calidade da dita formación nin o acceso en igualdade a ela.
Formúlase a mesma consideración para todos os artigos que desenvolven este programa no Capítulo III da orde.
Terceira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
As organizacións sindicais consideran que debería esixirse ás entidades solicitantes das axudas contar cun mínimo de cinco persoas traballadoras na data da presentación da solicitude, así como presentar unha taxa mínima de estabilidade do 75% e que este requisito se esixa respecto dos seis meses anteriores ao da solicitude.
Cuarta.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
O apartado 3 prevé os supostos que impiden a unha entidade ser beneficiaria das axudas aquí recollidas.
As organizacións sindicais consideran que, igualmente, debería preverse que non obterán a condición de beneficiaria as entidades que teñan sido sancionadas por falta grave ou moi grave ao amparo da Lei de Infraccións e Sancións na Orde Social así como aquelas que teñan sido condenadas mediante sentenza firme por vulnerar dereitos fundamentais, especialmente o dereito de igualdade e non discriminación.
Quinta.- Artigo 7. Incompatibilidades e concorrencia.
Segundo o apartado 3.c), os beneficios establecidos á contratación non poderán, illadamente ou en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 80 % do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato que se subvenciona, no caso das contratacións indefinidas.
As organizacións sindicais consideran que a dita porcentaxe debería limitarse ao 60%.
Sexta.- Artigo 25. Contía dos incentivos.
Sen prexuízo do sinalado na consideración xeral deste Anexo I, enténdese que o custo máximo subvencionable debería ser o custo da Seguridade Social orixinado pola persoa contratada, para que a contratación non resulte de balde para as empresas.
Sétima .- Artigo 27. Obrigas das entidades beneficiarias de incentivos á contratación.
As organizacións sindicais propoñen que se engada, entre as obrigas a cumprir polas entidades beneficiarias, que a contratación indefinida inicial que leven a cabo supoña un incremento neto do cadro do persoal.
Oitava.- Artigo 27. Obrigas das entidades beneficiarias de incentivos á contratación.
O apartado 1 deste precepto obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada polo período mínimo de 24 meses.
As organizacións sindicais consideran que a dita obriga debería fixarse nun mínimo de cinco anos para evitar que se perverta o obxectivo desta orde, que declara a pretensión de avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras.
Novena .- Artigo 27. Obrigas das entidades beneficiarias de incentivos á contratación.
O segundo parágrafo do apartado 1 establece que “no suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención a empresa está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación”.
As organizacións sindicais consideran que esta posibilidade soamente debería proceder no suposto de que a extinción da relación laboral se produza por causa non imputable á entidade beneficiaria.
Décima .- Artigo 27. Obrigas das entidades beneficiarias de incentivos á contratación.
As organizacións sindicais consideran que se debería recuperar a obriga das entidades beneficiarias de manter, en cómputo anual, o número de persoas traballadoras fixas do seu cadro de persoal, durante polo menos 2 anos, que se contarán desde a data de realización das novas contratacións.
Décima primeira .- Artigo 29. Accións subvencionables e requisitos.
As organizacións sindicais consideran que se debería esixir, en todo caso, que a formación aportara algún valor engadido sobre a obriga legal de formación no desempeño do posto de traballo que atingue á empresa, tal e como recolle a memoria explicativa remitida pola Dirección Xeral en resposta ao ditame 20/2021, emitido sobre esta mesma orde para o ano 2021.
Décima segunda .- Artigo 29. Accións subvencionables e requisitos.
Respecto das accións formativas, as organizacións sindicais consideran que se deberían incrementar as horas de formación ata equiparar, a lo menos, ao establecido para o contrato de formación e aprendizaxe (25% da xornada no primeiro ano).
Décima terceira.- Artigo 29. Accións subvencionables e requisitos.
Respecto do previsto no apartado 1.c deste precepto, as organizacións sindicais propoñen que se engada o seguinte parágrafo: “Con carácter previo ao inicio da acción formativa, en concordancia co disposto no artigo 64 do Estatuto dos Traballadores (Dereitos de información e consulta e competencias), a entidade informará a RLT ao efecto de exercer o dereito que lle corresponda, se así o considera oportuno.
Décima cuarta.- Artigo 30. Contías dos incentivos e condicións de percepción.
As organizacións sindicais consideran que é esaxerada a contía do incentivo por unha formación incontrolada: pode chegar a 57 euros/hora. Debería reducirse sensiblemente e aplicárselle os mesmos requisitos de topes de gastos que na Orde do 9 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións no marco do Plan de formación para o emprego (persoas traballadoras ocupadas), e se procede á súa convocatoria para os exercicios 2021 e 2022, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a súa concesión.
Décima quinta .- Artigo 32. Obrigas das persoas beneficiarias.
Respecto do apartado 2 deste artigo no que se relaciona a documentación xustificativa a presentar, as organizacións sindicais entenden que as accións formativas deberían formar parte do Plan de formación da empresa, do que ten que informar á representación legal dos traballadores e das traballadoras.
Décima sexta .- Artigo 32. Obrigas das persoas beneficiarias.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a xustificación recollida neste precepto é excesivamente laxa en termos económicos.
Décima sétima .- Artigo 32. Obrigas das persoas beneficiarias.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a empresa debería certificar a cada persoa traballadora a formación recibida.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.
A CEG considera que debería existir a posibilidade de contratar a persoas que se atopen en situación de mellora de emprego cunha xornada inferior a un terzo, co obxectivo de mellorar as súas circunstancias laborais a través dun emprego de maior xornada.
Segunda.- Artigo 24. Accións subvencionables.
Este artigo esixe que a contratación se faga a tempo completo para poder ser subvencionada, excepto no caso de contratar a persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. A CEG considera que tamén deberían ser obxecto de subvención os contratos celebrados a tempo parcial, sempre que sexa igual ou se supere o 50% da xornada, agás nos supostos de contratar a persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, neste caso cabería subvencionar a contratación por xornada inferior ao 50%.
Terceira.- Artigo 24. Accións subvencionables
Segundo este precepto e o disposto no artigo 25, son subvencionables as contratacións das persoas con discapacidade desempregadas inscritas, segundo esixe o artigo 5, no Servizo Público de Emprego como demandantes de emprego non ocupadas.
Este Comité propón que se recolla dunha maneira explícita a posibilidade de que sexan destinatarias das axudas aquelas persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social que teñan un contrato de traballo a tempo parcial inferior ao 50% da xornada
Cuarta.- Artigo 25. Contía dos incentivos.
A CEG considera que as contías das axudas deberían modularse en atención do custo salarial que ten para a empresa a contratación da persoa traballadora.
Quinta.- Artigo 25. Contía dos incentivos
Este artigo recolle unha serie de contías que prevé incrementar, nun 25%, cando a persoa contratada pertenza a determinados colectivos.
A CEG propón engadir, ademais, aos seguintes colectivos con especiais dificultades de inserción:
- Persoas que teñan recoñecido un grao de discapacidade maior do 45%
- Persoas que teñan acreditada mobilidade reducida
- Persoas que teñan acreditada a necesidade de axuda de terceira persoa
- Persoas que se atopen en situación de cronicidade (con patoloxías crónicas)
Sexta.- Artigo 26. Exclusións.
A CEG propón a revisión das exclusións contempladas neste artigo, para que no caso de persoas con discapacidade non sexan aplicables as ditas exclusións tales como as dos apartados 2 e 3, en liña coas previsións e bonificacións recollidas no artigo 6.3 da Lei 43/2006, de mellora do crecemento e do emprego.
Sétima.- Artigo 26. Exclusións.
O apartado 2 deste artigo exceptúa das exclusións destas axudas o suposto de que a persoa contratada sexa un fillo ou filla menor de 30 anos da persoa traballadora autónoma.
A CEG considera que se debería subvencionar tamén a contratación no caso de que o fillo ou filla sexa maior de 30 anos, teña especiais dificultades de inserción laboral e pertenza a algún dos seguintes colectivos:
-Persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 por cento.
-Persoas con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 por cento e inferior ao 65 por cento, sempre que causen alta por primeira vez no sistema da Seguridade social.
-Persoas con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 por cento.
Oitava.- Artigo 27. Obrigas das entidades beneficiarias de incentivos á contratación.
Segundo o apartado 1, no suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación indefinida inicial realizada cunha persoa que cumpra os requisitos.
A CEG considera que a cobertura desa vacante debería ser algo potestativo para a empresa e non unha obriga, de xeito que poida optar por devolver a parte proporcional da axuda que corresponda se decide non proceder coa substitución.
Novena.- Artigo 32. Obrigas das persoas beneficiarias.
O apartado 1 deste precepto require a presentación dun documento acreditativo de que a solicitante comunicou ás persoas representantes legais das persoas traballadoras a acción formativa xustificativa do bono de formación que se realizou coa solicitude desta axuda. No suposto de que non haxa RLT, a comunicación debe realizarse a todas as persoas traballadoras da empresa.
A CEG considera excesivo que se esixa presentar ese documento nos termos manifestados.
Décima.- Artigo 33. Incumprimento de obrigas e reintegro
A CEG considera que debe contemplarse a circunstancia de que se produza a baixa voluntaria dunha persoa traballadora contratada ao amparo da subvención que xa teña sido formada co bono de formación. Para isto a empresa pode contratar a unha persoa substituta, polo que se debería xerar un bono de formación para esta nova contratación sempre e cando se cumpran os requisitos esixidos na orde.
Décima primeira.- Disposición transitoria.
Proponse incluír unha Disposición transitoria na que se exprese que, en caso de vixencia da orde, se hai disposición normativa que acredite e aclare a consideración de persoa con discapacidade ás persoas pensionistas de incapacidade permitan, conforme prevé o artigo 4.2 do Real decreto lexislativo 1/2013, e que sexa aplicable aos efectos desta orde e dende a súa entrada en vigor.
O obxectivo desta proposta é que as persoas pensionistas da Seguridade Social por incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez ou de pensionista de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade, se consideren persoas con discapacidade a efectos de poder acollerse ás medidas de igualdade de oportunidades e non discriminación no acceso ao emprego, e para dar amplitude eficaz á definición de discapacidade, prevista no artigo 1 da Convención Internacional dos Dereitos das persoas con discapacidade.