I. ANTECEDENTES
O día 29 de novembro de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito do Servizo de Planificación e Mellora da Coordinación da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega a Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, “as mulleres que viven ou viviron situacións de violencia de xénero precisan dotarse das ferramentas necesarias para incorporarse ao mundo laboral e obter independencia económica, no caso de que esta non existise, polo que dende as administracións temos a obriga de dotar dos mecanismos necesarios para facilitarlles esa integración social e laboral e nesa obriga, enmárcase a presente Resolución”.
Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame e do seu contido destácanse os seguintes aspectos:
Esta orde ten por obxecto, segundo o artigo 1, convocar subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral, dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, como elemento clave para unha recuperación integral.
En canto ao orzamento asignado a estas axudas, o artigo 2 fíxao en 680.000€.
O artigo 3 prevé a compatibilidade destas axudas on calquera outra axuda pública, ou incentivo á contratación, para a mesma finalidade.
Poderán ser beneficiarias as entidades sen ánimo de lucro que cumpran os requisitos fixados nesta resolución (artigo 4) e as persoas destinatarias finais serán as mulleres vítimas de violencia de xénero, inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes de emprego (artigo 5).
Para seren subvencionables, o artigo 7 esixe que os programas establezan un obxectivo cuantitativo de inserción laboral das mulleres participantes neles que será de, polo menos, o 10% das participantes, que se rebaixa ao 5% cando a totalidade de mulleres participantes no programa acrediten, ademais da condición de vítima de violencia de xénero, unha situación de discapacidade ou de persoa inmigrante. Ademais, os programas deben incluír algunha das actuacións previstas no itinerario de inserción de cada usuaria e as bolsas para as participantes do programa, recollidas neste precepto.
Para determinar o importe da subvención, o artigo 8 establece diferentes módulos segundo as actuacións que recolla o programa, prevendo o artigo 9 unha contía máxima da axuda de 80.000€ por entidade, que especifica que a contía se calculará aplicando ao gasto subvencionable unhas porcentaxes de intensidade que varían entre o 30% e o 100% en función da puntuación obtida na valoración dos criterios que fixa o artigo 17.
Van a ser subvencionables, segundo o artigo 10, os gastos derivados do desenvolvemento das actuacións que configuren o programa, referidos a gastos directos de persoal e outros gastos directos e gastos indirectos, nos termos establecidos a neste precepto.
O prazo de presentación de solicitudes será de un mes (artigo 11) e o de resolución de 5 meses (artigo 18), ambos a contar desde a publicación desta resolución.
O artigo 17 recolle os criterios de valoración das solicitudes, entre os que se atopan a experiencia da entidade na realización e desenvolvemento de programas de inserción laboral (especialmente con mulleres vítimas da violencia de xénero), a presentación dun compromiso de contratación, o carácter integral do programa presentado ou os obxectivos omprometidos en materia de inserción laboral no mercado de traballo das mulleres vítimas da violencia de xénero participantes no programa, sempre que sexan superiores aos mínimos establecidos no artigo 7.
Segundo o artigo 23, a xustificación comprenderá as actuacións realizadas entre o 1 de marzo de 2023 e o 31 de outubro de 2023 e presentarase con data límite 6 de novembro de 2023.
Pola súa banda, o artigo 24 prevé o pagamento anticipado do 80% da subvención concedida.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto da Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero consta de: Exposición de motivos, trinta artigos e dúas disposicións finais.
O día 9 de decembro de 2022 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e catro específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
DITAME 43/2022
En relación coa solicitude de ditame sobre a Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, con data de rexistro de entrada neste Consello o 29 de novembro de 2022, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de decembro de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Bótase en falta que, na exposición de motivos, se faga referencia ao necesario sometemento da norma ao informe deste órgano, tal e como acontece noutras normas da Consellería.
Por outra banda, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega e, ademais, deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 6. Incorporación das participantes ao programa.
O apartado 3 deste precepto establece que as mulleres finalmente seleccionadas, con carácter xeral, non poderán participar noutras medidas activas de emprego que se consideren incompatibles coa participación en programas de inserción laboral como o regulado nesta Resolución.
Este Comité considera que debería concretarse a expresión “con carácter xeral” empregada no dito apartado.
Segunda.- Artigo 8. Determinación do importe das subvencións .
Este Comité considera que cómpre xustificar as contías establecidas neste artigo, especificando os criterios conforme aos cales foron determinadas.
Terceira.- Artigo 18. Resolución.
O apartado 2 fixa un prazo máximo para resolver e notificar de 5 meses. Este Comité considera que estamos ante un prazo excesivo e que debería reducirse a 3 meses.
Cuarta.- Artigo 25. Incumprimentos, reintegros e sancións.
O apartado 3 deste artigo procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.
Noutras ordes reguladoras de axudas desta Consellería, prevese un reintegro do 5% para o mesmo suposto de incumprimento, polo que este Comité considera que se debería harmonizar a previsión en todas as ordes reguladoras.