Pasar al contenido principal

Ditame 44/22

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:07
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (programa Aprol-Economía Social) e se convocan para o ano 2023

I. ANTECEDENTES
O día 2 de decembro de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa APROL – Economía Social) e se convocan para o ano 2023. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos: “as empresas de economía social e singularmente as cooperativas, demostraron a súa capacidade de resistencia ás crises, de creación de emprego estable e de calidade, de vinculación co territorio e de mellora do benestar social, polo que resulta procedente activar suficientemente as súas potencialidades de emprendemento e autoemprego.
As subvencións establecidas nesta orde intégranse dentro das accións que a Consellería de Emprego e Igualdade pretende levar a cabo para conseguir un axeitado desenvolvemento en materia de economía social, no que respecta ao fomento do emprego e mellora da competitividade nas cooperativas e sociedades laborais, de xeito que redunde en beneficio e mellora do eido económico e socio-laboral da Comunidade Autónoma de Galicia.
Esta orde reflicte tamén a especial preocupación pola necesidade de incrementar o nivel de emprego da xuventude galega, elemento esencial de cara a conseguir unha adecuada inclusión social a longo prazo”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2022, publicada no DOG o día 21 de xaneiro de 2022, e o ditame emitido polo Consello con data 11 de outubro de 2021 (ditame 38/2021), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
Respecto ás contías dos incentivos, tanto o artigo 23 ( sobre o programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais) como o artigo 29 (sobre o programa de fomento do acceso á condición de persoa socia), engaden un novo suposto no que procede incrementar a contía da subvención nun 25%: cando trata dunha entidade de nova creación constituída inicialmente con catro ou máis persoas socias traballadoras. Respecto disto, sinalar que no artigo 5 se engade a correspondente definición de “entidade de nova creación”.
Redúcense os seguintes prazos:
-O prazo de presentación de solicitudes (artigo 34) remata o 15 de setembro, cando na orde anterior remataba o 30 do mesmo mes.
-O período de execución das accións (artigo 35) remata o 31 de outubto, cando na orde anterior remataba o 15 de novembro.
-O prazo para presentar a solicitude de pagamento e a xustificación (artigo 36) remata o 31 de outubro, cando na orde anterior remataba o 15 de novembro.
En canto ao financiamento, obsérvase no artigo 37 un incremento no orzamento previsto. No caso do programa I o crédito aumenta en 300.000€ e no caso do programa II aumenta en 200.000€.
Neste artigo 37 tamén se angade a previsión dunha distribución provincial dos créditos.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa APROL – Economía Social) e se convocan para o ano 2023” consta de: Exposición de motivos, trinta e oito artigos, tres disposicións adicionais e dúas finais.

O día 9 de decembro de 2022 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e catro consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións específicas non unánimes: unha manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello (Anexo I) e unha manifestada pola CEG (Anexo II).

DITAME 44/2022

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa APROL – Economía Social) e se convocan para o ano 2023, con data de rexistro de entrada neste Consello o 2 de decembro de 2022, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de decembro de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
A pesar de que o ano anterior se achegaron xunto coa resposta ao ditame 38/2021, este Comité reitera a necesidade de que se acheguen, xunto co borrador de orde, os datos estatísticos de execución da orde do exercicio anterior, aínda que sexan datos provisionais, xa que a súa ausencia imposibilita valorar aspectos como a distribución de créditos entre os dous programas que conforman esta norma.

En consecuencia, solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos do exercicio 2021 que deben acompañar ao proxecto de orde cos seguintes datos:

- Número de solicitudes presentadas
- Número de persoas traballadoras, desagregadas por sexos, afectadas por esas solicitudes.
- Número de solicitudes resoltas favorablemente
- Número de persoas traballadoras, desagregadas por sexos, afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.

Segunda.
Nos artigos 5, 10, 24, 25 e 30 emprégase na clasificación as letras j e k.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Consellería, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

Por outra banda obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

O mesmo se observa respecto das disposicións derradeiras (sic).

Ademais, no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 5. Definicións.
Nas letras k) e l) recóllense aspectos procedimentais que non encaixan neste artigo, onde unicamente se deberían recoller definicións.

Segunda.- Artigo 15. Xustificación e pagamento.
O apartado 8 deste precepto recolle a modalidade de pagamento único pola totalidade.

Este Comité considera que debería preverse un réxime de anticipos igual que se fai respecto doutros tipos de axudas, especialmente neste caso, xa que se trata de fomentar o emprendemento en economía social, xa que a norma vai máis alá das dinámicas establecidas polas persoas que están en cada momento.

Terceira.- Artigo 17. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias.
No apartado c) deste artigo establécese como obriga das beneficiarias “estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda”.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

Cuarta.- Artigo 18. Reintegro e perda do dereito ao cobramento da subvención.
Este Comité propón levar a cabo unha revisión deste artigo xa que presenta numerosos erros na numeración e estrutura do mesmo.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Artigo 26. Obrigas das beneficiarias.

Os apartados 1 e 3 deste artigo, así como o apartado 1 do artigo 32, obrigan ás entidades beneficiarias a manter determinadas condicións por un período mínimo de dous anos.

As organizacións sindicais consideran que estas condicións deberíanse manter durante un período mínimo de cinco anos, para ser coherente coas mesmas consideracións feitas a outras liñas de axuda da Consellería de Emprego e Igualdade.

ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER NON UNÁNIMES MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 5. Definicións
Respecto ao concepto persoas desempregadas recollido neste precepto, a CEG considera que deberían incluírse aquelas persoas que figuran inscritas en mellora de emprego e que, polo tanto, necesitan mellorar as súas condicións de traballo accedendo a outras fórmulas de emprego, o que non desvirtúa a finalidade da axuda, xa que se está a promover igualmente a creación e emprego estable.
Pola mesma razón, a CEG propón que as devanditas persoas se inclúan entre os colectivos a subvencionar nos programas desta orde e que, en consecuencia, se modifiquen os demais artigos que correspondan para darlles cabida.
Por outra banda na definición de persoa con discapacidade (artigo 5 c) debería recollerse, ao igual que noutras normas, a seguinte redacción:
Segundo o artigo 4.2 do Real Decreto Lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, considera que presentan unha discapacidade en grao igual ou superior ao 33 por cento os pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez, e os pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.
Malia o anterior, o Tribunal Supremo fixou a doutrina contida na sentenza do 29 de novembro de 2018, segundo a cal mentres non sexa modificado o artigo 4.2 do devandito Real decreto lexislativo 1/2013, só se aplicará nas políticas activas de emprego a definición de discapacidade do artigo 4.2 para aquelas persoas que foran contratadas antes do 30.11.2018, sen prexuízo de que se poida estender o dereito a contratacións posteriores no momento en que unha norma con
rango de lei así o permita.

Número ditame
44