Pasar al contenido principal

Ditame 45/22

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:07
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023.

I. ANTECEDENTES
O día 2 de decembro de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023.
Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos: “co obxectivo de favorecer a creación de novos empregos estables, a inserción laboral de persoas en desemprego e contribuír ao desenvolvemento e crecemento das pequenas unidades produtivas, deséñase un programa específico para apoiar e incidir naquelas persoas traballadoras autónomas e persoas profesionais que con potencialidade para crear emprego non adoptan tal decisión polo risco ou carga que pode supoñer a contratación das súas primeiras persoas traballadoras e o cambio de dimensión do seu negocio”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2022 (publicado no DOG o día 28 de xaneiro de 2022) e o ditame emitido polo Consello con data 25 de novembro de 2022 (Ditame 54/2021), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo texto cómpre destacar as seguintes novidades:
En canto ao prazo de presentación das solicitudes, a orde anterior prevía 2 prazos diferentes segundo a contratación pola que se pide a subvención se tivera realizado antes ou despois da entrada en vigor da orde reguladora. Este novo proxecto fixa, no seu artigo 8, o prazo para presentar as solicitudes ata o 29 de setembro de 2023.
En canto ao bono de contratación, cómpre destacar os seguintes aspectos:
Respecto do período de actividade do contrato fixo-descontinuo, o novo proxecto esixe que teña unha duración mínima de 6 meses cada ano, para poder ser subvencionable (artigo 24).
O artigo 25 recolle as contías dos incentivos á contratación: 4.000€ pola primeira contratación e 6.500 pola segunda e terceira, prevendo unhas contías superiores (6.500 e 9.000€, respectivamente) cando as persoas contratadas pertencen a determinados colectivos. No novo proxecto, inclúense entre os ditos colectivos priorizados as persoas maiores de 55 anos e as persoas estranxeiras, así como as persoas emigrantes retornadas, estando previsto na orde anterior, respecto destas últimas, un incremento do 25% sobre a contía base.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
En canto ás obrigas das persoas beneficiarias do incentivo á contratación, o artigo 27 eleva de 18 a 24 meses o tempo mínimo que se debe manter á persoa contratada no cadro de persoal. Por outra banda, obsérvase que se elimina a obriga recollida na orde anterior pola que, no suposto da segunda e terceira contratación indefinida subvencionada, a persoa beneficiaria debía manter durante dezaoito meses, contados desde a data da realización da contratación subvencionada, o número de persoas traballadoras fixas do seu cadro de persoal.
No artigo 28 prevé, para o caso de que a persoa contratada cause baixa e sexa substituída, pero esta non foi feita cunha nova persoa traballadora pertencente a algún dos colectivos de persoas beneficiarias deste programa polo que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que causou baixa, que o reintegro da axuda será parcial pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería á nova contratación.
Respecto ao bono de formación, a única diferencia é que se reduce o prazo de presentación da documentación xustificativa, que pasa de 2 meses desde a finalización da acción formativa a 10 días hábiles.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “orde pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023” consta de: Exposición de motivos, trinta e tres artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 9 de decembro de 2022 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e sete consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións non unánimes seguintes: unha xeral e cinco específicas manifestadas por CIG, SN de CCOO e UGT- Galicia (Anexo I) e dúas específicas manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II).

DITAME 45/2022

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023, con data de rexistro de entrada neste Consello o 2 de decembro de 2022, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de decembro de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Este Comité propón que se revise ao longo do texto do proxecto normativo a terminoloxía empregada ao referirse ás persoas destinatarias da subvención; fálase indistintamente de persoas beneficiarias ou interesadas ou de entidades beneficiarias cando a referencia debe facerse, en todo caso, as persoas autónomas beneficiarias ou interesadas.

Segunda.
Obsérvase que nos artigos 6 e 10 emprégase a letra j na clasificación.
Este Comité considera que esta letra é impropia do alfabeto galego. A Consellería, nas respostas a esta consideración en outros ditames, vén facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.
Tamén se observa algunha tachadura no proxecto, en concreto no artigo 4.
Así mesmo, detéctase un erro de numeración do artigo 27, ao pasar do apartado 1 ao 3.

Pola súa banda, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, DE CARÁCTER UNÁNIME, DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.
O apartado 2 alude ao bono de formación dirixido ás persoas contratadas por medio desta orde. A continuación o artigo 29 sinala que poderán ser beneficiarias das axudas reguladas por esta orde as persoas traballadoras autónomas para a formación das persoas traballadoras subvencionadas por medio do programa de bono de contratación.

En consecuencia, este Comité considera que se debería substituír a redacción do antedito apartado 2.b) pola que segue: “b) Bono formación dirixido ás persoas traballadoras autónomas que contraten persoal por medio desta orde”.

Segunda.- Artigo 5. Definicións.
A pesar do título deste artigo, obsérvase que nel se entremezclan definicións con temas procedimentais que non encaixan, polo tanto, dentro deste artigo.

Terceira.- Artigo 6. Persoas beneficiarias.
Tanto neste artigo como no artigo 20, faise referencia a que as persoas estean ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non teñan pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma tanto como obriga da persoa beneficiaria (art.15), como para obter a condición de persoa beneficiaria (art.20).

Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible; propón, así mesmo, que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

Cuarta.- Artigo 6. Persoas beneficiarias.
O apartado 2 deste artigo exclúe, como beneficiarias das axudas, as persoas que desenvolveran como persoas autónomas a mesma ou similar actividade.
Este Comité considera que se debería eliminar o termo “similar”, xa que para atender a este requisito tense en conta o CNAE.

Quinta.- Artigo 25. Contía dos incentivos.
O apartado 2 prevé un incremento do 25% na contía das axuda, entre outros supostos, cando a persoa contratada sexa maior de 45 anos.

Este Comité considera que se debería indicar expresamente na orde que o dito incremento non procede cando a persoa contratada sexa maior de 55 anos, colectivo específico para o que xa se prevé neste artigo incrementos sobre a contía base.

Sexta.- Artigo 29. Accións subvencionables e requisitos.
Segundo o apartado 1 deste artigo, as persoas autónomas que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun bono para a formación das persoas traballadoras subvencionadas por medio do programa de contratación.

Este Comité considera que o correcto sería facer referencia aos contratos subvencionados mediante os cales se emprega a esas persoas.

Sétima.- Artigo 30. Contías dos incentivos e condicións da percepción.
Este apartado prevé incentivar a formación cunha axuda de 4.000 euros por cada persoa traballadora subvencionada por medio do programa de bono de contratación.

Por outra banda, o artigo 33 prevé que a axuda se percibirá por unha soa persoa traballadora formada.

Este Comité considera que se debe clarificar a discordancia apreciada entre ambos preceptos.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL E ESPECÍFICAS NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, SN DE CCOO E UGT-GALICIA:

CONSIDERACIÓN XERAL
As organizacións sindicais consideran que é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas ten producido escasos resultados en cantidade e en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais.
Xa que logo, eses recursos públicos deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:
1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS:

Primeira.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.
As organizacións sindicais cuestionan a utilización do bono de formación recollido no apartado 2.b) como instrumento para mellorar a formación das persoas traballadoras contratadas ao abeiro desta orde, xa que non garante a calidade da dita formación nin o acceso en igualdade a ela.

Formúlase a mesma consideración para todos os artigos que desenvolven este programa no capítulo II.

Segunda.- Artigo 7. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 3 deste artigo dispón que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán,en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 80% do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato que se subvenciona.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o conxunto dos incentivos non deberían superar, en ningún caso, unha contía equivalente ao custo da Seguridade Social xerado pola persoa contratada, en coherencia co manifestado noutros ditames.

Terceira.- Artigo 27. Obrigas das persoas beneficiarias.
O apartados 1 e 2 deste artigo obrigan á persoa beneficiaria a manter no seu cadro de persoal á persoa traballadora contratada por un tempo mínimo de 24 meses.

As organizacións sindicais consideran que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se perverta o obxectivo desta orde, xa que se da o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar sensiblemente inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que se debería incrementar ata cinco anos o referido período.

Cuarta.- Artigo 27. Obrigas das persoas beneficiarias.
Este Comité considera que se debería recuperar a obriga que establecía este artigo na orde para o exercicio anterior que, no suposto da segunda e terceira contratación indefinida subvencionada, obrigaba a manter o número de persoas traballadoras fixas do seu cadro de persoal. En coherencia co sinalado na consideración inmediatamente anterior, proponse o prazo da devandita obriga sexa de 5 anos.

Quinta.- Artigo 35. Contía dos incentivos e condicións da percepción.
As organizacións sindicais consideran que é esaxerada a contía do incentivo por unha formación incontrolada e que, polo tanto, debería reducirse.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Primeira. – Artigo 6. Persoas beneficiarias.
A CEG propón que a posibilidade de beneficiarse desta axuda se faga extensible a aquelas persoas que desempeñen un traballo por conta allea inferior a 2 horas diarias, 12 semanais ou 48 mensuais.

Segunda. – Artigo 28. Reintegros nos bonos de contratación.
No apartado 1.a) deste artigo estipula que cando as substitucións se realices transcorrido o prazo establecido no artigo 31.3, entenderase que se produce un incumprimento parcial. Neste caso, a contía que se reintegrará será a correspondente aos meses nos que o posto estivese vacante.

A CEG propón que se modifique a redacción para que o sistema de cálculo prevexa a devolución exclusivamente pola parte do mes na que o posto estivo vacante, de xeito que se faga referencia aos días nos que o posto estivo vacante e non aos meses.

Número ditame
45