Pasar al contenido principal

Ditame 5/23

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:07
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de Programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023

I. ANTECEDENTES

O día 24 de febreiro de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de Programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a Exposición de Motivos: “estes programas están dirixidos a mellorar a ocupabilidade das persoas de dezaoito ou máis anos incluídos no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social”.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2021, publicada no DOG o día 21 de febreiro de 2021 e o ditame emitido polo Consello con data 4 de decembro de 2020 (ditame 25/2020), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

O artigo 3 do novo proxecto incorpora a posibilidade que, en determinados supostos, sexan beneficiarias das axudas as agrupacións de concellos, sempre que pertenzan á mesma provincia.

Este mesmo artigo recolle un novo parágrafo que limita a participación de cada concello, ou entidade pública vinculada, a un único proxecto.

O importe total do orzamento para estas axudas diminúe en case 300.000€, quedando fixado en 3.229.167€ no artigo 27.

En canto ao importe da subvención, o artigo 31 incrementa levemente os importes por participante a 3,91 euros/hora/participante para o módulo A (a orde anterior prevía 3,42€) e a 1,10 euros/hora/participante para o módulo B (a orde anterior prevía 0,94€).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do anteproxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de Programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023” consta de: Exposición de motivos, corenta e tres artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 16 de marzo de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e once consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén así mesmo, como anexos, dúas consideracións específicas non unánimes manifestadas polas organizacións sindicais (Anexo I) e unha xeral non unánime manifestada pola CEG (Anexo II).

DITAME 5/2023

En relación coa solicitude de ditame sobre o anteproxecto orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de Programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023, con data de rexistro de entrada neste Consello o 24 de febreiro de 2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 16 de marzo de 2023, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

No ámbito formal, este Comité observa algúns erros no uso da linguaxe en materia de xénero, por exemplo o emprego das barras nos artigos 1 (apto/a) e 31 (alumnos/as), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero.

Tamén se propón a revisión ortográfica do texto do proxecto normativo e corrixir a referencia a letra j no artigo 23 así como o emprego das letras j e k nos artigos 30 e 39, impropias do alfabeto galego.

Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

Finalmente obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha de elas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira. Artigo 5.- Formación en alternancia nos proxectos.
No apartado 1 deste artigo establécese que: “A formación adecuarase, na medida do posible e en función do oficio ou posto de traballo que se vai desempeñar, aos contidos mínimos establecidos nos reais decretos que regulen os certificados de profesionalidade das correspondentes ocupacións”.

Este Comité insiste na súa proposta de que se substitúa o inciso “na medida do posible” por “cando non existan certificados de profesionalidade”, tendo en conta a resposta remitida pola Consellería respecto desta mesma consideración no ditame anterior.

Segunda. Artigo 23.- Criterios de valoración dos proxectos.
O artigo 23.1 recolle os criterios de valoración dos proxectos, entre os que se atopa a calidade do proxecto (apartado c).

Este Comité considera que deberían establecerse parámetros indicativos para determinar a calidade do proxecto, xa que se trata dun concepto indeterminado que xera inseguridade xurídica, quedando a dispor do criterio da Comisión de Valoración. Asemade, considera que debería establecerse un umbral de calidade mínimo ou, en calquera caso, que limiten a selección de propostas cunha valoración “baixa”.

Terceira. Artigo 23.- Criterios de valoración dos proxectos.
Este Comité entende que está totalmente fóra de lugar que sexa considerado criterio de valoración o feito de que os consellos teñan a condición de concello emprendedor-consello Doing Business, tal como recolle o apartado 1.h) deste artigo, xa que non ten relación material ningunha cos obxectivos desta orde.

Cuarta. Artigo 23.- Criterios de valoración dos proxectos.
Entre os criterios de valoración non se inclúe o emprego da lingua galega na elaboración e realización dos proxectos.

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité Delegado entende que debería recuperarse a redacción do proxecto citado anteriormente, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Quinta. Artigo 23.- Criterios de valoración dos proxectos.
Segundo o apartado 3 deste artigo o número máximo de alumnado dos programas que se concedan con cargo á presente orde será de 16.

Este Comité considera que se debería prever a posibilidade de incrementar ese tope máximo e, en consecuencia, modificar o recollido no artigo 31.4 para calcular o importe da subvención.

Sexta. Artigo 23.- Criterios de valoración dos proxectos.
Este Comité considera que se debería recuperar como criterio de valoración a participación dos axentes económicos e sociais con presenza no territorio na elaboración do contido e posterior desenvolvemento do proxecto.

Sétima. Artigo 25.- Resolución.
O apartado 1 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses a contar dende o remate do prazo de presentación de solicitudes.
Aínda que o que se fixa é un prazo máximo que non ten porque esgotarse, este Comité segue a considerar que estamos ante un prazo excesivo, polo que propón que sexa como máximo de tres meses, o mesmo prazo que xa recollen outras ordes que desenvolve a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e que resultan de tan complexa tramitación como esta.

Oitava. Artigo 29.- Gastos a subvencionar.
Este Comité considera que o módulo de financiamento previsto neste artigo é insuficiente e que deberían cubrirse os custos salariais inherentes, tal e como se indica nas consideracións específicas novena, décima e décima primeira.

Novena. Artigo 30.- Subvención para custos de formación profesional para o emprego.
Segundo o apartado 2.a) deste precepto, en ningún caso poderán financiarse con cargo á subvención concedida as indemnizacións por morte ou de acción social previstas nos convenios colectivos das entidades promotoras.
Este Comité considera que deberías preverse, como concepto subvencionable, as pólizas de seguro que cubren as anteditas continxencias.

Décima. Artigo 30.- Subvención para custos de formación profesional para o emprego.
O apartado 2.a) exclúe expresamente, como gasto subvencionable, o importe da retribución correspondente ao período das vacacións anuais non disfrutado durante a duración do proxecto formativo.

Tamén neste caso o Comité considera que debería eliminarse esa exclusión, xa que ese pagamento forma parte da retribución do persoal docente, independentemente da natureza dos fondos.

Décima primeira. Artigo 30.- Subvención para custos salariais do alumnado-traballador.
Neste artigo establécese que os custos salariais do alumnado calcúlanse polo SMI/mes, anualmente establecido, incluída a parte proporcional dunha paga extraordinaria.

Este Comité considera que debería incrementarse a porcentaxe subvencionada dos custos salariais do alumnado-traballador, dado que as entidades promotoras dos programas xa deben completar a contía dos salarios en virtude, no seu caso, dos convenios colectivos de aplicación.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira. Exposición de motivos.
No parágrafo segundo da exposición de motivos do proxecto normativo vencéllase esta orde co eido do “diálogo social”. As organizacións sindicais que integran o Consello consideran que debería suprimirse esta referencia pola súa carencia de relación material co contido desta orde.

Segunda. Artigo 23.- Criterios de valoración dos proxectos.
En relación coa consideración específica unánime cuarta, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CEG:

A CEG considera que se debería proceder a unha modificación do proxecto, tanto no seu título como no articulado, para dar cabida ás entidades sen ánimo de lucro como posibles beneficiarias das axudas aquí recollidas, coa fin de que poidan proporcionar a experiencia e práctica necesarias ás persoas desempregadas para facilitar a súa inserción laboral e non centrar o programa exclusivamente en entidades locais.

Número ditame
5