Pasar al contenido principal

Ditame 8/23

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:07
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2023.

I. ANTECEDENTES

O día 9 de marzo de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación da Consellería de Emprego e Igualade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2023. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos: “estes obradoiros duais de emprego concíbense como programas mixtos de formación e emprego que, promovidos por concellos, mancomunidades de concellos ou entidades sen ánimo de lucro do sector forestal, están dirixidos a mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade, a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social”.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2022, publicada no DOG o día 8 de marzo de 2022 e o ditame emitido polo Consello con data 12 de xaneiro de 2022 (ditame 61/2021), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións xerais manifestada polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto destácanse os seguintes aspectos, respecto da orde para o ano 2022:

Obsérvanse minoracións na puntuación de algúns dos criterios de valoración das solicitudes, recollidos no artigo 24.
Así, a puntuación máxima que se pode outorgar polo feito de que o proxecto conteña actividades relacionadas co fomento das TIC e a economía dixital baixa de 14 a 10 puntos, e a valoración do programa de incentivos á contratación laboral do colectivo participante redúcese de 28 a 20 puntos, entre outros.
Ademais, engádese un novo criterio a avaliar polo que se outorgan 20 puntos: o feito de que o concello teña a condición de concello emprendedor.

En canto ao financiamento, prevese unha minoración no orzamento total de 3.150.600€ (artigo 28).

Dentro da reserva de crédito prevista no artigo 28.3, redúcese en 694.126€ a contía destinada a obradoiros duais forestais promovidos pos entidades sen ánimo de lucro.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2023” consta de: Exposición de motivos, corenta e dous artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 20 de marzo de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideración xerais e nove consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén así mesmo, como anexos, dúas consideracións xerais e dúas específicas de carácter non unánime manifestadas polas organizacións sindicais (Anexo I) e catro consideracións xerais e tres específicas de carácter non unánime manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II).

DITAME 8/2023

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2023, con data de rexistro de entrada neste Consello o 9 de marzo de 2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de marzo de 2023, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.
Este Comité considera que se debería proceder a unha modificación do proxecto, tanto no seu título como no articulado, para dar cabida ás entidades sen ánimo de lucro (e extender o seu ámbito máis aló das que pertenzan ao sector forestal), constituídas ou rexistradas como asociacións, como posibles beneficiarias das axudas aquí recollidas, coa fin de que poidan proporcionar a experiencia e práctica necesarias ás persoas desempregadas para facilitar a súa inserción laboral.

Segunda.
Os artigos 31 e 40 empregan, na súa numeración, as letras j e k, impropias do alfabeto galego.

Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que non teñen porque ser coincidentes en galego e castelán.
Tamén se observa que, a diferenza doutros proxectos normativos, as cinco disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha de elas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

Finalmente, obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega e como se observa, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de Programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira. Artigo 4.- Duración.
Segundo o apartado 3 deste precepto, a data límite para o inicio da formación e as prácticas profesionais será, con carácter xeral o 1 de xullo de 2023.

Pola súa banda, o apartado 4 fixa a data límite para o inicio das contratacións por conta allea no 15 de xullo de 2024.

Este Comité considera que en lugar dunha data fixa, o apartado 3 debería establecer un período dun mes desde a finalización da formación e prácticas profesionais para o inicio da contratación.

En consecuencia, debería modificarse tamén o apartado 3 do artigo 15, que fixa nos 15 días seguintes á finalización do obradoiro dual de emprego o prazo no que deberá comezar a contratación temporal.

En todo caso, tendo en conta que tanto o apartado 3 como o 4 recollen os prazos que se fixan con carácter xeral, este Comité considera que deberían regularse no texto da norma as posibles excepcións á dita regra xeral.

Segunda. Artigo 11.- Procedemento de selección do alumnado-traballador.
Este Comité reitera a necesidade de regular a posibilidade de que a entidade beneficiaria poda substituír ao alumnado seleccionado que cause baixa, no suposto de que a dita baixa suceda antes do inicio do proxecto.

Subsidiariamente, solicítase aclaración da resposta remitida pola Consellería respecto desta mesma consideración no ditame do exercicio anterior (61/2021), xa que na mesma non se fai referencia ao mesmo momento temporal que nesta consideración.

Terceira. Artigo 11.- Procedemento de selección do alumnado-traballador.
No apartado 2 deste artigo establécese que terán preferencia para participar nestes proxectos o colectivo de persoas con especiais dificultades de inserción no mercado de traballo e relaciónanse a continuación unha serie de exemplos.

Este Comité considera que deberían sinalarse, no mesmo artigo 2, as limitacións e excepcións á preferencia prevista no artigo 11.

Cuarta. Artigo 12.- Procedemento de selección do persoal directivo, docente e administrativo de apoio.
As organizacións empresarial e sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a utilización da convocatoria pública soamente debería producirse no caso de que se utilice o sistema de oferta e non existisen persoas candidatas ou estas non resultaran idóneas, polo que se propón modificar a redacción do texto do xeito que segue: “o grupo de traballo utilizará a oferta de emprego tramitada pola oficina de emprego; no caso de que non existisen persoas candidatas ou estas non foran consideradas idóneas, realizaríase unha convocatoria pública”.

Quinta. Artigo 24.- Criterios de valoración dos proxectos.
Entre os criterios de valoración non se inclúe o emprego da lingua galega na elaboración e realización dos proxectos.

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité Delegado entende que debería recuperarse a redacción do proxecto de 2013 para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Sexta. Artigo 24.- Criterios de valoración dos proxectos.
O artigo 24.1 recolle os criterios de valoración dos proxectos, entre os que se atopa a calidade do proxecto (apartado c).

Á vista da resposta remitida pola Consellería, respecto desta mesma consideración no ditame anterior, este Comité considera que deberían referenciarse especificamente, neste artigo, os parámetros indicativos para determinar a calidade do proxecto aos recollidos na ORDE TAS do 14.11.2001 para garantir a seguridade xurídica das persoas participantes para que haxa concordancia entre o recollido no proxecto normativo e na antedita resposta.

Sétima. Artigo 24.- Criterios de valoración dos proxectos.
O apartado 1.d) prevé unha puntuación de ata 10 puntos en función da porcentaxe de cumprimento dos compromisos de inserción achegados coa solicitude.

Este Comité considera que se debería clarificar esta previsión, xa que se está a outorgar puntuación por incumprir compromisos de inserción.

Oitava.- Artigo 26.- Resolución.
O apartado 1 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses a contar dende o remate do prazo de presentación de solicitudes.

Aínda que o que se fixa é un prazo máximo que non ten porque esgotarse, este Comité segue a considerar que estamos ante un prazo excesivo, polo que propón que sexa como máximo de tres meses, tal e como acontece na maioría das ordes tramitadas por esta Consellería.

Novena. Artigo 33.- Subvención para custos salariais do alumnado-traballador (sic).
A contía a subvencionar nos contratos fíxase no 100% do SMI.

Á vista da resposta remitida pola Consellería respecto da mesma consideración no ditame anterior, este Comité considera que debería establecerse, como módulo, unha porcentaxe maior do SMI que resulte igual para todos os proxectos e se estableza a priori.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

XERAIS:

Primeira.
As organizacións sindicais entenden que está totalmente fóra de lugar que sexa considerado criterio de valoración o feito de ter a condición de concello emprendedor, tal como recolle o apartado 1.l) do artigo 24, xa que non ten relación material ningunha cos obxectivos desta orde.

Segunda.
Segundo o artigo 35, a axuda para incentivos á contratación subvencionará un importe fixo de 1.500 euros por cada persoa traballadora, correspondente ao contrato mínimo de tres meses a xornada completa.

As organizacións sindicais consideran que ese contrato debería ter unha duración mínima de nove meses, de maneira que as persoas traballadoras acumulen suficiente cotización co fin de ter dereito a percibir a prestación contributiva por desemprego.

Así mesmo, proponse que o incentivo de 1.500 euros teña como tope unha contía equivalente ao custo da Seguridade Social xerado pola persoa contratada, en coherencia co manifestado noutros ditames.

Específicas:

Primeira. Exposición de motivos.
No parágrafo segundo da exposición de motivos vencéllase esta orde co eido do “Diálogo Social”. As organización sindicais que integran o Consello consideran que debería suprimirse esa referencia pola súa carencia de relación material co contido desta orde.

Segunda. Artigo 24.- Criterios de valoración dos proxectos.
En relación coa consideración específica unánime quinta, relativa a este mesmo artigo 24, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, polo que se considera que debe manterse a redacción deste precepto contida na orde precedente.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Xerais

Primeira
A CEG considera que debería habilitarse a posibilidade de que as organizacións empresariais concorresen a esta Orde, xa sexa como promotoras dunha actuación conxunta coas entidades locais ou de forma individual.

Isto xustificaríase en atención á natureza e obxectivos da citada orde, que busca a promoción do autoemprego, a formación empresarial e o incentivo da contratación no territorio local e contribuiría á finalidade da orde de mellorar a ocupabilidade das persoas obxecto do programa.

Segunda

É preciso que na convocatoria de axudas se incorpore a obriga por parte das entidades promotoras de garantir respecto das persoas con discapacidade, a provisión de axustes razoables, no acceso e desenvolvemento do programa, en función de necesidades individuais e aos diferentes apoios que poidan ser precisos, na realización do programa incluída tanto na formación e nas prácticas.

Para iso, é fundamental que se incorporen nas convocatorias do programa, as medidas de inclusión axeitadas á situación individual das persoas participantes, que garantice a igualdade de oportunidades e a non discriminación das persoas con discapacidade.

Terceira

Considérase necesario que se incorpore algunha previsión de cara a facilitar a participación das persoas con discapacidade, que estableza previsións de cara a mellorar os medios de transporte para acudir aos programas, tanto en medios de transporte, horarios, rutas, e condicións de accesibilidade, así como posibles costes económicos que poida xerar para as persoas interesadas, e en particular, aquelas nas que a limitación de desprazamento sexa derivada da discapacidade.

De non abordar esta cuestión do transporte en xeral, e en particular para as persoas con discapacidade, haberá persoas con discapacidade que nin se prantexen solicitar a participación neste tipo de obradoiros de emprego, e polo tanto non poderán optar a esta oportunidade laboral.

Cuarta

Considérase que é preciso realizar un esforzo de cara a crear programas que se axusten ao perfil profesional das persoas con discapacidade e das necesidades específicas que presentan, inclusive á hora de elixir os obradoiros duais de emprego que se solicitan, sendo preciso realizar unha análise tanto en coordinación coas entidades sociais da discapacidade colaboradoras co servizo público de emprego na atención a colectivos específicos como cos servizos sociais municipais.

Específicas:

Primeira. Artigo 11. Procedemento de selección do alumnado-traballador.

No segundo parágrafo do artigo 11.2, indícase que “as persoas con discapacidade sempre que poidan realizar os traballos”. Consideramos necesario que se incorpore a garantía do dereito á adaptación do posto de traballo e/ou dos axustes razoables.

Así a proposta podería ir na liña de incorporar unha referencia a: (…)“ as persoas con discapacidade sempre que poidan realizar os traballos, sen prexuízo dos axustes razoables e/ou adaptación do posto que resulte necesario”

Considérase que non debe quedar á discrecionalidade do Concello valorar que non é posible realizar o traballo, no caso das persoas con discapacidade, porque a devandita discrecionalidade podería estar sustentada no factor de exclusión do capacitismo.

Por outra banda sinalar que aínda que neste artigo se establecen os criterios de preferencia para a selección das persoas traballadoras sería preciso baremar con puntuacións maiores a aquelas persoas con discapacidade que presentan maiores dificultades de inserción.

Segunda. Artigo 24. Criterios de valoración dos proxectos.

O Artigo 24 do proxecto de orde , establece os criterios de valoración que terá en consideración a Comisión Central de Valoración. Considérase preciso incorporar entre os criterios de valoración o seguinte:
- Establecemento de medidas de inclusión axeitadas á situación individual das persoas participantes, que garanticen a igualdade de oportunidades e a non discriminación das persoas con discapacidade, no marco dos programas.

Terceira. Artigo 31. Subvención para custos de formación profesional para o emprego.

Con respecto á financiaón e custos subvencionables estímase preciso solicitar a inclusión dos seguintes:

- aqueles destinados á cubertura das medidas de inclusión e igualdade de oportunidades.
- así como aqueles gastos vencellados á adaptación de postos de traballo, eliminación de barreiras e/ou axustes razoables precisos para garantir a participación das persoas con discapacidade.

Número ditame
8