Pasar al contenido principal

Ditame 9/23

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:07
Ditame sobre o Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2023

I. ANTECEDENTES

O día 10 de marzo de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para as anualidade 2023.

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos “as empresas de economía social teñen demostrado a súa capacidade de resistencia ás crises, de creación de emprego estable e de calidade, de vinculación co territorio e de mellora do benestar social, polo que resulta procedente facilitar a súa consolidación como un dos factores que pode permitir a existencia de estruturas permanentes de emprego de calidade.

A consolidación das entidades de economía social é crucial nestes tempos de crise con altos índices de inflación e de tipos de interese que dificultan a capacidade de financiación das empresas e, por tanto, da súa actividade económica. Faise necesario fortalecer a economía social, mediante axudas que apoien a súa consolidación, con fórmulas amparadas polas excepcións do artigos 107, apartado 3, letras b) e c) do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE), fórmulas que por unha banda tratan de facilitar o desenvolvemento e a consolidación da economía social nun contexto económico de alza de prezos xeneralizado, ao tempo que se garante o mantemento dun emprego de calidade”.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2022, publicada no DOG o día 29 de xuño de 2022, e o ditame emitido polo Consello con data 7 de marzo de 2022 (ditame 5/2022), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Con respecto á orde anterior destácanse os seguintes aspectos:

O artigo 6 engade, como conceptos subvencionables, os elementos de transporte e as actividades formativas para as persoas socias da entidade solicitantes que estean dadas de alta no RETA, incluíndose as respectivas definicións no artigo 8.

En canto á contía das axudas recollidas no artigo 7, obsérvase un incremento de 2.000€ para cada un dos gastos relacionados no artigo 6, aumentando tamén o límite máximo das axudas que pasa de 20.000 a 30.000€. Ademais, engádese a previsión de que a contía da axuda para cada unha das actividades formativas ás que s fixo referencia no parágrafo anterior destes antecedentes, será de 600€.

Polo que respecta ao financiamento, o artigo 32 fixa o orzamento total destas axudas en 2.730.000€, o que supón un incremento de 1.500.000€ respecto do exercicio anterior.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2023” consta de: Exposición de motivos, trinta e dous artigos, dúas disposicións adicionais e dúas finais.

O día 29 de marzo de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e seis consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como Anexo, dúas consideracións específicas non unánimes manifestadas polas organizacións sindicais CIG, SN de CCOO de Galicia e UGT- Galicia.

DITAME 9/2023

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para as anualidade 2023, da Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 10 de marzo de 2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 30 de marzo de 2023, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira
Ao longo do texto empréganse indistintamente os termos persoa e entidade interesada ou solicitante, cando o artigo 1 do proxecto normativo indica a finalidade deste programa é apoiar a consolidación das entidades de economía social, polo que todas as referencias deberían facerse a estas.

Segunda
Obsérvase que as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Terceira
Este Comité manifesta a necesidade de que se acheguen os datos estatísticos de execución da orde do exercicio anterior, aínda que sexan datos provisionais, xa que a súa ausencia imposibilita valorar aspectos como a distribución de créditos entre os dous programas que conforman esta norma.

En consecuencia, solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos dos exercicios 2019, 2020, 2021 e 2022 que deben acompañar ao proxecto de orde cos seguintes datos:

- Número de solicitudes presentadas
- Número de persoas , desagregadas por sexos, afectadas por esas solicitudes.
- Número de solicitudes resoltas favorablemente
- Número de persoas, desagregadas por sexos, afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.

Ademais, dada a transcendencia outorgada ás renuncias nesta convocatoria, este Comité considera que se debería engadir o dato do número de renuncias á folla estatística xunto ao número de accións para coñecer a efectividade real da execución desta orde.

Cuarta.
Os artigos 8 e 14 empregan na súa numeración as letra j e k, impropias do alfabeto galego. A Secretaría Xeral de Emprego, respecto desta consideración, adoita remitirse ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que non teñen porque ser coincidentes en galego e castelán.
Entendendo que a economía social está chamada a xogar un importante papel en época de crise, este Comité considera que non hai correlación entre os recursos destinados a este sector a través de diversas ordes de axudas e os destinados a outros sectores e empresas, así como ás súas persoas traballadoras, nunha situación socio-económica como a actual.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-Artigo 8. Definicións.
O apartado f) define a reforma do local do negocio como obras de sinxela técnica e escasa entidade construtiva e económica que consisten normalmente en reparacións, decoracións ou ornatos (incluída a rotulación) que non modifican a estrutura construtiva do local.

Este Comité considera que debería haber concordancia entre o título do concepto e o contido da definición, xa que neste caso estase a falar de reformas e habilitación de instalacións mentres que na definición se fai referencia a obras de escasa entidade ou á decoración, polo que se propón que a definición recolla a posibilidade expresa de obras de máis calado propias dunha reforma.

Segunda.- Artigo 21. Pagamentos anticipados.
Este artigo prevé o pagamento de ata o 90 % do importe da subvención concedida para cada anualidade que se realizará de oficio tras a aceptación da subvención.

Tendo en conta a resposta da consellería, este comité reitera a nosa valoración positiva do anticipo para as entidades de economía social e considera, por tanto, que esta regulación dos anticipos pode ser a norma habitual para todas as orde de axudas que tramite a Consellería de Emprego e Igualdade.

Terceira.- Artigo 24. Obrigas da entidades beneficiarias.
Segundo o apartado e), a entidade beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e fronte a Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

Cuarta.- Artigo 24. Obrigas da entidades beneficiarias.
O apartado f) establece a obriga de dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados.

Este Comité considera que se debería fixar un prazo durante o cal se debe conservar a dita documentación.

Quinta.- Artigo 29. Presentación de solicitudes.
O prazo para presentar a solicitude remata o 15 de setembro de 2023, prazo que este Comité considera escaso polo que propón que se amplíe.

Sexta.- Artigo 31. Xustificación das accións subvencionables.
En coherencia coa consideración anterior, relativa ao artigo 29, este Comité considera que procede ampliar tamén o prazo de xustificación recollido neste artigo.

ANEXO

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E UGT-GALICIA.

Primeira.- Artigo 5. Entidades beneficiarias e condicións para a obtención do incentivo.
O apartado 1 deste precepto relaciona os requisitos que deben cumprir as entidades para poderen ser beneficiarias destas axudas, entre eles, o de estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social, tal e como recolle a letra f) do dito apartado.

As organizacións sindicais que fan parte deste Comité consideran que se deberían engadir as obrigas laborais dentro do disposto nese ítem.

Segunda.- Artigo24. Obrigas da entidades beneficiarias.
O apartado h) establece, como obriga da entidade, polo menos durante un período de dous anos desde a data da resolución de concesión, unha forma xurídica de entre as elixibles para resultaren beneficiarias da subvención concedida, así como a actividade empresarial.

As organizacións sindicais consideran que se debería fixar, así mesmo, a obriga de manter o emprego na entidade durante o mesmo prazo.

Número ditame
9