I. ANTECEDENTES
O día 4 de maio de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da subdirección xeral de Promoción da Igualdade da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa EMEGA para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria no ano 2023.
Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos “o programa EMEGA comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, incentivando a creación de emprego por conta propia e por conta allea para mulleres xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos seus proxectos empresariais”.
Respecto da mesma resolución para o exercicio anterior, cómpre destacar os seguintes aspectos:
O orzamento global para o financiamento destas axudas fíxase en 3.970.000€ (artigo 2), o que supón unha diminución de 408.563€ respecto da contía prevista para o exercicio anterior.
Modifícase a definición do teletraballo contemplada no artigo 9, adaptándoa ao previsto na Lei 10/2021, do 9 de xullo, de traballo a distancia.
En canto aos criterios de valoración recollidos no artigo 17, obsérvanse as seguintes modificacións:
A xeración e/ou mantemento do emprego feminino outorga ata un máximo de 35 puntos, 5 puntos menos que na norma anterior; Isto débese a que xa non se prevé unha puntuación separada (40 puntos) a partir de dez postos de traballo xerados ou mantidos, senón que a partir do quinto posto obtéñense 35 puntos.
Outórganse ata 15 puntos pola contribución á integración laboral de mulleres pertencentes a determinados colectivos, pero no novo proxecto non se prevé puntuación xa o colectivo de mulleres menores de 30 anos e o de mulleres maiores de 45, que si se recollían neste mesmo apartado na resolución para o ano 2022.
A localización da actividade empresarial valórase con 5 puntos máis que na resolución para o ano 2022, pero eses puntos engadidos outórganse pola implantación ou funcionamento da iniciativa empresarial nun concello emprendedor, aspecto que non era avaliable no exercicio anterior.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da resolución que regulaban as bases e a convocatoria para o exercicio anterior, publicada no DOG o día 12 de xullo de 2022, e o ditame emitido con data 9 de xuño de 2022 (Ditame 15/2022), obsérvase que se tiveron en conta dúas das consideración específicas de carácter unánime manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa EMEGA para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria no ano 2023”, consta de: exposición de motivos, vinte oito artigos e dúas disposicións finais.
O día 15 de maio de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e dez específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén, como anexo, dúas consideracións específicas de carácter non unánime manifestadas polas organizacións sindicais CIG, SN de CCOO de Galicia e UGT- Galicia.
DITAME 16/2023
En relación coa solicitude de ditame sobre a Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade, , pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa EMEGA para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria no ano 2023, con data de rexistro de entrada neste Consello o 4 de maio de 2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 15 de maio de 2023, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira
Este Comité considera que se debería motivar a diminución de 408.563€ experimentada no orzamento total asignado a estas axudas.
Segunda
Obsérvase nos artigos 11 e 21 empréganse as letras j e k na clasificación.
Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego. Desde a Consellería de promoción do Emprego e Igualdade tense xustificado o emprego das ditas letras facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.
Pola súa banda, as dúas disposicións últimas deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “última” fai a Real Academia Galega. Ademais, deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.- Exposición de motivos.
Este Comité considera que se debería engadir na exposición de motivos, como acontece con outras ordes da Consellería, indicación dos informes preceptivos que se solicitaron na tramitación deste proxecto normativo.
Segunda.- Artigo 1. Obxecto.
Este Comité considera que o contido do apartado 1 debería incluírse no último inciso recollido na exposición de motivos:
“RESOLVO: establecer as bases reguladoras da axudas do Programa EMEGA para o emprendemento feminino en Galicia e proceder á súa convocatoria no ano 2022 (código de procedemento SI429A)”.
A continuación, debería engadirse un epígrafe “BASES REGULADORAS” indicando o inicio das mesmas.
Finalmente, e en consecuencia, debería adaptarse a numeración dos apartados do artigo tras a modificación proposta no primeiro parágrafo desta consideración.
Terceira.- Artigo 5. Beneficiarias.
Segundo o apartado 1 deste artigo establece a obriga das sociedades civís, comunidades de bens, sociedades mercantís, cooperativas ou sociedades laborais de presentar elas mesmas a solicitude de subvención.
Este comité propón que se engada una referencia ao artigo 10 desta orde, de xeito que se recolla que “cando a actividade empresarial sexa realizada por unha sociedade civil, comunidade de bens, sociedade mercantil, cooperativa ou sociedade laboral, a solicitude de subvención deberá ser presentada por esta, de acordo co establecido no artigo 10”, posto que o apartado 3 do antedito artigo prevé o suposto das entidades sen personalidade que deben actuar por medio de representante ou apoderado.
Cuarta.- Artigo 6. Liña Emprende: requisitos específicos e contía dos incentivos.
O apartado 1.a) deste precepto establece que o inicio da actividade económica para a cal solicita a axuda ten que producirse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2022 e a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria.
Este Comité considera que estamos ante un prazo escaso tendo en conta, por unha banda, os tempos que se manexan xa que esta norma se está a tramitar no mes de maio e, por outra, que hai actividades que pola súa propia natureza non procedería iniciar durante o mes de agosto.
En consecuencia, este Comité propón que se amplíe o prazo recollido neste apartado.
Formúlase a mesma consideración respecto do previsto para no artigo 8.1.a).
Quinta.- Artigo 6. Liña Emprende: requisitos específicos e contía dos incentivos.
Ante o previsto no apartado 1.c) deste artigo, segundo o cal as promotoras deben estar desempregadas antes no inicio da actividade laboral, este Comité considera que debería figurar como requisito que as promotoras estean inscritas como desempregadas no Servizo Público de Emprego.
Sexta.- Artigo 6. Liña Emprende: requisitos específicos e contía dos incentivos.
Novamente respecto ao previsto no apartado 1.c) deste artigo, este Comité considera que debería darse cabida tamén ás persoas que se atopen en situación de mellora de emprego cunha xornada inferior a un terzo.
Sétima.- Artigo 6. Liña Emprende: requisitos específicos e contía dos incentivos.
O apartado 1.e) establece o requisito de non ter desenvolvido actividade empresarial na mesma actividade económica nos tres anos inmediatamente anteriores á data de efectos da alta da nova actividade para a cal se solicita a axuda.
Este Comité pide que se aclara se este requisito se esixe a todas as promotoras no caso de entidades formadas por varias persoas socias.
Oitava.- Artigo 9. Liña Concilia: obxecto, modalidades e contía dos incentivos.
A modalidade Concilia promotoras é unha axuda complementaria dirixida ás promotoras que teñan fillos ou fillas menores de tres anos, tal e como se recolle este artigo no seu apartado 2.
Este Comité considera que debería ampliarse o límite de idade fixada, polo menos hasta os 12 anos de idade.
Ademais, propoñen que se contemple dentro da conciliación o coidado de persoas maiores dependentes.
Novena.- Artigo 18. Resolución e notificación.
Este artigo fixa en catro meses (desde a publicación da resolución) o prazo para resolver e notificar.
Este Comité considera que se trata dun prazo excesivo polo que propón que se reduza de maneira significativa.
Décima.- Artigo 23.- Obrigas das beneficiarias.
O apartado 4 deste precepto obriga ás beneficiarias a non ter pendente de pagamento algunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.
ANEXO
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA.
Primeira.- Artigo 6. Liña emprende: requisitos específicos e contía dos incentivos.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o conxunto dos incentivos non deberían superar, en ningún caso, unha contía equivalente ao custo da Seguridade Social xerado pola persoa contratada, en coherencia co manifestado noutros ditames.
Formúlase a mesma consideración sobre os artigos 7, 8 e 9, respecto das contías dos incentivos previstas para esas liñas de axuda.
Segunda.- Artigo 24.Obriga de permanencia mínima da actividade empresarial e do mantemento do emprego.
Segundo o previsto no apartado 1 deste precepto, as beneficiarias das axudas do programa Emega teñen a obriga de realizar a actividade empresarial e manter os postos de traballo tidos en conta para a concesión da subvención durante un período mínimo de dezaoito meses.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o período previsto de 18 meses debería ampliarse.