Pasar al contenido principal

Ditame 19/23

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:07
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2023-2024.

I. ANTECEDENTES

O día 23 de maio de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego, da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2023-2024.

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, “o goberno galego quere asegurarse de que as persoas teñan as habilidades que necesitan para prosperar, por iso, seguindo as directrices europeas, está a despregar unha Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, co obxectivo de mellorar as capacidades das persoas, para fortalecer a competitividade das empresas, garantir a equidade social e desenvolver a nosa resiliencia”.

Así, elaborouse “o Estudo de tecnoloxías emerxentes para a transformación do emprego (...) co obxectivo de elaborar unha proposta de cualificacións profesionais que serán necesarias para facer fronte aos empregos do futuro”.

Por outra banda, “leváronse a cabo mesas de traballo sectoriais a través dun proceso participativo orientado a capturar a información do tecido produtivo para detectar as necesidades de capacitación”.

Engade a Exposición de motivos que “co coñecemento adquirido a través desas dúas iniciativas, xustifícase a pertinencia da presente convocatoria de axudas, co obxectivo de asegurar que as persoas teñan as capacidades adecuadas, mobilizando e incentivando ás empresas para adoptar accións para a mellora e a reciclaxe profesional das persoas en idade de traballar e dese modo resolver as necesidades de perfís capacitados por parte das empresas”.
Este proxecto normativo sométese a ditame por primeira vez, e do seu contido cómpre destacar os seguintes aspectos:

Segundo o artigo 1, os Bonos de talento empresa están destinados á formación non formal mediante a realización de proxectos formativos de curta duración que teñan como obxectivo mellorar as capacidades das empresas e contribuír ao desenvolvemento profesional dos seus cadros de persoal.

Financiaranse cun orzamento total de 2.000.000€ para dúas anualidades (artigo 5).

En canto ás entidades beneficiarias, o artigo 6 establece que estas axudas diríxense ás microempresas, pequenas empresas, entidades do terceiro sector da acción social que leven cunha actividade ininterrompida, polo menos, dos tres anos anteriores á publicación. Tamén poden beneficiarse as persoas traballadoras autónomas que teñan contratadas persoas por conta allea cunha antigüidade mínima como cotizante de tres anos.

O artigo 8 regula as actuacións subvencionables, que serán as accións formativas referidas no artigo 1 da orde e que deben estar orientadas á adquisición de competencias comprendidas entre os ámbitos que relaciona este artigo 8: competencias dixitais, competencias en procesos industriais, as vinculadas á xestión empresarial, de prestación de servizos a clientes e de ámbito asistencial, podendo as accións ser executadas en modalidade presencial ou teleformación.

O artigo 9 establece a información que debe aportarse do proxecto formativo que, como recorda este precepto, pode estar integrado por un máximo de 3 accións formativas.

A contía máxima da subvención por entidade solicitante non poderá ser superior a 25.000€, limitando a intensidade máxima da axuda ao 70% do gasto subvencionable (artigo 11), fixando este artigo os módulos económicos para determinar o gasto máximo subvencionable.

En canto ao período de realización das accións formativas, o artigo 12 fixa a data límite no 30 de novembro de 2023, para aquelas accións formativas que se desenvolvan exclusivamente no ano 2023, e no 30 de setembro de 2024 para as accións formativas que se desenvolvan entre 2023 e 2024 ou exclusivamente en 2024.

Pola súa banda, o artigo 13 permite a subcontratación (tanto total como parcial) da impartición das accións formativas.

O procedemento de concesión será o de concorrencia non competitiva, tal e como establece o artigo 14.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 29 de setembro de 2023 (artigo 16) e o prazo máximo para resolver é de dous meses desde a presentación da solicitude (artigo 25).

O artigo 27 relaciona as obrigas mínimas que debe cumprir a entidade beneficiaria.

Polo que respecta ao pagamento da subvención, o artigo 28 permite á entidade beneficiaria solicitar un anticipo do 50% da subvención concedida unha vez notificada a resolución de concesión, librándose a cantidade restante despois da xustificación.

O artigo 29 fixa o prazo máximo para a xustificación final da subvención: para proxectos formativos que se desenvolvan exclusivamente en 2023 a data límite para a presentación da xustificación será o 15 de decembro de 2023, mentres que para proxectos formativos que se desenvolvan entre 2023 e 2024 ou exclusivamente en 2024 a data límite para a presentación da xustificación será o 15 de outubro de 2024.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2023-2024” consta de: Exposición de motivos, trinta e seis artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 29 de maio de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais de carácter unánime e catro consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de empresarios de Galicia.

Así mesmo contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánimes seguintes: 1 xeral e dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais (ANEXO I) e tres específicas manifestadas pola CEG (ANEXO II).

DITAME 19/2023

En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2023-2024, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 29 de maio de 2023, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
Este Comité considera que os requisitos formais e as obrigas de xestión que impón esta orde son excesivos, tendo en conta o tecido produtivo ao que se dirixen estas axudas, isto é, microempresas e persoas traballadoras autónomas, cuxa capacidade de xestión se pode ver superada pola complexidade dos trámites esixidos.

Por iso, debería preverse unha xestión máis sinxela e simplificada.

Segunda.
Este Comité propón unha revisión do texto sometido a ditame cara á unha axeitada utilización da linguaxe inclusiva, xa que se observa o emprego do masculino xenérico (por exemplo, “os empresarios” ou “os profesionais autónomos” no artigo 8.

Por outra banda, obsérvase que neste proxecto normativo utilízanse as letras j e k nos artigos 4, 18 e 27, que son impropias do alfabeto galego. Desde a Consellería de promoción do Emprego e Igualdade tense xustificado o emprego das ditas letras facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que non necesariamente sexan coincidentes en galego e castelán.

A diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. O mesmo se observa respecto das disposicións finais.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 7. Requisitos das entidades beneficiarias.
O apartado d) deste precepto obriga ás beneficiarias a non ter pendente de pagamento algunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

Segunda.-Artigo 8. Actuacións subvencionables.
O apartado 10 establece que a duración máxima subvencionable non superará as catro horas.
Este Comité entende que se está a referir aos módulos de aprendizaxe e aos módulos prácticos mencionados anteriormente neste mesmo apartado, pero considera que se debería clarificar para evitar que resulte confuso.

Terceira.- Artigo 8. Actuacións subvencionables.
O apartado 12 establece, na modalidade de teleformación, o requisito de acreditar un tempo de conexión mínimo do 60% da duración total da acción formativa.

Este Comité quere chamar a atención sobre o feito de que a tendencia é que cada vez se prioriza menos o tempo de conexión e se lle outorga máis valor á realización e superación das probas de coñecemento correspondentes.

Cuarta.- Artigo 14. Réxime de concesión.
O apartado 1 deste artigo establece que o procedemento de concesión de subvencións tramitarase e resolverase en réxime de concorrencia non competitiva, de conformidade co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Engade, a continuación, o teor literal do citado artigo “segundo o cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario”.

Este Comité considera que procede eliminar esta segunda parte, xa que pode xerar confusión e o procedemento polo que se tramitarán as axudas queda perfectamente claro na primeira parte do apartado.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG,SN. DE CC.OO. DE GALICIA E UGT-GALICIA:

Consideración xeral
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que esta orde, a pesar de ser técnica e formalmente correcta e aínda que a formación permanente en determinadas habilidades resultaría útil, ten unha difícil aplicabilidade real polo sector ao que se dirixe, xa que tanto as microempresas como as persoas traballadoras autónomas non dispoñen da capacidade de xestión axeitada para dar cumprimento aos requisitos formais que esta orde conleva, co cal se dificulta acadar o obxectivo pretendido.

Ademais, como xa teñen manifestado noutras ordes reguladores de accións formativas, as organizacións sindicais reiteran a súa proposta de que as axudas que teñen por obxecto subvencionar actuacións formativas non se vexan desagregadas en diferentes ordes.

Consideracións específicas

Primeira.- Artigo 8. Actuacións subvencionables.
Segundo o apartado 4 deste artigo, cada unha das accións formativas poderá ter unha duración mínima de 16 horas e máxima de 100.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran escasa a duración mínima esixida, tendo en conta os ámbitos de formación que se sinalan como prioritarios, como as competencias dixitais, polo que debería aumentarse esa duración mínima.

Segunda.- Artigo11. Criterios para a determinación da contía da subvención.
O apartado 2 fixa a contía máxima da subvención por entidade solicitante en 25.000 euros engadindo que, en todo caso, a intensidade máxima da axuda solicitada está limitada ao 70% do gasto subvencionable.
As organizacións sindicais consideran excesivo tanto o límite subvencionable como a contía máxima á que poden optar as beneficiarias, entendendo que a subvención regulada nesta orde se debería adecuar ao módulos económicos previstos para o financiamento doutras actuacións formativas desta Consellería. 
ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3. Definicións.
Este artigo recolle, no seu apartado 2, a definición de pequena empresa e microempresa, que serían as destinatarias das axudas recollidas nesta orde.

A CEG considera que se debería ampliar o abano de entidades destinatarias e dar cabida ás medianas empresas.

Segunda.- Artigo 3. Definicións.
O apartado 3 define ás empresas en crise, excluídas da condición de beneficiarias destas axudas segundo o artigo 6.

A CEG entende que esta exclusión non debería afectar a aquelas empresas declaradas en concurso cando neste adquirira a eficacia un convenio, xa que o artigo 10.2 da Lei de Subvencións de Galicia permite a estas entidades ser beneficiarias de subvencións este extremo debería constar expresamente nesta orde.

Terceira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
A CEG entende excesivo o requisito esixido no apartado 12 deste artigo de que as entidades deban contar cunha actividade ininterrrompida, cando menos, de tres anos antes da data de publicación da presente convocatoria.

Considera que debería eliminarse para dar cabida a un maior número de empresas.

Número ditame
19