Pasar al contenido principal

Ditame 20/23

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:07
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de incentivos á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023

I. ANTECEDENTES

O día 24 de maio de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito do Servizo de emprego por conta allea da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega proxecto de orde pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de incentivos á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023.

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos “esta convocatoria de subvencións pretende apoiar a integración das persoas mozas, inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, no mercado laboral, e a través de contratos indefinidos, de formación en alternancia ou para a adquisición de práctica profesional, dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil”.

Este proxecto normativo sométese a ditame por primeira vez e do seu contido cómpre destacar os seguintes aspectos:

Segundo o artigo 1, esta orde recolle un programa de incentivos a contratación por conta allea, que realicen as empresas e persoas empregadoras, para a contratación durante nove meses a xornada completa de persoas mozas, incluídas e que consten como beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de proporcionarlles unha experiencia e práctica profesional que facilite a súa inserción laboral.

O orzamento total para estas axudas é de 3.447.159,33€, tal e como recolle o artigo 4.

O artigo 6 recolle os requisitos que deben reunir as persoas contratadas ao abeiro destas axudas, esixindo que teñan cumpridos os 16 anos de idade, estar desempregadas e inscritas como demandantes de emprego no SPE. Así mesmo, deben estar inscritas en situación de beneficiarias no ficheiro do SNGX.

En canto aos gastos subvencionables, o artigo 7 establece que serán subvencionables as contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a subscrición de contratos indefinidos, de formación en alternancia ou de contratos para a obtención da práctica profesional, tanto as novas contratacións (que deben realizarse nos 15 días hábiles seguintes á notificación de concesión da axuda), como as realizadas con anterioridade á notificación da concesión da axuda e ata os 6 meses inmediatamente anteriores á publicación desta orde.

Engade este artigo que os contratos terán unha duración mínima de 9 meses e deberán ser a xornada completa, salvo que se trate de contratos indefinidos.

A axuda consistirá nun incentivo único de 9.000€ por cada persoa moza contratada e aboarase ás persoas empregadoras ou empresas beneficiarias nun único pagamento (artigo 10). Este mesmo artigo esixe que a persoa contratada deberá contar ao longo dos nove meses de duración do contrato cun programa de formación en competencias brandas, dunha duración mínima de 50 horas.

O prazo de presentación de solicitudes será de un mes desde a publicación desta orde (artigo 11) e o prazo máximo para resolver será de tres meses desde o remate do prazo de presentación de solicitudes (artigo 20).

O procedemento de concesión de axudas será o de concorrencia non competitiva, segundo o artigo 19.

En canto á selección de persoas candidatas, o artigo 22 prevé que a selección e a contratación das persoas mozas participantes no programa pode realizarse directamente pola persoa empregadora ou empresa beneficiaria, ou a través da presentación de oferta de emprego na oficina de emprego que corresponda.

O artigo 24 establece que o prazo para presentar a documentación xustificativa finaliza o 30 de setembro de 2023.

As obrigas das persoas empregadoras ou empresas beneficiarias recóllense no artigo 27, podendo destacar a obriga de mantemento do emprego recollida no apartado g), que esixe manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada durante un período mínimo de 9 meses, agás baixa voluntaria ou falecemento da persoa traballadora.
Neste caso, a beneficiaria poderá optar preferentemente por substituíla no prazo máximo de 15 días polo tempo que reste para cumprir coa obriga de mantemento do emprego ou, de non ser así, optar por devolver voluntariamente a contía proporcional calculada conforme se establece na letra k) do artigo 29.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “proxecto de orde pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de incentivos á contratación nos sectores da hostalería e o comercio de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023”, consta de: exposición de motivos, trinta artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións finais.

O día 29 de maio de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e dúas consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de empresarios de Galicia.

Así mesmo contén, como anexo, unha consideración xeral e unha específica manifestadas polas organizacións sindicais.

DITAME 20/2023

En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de incentivos á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 29 de maio de 2023, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Este Comité observa que neste proxecto normativo utilízanse as letras j e k nos artigos 13, 27 ou 29, que son impropias do alfabeto galego. Desde a Consellería de promoción do Emprego e Igualdade tense xustificado o emprego das ditas letras facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que non necesariamente sexan coincidentes en galego e castelán.

A disposición adicional primeira debería figurar como “única”. Ademais, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións finais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.
Finalmente, considérase que as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 27. Obrigas das persoas empregadoras ou empresas beneficiarias.
O apartado a) deste precepto obriga ás beneficiarias a non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

Segunda.- 27. Obrigas das persoas empregadoras ou empresas beneficiarias.
Dentro das obrigas que este artigo impón ás persoas empregadoras e empresas beneficiarias, este Comité considera que se debería engadir expresamente a esixencia de cumprir coas obrigas inherentes aos contratos formativos recollidas no Real Decreto-lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo.

ANEXO

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG,SN. DE CC.OO. DE GALICIA E UGT-GALICIA:

Consideración xeral
Esta orde busca incentivar a contratación das persoas mozas inscritas no SNGX. Aínda que a idade das persoas que poden inscribirse (entre 16 e 30 anos) vén determinada na normativa reguladora, as organizacións sindicais que integran o CGRL non considera axeitado articular axudas que incentiven a contratación de persoas menores de 18 anos mediante contratacións non indefinidas cunha duración de 9 meses, duración moi escasa para que esa formación e práctica profesional aporte un beneficio real a esas persoas mozas e poida ser un instrumento que favoreza o contacto co mundo laboral.

Así, considérase que o programa contido nesta orde debería segmentar o acceso a estas contratacións a maiores de 18 anos para que as persoas mozas de entre 16 e 18 poidan completar a súa formación regrada.

Consideración específica
Artigo 22. Selección de persoas candidatas.
O apartado 1 artigo permite que a selección e a contratación das persoas mozas participantes no programa pode realizarse directamente pola persoa empregadora ou empresa beneficiaria, ou a través da presentación de oferta de emprego na oficina de emprego que corresponda.

As organizacións sindicais considera que a única opción de selección debería ser a través das oficinas do SPE, especialmente tendo en conta a idade das persoas desempregadas cuxa contratación se quere incentivar.

Número ditame
20