Pasar al contenido principal

Ditame 23/23

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:07
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social, e se convocan para os anos 2023 e 2024.

I. ANTECEDENTES

O día 14 de xuño de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito do Servizo de Promoción de Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social, e se convocan para os anos 2023 e 2024. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo establece a exposición de motivos do proxecto normativo, “as axudas recollidas nesta orde pretenden incentivar a realización de actividades de promoción e formación, por parte de entidades que se incorporaron á Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social”.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior (publicado no DOG o día 25 de xaneiro de 2022) e o ditame emitido polo Consello con data 18 de novembro de 2021 (Ditame 41/2021), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destacan os seguintes aspectos, respecto do previsto na orde anterior:

Obsérvase que as actividades subvencionables recollidas no artigo 7 inclúen tanto actividades xerais de promoción da economía social como actividades relativas a unha serie de sectores específicos: economía dos coidados; agroalimentario, produtos locais e alimentación sostible; economía circular e xestión de residuos; enerxías renovables e transición enerxética; industrias culturais; aplicación das novas tecnoloxías e intelixencia artificial. Isto último constitúe unha novidade deste proxecto normativo.

Tamén é novidoso o establecemento dunha duración mínima das actividades que recolle este mesmo artigo.

En canto á contía das axudas (artigo 9), obsérvase que o novo proxecto fixa un custo máximo de 50€/hora para a docencia e 30€/hora para a coordinación, organización e preparación das actividades. A orde anterior fixaba un custo máximo de 200€/hora ou 150€/hora segundo se tratase da primeira ou sucesivas edicións da actividade.
En canto ás actividades de asesoramento e acompañamento, a contía increméntase de 20 a 50€ por hora de atención.

Entre as novidades observadas no artigo 19 (regulador dos criterios de valoración das solicitudes), engádense novos criterios como o feito de que a actividade proposta non se presentara en convocatorias anteriores, incluír actividades dirixidas ao emprendemento na economía social no medio rural ou ao emprendemento das mulleres, persoas discapacitadas e/ou en risco de exclusión social na economía social. Outro criterio novidoso é o que outorga 10 puntos pola pertenza da entidade solicitante ao Consello da Economía Social de Galicia.
Por outra banda, elimínanse criterios avaliables na anterior convocatoria como a potencialidade para xerar emprego ou o carácter innovador das actividades.

En canto ao orzamento global asignado a estas axudas, o artigo 37 recolle un incremento de 7.000€.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social, e se convocan para os anos 2023 e 2024” consta de: Exposición de motivos, trinta e sete artigos, dúas disposicións adicionais e dúas finais.

O día 30 de xuño de 2023 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén 3 consideracións xerais e oito consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén así mesmo, como anexo, unha consideración específica manifestada polas organizacións sindicais CIG, S.N. de CCOO de Galicia e UGT-Galicia.

DITAME 23/2023

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social, e se convocan para os anos 2023 e 2024, con data de rexistro de entrada neste Consello o 14 de xuño de 2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 30 de xuño de 2023, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.
Este Comité considera que debe actualizarse a referencia ao Decreto polo que se fixa a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e ao Decreto polo que se fixa a estrutura das Vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, contida na exposición de motivos da norma, e que actualmente se trata, respectivamente, do Decreto 59/2023 do 14 de xuño e Decreto 79/23 do 22 de xuño.

Segunda.
Este Comité considera necesario que se acheguen os datos estatísticos de execución da resolución do exercicio anterior para a xusta valoración da norma.

En consecuencia, tal e como se ten formulado respecto doutros proxectos normativos, solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos do exercicio anterior que deben acompañar a esta resolución cos seguintes datos:

- Número de solicitudes presentadas.
- Número de entidades afectadas por esas solicitudes.
- Número de solicitudes resoltas favorablemente.
- Número de entidades afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.

Terceira.
Nos artigos 25 e 28 utilízanse na clasificación as letras “j” e “k”.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

Por outra banda, obsérvase que as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 8. Gastos subvencionables.
Este Comité considera que o custo das persoas profesionais que puidesen ser necesarias para atender a persoas con determinadas discapacidades (por exemplo, unha persoa intérprete da linguaxe de signos) sexa subvencionable como custo directo.

Segunda.- Artigo 9. Contía das axudas.
Obsérvase que, neste artigo, o novo proxecto fixa un custo máximo de 50€/hora para a docencia e 30€/hora para a coordinación, organización e preparación das actividades. A orde anterior fixaba un custo máximo de 200€/hora ou 150€/hora segundo se tratase da primeira ou sucesivas edicións da actividade.

Este Comité considera que se debería xustificar a redución das contías.

Terceira.- Artigo 9. Contía das axudas.
Segundo o apartado 2, os gastos de material, papelería e fotocopias será elixible ata o límite de 8 euros por cada alumno/a [sic].

Este Comité considera que debería actualizarse a contía das axudas en relación ao IPC, xa que a dita contía non se incrementou desde hai 7 exercicios.

Cuarta.- Artigo 10. Incentivo adicional.
O apartado 2 fixa un incentivo máximo de 1.000 euros por cada entidade de economía social constituída, cun máximo de 10.000 euros por entidade beneficiaria.

Este Comité entende que ese límite pode frear a actividade cooperativa.

Quinta.- Artigo 19. Criterios obxectivos de concesión.
Entre os criterios de valoración non se inclúe o emprego da lingua galega na realización das actividades.

Este Comité Delegado entende que debería incluírse como criterio de valoración o emprego da lingua galega, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Sexta.- Artigo 25. Obrigas das entidades beneficiarias.
Segundo o disposto no apartado 1.d) deste artigo, a entidade beneficiaria debe estar ao día nas súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter algunha débeda pendente, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Sétima.- Artigo 27. Xustificación e pagamento.
Segundo o apartado 11 deste artigo, non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres as entidades beneficiarias sexan debedoras en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.

Este Comité considera que a dita resolución de procedencia de reintegro debería ter carácter firme, do mesmo xeito que figura noutras ordes.

Oitava.- Artigo 36. Xustificación das accións subvencionadas.
O apartado 2 deste precepto establece que o prazo límite para xustificar as accións realizadas ata o 31 de outubro de 2023, será o 31 de outubro de 2023.

Este Comité considera que se debería ampliar o prazo de xustificación ata o límite do peche de contabilidade do exercicio, tendo en conta o prazo de finalización da execución.

ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E UGT-GALICIA:

Artigo 19. Criterios obxectivos de adxudicación das subvencións.
En relación coa consideración específica unánime quinta, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea.

Número ditame
23