Pasar al contenido principal

Ditame 26/23

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:07
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de persoas axentes de emprego e unidades de apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023.

I. ANTECEDENTES

O día 27 de xuño de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de persoas axentes de emprego e unidades de apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, “na presente convocatoria recóllense de maneira única e exclusiva aquelas liñas de axuda que teñen por obxecto a dinamización do emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da subvención para a contratación ou prórroga da contratación de persoas axentes de emprego e unidades de apoio por parte das entidades sen ánimo de lucro de carácter social que, en execución das políticas activas de emprego, establezan accións específicas de conformidade cos seus estatutos, para a inserción das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, persoas con especiais dificultades de inserción socio-laboral, como un programa autonómico”.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2022, publicada no DOG o día 28 de outubro de 2022 e o ditame emitido polo Consello con data 29 de xullo de 2022 (ditame 22/2022), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Deste novo proxecto destacan os seguintes aspectos, respecto da orde para o exercicio anterior:

O artigo 3 engade o requisito para as entidades beneficiarias de estaren a desenvolver actividades de promoción e implantación de políticas activas de emprego, relacionadas fundamentalmente coa promoción do emprego, o autoemprego e o desenvolvemento local.

O artigo 11, no seu apartado 4.b), outorga ata 10 puntos aos proxectos que acrediten un maior nivel de inserción laboral das persoas axentes de emprego e unidades de apoio, mediante a súa contratación indefinida, tal e como xa recollía a orde para o exercicio pasado; Pero o novo proxecto prevé, ademais, o outorgamento de 5 puntos cando a contratación sexa temporal.

Neste mesmo artigo, obsérvase que se elimina a previsión, como criterio de desempate, do emprego da lingua galega na elaboración e realización dos proxectos.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de persoas axentes de emprego e unidades de apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023” consta de: Exposición de motivos, 22 artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 6 de xullo de 2023 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e nove consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén, así mesmo, como anexos as consideracións específicas non unánimes seguintes: dúas manifestadas polas organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais (Anexo I) e oito específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).

DITAME 26/2023

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de persoas axentes de emprego e unidades de apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023, con data de rexistro de entrada neste Consello o 27 de xuño de 2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 6 de xullo de 2023 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira
Este Comité considera que a xustificación que figura no parágrafo cuarto da exposición de motivos para exclusivizar a axuda deste programa ás entidades prestadoras de servizos sociais para a discapacidade e o risco de exclusión social (o marco de axuste económico) non garda relación cos obxectivos e finalidade da orde recollidos no artigo 1.

Entendemos que a Orde fai una extrapolación sesgada da Directiva Europea 2014/24/UE do Parlamento Europeo e do Consello, de 26 de febreiro de 2014, sobre contratación pública, que en ningún momento limita os contratos públicos en función da súa finalidade senón que mesmo no seu considerando 36 sinala que :
“Neste contexto, os talleres protexidos poden desempeñar un importante papel. O mesmo pode dicirse doutras empresas sociais cuxo obxectivo principal é apoiar a integración social e profesional ou a reintegración de persoas discapacitadas ou desfavorecidas, como os desempregados, os membros de comunidades desfavorecidas ou outros grupos que dalgún modo están socialmente marxinados”.

Por outra parte, tamén debemos destacar que a dita directiva xa non aplica porque foi trasposta ao noso ordenamento xurídico na Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público que en ningún momento limita a tipoloxía das entidades beneficiarias de contratos públicos .

Xa que logo, entendemos que se debería recuperar o criterio de que poidan participar no programa todas as entidades sen ánimo de lucro e, en consecuencia, que se estableza un incremento na contía do orzamento para dar acollida a estas entidades.

Segunda
Este Comité entende necesario adaptar o texto do proxecto normativa ás previsións contidas no Real Decreto Lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo, por exemplo no que respecta a posibilidade de realizar as substitucións de persoas traballadoras con dereito a reserva de posto de traballo con quince días de antelación á ausencia da persoa substituída.

Terceira
Este Comité observa que, no artigo 7, empréganse as letras j e k na clasificación, impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas que correspondan. Desde a Consellería tenso feito referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

En canto ás disposicións adicionais, chama a atención que non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

Finalmente, este Comité considera que as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira. – Exposición de Motivos.
No terceiro parágrafo da Exposición de Motivos faise referencia a Axenda 20 para o emprego, que actualmente quedou desfasada, polo que este Comité considera que se debería referenciar a actual Axenda.

Segunda. – Artigo 1. Obxecto e finalidade.
Este Comité considera que se debería engadir, no texto do proxecto normativo, a referencia lexislativa que recolle a definición dos colectivos de persoas con discapacidade e en risco de exclusión social.

Terceira. – Artigo 5. Subvención: contía.
Este Comité considera necesario incrementar o importe da subvención ata cubrir o custo salarial completo.

En consecuencia, debe incrementarse así mesmo o importe global do orzamento previsto no artigo 2.

Cuarta. – Artigo 5. Subvención: contía.
Segundo o apartado 6 deste artigo, non se considera custo salarial subvencionable o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1º.c) do Estatuto dos Traballadores.

Este Comité considera que debería incluírse entre os conceptos subvencionables a devandita indemnización.

Quinta. – - Artigo 7. Documentación complementaria.
Segundo o disposto no apartado 2.a) deste artigo, forma parte da solicitude a declaración responsable na que se debe facer constar fai constar que a entidade beneficiaria, está ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á entidade solicitante subsanar a situación de ter pendente de pagamento algunha outra débeda, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

Sexta.- Artigo 11. Procedemento e criterios de valoración.
Neste artigo recóllense os criterios a valorar outorgándose, segundo os casos, ata 5, ata 10 ou ata 15 puntos.

Este Comité considera que debería concretarse o sistema de atribución de puntos, distribuíndoos como se fai nas letras b) e c) do apartado 4.

Sétima.- Artigo 11. Procedemento e criterios de valoración.
Este Comité considera que debería recuperarse a posibilidade de sumar un punto adicional cando os proxectos impliquen, no seu deseño e execución, outros organismos ou entidades do contorno, ou ben actores sociais presentes no territorio, xa que implica a participación dos axentes que realmente coñecen a realidade dun territorio.

Oitava.- Artigo 11. Procedemento e criterios de valoración.
O apartado 4.e) establece que “valorarase (...) a eficacia na xestión e execución dos proxectos daquelas entidades que participaron en convocatorias anteriores, puntuando negativamente unha mala xestión por parte da entidade”.

Este Comité considera que a inclusión dun criterio negativo pode inducir a distorsións na puntuación total.

Por outra parte, non se fan explícitos os criterios obxectivos que definirían unha posible “mala xestión”, debendo clarificarse que situacións darían lugar a unha puntuación negativa.

Xa que logo, este Comité entende que se debería suprimir esa valoración negativa prevista no apartado 4.e) deste artigo.

Novena. - Artigo 11. Procedemento e criterios de valoración.
Este Comité Delegado entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, SN. DE CC.OO. DE GALICIA e UGT-GALICIA:

Primeira. Artigo 11.-Procedemento e criterios de valoración
En relación coa consideración específica unánime novena, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

A Administración explica a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.

Segunda. Artigo 11.-Procedemento e criterios de valoración
O apartado 4.b) outorga ata 10 puntos aos proxectos que acrediten un maior nivel de inserción laboral, prevendo que no caso de contratación temporal, a puntuación será de 5.

As organizacións sindicais consideran que se debería recuperar a previsión da orde anterior que soamente avaliaba a contratación indefinida.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 5. Subvención: contía.
Respecto deste precepto e co obxecto de dar continuidade ao servizo, a CEG propón a inclusión dun novo apartado que atenda á cobertura en procesos de baixa laboral IT, maternidade ou paternidade de, a lo menos, a parte que de xeito obrigatorio corresponde ás empresas, co obxecto de non incrementar os custos das entidades beneficiarias, tanto máis cando se trata de custos que van asociados a cuestións que non dependen destas.

Segunda.- Artigo 5. Subvención: contía.
A CEG considera que se debería habilitar unha partida específica para financiar os gastos de desprazamento dos e das axentes de emprego derivados do exercicio das funcións que lles asigna esta orde.

Terceira.- Artigo 7. Documentación complementaria.
O artigo 7 incorpora un novo apartado j que establece que a partir da data de publicación da presente Orde, ningunha das persoas que ocupan funcións directivas na entidade nin os seus cónxuxes, ascendentes, descendentes ou demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, van a ser contratadas ao abeiro desta convocatoria de subvencións.
Aínda que se pode interpretar que non aplica ás contratacións anteriores habería que clarificalo na redacción incluíndo ao final do texto a seguinte mención ou outra similar : “Non se aplicará esta previsión no caso de tratarse de prórrogas de contratos”.

Cuarta.- Artigo 11. Procedemento e criterios de valoración.
No apartado 4.b) inclúese, como criterio de valoración, o nivel de inserción laboral mediante a contratación indefinida outorgando, a continuación, diferentes puntuacións segundo a contratación sexa indefinida ou temporal e dando, polo tanto, cabida a esta última. En consecuencia, a CEG considera que, en coherencia, debe adaptarse a redacción indicada facendo referencia, tamén, á contratación temporal na primeira oración deste apartado do artigo 11.

Por outra parte, considérase que podería establecer un criterio de desempate máis adecuado que o da entrada da solicitude na sede: Terán preferencia as solicitudes de entidades que integren a un maior número de contratacións e/ou prórrogas de profesionais. Outra pobilidade sería: O maior número de persoas con discapacidade e/ou en situación ou risco de exclusión social.

Quinta.- Artigo 14. Selección e contratación das persoas axentes e emprego e das persoas traballadoras integrantes das unidades de apoio.

No artigo 14.4, en coherencia co manifestado con respecto ao art.7, enténdese preciso incorporar a eximente de incompatibilidade ás prórrogas de contratos: “non serán aplicables as devanditas incompatibilidades no caso de situación de prórroga de contratos de persoas traballadoras como axentes de emprego e/ou unidades de apoio.

Sexta.- Artigo 15. Substitución de traballadores e traballadoras.
Proponse a substitución da obriga de autorización previa nos casos de substitución por baixas temporais por IT, pola mera comunicación aos efectos de non retrasar a substitución e permitir que se inicie proceso de selección para cobertura de vacante.

Así mesmo, proponse que se elimine esa limitación temporal de 30 días.

Sétima.- Art. 20. Xustificación e pagamento.
Solicítase que se poida aceptar Docuten ou outro tipo de aplicativos de identificación electrónica autorizados para a presentación de documentación mediante a modalidade dixital con documentos asinados mediante sinatura dixital habilitada. Docuten está recoñecido como Prestador Cualificado de Servicios de Confianza (PCSC), de acordo co Regulamento UE Nº 910 / 2014 relativo á identificación electrónica e os servizos de confianza para as transaccións electrónicas (eIDAS).

Oitava.- Artigo 22. Perda do dereito ao cobramento e reintegro.
O artigo 22 recolle varios supostos de incumprimento e as súas consecuencias.

No caso do incumprimento recollido na letra c), a CEG considera que debería habilitarse a posibilidade de solicitar unha prórroga por motivos xustificados.

Número ditame
26