- ANTECEDENTES
O día 13 de setembro de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais conforme á Lei31/1995, do 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia nos exercicios 2023 e 2024. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 29, epígrafe 1, que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a execución da lexislación do Estado en materia laboral.
Con data do 25 de xullo de 2023, foi publicada no Boletín Oficial do Estado a Orde TES/864/2023, do 21 de xullo, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de actividades no ámbito da prevención de riscos laborais conforme a Lei 31/1995, de 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.
Correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, establecer a súa normativa propia para a xestión e concesión das correspondentes subvencións, en función das súas especialidades derivadas da súa organización administrativa e a normativa de aplicación no seu ámbito de xestión. Os artigos considerados comúns pola Orde TES/864/2023 e que teñen carácter básico foron incorporados na presente convocatoria.
Segundo a exposición de motivos, “de acordo cos obxectivos da Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2023-2027, priorizaranse as actuacións recollidas dentro dos obxectivos estratéxicos da mesma, especialmente no eido das melloras na prevención de accidentes de traballo, da xestión da seguridade e saúde nas pemes e na mellor xestión dos cambios derivados das novas formas de organización do traballo, os cambios demográfico e climático dende a óptica preventiva”.
Este proxecto é a primeira vez que se somete a ditame e do seu contido destacan os seguinte aspectos:
Esta orde subvenciona, segundo o artigo 2, dúas liñas de axudas: unha liña I para accións intersectoriais (inclúe accións de formación e promoción do cumprimento da normativa, accións de asistencia técnica e accións de formación) e unha Liña II para accións sectoriais (inclúe accións de formación e promoción do cumprimento da normativa e accións de formación).
As destinatarias das accións serán persoas traballadoras e as empresas, especialmente as pequenas empresas (artigo 3).
O artigo 4 establece as entidades que poderán ser beneficiarias destas axudas en cada unha das súas liñas así como as obrigas que deben cumprir.
O orzamento total para estas axudas fíxase, no artigo 6, en 604.184€ para as anualidades 2023 e 2024 distribuíndo esa contía do seguinte xeito: o 60% para as actividades da liña I e o 40% para as da Liña II.
Pola súa banda, no artigo 7 establécese o importe máximo subvencionable que non poderá superar os 167.000€ na liña I nin os 20.000 na Liña II.
As accións propostas e gastos que delas deriven poderán realizarse desde o un de xaneiro de 2023 ata o 31 de outubro de 2024. En canto ao prazo de xustificación, para a primeira anualidade remata o 28 de febreiro de 2024 e, para a segunda, o 15 de novembro de 2024 (artigo 11).
A subcontratación ata o 100% da realización das accións financiadas por esta orde está permitida no artigo 12 do proxecto.
O prazo para presentar as solicitudes será de 20 días desde a publicación da orde (artigo 13) e o prazo máximo para resolver e notificar é de 1 mes (artigo 25).
No artigo 23 relaciónanse os criterios de valoración das solicitudes, téndose en conta o ámbito territorial da entidade, as materias sobre as que versen os cursos, xornadas e estudos, a paridade no cadro de persoal da entidade, entre outros aspectos avaliables.
Así mesmo, outórgase 1 punto polo emprego efectivo da lingua galega.
Polo que respecta ao pagamento da subvención, o artigo 29 prevé a posibilidade dun primeiro anticipo do 35% e un segundo anticipo do 65%.
Nos artigos 30, 31 e 32 detalla as obrigas de xustificación das subvencións.
- CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais conforme á Lei 31/1995, do 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia nos exercicios 2023 e 2024” consta de: Exposición de motivos, corenta artigos, dúas disposicións adicionais e tres finais.
O día 25 de setembro de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e unha específica sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén, así mesmo, as consideracións específicas non unánimes seguintes: unha manifestada polas organizacións sindicais CIG, SN de CCOO de Galicia e UGT – Galicia (ANEXO I) e outra manifestada pola CEG (ANEXO II).
| DITAME 31/2023 |
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais conforme á Lei31/1995, do 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia nos exercicios 2023 e 2024, da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 13 de setembro de 2023 e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 25 de setembro de 2023, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.
Este Comité considera oportuno que, na redacción deste proxecto normativo, se inclúa na medida do posible algunha referencia á Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral.
Segunda.
Este Comité quere chamar a atención sobre as dificultades de execución que conleva esta orde respecto da súa convocatoria para o actual exercicio 2023, tendo en conta as datas nas que nos atopamos. A pesar de que serán subvencionables con base nesta orde actividades realizadas desde o 1 de xaneiro de 2023, hai que entender que se poderían programar máis actividades de terse coñecido con maior antelación a convocatoria desta axudas.
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Artigo 12. Subcontratación.
Segundo o apartado 5 deste artigo, non se poderán imputar gastos de persoal propio no caso de que as accións sexan subcontratadas en máis dun 50%.
Este Comité considera oportuno incrementar esa porcentaxe, xa que con esta flexibilización permitiríase imputar máis gasto especialmente na convocatoria para o exercicio de 2023 onde, como xa se indicou na consideración xeral segunda, a execución das axudas semella máis complicada para as posibles beneficiarias.
ANEXO I
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, SN DE CCOO DE GALICIA E UGT GALICIA.
Artigo 23. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das liñas I e II.
O apartado 7 deste artigo outorga un punto polo emprego efectivo da lingua galega.
As organizacións sindicais consideran escasa esa puntuación e entenden que debe incrementarse.
ANEXO II
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA
Artigo 4. Beneficiarias das subvencións, requisitos e obrigas.
Segundo este artigo, poderán ser beneficiarias das axudas recollidas na Liña II as organizacións sindicais tanto de carácter sectorial como intersectorial, mentres que no caso das asociacións empresariais unicamente se contemplan como beneficiarias aquelas de carácter sectorial.
A CEG novamente considera que deberían ter cabida igualmente as asociacións empresariais intersectoriais.
Neste senso, reitérase o manifestado con respecto á orde de fomento PRLautonómica. No Ditame 30/2022 do CGRRLL a CEG xa manifestou a necesidade de ter en conta tamén na redacción ás organizacións empresariais intersectoriais.