Pasar al contenido principal

Ditame 33/23

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:07
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2024.
  1. ANTECEDENTES

 

O día 23 de outubro de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Relacións Laborais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2024. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 29, epígrafe 1, que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a execución da lexislación do Estado en materia laboral.

 

Corresponden á Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade as competencias e funcións nesta materia e, entre outras, as relativas á seguridade e saúde laboral, de acordo co Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

 

Segundo a Exposición de motivos: “con esta orde estase a levar a cabo a promoción da prevención dos riscos laborais coa finalidade de promover melloras nas condicións de traballo, dirixidas a elevar o nivel de protección e da seguridade e saúde laboral”.

 

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2023 (publicado no DOG o día 8 de febreiro de 2023) e o ditame emitido polo Consello con data 28 de outubro de 2022 (Ditame 30/22), obsérvase que se tiveron en conta dúas das consideracións de fondo manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial así como, parcialmente, a consideración xeral de carácter formal.

 

 

En canto á comparativa deste proxecto coa anterior orde, cómpre destacar a inclusión como prioritarias de determinadas materias propostas no ditame anterior e que figuran recollidas no apartado 1.c) do artigo 25.

 

Neste mesmo artigo obsérvase o incremento da puntuación outorgada polo emprego efectivo da lingua galega, que pasa de 1 a 3 puntos.

 

 

  1. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2024” consta de: Exposición de motivos, corenta artigos, dúas disposicións adicionais e tres finais.

 

 

O día 6 de novembro de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e dezaoito consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

 

Contén así mesmo, como anexos, as seguintes consideracións específicas de carácter non unánime: dúas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, o SN. de CC.OO. de Galicia e UGT-Galicia (anexo I), seis manifestadas pola CEG (Anexo II) e unha manifestada por UGT – Galicia (Anexo III).

 

 

 

 

 

 

DITAME 33/2023

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2024, con data de rexistro de entrada neste Consello o 23 de outubro de 2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 6 de novembro de 2023, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

 

 

 

 

 

 

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.

Aínda que as accións formativas e os gastos que delas se deriven poderanse realizar desde o 1 de xaneiro de 2024 ata o 30 de outubro de 2024, e a pesar da axilidade na publicación desta Orde  por parte da Consellería, este Comité insiste na necesidade de axilizar a tramitación destas axudas ou, incluso, valorar a posibilidade de contar con convocatorias plurianuais.

 

Segunda.

Obsérvase que as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enuncialas.  Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

 

Pola súa banda, as disposicións derradeiras deberían denominarse “Disposicións finais”.

 

Ademais, obsérvase un erro no artigo 29.2 que fixa o fin do prazo para presentar a documentación xustificativa no día 11 de novembro de 2023, cando debería referirse ao 11 de novembro de 2024.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira. Artigo 2. Liñas e actividades subvencionables.

Este Comité propón que se engadan, como accións subvencionables, as accións que permitan a elaboración de ferramentas e materiais innovadores relacionados co fomento da prevención de riscos laborais, tendo en conta o punto 3.2 da Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2023-2027, que recolle o obxectivo de avanzar cara a unha protección eficaz a través dunha adecuada xestión dos riscos derivados da nova realidade laboral.

 

Segunda. Artigo 2. Liñas e actividades subvencionables.

Dentro das actividades subvencionables da liña 1, este Comité considera que debería estar incluída, expresamente, a realización de estudos.

 

Isto conlevaría a modificación dos artigos 5 e concordantes.

 

Terceira. Artigo 3. Beneficiarias e o seu financiamento.

Este Comité propón que, tanto para a Liña 1 como para a 2, soamente poidan ser beneficiarias das axudas as organizacións empresariais e sindicais máis representativas na Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Tamén se propón que se substitúa, no apartado 2.b) deste artigo, a referencia ás organizacións sindicais con representatividade pola de organizacións sindicais máis representativas.

 

Finalmente, debería substituírse a referencia ás asociacións empresariais galegas do apartado  2.a) pola de asociacións máis representativas.

 

Cuarta. Artigo 3. Beneficiarias e o seu financiamento.

Segundo o apartado 4, no caso de que o solicitante sexa unha fundación ou outra entidade constituída por unha organización sindical ou asociación empresarial, substituirá a esta última para todos os efectos previstos nesta orde.

 

Este Comité considera que se debe engadir un inciso no que se indique expresamente que debe tratarse de unha organización sindical ou asociación empresarial que non concorra como solicitante.

 

Quinta. Artigo 5. Importe máximo subvencionable.

O apartado 1.b) fixa o importe máximo por solicitude, na liña 2, en 30.000€. Este Comité considera que, tras varios exercicios mantendo a mesma contía máxima, procede a súa actualización e propón que se incremente a 40.000€ tendo en conta, ademais, o incremento experimentado no orzamento para a Liña 2.

 

Sexta. Artigo 5. Importe máximo subvencionable.

O apartado 2.a) fixa a contía por actividade en 160 euros por cada hora impartida ou, excepcionalmente, en 200 euros por hora.

 

Este Comité propón que se revisen as ditas contías á alza, en función dos prezos de mercado e da especificidade dos cursos que se realicen.

 

Sétima. Artigo 5.- Importe máximo subvencionable.

O apartado 2.c) deste precepto fixa o importe máximo subvencionable por estudo en 10.000€, cando a orde anterior fixaba o dito límite en 15.000€. Este Comité considera a nova contía escasa para desenvolver un estudo con todos os requisitos necesarios, polo que se propón que se recupere o máximo previsto para o anterior exercicio.

 

Oitava. Artigo 10. Requisitos de asistencia aos cursos.

Segundo o apartado 2 deste artigo: “En casos excepcionais, debidamente motivados poderá autorizarse pola Dirección Xeral de Relacións Laborais a realizacións de estas accións cun menor número de asistentes, en todo caso, non menor a oito.

 

Este Comité entende que en vez de unha autorización debería ser suficiente unha comunicación trasladada á Dirección Xeral de Relacións Laborais pola entidade beneficiaria.

 

Tamén entende que o apartado 3 do artigo 10, debería ser eliminado.

 

Novena. Artigo 11. Gastos subvencionables e período de imputación.

En relación co importe máximo subvencionable dos gastos recollidos na letra f) do apartado 3 deste artigo, este Comité propón que a porcentaxe do 10% sexa aumentada ata un 15%.

 

Décima. Artigo 17. Documentación complementaria.

O Comité considera que no caso das agrupacións as que se refire o artigo 14 a) só debería exixirse documentación das letras c), d) e e) contidas no artigo 17.3. Así mesmo considera que no caso das agrupacións as que se refire o artigo 14 b), debería exixirse toda a documentación contida no artigo 17.3.

 

Décima primeira. Artigo 18. Documentación para as solicitudes de cursos, xornadas e estudos das liñas 1 e 2.

Establece o apartado 4 deste artigo, referido á teleformación e formación a través de aula virtual, que previamente á realización da actividade formativa, o alumnado achegará declaración sobre que dispón de medios técnicos suficientes para a súa realización, propios ou facilitados pola entidade, para participar adecuadamente na acción formativa.

 

Este requisito non ten moito sentido para as actividades virtuais, xa que o propio rexistro na plataforma que se empregue dá conta de que a persoa que se conecta conta cos medios técnicos necesarios. Proponse, por tanto, a supresión deste requisito.

 

Décima segunda. Artigo 25. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das liñas 1 e 2.

Respecto do apartado e), este Comité considera que procede mellorar a redacción especificando a porcentaxe de representación feminina que se require para obter a puntuación.

 

Nesta mesma orde para o ano 2021 (DOG nº70 do 15 de abril de 2021) especifícanse as porcentaxes que corresponden a cada sexo, polo que se propón que se traslade esa redacción a este novo proxecto.

 

Décima terceira. Artigo 25. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das liñas 1 e 2.

Este Comité non comparte que se puntúe a capacidade de cofinanciamento por parte da entidade fronte á súa representatividade social, número de persoas destinatarias da acción, achega innovadora, transferibilidade da acción e calquera outro dos restantes criterios que se sinalan neste artigo.

 

Polo tanto, proponse a eliminación como criterio de valoración do apartado g) deste artigo.

 

Décima cuarta. Artigo 27. Resolución e recursos.

O apartado 3 deste artigo prevé a posibilidade de pagamentos anticipados que poderán ser ata do 80% cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros e dun 10% adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros en caso contrario.

 

Este Comité reitera a súa proposta de que o anticipo sexa, en todo caso, do 80% independentemente da contía da subvención concedida. Na resposta achegada pola Subdirección Xeral de Relacións Laborais indícase que a modificación proposta require autorización do Consello da Xunta, o que conlevaría atrasos nos prazos de tramitación previstos, pero afirmando que non se descarta adoptar o dito criterio en vindeiras convocatorias. Ante esta resposta, este Comité insiste na necesidade de valorar un incremento nas porcentaxes de anticipo e facelo coa antelación suficiente, non postergando durante outra anualidade a dita valoración.

 

Décima quinta. Artigo 27. Resolución e recursos.

No seu apartado 4, este artigo fixa un prazo máximo para resolver e notificar a resolución de cinco meses.

Este Comité entende que se trata dun prazo moi amplo polo que debería fixarse nun máximo de 3 meses.

 

Décima sexta. Artigo 29. Prazo de finalización e de xustificación das accións.

Este artigo incrementa o prazo de xustificación previsto na orde anterior ata o 11 de novembro . Porén, este Comité considera que ese incremento e insuficiente e reitera a súa proposta de estender o prazo de xustificación, polo menos, ata o 15 novembro.

 

Décima sétima. Artigo 32. Memoria técnica das actividades  da liñas 1 e 2 .

Segundo o último parágrafo do apartado 3, para os efectos da identificación do alumnado, cabe a posibilidade de que a propia persoa achegue unha fotografía do seu DNI a través do seu teléfono ou correo electrónico.

 

Este Comité propón que se limite a pedir que se achegue unha fotografía do anverso do seu DNI (no que aparece a súa fotografía), suficiente para unha identificación e que axiliza o proceso.

 

Décima oitava. Artigo 34. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado 10 deste precepto esixe á entidade beneficiaria estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e sociais e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

 

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter algunha débeda pendente, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

 

 

 

 

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA.

 

Primeira. Artigo 5.- Importe máximo subvencionable.

Respecto do apartado 1.b), as organizacións sindicais que fan parte deste Comité consideran que, nas solicitudes realizadas á bolsa sindical, as entidades sindicais intersectoriais con representación sectorial mais representativas de Galicia, poderán realizar ata un máximo de tres solicitudes de planes sectoriais por unha contía máxima de 30.000 euros por cada plan.

 

Segunda. Artigo 3. Beneficiarias e o seu financiamento.

Segundo o apartado 2.b), no caso das organizacións sindicais intersectoriais poderase presentar un máximo de 2 solicitudes por organización, sendo que as actuacións recollidas nas solicitudes presentadas por organizacións sindicais do antedito tipo só poderán referirse a un sector determinado.

 

Esta previsión limita o número e alcance dos posibles plans sectoriais a promover e realizar por parte das organizacións sindicais intersectoriais maioritarias, que só poderán presentar plans de formación a só dous sectores.

 

Así, as organizacións sindicais que forman este Comité propoñen a seguinte redacción para o antedito apartado:

As organizacións sindicais con representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto de carácter sectorial como intersectorial. No caso das organizacións sindicais intersectoriais poderase presentar un máximo de 2 solicitudes por organización, sendo que as actuacións recollidas en cada unha das dúas solicitudes presentadas por cada organización sindical do antedito tipo, poderán conter distintos plans sectoriais en función das necesidades preventivas e a formación demandada polas persoas traballadoras en cada un destes sectores, sen máis limitación que as cantidades máximas de subvención estabelecidas para cada solicitude.

 

 

 

ANEXO II

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 

 

Primeira. – Artigo 2. Liñas e actividades subvencionables.

A CEG considera que sería necesario incluír, entre as accións da liña 2 que se recollen no artigo 2, unha mesa técnica para algún risco ou temática específica de afectación sectorial, ou para algunha actividade con especial perigo dentro do sector, que combinaría tanto a parte de sensibilización, como a do informe, por supoñer avaliación e traballo sobre un aspecto concreto, onde se profunde dun modo innovador e colaborativo.

 

De admitirse esta proposta, sería igualmente necesario incluír no artigo 5 apartado 2, unha nova letra 2) recollendo os gastos imputables neste concepto, que entendemos deberían ser os gastos de desprazamento das empresas /entidades participantes neses encontros, e os dos expertos asesores, que, no seu caso, fosen necesarios.

 

Segunda. – Artigo 3. Beneficiarias e o seu financiamento, apartado 2: liña 2. Artigo 5. Importe máximo subvencionable.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que nestes artigos debería terse en conta ás organizacións de empresarios galegas intersectoriais.

 

Terceira. – Artigo 4. Entidades non beneficiarias.

Entre as entidades que non poderán ser beneficiarias, recóllese na letra c) deste artigo que non poderán ser beneficiarias as organizacións que estean integradas nunha federación/confederación.

 

Sería conveniente deixar claro que esta mención é só para a liña 1, tendo en conta para isto os topes cuantitativos e a tipoloxía de actividades establecidos para a liña 2.

 

Cuarta. – Artigo 5. Importe máximo subvencionable.

O apartado 2.c) establece que se subvencionará un único estudo por entidade.

A CEG propón eliminar a limitación do número de estudos por entidade.

 

Quinta. Artigo 25. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das liñas 1 e 2.

O apartado 1.c) deste precepto establece a prioridade de determinadas materias nos cursos, xornadas ou estudos, ás que se lles outorgará unha maior puntuación.

A CEG considera que se recollen unha serie de temáticas preferentes que, limitan en exceso e contradín, no caso dos estudos, a mención que se recolle no artigo 8 apartado 5 respecto ao contido innovador. Sería necesario introducir unha mención a outras temáticas innovadoras con afectación en PRL,  con 2 puntos, para incentivar a innovación neste ámbito.

 

 

 

Sexta.- Artigo 25. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das liñas 1 e 2.

No punto 1.i) o establécese o cumprimento das obrigas derivadas das subvencións concedidas no período dos tres exercicios anteriores nas subvencións obxecto da presente orde e barémase con 5 puntos unha porcentaxe de execución que superase o 90%.

 

A CEG considera que deberían ser catro puntos xa que este último tramo comprende una execución entre o 90%  e o 100%, isto é do 10%. Polo tanto, proponse un cambio nos tramos de tal xeito que os dous últimos tramos sexan: o que vai do 70% ao 85% e o que supere o 85%.

 

Proponse tamén que se incremente un punto respecto ó tramo anterior po lo que pasaría de 3 a 4 puntos.

 

Con este motivo propoñemos dar coherencia ao baremo aplicando criterios homoxéneos nos incrementos das porcentaxes de execución.

 

 

ANEXO III

 

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POR UGT – GALICIA

 

Artigo 5. Importe máximo subvencionable.

No apartado 3 deste artigo, faise referencia aos cursos sectoriais referidos a traballos de movemento de terras.

 

UGT – Galicia considera que non debería figurar, en ningún caso, coo acción formativa subvencionable.

 

Número ditame
33