- ANTECEDENTES
O día 23 de outubro de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos esta orde financia “plans de formación de ámbito autonómico compostos por actividades formativas dirixidas á capacitación para o diálogo social e a negociación colectiva, promovidos polas organizacións sindicais ou asociacións empresariais representativas no devandito ámbito autonómico”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2023 (publicado no DOG o día 7 de febreiro de 2023) e o ditame emitido polo Consello con data 15 de novembro de 2022 (Ditame 28/2022), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideración sobre o fondo manifestadas polo Comité así como, parcialmente, unha de carácter formal.
Respecto da orde anterior, a única novidade deste proxecto normativo obsérvase no artigo 4 onde, incorporando a proposta manifestada no ditame anterior por este Comité, xa non se prevé a incompatibilidade das axudas recollidas nesta orde coas Axudas destinadas a creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial, Axudas destinadas a creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos das organizacións sindicais e as ou as Axudas destinadas a accións de fomento da PRL.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024” consta de: Exposición de motivos, vinte e nove artigos, unha disposición adicional e tres finais.
O día 6 de novembro de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e catro específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén, como anexo, dúas consideracións específicas de carácter non unánime manifestadas pola CEG.
|
DITAME 35/2023
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, con data de rexistro de entrada neste Consello o 23 de outubro de 2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 6 de novembro de 2023, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓN XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Este Comité considera que as tres disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega. Finalmente, chama a atención que non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.
Ademais, obsérvase un erro no artigo 17.1.a), no que se fai unha referencia ao ano 2022 en vez de ao ano 2023.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.- Artigo 2. Liñas e actividades subvencionables.
O primeiro inciso do apartado 1 deste precepto recolle os plans de formación para cuxa realización se conceden as axudas.
Este Comité considera que o termo destacado en cursiva se debería eliminar e facerse a referencia a “actividades ou iniciativas formativas”.
Segunda.- Artigo 9. Gastos subvencionables e período de imputación.
O apartado 1 deste precepto fixa, como límite máximo para a execución das accións formativas, o 31 de outubro de 2024.
Este Comité considera que se debería recuperar a previsión contida na orde para o anterior exercicio, que fixaba o prazo dun ano desde a notificación da resolución de concesión da axuda.
Así mesmo, e en consecuencia, proponse que se recupere o prazo de tres meses desde a finalización do período de execución para presentar a documentación xustificativa, tal e como prevía a orde anterior e que o actual artigo 21 fixa no 15 de novembro de 2024.
Terceira.- Artigo 9. Gastos subvencionables e período de imputación.
Respecto do apartado 4.b, este Comité propón que o límite da suma do custos indirectos se fixe no 15% do custo total da actividade, xa que o actual límite do 10% é demasiado baixo.
Cuarta.- Artigo 17. Criterios de valoración das solicitudes.
O apartado 1.a) valora con ata 70 puntos a representatividade das organizacións solicitantes das axudas.
Este Comité propón que se incremente a dita puntuación ata 80 puntos.
ANEXO
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira. - Artigo 13. Documentación complementaria.
Segundo o apartado 1.c) deste precepto, as organizacións empresariais ou fundacións ou outras entidades constituídas por estas deben achegar un certificado onde conste o número de empresas cos que conta.
A CEG considera que para as axudas reguladas na liña I, debería admitirse a posibilidade de acreditar a representatividade en función do criterio de participación institucional.
Segunda. - Artigo 17. Criterios de valoración das solicitudes.
A representatividade das asociacións empresariais acreditarase mediante certificado emitido polo representante legal, onde se indique o número de empresas cos que contan con respecto á totalidade de empresas das entidades concorrentes, segundo dispón o apartado 1.a) 2º deste artigo.
Na mesma liña que a consideración anterior, a CEG propón que se permita acreditar a representatividade en función do criterio de participación institucional.