Pasar al contenido principal

Ditame 39/23

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:07
Ditame sobre a Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

I. ANTECEDENTES

 

O día 25 de outubro de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirectora Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega a Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

 

Segundo a exposición de motivos, “as mulleres que viven ou viviron situacións de violencia de xénero precisan dotarse das ferramentas necesarias para incorporarse ao mundo laboral e obter independencia económica, no caso de que esta non existise, polo que dende as administracións temos a obriga de dotar dos mecanismos necesarios para facilitarlles esa integración social e laboral e nesa obriga, enmárcase a presente Resolución”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2023, publicada no DOG o día 30 de xaneiro de 2023, e o ditame emitido polo Consello con data 9 de decembro de 2022 (ditame 43/2022), obsérvase que se tivo en conta, parcialmente, a consideración xeral manifestada polas organizacións sindicais e empresarial.

 

 

Respecto da Resolución anterior, destácanse os seguintes aspectos do novo proxecto:

 

Obsérvase un incremento no orzamento total asignado a estas axudas de 20.000€ (artigo 2), de xeito que acada un total de 700.000€.

 

Tamén se observan incrementos nos módulos do importe das subvencións que recolle o artigo 8: de 20,42 a 21,01€/hora de traballo efectivo nos módulos para o itinerario de inserción e para accións de formación para o emprego, e de 15,66 a 16,11€/hora de servizo de conciliación efectivamente prestado no módulo para medidas de apoio á conciliación.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

  1. CONTIDO

 

O texto da Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero consta de: Exposición de motivos, trinta artigos e dúas disposicións finais.

 

O día 10 de novembro de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e doce específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén así mesmo, como Anexo, unha consideración específica non unánime manifestada pola CEG.

 

 

DITAME 39/2023

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre a Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, con data de rexistro de entrada neste Consello o 25 de outubro de 2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 10 de novembro de 2023, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 

Obsérvase que as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega e, ademais, deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.

 

Tamén se observa un erro na numeración do artigo 8, no que figura un apartado 1 pero non apartados seguintes.

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

Primeira.- Artigo 1. Obxecto.

Este Comité considera que esta liña de axudas debería vir acompañada doutra liña de axudas destinadas a programas de deseño e implantación de accións específicas que favorezan a autonomía persoal, tendo en conta que o colectivo destinatario está integrado por mulleres con grandes dificultades no seu desenvolvemento persoal en diferentes ámbitos, incluído o laboral.

 

Segunda.- Artigo 7. Actuacións e período subvencionable.

Este Comité considera que cómpre engadir como actuación subvencionable, no contido relacionado no apartado 2.1 deste artigo, os obradoiros para traballar a autoestima, toda vez que a falta de autoestima é un dos problemas habituais que dificulta a inserción laboral.

 

Terceira.- Artigo 7. Actuacións e período subvencionable.

Dentro das accións formativas que relaciona o apartado 2.2 como subvencionables, este Comité considera necesario incluír a alfabetización dixital.

 

Cuarta.- Artigo 7. Actuacións e período subvencionable.

O apartado 2.2 deste artigo fai referencia, entre outros aspectos, á formación dirixida á constitución de cooperativas.

 

Pola súa banda, obsérvase que no apartado 2.4, ao establecer que se entende por inserción laboral, faise referencia ás socias traballadoras ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral.

 

Este Comité considera que debería existir coherencia entre os anteditos apartados en relación  a este aspecto.

 

Quinta.- Artigo 7. Actuacións e período subvencionable.

Dentro das actuacións de apoio á conciliación que regula o apartado 7.2.3, este Comité propón engadir algunha referencia á posibilidade de que a formación e orientación se presten en modalidade telemática.

 

 

Sexta.- Artigo 8. Determinación do importe das subvencións.

Este Comité considera que cómpre xustificar as contías establecidas neste artigo, especificando os criterios conforme aos cales foron determinadas.

 

Sétima.- Artigo 8. Determinación do importe das subvencións.

O apartado d) establece, como prazo máximo, para realizar o pagamento das bolsas de participación, o día 15 do mes seguinte ao que corresponda o aboamento.

Este Comité considera que ese prazo debería axilizarse de xeito que se faga efectivo na primeira semana do mes, tendo en conta que as destinatarias da bolsa son persoas de especial vulnerabilidade.

 

Oitava.- Artigo 12. Documentación complementaria.

O apartado 1 fai referencia ás persoas interesadas.

Tendo en conta que o artigo 4 fala de entidades beneficiarias, este Comité considera que procede revisar o texto para que todas as referencias se fagan ás entidades beneficiarias.

 

Novena.- Artigo 18. Resolución.

O apartado 2 fixa un prazo máximo para resolver e notificar de 5 meses. Este Comité considera que estamos ante un prazo excesivo e que debería reducirse a 3 meses.

 

Décima.- Artigo 23. Prazo e xustificación da subvención.

Segundo o apartado 2, a xustificación comprenderá as actuacións realizadas ata o 31 d outubro de 2024.

 

Este mesmo apartado fixa a data límite para presentar a xustificación o de novembro de 2024, o que supón un prazo demasiado axustado que debería ampliarse, polo menos, ata o 15 de novembro.

 

Décima primeira.- Artigo 25. Incumprimentos, reintegros e sancións.

O apartado 3 deste artigo procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.

 

Noutras ordes reguladoras de axudas desta Consellería, prevese un reintegro do 5% para o mesmo suposto de incumprimento, polo que este Comité considera que se debería harmonizar a previsión en todas as ordes reguladoras.

 

 

ANEXO

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CEG

 

 

Artigo 7. Actuacións e período subvencionable.

O apartado 4 do punto 2.4. deste artigo relaciona as contratacións que non se computarán como inserción laboral para os efectos desta Resolución e, entre eles, inclúe no apartado b) as contratacións en empresas con cargo a subvencións de programas de políticas activas de emprego.

 

A CEG considera que debe eliminarse esa previsión, posto que se trata dunha exclusión que prexudica non soamente  ás entidades solicitantes senón tamén a todo o colectivo ao que se dirixe esta resolución.

Número ditame
39